Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.
Sorprendeunos e conmoveunos gratamente un artigo de opinión que circula pola rede estes días, tras da celebración das IX Xornadas Sarmiento. Recomendamos encarecidamente a súa lectura e un pequeno exercicio de reflexión sobre o pasado, pero tamén sobre o futuro do galego no Bierzo que é inevitable tras ler o texto. Pedímoslle á autora, Raquel González Pol, de inmediato podelo reproducir neste blog e eiquí o deixamos: Chapurreando . Graciñas Raquel.
Onte 14 de marzo foron realizadas as IX Xornadas Martín Sarmiento que inauguraban tamén as celebraciois do bicentenario de Antonio Fernández Morales. O Día do galego nos centros escolares do Bierzo volveu a ser un éxito en canto á participación.
O alumnado de Primaria de 13 centros bercianos onde se imparte o Programa de promoción do galego colgaron no teatro e nas rúas centrais de Vilafranca os seus traballos, unha interpretación plástica sobre os versos dos Ensaios poéticos en dialecto berciano. Serían os alumnos e alumnas de Secundaria os encargados de dramatizar distintos poemas: O Fiandón da aldea, Vilafranca e a Vendima, A Ponferrada,O Entroido...
mesmo alumnos da Escola Oficial de Idiomas realizaron unha lectura teatralizada do poema Na Volta da sega.
Logo chegaron os anuncios da realización dunha Exposición sobre o autor e o galego no Bierzo que percorrerá distintas vilas da comarca berciana e os discursos das autoridades educativas presentes Jesús Hurtado Olea da Consejería de Educación da Junta de Castilla y León e o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia que confirmaron a intención de ampliar a oferta do galego para o centro de Cubillos do Sil.
Hoxe fai 332 anos que nacía Pedro Joseph en Vilafranca do Bierzo, un meniño ao que a súa nai concedeulle un gran tesouro sen ela ser consciente daquel legado que lle ofrecía con cada cantiga de berce que lle cantaba, con cada palabra agarimosa co que acariñaba. Foi o seu idioma materno. A súa nai, posiblemente berciana, ou cando menos nativa e falante do galego oriental, chamaríao Perucho, mais, co tempo, recoñecido como un sabio erudito, foi Martín Sarmiento, hoxe considerado o pai das Letras Galegas.
Pois ben se este home é hoxe lembrado por nós, non o é polo seu lugar de nacemento, que con ser importante e logo de diversas controversias, ten singular transcendencia entre nosoutros porque nos permite incorporarnos a ese cúmulo de homenaxes e estudos que procuran difundir e popularizar o seu labor en campos non só relacionados coas Letras, senón tamén nos de diversas ciencias e coñecementos.
A nosa contribución á manter viva a súa memoria pasa por revitalizar constantemente o seu amor pola lingua materna que escuitou, por vez primeira no Bierzo un 9 de marzo, pero que non esqueceu e que defendeu ata a fin dos seus días sabendo legar unha chea de propostas e servindo de modelo mesmo para a escrita da literatura moderna en idioma galego. Precisamente un dos seus ávidos lectores, dos muitos que tivo no século XIX, foi Antonio Fdez Morales de quen celebramos o seu bicentenerio precisamente este ano. Este é, en definitiva, o motivo de que de novo xuntos, estes dous persoeiros das nosas letras comparezan da mao e sexa Sarmiento e as súas Xornadas en Vilafranca (que van pola IX edición) os que abran a porta dos actos do bicentenario do cantor do Bierzo en galego, autor dos Ensaios poéticos en dialecto berciano, o segundo libro do Rexurdimento galego, editado dous anos antes que esoutra obra considerada a máis emblemática deste movemento da literatura contemporánea galega, os Cantares de Rosalía.
Este ano as Xornadas, por cuestiois coxunturais, celébranse o próximo día 14 de marzo, pero é de xustiza que fagamos un pequeno recordatorio da data e que nos preparemos para afrontar no Bierzo un ano de gran importancia para o idioma que tanto amaba Perucho, amor que soubo comunicar e perpetuar en persoas como Antonio Fernández. Morales.