Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia. |
|

|
O meu perfil |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
A APERTA DA ANTIGA GALLAECIA (e III) |
|
 A AGARIMOSA E FÉRTIL APERTA DE MESTRE
Entre veciños e fronteiras móvese Mestre con soltura e con ironía melancólica a douscentos quilómetros de Compostela reivindicando, coa escrita densa de seu, o vigor do galego para estas terras do Bierzo nun agora cargado da señardade do pasado.
Non, non asina un manifesto, tan só escribe un libro cheo como un mego no outono de personaxes e alcumes, máis que de paisaxes e vides, de vivos ou mortos retratados con palabras e frases saídas da memoria e o compromiso. Sendo fiel a si mesmo descobre aos lectores que o mundo literario berciano, e que o seu mundo, tamén se expresa na fala dos humildes, porque non pode ser ignorada a aperta da Gallaecia, da de antes e da despois de Roma, da de hoxe e da de mañá. Transcorren os seus máis dun cento de relatos líricos como as augas dos ríos que choran na procura da verdade nos lindeiros dunha fronteira infantil que non existe. Son douscentos gramos de patacas tristes aos que se asoman Pessoa, Cunqueiro, Pereira, Ursinos ou González-Alegre, dun autor valente que, como o fixera Morales no seu tempo, ao traer correntes a cachois ao deserto, dálle voz ás xentes do pobo tantas veces silenciada, racha na medida do posible coa lousa do ditador que a segue reprimindo dende a tumba. Necesaria é a escrita para chorar por escrito tantos séculos de demora, tanta rabia contida e esquecemento.
Graciñas, Mestre, por lembrarte de Sarmiento e das súas arelas facéndoas túas e miñas e de tanta, tanta xente que naceu ao carón dun río entre montañas. Grazas por declararte amante do galego, instalarte na veciñanza, sen complexos e sen prexuízos, da República das Letras da mao de Sarmiento, do país de Rosalía, Castelao ou Ferrín e unha estirpe de homes e mulleres boa e xenerosa.
Xa está nas librarías que contemplan o paso do Miño e dos mil ríos que regan Galicia, e nas bercianas que ollan o Sil e os seus afluentes. Tócanos ler, un exercicio de cultura, ese exercicio de prestixio da palabra diversa, construtora do destino, aínda tan menosprezada, pero motor e desafío cuxa meta está na dignidade humana. Recibamos con alegría esta fértil e sincera aperta de Mestre, unha nova aperta agarimosa do porvir da antiga Gallaecia.
|
|
|
|
|
|