O MEGO DA ESCOLA


Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

AS NOSAS ORIXES, A NOSA CULTURA
Traballo realizado para os INTERCAMBIOS MARTÍN SARMIENTO 2012 polo CEIP Valentín García Yebra de Ponferrada que coordinou Yolanda Luna González


Traballo de plástica realizado polos alumnos/as de 5º e 6º de primaria.
A través da nosa materia, Plástica, imos enfocar diversas formas de expresar o coñecemento da nosa cultura e as personaxes que fixeron posible asistir ao Rexurdimento do galego na nosa terra "O Bierzo".
Partiremos do traballo en plástica mediante a utilización de diferentes técnicas como acuarelas, xices e lapis de cores...etc , e a través da expresión artística e a escrita intentaremos plasmar diferentes textos literarios das orixes do galego na nosa terra, dándolles unha pincelada de cor e vida segundo a percepción de cada un de nós.
Para iso realizaremos dun traballo de investigación no que por grupos buscaremos información dos escritores máis destacados que formaron parte do Rexurdimento do galego: Frei Martín Sarmiento, do século XVIII "Pai das Letras galegas", importante para nós e para todo o pobo galego (precursor do Rexurdimento); o poeta Fernández Morales que encabezou o movemento do Rexurdimento no Bierzo no século XIX e escritores tan destacados e importantes como Rosalia de Castro, coa que nace este movemento cando publica en 1863 "Cantares galegos".
Preguntas que nos faremos e responderemos: que é o Rexurdimento?; que personaxes o fixeron posible?; por que é importante conservar a lingua nai? (importancia cultural, importancia das tradicións, da riqueza expresiva...)
Posteriormente xuntaremos o recopilado e faremos un caderno coas nosas pescudas.
De cada un deles utilizaremos coplas e versos pue nos inspiren na nosa produción plástica. Cada lámina de plástica irá co seu texto literario para non esquecer a nosa cultura. Ao final recopilaremos as nosas experiencias e valoraremos o resultado obtido.
Colocamos a continuación unha montaxe en vídeo que reproduce a reseña deste traballo presentada no acto do día 9 de marzo pasado no Teatro de Vilafranca.

Comentarios (0) - Categoría: DE SARMIENTO A MORALES - Publicado o 22-03-2012 21:12
# Ligazón permanente a este artigo
UN "CÓDICE" EN HOMENAXE A MARTÍN SARMIENTO
Traballo realizado para os INTERCAMBIOS MARTÍN SARMIENTO 2012 polo CRA de Carucedo coordinado por Eva López Rodríguez

Os nenos de 3º, 4º, 5º e 6º da Escola de Carucedo fixemos unha manualidade baseada nas obras de Frei Martín Sarmiento.

Cunha axenda vella quixemos emular un dos libros do escritor.
Engurramos as súas páxinas e botámoslle cola, entre cada páxina. Tamén metimos papel de cociña para que ficara avultado.

Pasados uns días, cando a cola xa secara, buscamos imaxes de internet de Frei Martín Sarmiento e dalgún dos seus escritos, e pegámolos por riba.


Na cara de diante tamén puxemos imaxes.Logo o pintamos todo con pintura marrón, para darlle un toque máis antigo.

Cando secou a pintura, envellecémolo con betún de xudea.

Xa para finalizar botámoslle uns toques de pintura de ouro.

Este é o noso códice que homenaxea a Frei Martín Sarmiento.

Comentarios (0) - Categoría: DE SARMIENTO A MORALES - Publicado o 22-03-2012 20:46
# Ligazón permanente a este artigo
DE SARMIENTO A MORALES: O REXURDIMENTO DO GALEGO NO BIERZO

Traballo realizado para os INTERCAMBIOS MARTÍN SARMIENTO 2012 polo CEIP San Lorenzo de Brindis de Vilafranca do Bierzo coordinado por Belén Fernández

Somos un grupo de nenos e nenas de 5º e 6º do Colexio San Lorenzo de Brindis de Vilafranca do Bierzo que fixemos un traballo baseado en Sarmiento e na terra que o viu nacer tal día coma hoxe, un 9 de marzo do ano 1.695.

