Son catro, a saber, as longametraxes do século pasado que utilizaron exteriores do pobo para a súa realización, dúas delas incluidas no que se chamaría ?las gallegadas?, cine o servizo da propaganda e exaltación dos valores militares e relixiosos do Réxime. Mar Abierto (1946) e Botón de Ancla (1947) ámbalas dúas producidas por Cesáreo González e dirixidas por Ramón Torrado onde o parvo do pobo era representado por Xan das Bolas, tamén coñecido en provincias, por Xan das Canicas, que facía rir coa maneira de semellar os nosos fonemas os señoritos garda mariñas. El Hereje (1957) primeira película de Francisco Borja Moro ( só faría tres) co argumento unitemático do crucifixo e da fe, onde sería interesante recuperar todo o plástico sobrante dos planos, xa que se recrea con sobras nas paixases e nas rúas de Combarro, hoxe un documento histórico. A cuarta, Los Caballeros del Botón de Ancla (1972) é un remake da segunda, que despois de vinte e cinco anos era xa considerada un clásico do cine español, Peirallo (Xan) agora é Trinquete (Gila) iso si en cor. Bolas por Pelouros?Truco, Máis , Máis, Pé, Pasas, e Güa.
....perdeches algunha cousa? O devala-la seca é doado atopalo.....
Xa está aquí o Monumento á Memoria, de controvertido emplazamento pero de importante significación e interes cultural para a comarca. O monumento é un proxecto do arquitecto e escultor arxentino Adolfo Pérez Esquivel e do concello de Poio, adicado á emigración e a tres persoeiros craves na historia de Galiza, unha muller de nome Rosalia e dous homes apelidados Castelao e Bóveda.
Componse dunhas esculturas graníticas que rodean a unha cerámica central, sobre unha base figurada da rosa dos ventos, que como o seu nome indica simboliza tódolos rumbos posibles do vento, efecto este meteorolóxico co que o navegante ten que loitar cando lle é adverso, igual que o puño pechado simboliza a loita pola liberación dos pobos oprimidos.
Esquivel, fillo de combarres funda nos anos setenta o Movemento de Paz e Xustiza e de Non Violencia de ideoloxía cristián inspirado nas ensinanzas pacifistas de Gandhi; este movemento declárase de parte dos probes, perseguidos, parias e famentos de Iberoamerica e baséase na defensa dos dereitos humans e da democracia. O mesmo Esquivel foi encadeado, liberado e vixiado polos gobernos neofascistas marionetas do imperialismo norteamericano. No 1980 recibe o Premio Nobel da Paz, un millón de dólares, un ano de ilusións pola xuntanza das forzas democráticas e revolucionarias da esquerda salvadoreña nun intento de ofensiva para a toma do poder, como o fixera un ano antes a Fronte Sandinista en Nicaragua, casi alfabetizada pero acosada e agredida polos contras mercenarios o servizo da deshumanización norteamericana. O outro lado do océano, en Oslo, no seu discurso-oración dado no nemoroso acto da recollida do Nobel,Esquivel,silencia a realidade e di que o home debe sementar coa man aberta non pudendo facelo co puño pechado; reflexión inspirada na frase do seu mestre Mahatma Gandhi, que afirmaba que co puño pechado non se pode intercambiar un apertón de mans. Pois ben, man sempre aberta para o amigo e pechada para o inimigo a fin de contas Alfred Nobel foi o inventor da dinamita.
