Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia. |
|

|
O meu perfil |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
CRÓNICA DAS XII XORNADAS MARTÍN SARMIENTO |
|

Las jornadas Martín Sarmiento hacen de altavoz para reivindicar el gallego en el Bierzo from Bierzotv on Vimeo.
As XII Xornadas Martín Sarmiento centradas este ano na celebración do centenario do nacemento en Vilafranca do Bierzo do poeta, dramaturgo , editor e ensaísta vilafranquino Ramón González-Alegre acadaron unha vez máis un eco na prensa e nos medios de comunicación que recollen en diferentes titulares algunhas das claves sobre as que xiraron estas xornadas, aínda que case todas destacan o momento no que se realizou a ofrenda floral ante o monumento a González-Alegre na Alameda da súa vila natal.
Comezamos o día coa boa nova da publicación da páxina web do Consello Comarcal do Bierzo en galego.
A SESIÓN COS ALUMNOS/AS DE SECUNDARIA NO TEATRO DE VILAFRANCA: RECITADOS, TEATRO LIDO E DRAMATIZACIOIS DE TEXTOS DE GONZÁLEZ-ALEGRE
Despois dun saúdo de benvida aos alumnos/as e dun agradecemento mui especial aos docentes que prepararon este encontro poético-dramático dos cuatro institutos do Programa de Galego no Bierzo e da Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada, comezaron os alumnos/as do IES PADRE SARMIENTO de Vilafranca que a modo de anfitriois recitaron un bon número de poemas do libro de Ramón tituladoOs namoros (1961).
A seguir recitou con acompañamento musical o alumnado do IES Virxe da Encina de Ponferrada, antes de cederlle o escenario ao IES Europa, tamén de Ponferrada, que levou a cabo unha versión adaptada, con vestiario e todo, da peza de Teatro Galego Un lóstrego na noite.
Logo o Departamento de Galego da Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada trouxo a dous alumnos que fixeron un recitado inesquecible de poemas pertencentes á revista Alba asinados polo seudónimo de González-Alegre, Fernando Burbia Valcarce, títulos como Urro por Galicia .
Rematou esta primeira sesión no teatro cunha lectura dramatizada na que se entrelazaban tamén versos do noso autor lidos por alumnos/as do IES Bergidum Flavium de Cacabelos aos que se sumou o propio docente de galego.
Crónica fotográfica dos encontros de Secundaria
OFRENDA CONXUNTA DE SECUNDARIA E PRIMARIA DE FLORES DE PAPEL E VERSOS NO MONUMENTO AO AUTOR NA ALAMEDA
Unha vez concluída esta primeira parte do encontro, saímos do teatro cara ao monumento na honra de Ramón González-Alegre na Alameda da vila para participar xunto cos alumnos/as de 14 centros do Programa en Primaria que, unha vez chegados eilí, realizaron unha ofrenda floral de papel e versos dos máis pequeniños, dous recitados, un en representación do alumnado de Primaria (un alumno do CEIP.Valentín García Yebra de Ponferrada) e outro por Secundaria (outro alumno do IES Padre Sarmiento de Vilafranca) na que interviñeron ademais as distintas administraciois que colaboran coa organización das Xornadas Martín Sarmiento, momento que foi amplamente recollido polos medios de comunicación.
SESIÓN MUSICAL NO TEATRO PARA PRIMARIA
A continuación o alumnado de Primaria dirixiuse cara ao Teatro Enrique Gil y Carrasco para ver o espectáculo musical Enredando con Pakolas subvencionado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
Crónica fotográfica dos encontros de Primaria
ADEUS NA CASA NATAL DE GONZÁLEZ-ALEGRE
Os alumnos/as de Secundaria e a Escola Oficial de Idiomas, entidades colaboradoras como o Instituto de Estudos Bercianos, a Comisión Cultural Martín Sarmiento ademais das autoridades educativas, locais, comarcais e autonómicas partindo do monumento ao noso poeta na Alameda vilafranquina, tras da ofrenda floral, realizaron acto seguido un breve percorrido que foi parando no busto a Sarmiento na propia Alameda, no espazo onde estivo no seu día a casa natal do erudito na Rúa da Auga e poucos metros despois (case en fronte da casa doutro poeta do XIX, natural tamén desta vila, Enrique Gil) detívose a comitiva ante a casa nativa de Ramón. Héctor Silveiro coordinador da Comisión Cultural organizadora dos actos comentou alguis aspectos biográficos sobre o homenaxeado antes de que pechasen a actividade cun recitado musicado do poema Adeus os rapaces/as do IES Virxe da Encina de Ponferrada.
BIERZOTV
BIERZODIARIO
PÁXINA DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA DA XUNTA DE GALICIA
Bierzodigital
DIARIO DE LEÓN
NUEVA CRÓNICA
OSILinfo
Twiter do CEIP Jesús Maestro
PÁXINA WEB CONSELLO COMARCAL DO BIERZO
PÁXINA WEB DA REAL ACADEMIA GALEGA
A CONVOCATORIA DOS III PREMIOS MORALES EN CACABELOS
Ás 13 horas no Salón de actos do Museo Arqueolóxico de Cacabelos, recibiron á comitiva de autoridades e organizadores das XII Xornadas Martín Sarmiento, membros do Grupo As Médulas e o Alcalde e a Concelleira de Cultura do Concello da vila do Cúa para proceder a anunciar publicamente a convocatoria da III Edición dos Premios Morales.
