Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia. |
|

|
O meu perfil |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
UXÍO NOVONEYRA E O SOÑO DO BIERZO |
|
Con motivo das Letras Galegas 2010 quixeramos facer unha lembranza da figura de Uxío Novoneyra, utilizando as súas palabras, as que el mesmo pronunciou o 21 de agosto de 1994 en Vilafranca do Bierzo, no Teatro Vilafranquino con motivo da Clausura das II Xornadas da Cultura e Lingua Galegas no Bierzo que organizou a Asociación Cultural Escola de Gaitas. Deixamos aquí o texto íntegro, mesmo cos seus suliñados, da súa alocución:
PALABRAS PRA DICIR EN VILAFRANCA
Onte sentín por primeira vez o Agosto deste ano. sentín o alto Vrao da Galicia Interior. Algo que só eiquí se pode sentir. Algo que se sinte só ás veces e que sendo físico non é sólo físico, pois está cargado do ser dos que no pasado longo sentiron o mesmo: sentiron o clima como patria, sentiron a patria como clima, sentiron a pertenza a unha terra, a un ámeto natural e íntimo, a unha Lingua habitual, a unha Fala. E todo esto nunha sensación, nunha impresión única: a impresión do propio país, da propia estensa comarca e de todo o que nela e dendes dela se vía e sonaba antes, cando os modernos medios de comunicación aínda non taparan o que constitúe a realidade e a mítica xuntas da propia terra.
Parece que o home actual a pór de desarraigado -a lei económica impón o desarraigo, a emigración de todo tipo- xa seña escuramente, sentimentalmente, xa conscentemente, clamea pola propia terra orixinaria, pola propia Lingua, polo pobo de nacemento. E aí están as grandes migracións estivais, o retorno dos emigrantes que de Europa baixan cara o Sur ou cara as zonas menos desenroladas. É a chamada da propia nación: esa cuxos límites ás veces se teimou esquecer ou borrar con caprichosas divisións administrativas coma no caso de eiquí.
É palpable en todo o Mundo a volta da pasión e da concencia nacional das vellas etnias. E toda represión desta pasión ou concencia nacional por parte dos estados plurinacionais provoca violencia a curto ou longo prazo. Son os estados plurinacionais ca súa teima da unidade lingüística e na uniformidade os responsables do nacionalismo radical cuxos Gobernos centrais logo tanto critican. Mai-la reivindicación nacional dos pobos é una corrente imparable, pois canto máis se achega a uniformización universal empuxada pola información a escala mundial e polas migraciós eles máis se resisten a perder a súa identidade.
Esta reivindicación da propia nación ( xa no século XVII o Padre Sarmiento natural de eiquí de Vilafranca se autonomeaba galego de nación),da propia Lingua-Fala e da propia cultura, fai que nazan por todos lados onde ela está máis en peligro organizacións ou asociacións como esta da ESCOLA DE GAITAS DE VILAFRANCA DO BIERZO que non atentan contra nada, que sólo fain reivindicar o propio, mostrando niste caso a evidencia de que existe un Bierzo Galego.
A chamada franxa do Galego Oriental do Leste de Lugo e Ourense e do Oeste de Asturias e León prolongada disque ate máis alá da provincia de Zamora, non é unha entelequia, é una marca lingüística, unha pervivencia forte, anque con peculiaridades, dunha Lingua común. É algo que todos saben e repiten. Non é o invento de ningunha faución. Non é inventado o problema do Bierzo Galego.
O Bierzo Galego! Os últimos montes e a última chaira de Galicia atravesados polo camiño de Santiago...
DESCRIPCIÓN DO CAMIÑO
"Pasadas tódalas Francias
por Ocitania ou Gascuña,
ou de París a Iruña
xa diluidas distancias.
Aagón por cataluña
ou polo Norte do Son.*
En pasadalas Navarras
as cadeas e as barras.
Pasados León e Castela
por Castela a León.
En pasado Monte Irago
e xa en Lingua de Galicia
Ponferrada e Vilafranca
deixando a chaira Estanca
e nas mesmas portas dela.
O Valcarce e sin perguicia
as penas de Garamela**
apeitar para o Cebreiro
polo marcado carreiro
que a neve volve vago.
Encarar o porto incerto
o longo cerengo aberto.
A un lado i autro del
todo o horizonte en vela
Os Ancares i O Courel.
Pasada Triacastela
do Iribio as faldras fago.
E pòr Samos Sarria a Lugo.
Oh Lugo a te me adugo
e sólo por ti me arredo
que ben mereces desandes!
Ver a Ponte a Antiga Vía
a Muralla a Catedral
de Dona Santa María
o coro e o Grial.
E ver fincadas rezar
coma co antigo medo
poñer a súa alma núa
didiante dos Ollos Grandes.
