O MEGO DA ESCOLA


Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

XA PODES CONSULTAR NA REDE: A Personalidade do Bierzo: Territorio e Linguas

NA PÁXINA DO CONSELLO COMARCAL

Xa podedes acceder e descargar o material didáctico sobre a relación da lingua galega coa identidade berciana na páxina web do Consello Conmarcal do Bierzo

A PERSONALIDADE DO BIERZO: TERRITORIO E LINGUAS (PDF PRIMARIA)

A PERSONALIDADE DO BIERZO: TERRITORIO E LINGUAS (PDF SECUNDARIA)
Comentarios (0) - Categoría: PUBLICACIOIS - Publicado o 28-03-2021 09:36
# Ligazón permanente a este artigo
Casualidades que son necesidades

UN DÍA DO GALEGO NO BIERZO: CASUALIDADES QUE SON NECESIDADES

No 326 aniversario do nacemento de Sarmiento en Vilafranca

Podemos crer nas casualidades porque o mundo non é outra cousa que unha combinación ou suma curiosa de eventualidade e necesidade, pero se Sarmiento naceu por azar nesta vila de Vilafranca do Bierzo un 9 de marzo de 1695, hai 326 anos, bendita sexa esta fortuna. Mais non é casualidade que os seus pais casaran eiquí. A familia de Sarmiento formouse nesta vila onde nacerían ademais a maioría dos seus irmaos e da que logo partirían cara a Pontevedra. Tampouco é casualidade que en Vilafranca onde hoxe celebramos o Día do Galego no Bierzo (coincidindo coa data de nacemento do ilustrado) se estea a piques de celebrar tamén a proclamación da Provincia en 1821. Esta é a razón pola que abordaremos nestas liñas brevemente a relación nada azarosa, pero si complexa da personalidade berciana, no medio dese debate das fronteiras administrativas e das culturas que, como é evidente na nosa comarca, son cousas distintas, pero cuxa controversia parte da necesidade de ambas de asentarense nun territorio. Non resulta nada azaroso que un falar anónimo e secular de xentes do común da contorna desta localidade faga posible a pervivencia non casual, pero si histórica da súa lingua, aquela que mamou no Bierzo e en Galicia, e da que logo Martín Sarmiento sería recoñecido como o Pai das súas Letras. Tampouco parece casualidade, pero si triste e lamentable, dito sexa de paso, o desleixo e esquecemento habitual das administraciois para con Vilafranca, neste caso de Castela e León, xa que aínda estamos esperando pola reconstrución (compromiso asinado no 2002) da Casa Natal do erudito galaico berciano.

Non foi produto da boa sorte, senón dun traballo arduo o feito de que Sarmiento ademais de pai de centos de pregos en castelán, escribise o seu Coloquio en 1200 coplas (considerada primeira obra da literatura galega contemporánea) usando aquel idioma que por vez primeira, ao igual que o rumor do Burbia que levaba os cachois da auga toda da montaña da Somoza cara ao Sil, escuitara xunto co arrolo doce e agarimoso da súa mai, Clara Balboa cantándolle ao oído:
- Perucho, Peruchiño, durme, durme, meu meniño.
Son emociois que non se esquecen, intimamente unidas aos sons e aos sentires das palabras que se pronuncian. Pedro J. García Balboa que marcharía do seu reino á capital madrileña nunca esqueceu aqueles sons que xa oíra e recoñecía como propios no mesmo ventre da súa mai. Por iso en 1725 quixo e puido viaxar a Galicia para se despedir da persoa amada na que os mamara. Naquela viaxe partía con dúas leciois tremendamente poderosas na súa mente. Unha era a importancia das nais e das mulleres ás que o ilustrado reivindicaba en pleno século XVIII como tan capaces como os homes, e a outra, a transcendencia para o ser humano da lingua materna, esa que elas xenerosamente portaban. Por iso, cuando a súa mai faltou, o seu ollar de Galicia converteuse nunha mirada con vistas ao futuro.
Mais sabía que para voar había que ter raíces. Non por ventura, púxose a indagar na orixe do galego, era o primeiro que o facía e, naquela investigación científica como Pai da Filoloxía Galega, descobre e testemuña a presenza do Bierzo. En San Pedro de Montes como en Samos atopou escritos nesa lingua de reis e tamén de labregos, en galego do século XIII. Tamén nos camiños, falando coa veciñanza recolleu o falar contemporáneo e, o mellor de todo, deixou soterrada na terra deste seu reino unha semente, imaxinemos que cun rostro riseiro, para que, como el xa fixera, logo florecesen nela novos fruitos.
Non é casualidade que escribisen a imitación do beneditino amante da lingua materna tan desprestixiada autores como Rosalía de Castro e antes ca ela no Bierzo o noso Fernández Morales ou en Pontevedra X. M. Pintos, completando e ampliando de xeito natural a súa produción.
Non foi fortuíto que un home humilde do XVIII sabio e xeneroso cos estudos que iniciaba fose á vez paciente tanto como Rosalía de Castro, outra autora altruísta, seguramente por ser muller e escritora no século XIX. Ambos esperaron a que tempo despois os verdadeiros protagonistas e destinatarios sen nome dos seus textos puidesen lelos e aprecialos. Haiche tanta falta de escrúpulos coma ignorancia, (xa o deixou escrito Pondal nun himno), imbéciles e duros que non entenden, non. Como é lóxico muitos bercianos e bercianas consideramos un tesouro o nacemento de Sarmiento porque é muito o que os seus habitantes en particular lle debemos, aínda que haxa tantos ou máis pouco ou nada conscientes de tal débeda.
Non é aleatorio que o Bierzo reivindique a este ilustrado galaico-berciano aínda que non haxa nin un só segundo para el nos vídeos que circulan pola rede e comprimen en 13 minutos a nosa historia tanto como para que non citar nin a Sarmiento nin tampouco os Ensayos poéticos en dialecto berciano de Morales. Pero para a personalidade do Bierzo anónimo que falou e fala galego, isto importa. Non é un accidente, como demostrou un vilafranquino que naceu na mesma rúa e a poucos metros de onde o fixera Sarmiento, Ramón González-Alegre no século XX ao escribir Os Namoros ou cinco pezas de Teatro Galego, a pesar de vivir na longa noite de pedra do Franquismo ou, se cuadra, por ese motivo como testemuña de resistencia secular. Non é casual que Sarmiento fose homenaxeado en 1995 polo Consello da Cultura Galega e logo no 2004 con motivo do Día das Letras Galegas a mesma Real Academia Galega e o Presidente da Xunta de novo fixesen acto de presenza nesta vila para honrar a súa memoria e procurar unha dignificación dun trazo esencial da nosa personalidade e da nosa riqueza cultural como é a lingua que nos une a Galicia. Sería de esperar, pois, que o prometido Centro Cultural Martín Sarmiento ligado ao Xacobeo se acometese como, aínda que con pés de chumbo, se introduciu xa daquela o galego nos centros de ensino do Bierzo seguindo as directrices que imperan leis democráticas europeas dirixidas á garantir os dereitos dos falantes das linguas minorizadas, pero non foi así. Tamén daquela se puxo na mesa a posibilidade de que este centro, hoxe evaporado, servise de referente no proceso de normalización do galego do Bierzo, unha auténtica necesidade.
Non é fortuíto finalmente que nesta capitalidade cultural do galego, J.C. Mestre en pleno século XXI reclame cos seus 200 gramos de patacas tristes un Bierzo bilingüe e rico. Este innovador e aplaudido libro contra o esquecemento, fillo da memoria negada e do compromiso cos humildes, unha reivindicación xusta e creativa, debuxa na boca do noso ilustrado un novo sorriso. Non nos pode ser estraño algo que, ademais dun dereito, nos define e enriquece á vez de facernos diferentes aos outros cidadáns de León e de Castela. Quen non entenda que o noso carácter fronteirizo se conxuga coa presenza do galego, esencia da diversidade que fai posible ao Bierzo, é tan torpe como quen non comprende que a presenza do leonés, outra lingua malferida na súa convivencia secular co castelán, indiscutiblemente fortalece tamén a nosa personalidade nacida desa irmandade histórica con Galicia.