Non fai frío, agora non chove, pero quere, á da mañá, non deixou charco. O autobús motor facedes bens, fai as manobras aparcando no peirao novo, o par doutros tres, viran máis. Na lúa traseira deixa ler un letreiro ben grande que di Programa de Turismo Social. Noso obxectivo o teu sorriso. Pixxxx, pixxxx, as portas laterais do autobús ábrense, eles baixan lentamente, o home, Ricardo, presta o brazo a muller a modo de andador ortopédico, xa fora, as primeiras bocanadas de aire fresco trala sentada, transportada, normativizada, todos están a beira do autobús, cumpren as mesmas condicións, seres maiores de sesenta e cinco anos e non padecer enfermidade infecto contaxiosa nin trastornos mentais que poidan alterar a convivencia nos establecementos públicos.O condutor da as dúas últimas ordes, os hórreos están alí e en hora e media volvemos para alá. É o inicio da desorientación, as diferentes aceleracións da deambulación, a oportunidade dos lidéraos.Por fin, aínda despistados, encamíñanse, Rosa, a dona de Ricardo comenta sobre da tranquilidade que amosan os barcos de recreo, ben parece que os arrola o mar mentres dormen,detrás e trescentos pasos despois danse conta, ou non, que hai outras embarcacións, outras faenas, outras maneiras de vida. Atravesan aínda en grupo numeroso a explanada de pedra, algúns antepoñen a parada nalgún bar, e de obrigado o polbo e o viño galego, non de todo certo, a imperiosidade de mexar condiciona a continuidade da visita. Ricardo e Rosa ollan cara atrás e apertan por primeira vez o botón da cámara "olimpus", o final da costa volven a impresionar a película e outra, máis outra baixando as escalas, recunchos e fotos, revelados en calquera caixón, 01010101 perdidos en discos duros, non tardan en entrar nas tendas de agasallos, os visitantes aplauden, as bruxas rin, eles rin, os vendedores rin, os chineses rin, Rosa advirte na mesma tenda unha pulseira de coiro con uns debuxos espirais gravados nunha chapa metálica, non sabe que poden significar pero pensa que pode ser do gusto da súa neta,comeza a chover, os paraugas pregables ábrense, outros mercan os plásticos tapa choivas a euro, chegan a unha rúa máis ancha, ela, Rosa apoiase no brazo que foi forte do seu home, están en acordo ! Que bonito! Balconadas, rueiros, cruceiros, hórreos, mar, chegan ata unha praza con fonte, baixan ata a praia dende alí ollan o conxunto arquitectónico, tal como llo ensinaron nos folletos publicitarios ¿pódenos sacar unha foto, preguntan? Por suposto, eu tamén me retratei aquí, contéstalle o fotografo espontáneo, souben cansos, costa arriba, alguén di !aí está la estrada! Chove a fío, desconcertados buscan atallos que non atopan, so queda desandar o camiño, os motores do autobús xa están acendidos, mollados coma pitos e algúns cargados con pesos de pouco valor apuran o paso, o condutor arremete contra os máis atrasados, a cea no hotel é próxima, por fin sentados, falan, comentan, case todos aplauden, case todas as bruxas aínda teñen pilas, case todas as bruxas rin, eles rin, escáchanse de risa, seguen a rir, a visita está a punto de rematar. Rosa abre o bolso, olla o paquetiño para súa neta, si que está, e tamén a cámara de fotos co carrete xa rebobinado, Ricardo cóllea da man, o autobús diríxese ata a estrada xeral deixando ler na parte traseira o letreiro da propaganda institucional, Programa de Turismo Social, o noso obxectivo a teu sorriso.
A unhas tráeas o coche da líña, outras chegan camiñando con apuros, levan presa, falan entre elas con forza, en voz alta, case con berros. Unha riada baixa a praia, a seca está a ser. Roupas vellas e menos vellas, grises, negras, entre algunhas cores vivas, o chuvasqueiro de pesiglás amarrado a cintura por si as salva dunha molladura aínda máis segura, botas de auga ou zapatillas de esparto, igual da, o mar non vai perdoar os pés secos. No ombreiro apoian os angazos de pau longo ou corto, segundo o xeito de cada unha, e nas mans o caldeiro ou cesto e dentro deles os sacos. Algunhas so van apañar para comer,ninguén pide o carné, mañá cando debaben,a mariñeira, pasado maña con arroz, e si sobran en empanada de millo, pero a maioría van a vendelos, estas van traballar nerviosas con apuro, a reo.O coche da líña xa está dúas paradas máis alá.Horas de traballo,raña que raña na area,o espiñazo baixo,de cando en vez érguense, é o seu descanso,as mans e os pes xa non senten a auga fría.Din que hai máis no outro lado do regato,afirma unha apoiada no angazo,eu xa non me movo de aquí respóndelle a máis cércana sen levantar a cabeza da faena.Hai que bulir a marea está a subir, rematar de encher os sacos e outros poucos no caldeiro.Érgueme aquí muller, ti que es nova, carrexarei con eles na cabeza en dous ou tres viaxes. Os compradores están no peirao e a pé da praia, ata alí a auga vai escorregando polos corpos,esgótanse as forzas,van teimando que a marea de mañá será máis tarde e nas tarefas que aínda hoxe lles quedan por facer.Desexan o roce da roupa seca nos seus corpos.A estrada non queda lonxe,colleran a líña a tempo para arranxar o día.Entre o ir e o vir,unhas preguntan ¿ a como o pagan? e outras responden,segundo grande ou pequeno,segundo unha hora ou outra,segundo aquel ou aqueloutro.O coche de lina xa partiu, elas xa están na casa,na praia non hai ninguén, so eles,os birbirichos, esperan a ser apañados mañá.