E despois de rodear
de rodear e de estar
que non se fai o Camiño
sólo para o rematar
cruza e debruza no Miño:
Portomarín sulo lago
Palas Melide Arzúa
e logo xa Compostela
Monxoi! Eoi! Ei Santiago!***
e pararme á vista dela
mirar como eu o fago.
*"Ou polo Norte, por Son" alude ó paso de SOMport.
** " penas de garamela": penas colgando.
***EOI: expresión de xúbilo medieval que xa se dicía en Roma.
Cando eu era mozo eiquí en de lado, na Terra do Courel, na Serra do Courel, miraba cara o Leste, cara Vilafranca, e vía os tesos marelos do sol-por pra Boca do Couto:
Montes do Leste
ó sol que esvece...
ou cando se toldaba o ceo pra chuvia:
Nebras do verlo de ovella
cardiadda brancas e mestas!
Ollándoas latas traspor
riba das taras marelas
un soña nas lonxes terras...
E desdes da Campa da Lucenza vías as terras de Cara Oencia i O Bierzo:
Carqueixas uces e penas!
Camiños da serra aberta
pra lonxes terras de serras!
...
Terras altas e craras
de Lucenza
onde se ollan cerca
as serras lonxanas!
E cara Vilafranca soñaba o Mundo i o Futuro:
Vai polo monte o camiño
outeando coma un louco
polos caborcos do val
i as poxas do taramouco.
Cruza solo a serra toda
sin levar outra compaña
que a gran presencia do ceo
sobre o silencio da braña.
Eu non sei pra onde vai
méntre-lo quedo mirando.
Sólo sei que eilí se compre
o soño que estou soñando...
Eu non sei porque soñaba sempre cara o Leste. Quizaves atraguido pola pura forma da serra ou pola chamada aínda dun engado romántico que non acaba de rematar...
Regresando ó concreto da situación xeográfica e do tempo histórico, cando nos anos anteriores aos corenta, do Courel se tiña que saír a unha vila grande, estaban á mesma distancia Sarria, Quiroga, O Barco de Valdiorres e Vilafranca. Pra aiquí viñan os arrieiros ó viño i os vendedores de cabalos. Era pois vila habitual da que se contaban cousas. E na miña mente de neno estaba pousada nunha distancia íntima, realizable. Quero dicir que estaba neso que chamamos a redonda. Era terra de un que logo se distanciou ó dirixírense as vías de comunicación para outro lado ó deixarse o cabalo. Por eso comenzou a cobrar irrealidade e purificarse na memoria e cargarse de prestixio antigo. Pero sin que caise nunca fóra do meu tempo nin fóra de Galicia.
Logo, como unha superposición de tipo ideolóxico e dato oficial, soupen que senón na Galicia administrativa, Vilafranca era Lingua de Galicia, a que falaron os homes que a construiron. Os mesmos que fixeron a Lingua que nos fixo e na que logo quedaremos cando se esqueza o noso nome i o noso rostro.
Levo con gran orgullo e con gran teima o de poeta desta Fala Galega Oriental de labradores que garda o xeito, a forma das terras do Leste onde hoxe Galicia acaba en soave transcurso.
O meu soño cara o Universo-Mundo e cara o Futuro soñeino, repito, mirando cara o Leste coma na lenda fundacional desta vila que lle ouvín a una muller da Seara do Courel:
A onde vás vaca branca?
Onde ti pares será Vilafranca.
Díxome tamén que na súa aldea había un sitio que se chamaba Covallo da Dona Briosa. I eu vía unha dona moi fremosa, muller de aire e teitos altos, que tras acucharse unha noite naquil refuxo seguía para Vilafranca?
Quero lembrar eiquí tamén ó Galo de Val de Fariña, labrador sonado e tratante de feira, que vivíu todo o que vai de século ate fai pouco e me contaba o meu pai que ó cruzar mozo esta vila, na primeira mañá dacabalo da súa égoa, facía o canto do galo ó longo das rúas? Maxinalo pola Calle da Auga.
Ogallá sexa aquil canto o ventar da espranza-que-teima para Vilafranca, pro Bierzo, para Galicia e pro Mundo. Teima coma a dos homes de antes que nunca se entregaban a pesares da vida dura e do inmediato previsto.
E poño eiquí, para vós e para rematar, outro verso meu, tras dun silencio que todo pasado inclúe:
?
E inda é nova a Terra!
Inda é nova a Terra!
U x í o N o v o n e y r a.
Nota: Os poemas incluídos son todos do libro Os eidos, menos a Descripción do camino que pertence a Ámeto Mítico.
Un traballo na rede digno de consulta para quen queira afondar sobre Uxío é esta publicación da Asociación de Escritores en Lingua Galega que leva o título Uxío Novoneyra: A emoción da Terra. |
|
|
|
|
|