O MEGO DA ESCOLA


Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

LETRAS GALEGAS 2018: Mª VICTORIA MORENO

O Bierzo precisa unha anagnórese lingüística e cultural.

María Victoria Moreno convértese nunha gran metáfora de futuro para os neofalantes do galego no Bierzo porque a quen se lle oculta a estas alturas que o Bierzo galego falante aínda segue agochado e que, como se dun personaxe dunha gran obra dramática se tratase, precisa unha anagnósese para poder evitar un desenlace fatal que conclúa coa morte do idioma máis aló do Cebreiro nestes lindeiros da galeguidade? Mª Victoria Moreno, cuxa novela máis coñecida leva o título deAnagnórese, propicia un bon argumento para, dende a comarca onde naceu Sarmiento, reflexionar e, á vez, festexar a iniciativa da Academia Galega de homenaxeala este ano coa celebración do Día das Letras Galegas.
A ese proceso de descuberta da propia identidade (iso é o que vén sendo a anagnórese) a través da lingua veñen sumándose, seguindo o exemplo do noso sabio e erudito bieito, outros bercianos que sendo nativos de terras alleas, reclamaron como propio o país que Enrique Gil cantaba en castelán. Sen ir máis lonxe, Antonio Fernández Morales, natural de Astorga, descubriuse berciano ao mesmo tempo que escribía milleiros de versos no dialecto, que como el deixou dito é un subdialecto do galego e legou así para galegos e bercianos un fermoso monumento literario e cultural elaboradocoas palabras máis enxebres da nosa comarcade entroidos a vendimas e magostos entre osos, barburetas, cochorros e escambrois, megos e botelos. Temos pois que agradecer e aplaudir a Real Academia Galega a valentía por escoller a unha estremeña para honrala no Día das Letras Galegas do 2018, porque, en primeiro lugar, é unha muller e tan só foron catro, con Mª Victoria, as mulleres que tiveron o seu Día das Letras (Rosalíade Castro no 1963, FranciscaHerrera no 1987 e María Mariño no 2007). Había máis de dez anos que ningunha muller fora considerada digna de tal celebración e xa era hora. Mais tamén debemos celebrar moi efusivamente que se recoñeza en Mª Victoria Moreno o valor dunha neofalante á hora de participar activamente naconstrución dunha cultura. Ambas son leccións importantes nos nosos días, porque as mulleres seguen estando minorizadas ( só un exemplo que vén a conto,de cada 100 nomes que se citan nas aulas 93 son de homes, só 7 son de mulleres) e porque os neofalantes deben, en tempos de minorización, ser unha ferramenta esencial no proceso de consolidación e normalización da lingua. Para o Bierzo, para os bercianos que coñecemos e sabemos dos problemas do galego no día a día na nosa bisbarra, resultan aínda máis evidentes estes dous aspectos, porque no Bierzo sufrimos a problemática da lingua e do seu futuro con maior amargura e precariedade que os galegos da Galicia administrativa, esa que hoxe celebra protocolariamente esta gran data.
No Bierzo precisamos con urxencia dun recoñecemento semellante a unha anagnórese para un autor que non sendo de orixe galega poidaservir de metáfora e ferramenta para incorporar no presente a máis neofalantes ao proceso de recuperar o galego nestas terras de extramuros,tan ocultas para tantos e tantos galegos. A descuberta da verdadeira personalidade do Bierzo precisa dun Día das Letras no que a procura da identidade invite a falar galegoe reclamar dereitos lingüísticos aos seus habitantes.Dar pé a que máis cedo que tarde novos falantes se incorporen ás conversas dos máis vellos, facer posible que novos ou vellos autores que hoxe usan castelán, escriban en galego, reivindiquen no Bierzo de hoxe e ante a Galicia do século XXI que algo teñen que dicir e enriquecer a xa de por si rica diversidade cultural do noso Estado no que existen demasiadasmalas caras ante a tan deturpada pluralidade e a tan cuestionada diferenza. Debemos facer unha aposta pola capacidade de entender que o Estado no que vivimos ben pode ser outro, negándonos a afogar a riqueza coa que chegamos ao século XXI nun absurdo e castranteuniformismo. Sonmuitas as persoasamigas do progreso que aínda poden e deben transitar nese camiño (oucamín) do acervo diverso e fecundo para realizaren a súa propia anagnórese. Esa é a descuberta pendente de levar a cabo que propoñemos tanto a galegos como a bercianos de cara ao 2019.
A modo de epílogo non quixeramos concluír esta nota sen lembrar que Mª Victoria Moreno naceu na mesma Estremadura na que hoxe aínda falan galego non mui lonxe de Valencia de Alcántara, no Val do Ellas, varios milleiros de estremeños/as que luitan como os bercianos por que a Fala, a súa variante do galego, sexa recoñecida e posta en valor. Precisamente Mª Victoria Moreno mantivo co galego unha relación de amor, recomendamos sinceramente a súa lectura co mesmo agarimo que ela mesma sempre manifestou pola nosa lingua.

Héctor M. Silveiro Fernández, académico correspondente polo Bierzo da Real Academia Galega.
Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 16-05-2018 16:41
# Ligazón permanente a este artigo
157 alumnos/as do Bierzo viaxan a Galicia

Como vén sendo habitual os alumnos/as de galego no Bierzo viaxan a Galicia a proposta da Secretaría Xeral de Política Lingüística coa finalidade de crear unha dinámica de interacción entre os distintos centros do Programa de Promoción do Galego no Bierzo e Sanabria. Unha breve crónica aparece na propia páxina da SXPL.

Recomendamos tamén ler esta crónica feita dende o Bierzo por un dos docentes que participou da experiencia e que é director do CEIP JESÚS MAESTRO.
Comentarios (0) - Categoría: O GALEGO NOS CENTROS DO BIERZO - Publicado o 05-05-2018 06:14
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0