VILAFRANCA DO BIERZO
Vilafranca está situada ao oeste da provincia de León, está considerada como a capital cultural da comarca do Bierzo e un dos seus principias atractivos turísticos pola riqueza do seu patrimonio histórico- artístico, o seu emprazamento no Camiño de Santiago e a súa diversidade da paisaxe ao estar situada ás portas da Serra dos Ancares.
Esta vila ten como lingua oficial o castelán pero con importantes influencias do galego ,idioma que se fala aquí dende a Idade Media.
En Vilafranca podemos ver moitos monumentos como: A igrexa de Santiago (onde posiblemente se bautizou Sarmiento), a igrexa de San Francisco, a Igrexa de San Nicolás o Real,a Colexiata ,o Castelo, entre outros.

A VIDA DE SARMIENTO
Pero tamén temos escritores como é Martín Sarmiento, do que imos contar un pouco da súa vida.
Pedro Xosé García Balboa, máis coñecido como Frei Martín Sarmiento, naceu en Vilafranca do Bierzo o 9 de marzo do 1.695
Seus pais, Afonso e Clara casaran tamén aquí no ano 1.683 e tiñan xa dous fillos e unha filla cando naceu Sarmiento.
Seu pai falaba o galego da zona da costa pontevedresa e traballaba de mestre dos canteiros das obras na Colexiata que era un dos moitos edificios da vila que financiaba o Marqués de Vilafranca.
Súa nai nace na provincia de Lugo, nun lugar próximo a Samos e polo tanto falaba un galego moi semellante ao que falamos no Bierzo.
Con catro meses trasládase coa súa familia a Pontevedra, onde pasará a súa infancia e parte da mocidade. O 3 de maio de 1.710 con 15 anos de idade, marcha a Madrid para ingresar na orde de San Bieito.

OS ESTUDOS DE SARMIENTO
Ó pouco cambiou o seu nome de pía, Pedro, polo de Martín, xa que este era o nome do patrón do Mosteiro onde residiría despois de varios anos de estudos en distintos conventos de España; e algún tempo despois tomou o segundo apelido da súa nai, Sarmiento.
Realizou estudos de Artes e de Filosofía no mosteiro que a súa orde tiña en Irache,despois foi a Salamanca có fin de estudar Teoloxía.
Rematados os seus estudos pasou a ser profesor en varios mosteiros da orde benedictina.
No 1.720, foi ordeado presbítero e pasará un tempo en Asturias,ata 1.725, como profesor en Celorio e Oviedo.
Dende 1.723 coidar,a a súa amizade có Padre Feixóo, co que manterá correspondencia ata a súa morte.
En xuño de 1.725, con 30 anos, Sarmiento volta a Galicia. Despois dunha estancia en Pontevedra, despídese de súa nai e aséntase definitivamente en Madrid, estancia interrumpida entre febreiro de 1.726 e maio de 1.727 cando se traslada a Toledo a catalogar os libros da catedral.

AS LINGUAS
Aos 35 anos reaparece nel un gran interés pola lingua, pois estaba convencido de que a xente descoñecía moitos significados das palabras que empregaba. Sentía unha gran curiosidade polas linguas en xeral , especialmente polas románicas, pero sobre todo polo castelán e o galego.
Sarmiento pensaba que o galego deberíase ensinar nas escolas e que os curas deberían coñecelo para poder confesar aos seus fregueses.
En 1.745 volta a Galicia , nesta viaxe vai anotando nun caderno os nomes dos lugares polos que vai pasando. Gustáballe investigar a etimoloxía das palabras galegas que escoitaba.
Escribiu o libro en galego ?Coloquio de veinticatro galegos rústicos?, grazas a este libro coñecemos o galego que se falaba na época. Son 1.200 coplas postas en boca dun grupo de Galegos que regresan de Madrid e contan como foi a morte do rei Felipe V e describen os festexos da subida o trono de Fernando VI.
.No ano 1748 foi elixido abade do seu Monasterio de San Martín de Madrid.