Ante tal cúmulo de nada ventureiras circunstancias e casualidades separemos logo o ruído das noces e pasemos a concretar necesidades. No debate sobre as fronteiras bercianas faise necesario distinguir con criterio o territorio e a cultura, sendo á vez pertinente falar de linguas. Non se pode nin se debe obviar algo primordial como é a normalización e a ampliación dos espazos de uso da lingua galega do Bierzo, segue sendo imprescindible tanto como conmemorar aquela Provincia de Vilafranca e facer memoria do pasado para construír un futuro ben asentado e certo que non teña pés de barro.
Comentarios (0) - Categoría: CASA NATAL DE MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 09-03-2021 20:30
# Ligazón permanente a este artigo
XIII XORNADAS MARTÍN SARMIENTO DO CONFINAMENTO

A Comisión Cultural Martín Sarmiento quere facer público neste DÍA DO GALEGO NO BIERZO do 2021, 9 de marzo, día no que nacía en 1695 Martín Sarmiento en Vilafranca do Bierzo, a única actividade escolar que como consecuencia da COVID 19 realizaremos neste curso para celebrar as XIII Xornadas Martín Sarmiento, dedicadas ao erudito galego-berciano. Trátase da entrega dunha publicación específica realizada para esta ocasión, un material escolar para cada un dos alumnos/as do Programa de Promoción do Galego no Bierzo que chegará aos centros que imparten dito nos próximos días. O obxectivo é ofrecer un novo material didáctico que se poida usar nas aulas, no que lembremos a figura do Pai das Letras Galegas unha vez máis e que isto dea ao conxunto da Comunidade Educativa do Galego no Bierzo unha sensación de continuidade con respecto a outras actividades presenciais que viñamos desenvolvendo en cursos anteriores.
O material didáctico editado pola Editorial Edicións Positivas leva como título A personalidade do Bierzo: Linguas e territorio con textos de Héctor M. Silveiro, membro correspondente da Real Academia Galega para o Bierzo. Conta cunha edición adaptada para o nivel de Primaria e outra distinta para o alumnado de Secundaria. Ambas tentan explicar de que forma a lingua galega se vai configurando como un dos trazos máis significativos que definen a identidade berciana ao longo dos tempos ligada a outro tipo de elementos e fitos históricos destacables entre os que se mencionan, neste ano de aniversario, a constitución da Provincia de Vilafranca en 1821.
A publicación conta co apoio institucional de costume da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia ademais da Real Academia Galega, o Consello Comarcal do Bierzo, os concellos bercianos de Cacabelos, Corullón e Vilafranca e outras entidades culturais bercianas como son o Instituto de Estudios Bercianos e o Grupo As Médulas para a lingua galega do Bierzo.
A Comisión Cultural Martín Sarmiento ten previsto realizar unha reunión ou encontro telemático co profesorado do Programa de Promoción do Galego no Bierzo e da EOI de Ponferrada para explicar en detalle os contidos e propostas adicionais que sirvan de guía para o uso da publicación e manter á vez o contacto que habitualmente se tiña con carácter presencial con motivo das Xornadas Martín Sarmiento de ediciois anteriores.

Na prensa do Bierzo:
Bierzodiario
InfoBierzo
Bierzotv
Comentarios (0) - Categoría: XORNADAS MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 09-03-2021 17:55
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0