Foi o editor de Edicións Positivas e membro do Grupo As Médulas quen presentou o lema e poema escollido como inspiración para o concurso desta edición dos Premios "Chegaron os romanos"
tirado do poema dedicado á Virxe da Quinta Angustia de Cacabelos e logo foron intervindo as entidades colaboradoras, a Real Academia Galega, o Instituto de Estudos Bercianos, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, un representante da Dirección Provincial de León de Educación en representación da Junta de Castilla y León e os
concellos de Vilafranca, anfitrión das Xornadas Sarmiento e propio Concello de Cacabelos que será o lugar escollido para a entrega dos III Premios Morales.
A MESA DE TRABALLO NA SESIÓN DE TARDE
Esta sesión de tarde celebrouse no Salón de plenos do Concello de Vilafranca estando presentes docentes do Programa de galego no Bierzo, entidades organizadoras e colaboradoras das Xornadas e as administraciois que tamén colaboran coa organización das mesmas. Tras unha análise descritiva que realizou Héctor Silveiro, establecéronse dous puntos na orde do día:
1- Propostas para a mellora do Programa de Promoción do Galego no Bierzo.
2- Borrador para un convenio da RAG e entidades bercianas.
PRESENTACIÓN DA 1ª PUBLICACIÓN DE MATERIAIS PARA O GALEGO NO BIERZO EN CORULLÓN.
No Local social de Corullón coa presenza dun nutrido grupo da corporación municipal de Corullón co alcalde á cabeza, a Comisión Cultural Martín Sarmiento presentou o primeiro libro que edita de cara a abrir novos espazos para o galego no Bierzo cunha serie de materias publicados que recollan aspectos substanciais do patrimonio cultural da fala galega do Bierzo. Para comezar esta vía de traballo escolleuse Unha Cala no Bierzo Occidental (Corullón)de Elixio Rivas Quintas. O autor que estaba previsto estivese presente, por motivos de saúde (ten 94 anos de idade), declinou nos últimos días achegarse ata Corullón. O Alcalde Luis Arias de Corullón con agarimo anunciou que o visitaría na súa residencia en Os Milagres de Ourense para lle agradecer as facilidades que fixeron posible finalmente esta publicación de tanto interese para o concello.
Interviñeron ademais tanto o editor Paco Macías de Positivas como o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia que subvencionou a edición, Valentín García e o autor do Prólogo, Héctor Silveiro, tentando describir os contidos e peculiaridades deste magnífico traballo realizado por Elixio Rivas a finais dos anos 80 e concluído a comezos dos 90 en Corullón.
En conclusión, estas Xornadas rematan coa sensación de cumprir cos obxectivos coas que foron deseñadas de acompañar e potenciar o Programa de Promoción do galego na comarca e de ampliar espazos para a nosa fala, deron á luz novas importantes para o galego no Bierzo e viñeron cargadas de novos proxectos que iremos concretando nos próximos meses que servirán á vez de preparación da próxima edición do Día do Galego no Bierzo.
|
|
|
|
UN BREVE APUNTAMENTO E UN POEMA DE RAMÓN GONZÁLEZ-ALEGRE BÁLGOMA |
|
 Ramón González-Alegre Bálgoma (Vilafranca do Bierzo 1920- Vigo 1968)
Naceu na mesma rúa e a uns poucos metros da casa natal do Padre Sarmiento en Vilafranca do Bierzo da que marchou sendo un nino, pero terá sempre mui presente, de feito volverá ao longo da súa vida por tempadas e períodos vacacionais de xeito continuado. En 1924 trasladouse á Coruña, cidade do seu pai, pero en 1926 a familia mudouse a Vilagarcía de Arousa, onde realizou o bacharelato.
Fixo Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, e foi membro do SEU, primeiro como Delegado provincial de bibliotecas e logo como Xefe provincial de prensa e propaganda. Logo de pasar un tempo como profesor de Universidade en Madrid, e na Coruña, instalouse definitivamente en Vigo (1949).
Dirixiu a revista literaria Alba, clave no rexurdir da poesía galega despois da guerra civil. Da súa obra ensaística destacamos Poesía galega contemporánea (1954) O libro abrangue a poesía do segundo cuarto do século XX, desde 1925 ata a publicación do volume, unha visión xeral de aspectos da poesía galega que o autor considera destacados, seguido dunha análise de diferentes autores e autoras.
Escribiu e publicou varios libros de poemas en castelán entre os que destacamos Clamor de tierra (1950) e El ágape de Dios (1964) e en galego Os namoros (1961), ademais dun conxunto de pezas teatrais baixo o título Teatro Galego (1968).
A causa da súa morte prematura deixou unha parte importante de escritos sen publicar, sendo unha personalidade destacada para o mundo literario galego e berciano en pleno Franquismo dedicando aos galego-falantes do Bierzo ademais de muitos versos, aquela peza de teatro que titulou Farsa dos veciños que aínda segue pendente de ser levada a escena por vez primeira.
Adeus
Adeus tardiña nova en Vilafranca,
porta da señardá que tanto dóe
nas cinzas da i-alma.
Xunto das herbas o fungar do vento
bica as azas dos anxos invisibres,
i-eu che digo adeus, campiño amado,
onde os fillos xogaron co teu nome.
Adeus, adeus, arbres do horto,
os meus choplos amigos, carballeiras
por onde os bicos cheiran a namoro.
Adeus tristura moza das campás
que á tardiña levades os rumores.
En sospiros me vou. Adeus, meus prados,
Que a tristura da noite vén calada.
Os Namoros (1961)
XII XORNADAS MARTÍN SARMIENTO (na Crónica de León)
(No Bierzodiario)
|
|
|
|
|
|