OS SEUS INTERESES
Era un home moi preocupado pola mellora do nivel técnico e económico do seu país, moi na línea do pensamento da Ilustración.
Sarmiento pensaba que era necesario coñecer, recuperar e salvagardar as tradicións e a cultura popular. Niso foi un gran precursor e contribuiu á investigación e recuperación da cultura galega.
A instancias de Sarmiento créase o Real Xardín Botánico de Madrid e dende 1.743 reclama a creación de bibliotecas públicas e xardíns botánicos en diversas cidades.
Sarmiento non só estaba interesado na lingüística, tamén na botánica, na medicina; tiña coñecemento detallado dos nomes das prantas e das súas propiedades.
Frei Martín foi un home adiantado o seu tempo. Aparte dos seus traballos relacionados coa botánica e as ciencias naturais, realizou un labor moi importante de análise da lingua galega.

A LINGUA GALEGA
Adicouselle o Día das Letras Galegas no 2.002.
Un século antes da aparición do Rexurdimento, Sarmiento foi quen asentou, en certo modo, unha das razóns de ser deste movemento de intelectuais dispostos a reivindicar con escritos un lugar para esta lingua que fora usada por reis e trobadores, pero que se deixara de escribir desde finais da Idade Media.
Sarmiento tamén se fixou na rica tradición oral que soaba na boca das xentes humildes e iletradas, que non sabían escribir, pero que durante os Séculos Escuros cos seus cantos, contos e coplas mantiveron viva a súa lingua a pesar de non haber escritos.
Podemos dicir que Martín Sarmiento pode ser considerado precursor do Rexurdimento, este movemento que vai ter como interese principal o de volver a escribir en galego, e o de recuperar esta lingua.

OS SEUS SUCESORES
Aínda que sabemos que esta reivindicación tivo os seus precedentes en Sarmiento, vai ser un autor pontevedrés, Xoán Pintos, quen anos despois e seguindo os seus pasos publique en 1.853 un libro ?A gaita gallega?, no que un gaiteiro vai ensinar ao seu tamborileiro, que non é galego, a falar e escribir neste idioma.
O segundo libro de intencións semellantes nesta época será o que publique no ano 1.861 o autor berciano Antonio Fernández y Morales ,?Ensayos poéticos en dialecto berciano?. Este libro, responde ás mesmas preocupacións pola lingua que tiñan Sarmiento e Pintos.
Poucos anos despois, no 1.863 unha muller, Rosalía de Castro, publica a que se considera a obra que dá lugar ao nacemento do Rexurdimento. Trátase de ?Cantares Gallegos? que xunto coas obras de Curros Enríquez e de Eduardo Pondal forman os piares deste movemento de reivindicación lingüística e de dignificación da cultura e da terra.
Sarmiento morreu no convento de San Martín de Madrid o 7 de decembro de 1.772, aos 77 anos.

O GALEGO NO BIERZO
Os rapaces e rapaces do Bierzo temos moita sorte porque grazas a Sarmiento ou a Fernández Morales temos obras nas que podemos aprender e coñecer mellor a lingua que falan os nosos avós e que hoxe nola ensinen na Escola.

Este traballo fixémolo os alumnos de galego de 5º e 6º do Colexio San Lorenzo de Brindis de Vilafranca do Bierzo:Carlos,César,Cristian,Jorge Óscar,Alejandro,Álvaro,Diego, Fátima,Ikram,Marta,Pedro,Raúl e Sergio, coordinados pola nosa mestra de galego, Belén Fernández.
Comentarios (0) - Categoría: DE SARMIENTO A MORALES - Publicado o 20-03-2012 22:58
# Ligazón permanente a este artigo
SARMIENTO E A EDUCACIÓN EN GALEGO
Traballo realizado para os INTERCAMBIOS MARTÍN SARMIENTO 2012 polo CEIP M.L. Ucieda de Toral dos Vados en colaboración co CRA. de Toral de Meraio coordinados por Celso Albino Abella, o seu mestre de galego.


" Por que estudamos nós galego hoxe nas escolas? (pregunta un rapaz dos da clase)
-Está claro porque os nosos pais queren o mellor para o noso futuro (contesta un)
- Tamén será porque lle teñen cariño á lingua que sempre falaron eles e os seus padres, é dicir, os nosos avós (contesta outra).
-Creo que un tal Sarmiento ten algo que ver con isto, que mo dixo meu tío (di o máis disposto e sabido da clase)
- Si iso tamén é o que di o mestre, e que fagamos un traballo sobre este tema.



