O MEGO DA ESCOLA


Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

CARLOS CASARES NO DÍA DAS LETRAS DENDE O BIERZO

Cando o Bierzo se prepara para celebrar en próximas datas por todo o alto e como se merece no seu bicentenario a Antonio Fernández Morales, o seu cantor en galego, lembramos que foi o candidato que reclamamos á Academia Galega para homenaxear no Día das Letras Galegas do 2017. Mais hoxe 17 de maio, e como temos feito outros anos por esta data, quixéramos poñer en relación coa nosa comarca a Carlos Casares, á figura finalmente escollida e honrada neste día.

Hai tres momentos na vida de Carlos Casares nas que o Bierzo vai estar presente dun xeito singular. O primeiro lévanos ao Ourense da posguerra onde naceu. Carlos xa é todo un mozo e, tras dunha infancia na Limia, comezaba os seus estudos nun instituto da cidade e daba os seus primeiros pasos no que ía ser unha das súas facetas máis destacadas como autor, a de contador de historias. Os seus biógrafos sinalan na descuberta do creador de contos a presenza dun home que hoxe descansa no cemiterio de Vilafranca do Bierzo, Francisco Ogando Vázquez, un home con dúas paixóns a da docencia e a das letras galegas, ámbalas dúas querencias sóuboas contaxiar a aquel rapaz. Foi este docente quen o animou a presentar un conto a un concurso literario e quen o puxo en contacto co galeguismo e a intelectualidade ourensán. O propio Carlos Casares deixóunolo dito: ?O caso é que se convocou un concurso de contos e eu, que os escribía, pois mandei un par deles. Na clase de literatura, o meu profesor, que era Ogando Vázquez, dixo: ?Hoxe estamos de noraboa porque lle deron un premio a un alumno do instituto? E cando me felicitou, quedei atordado. Díxome que aquel día estaba convidado a tomar café co xurado, que estaba presidido por don Vicente Risco, así que imaxínate a emoción. Deste xeito foi como o coñecín.?

O segundo dos momentos que queremos subliñar é do seu labor como galeguista a carón de Ramón Piñeiro e ligado ao espertar da actividade política da Democracia recuperada tras da morte do ditador. Un Carlos Casares deputado independente nas listas do PSdeG ? PSOE que exerceu como un destacado promotor da Lei de Normalización Lingüística do 1983 da que foi redactor e na que no título V se inclúe a protección da lingua galega falada en territorios limítrofes con Galicia, como o Bierzo. Un primeiro paso para facer posible, anos máis tarde, o galego nos centros escolares da comarca. Por aqueles anos, Casares xa levaba escritas centos de columnas de opinión na prensa diaria, ingresara na Academia galega e publicara novelas de gran éxito editorial como Xoguetes para un tempo prohibido ou Os escuros soños de Clío ou inaugurar o teatro para público infantil coa obra As laranxas máis laranxas de todas as laranxas.

Carlos Casares foi un home traballador, entregado á causa da literatura e da cultura galegas. Tras dos anos como Director de Galaxia acada novos éxitos como coa novela Ilustrísima, escrita no único idioma no que el escribiu e que nestes días vén de ser traducida ao inglés, aínda que xa, en vida de Casares, fora editada en castelán e francés. Verémolo moi preocupado porque no ano que se lle dedicou o Día das Letras Galegas ao Padre Sarmiento, o Bierzo estivese presente nos actos. A prensa deixou instantáneas daquel interese nunha entrevista co edil de Vilafranca do Bierzo xestionando a presenza do Consello da Cultura, institución que presidía dende o 1996. Mais a aqueles eventos lamentablemente non chegou ao morrer repentinamente no mesmo día no que nacera o seu admirado Sarmiento e do que acabara de editar pouco antes unha magnífica biografía. Era un 9 de marzo á mañanciña do 2002. O día anterior á súa morte entregara na editorial a versión definitiva da súa obra póstuma O sol de verán.

Un dato máis de última hora como epílogo. Nas librarías de toda Galicia este 17 de maio do 2017, os títulos de Carlos Casares, o homenaxeado, comparten o escaparate cos Ensayos poéticos en dialecto berciano do noso candidato Antonio Fernández Morales, unha nova edición de Positivas, unha editorial galego berciana dirixida por Paco Macías. Unha feliz coincidencia no Día das Letras.

Héctor M. Silveiro Fernández.

No Bierzodiario
e no bierzodigital

Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 17-05-2017 06:59
# Ligazón permanente a este artigo
Visita a Galicia dos alumnos/as de galego do Bierzo

Onte volveron para o Bierzo os alumnos e alumnas do galego no Bierzo de Primaria e Secundaria que este curso , como en cursos pasados, realizaron esta viaxe de estudos por Galicia como complemento do seu achegamento ao galego e a súa cultura, unha iniciativa e todo un agasallo da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Na Voz de Galicia
Comentarios (0) - Categoría: O GALEGO NOS CENTROS DO BIERZO - Publicado o 13-05-2017 08:52
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0