Sarmiento naceu en Vilafranca unha vila da comarca do Bierzo onde se fala galego desde a Idade Media, mesmo daquela escribíase e todo, os mosteiros como o de Carracedo conservan textos daquela época en galego. Por qué razón non estando en Galicia pasa isto? Porque unha parte do Bierzo pertencía de vello ao Antigo Reino de Galicia e señores como os Condes de Lemos afincados aquí realizaban documentos nese idioma. Pero cando naceu Sarmiento deixárase de usar na escrita por parte dos nobres que mandaban que despois foron casteláns falantes. As xentes de Galicia e do Bierzo de todos os xeitos seguían falando galego, pero non o sabían escribir, a meirande parte non ía a escola.

O primeiro idioma que escoitou Sarmiento foi logo o galego, que era o idioma que falaban seus pais, que eran tamén eran galegos, pero que casaron en Vilafranca onde traballaba seu pai a causa das obras de construción da igrexa Colexiata da vila. Naceu un 9 de marzo e foi bautizado tamén nesta vila. Pero ese mesmo ano de 1695 desprazaríase a Pontevedra ao conseguir un novo traballo o cabeza de familia.
Alí en Pontevedra comezará os estudos e aprenderá a escribir sendo moi novo. Gardou sempre na memoria que lle ensinaran o latín que era o idioma da educación. Tivo que aprender latín e castelán porque o galego que era o que falaba el, a súa familia e os seus veciños, pero non se ensinaba nas escolas. Castigaban aos nenos que utilizaban o galego. Os mestres daqueles tempos que se denominan Séculos Escuros porque non se escribía nada en galego eran frades. E Sarmiento, que desde pequeno sentiu atracción polas Letras e pola Biblia, o libro sagrado, acabou ingresando nunha orde de monxes de San Bieito aos 15 anos de idade, marchando de contado a un convento en Madrid.

Axiña aprendeu coa lectura (que era una das súas grandes afeccións) ademais de castelán e latín outros idiomas como o grego e o árabe, pero non esqueceu nunca o galego, aínda que ninguén o tivese en conta nin o escribise, aínda que os seus compañeiros no convento se burlasen do seu acento galego. Contan que estando en Irache (Navarra estudando o equivalente a estudos universitarios ) en 1714 no seu tempo libre elaboraba un vocabulario de latín, galego e castelán co obxectivo de enriquecer e ampliar o número de palabras que xa coñecía e usaba. Por iso axudou a un dos seus mestres o Padre Feixóo na redacción e edición de libros e mesmo el publicaría un título defendendo as ideas e a luz da Ilustración que querían traer Educación e Cultura ás xentes destes Séculos Escuros.

Pero o seu afán por coñecer máis e mellor a súa lingua natal non rematou alí. En 1727 en Toledo atopou as Cantigas de Santa María de Afonso X, o rei sabio escritas en Galego e máis adiante nas súas viaxes comprobou que tanto en Galicia como no Bierzo nos mosteiros efectivamente había centos e centos de documentos da época medieval escritos en galego. Contan que en San Pedro de Montes no Bierzo un dos conventos que estivo nunha das súas viaxes, tivo ocasión de consultar os documentos moi antigos escritos en galego da nosa comarca.

Sarmiento será considerado o Pai das Letras Galegas por estudar tanto sobre a orixe do galego como afondar no seu vocabulario e mesmo escribir en plenos Séculos Escuros unha obra en galego iniciando así un movemento que no século XIX se chamou Rexurdimento, é dicir o re-nacemento da lingua galega escrita. En Pontevedra Xoán M. Pintos e no Bierzo Antonio Fernández Morales serán os primeiros en seguir os pasos de Sarmiento, e logo autores como Rosalía de Castro que escribiron poemas na fala dos labregos e xentes humildes cantando a súa terra e os costumes e tradicións, usando palabras e palabras que ao seren escritas poden ser aprendidas e conservadas na memoria. Logo chegarán os tempos nos que se reclame un espazo para o galego nas escolas na educación dos nenos e nenas dos lugares onde se fala este idioma, tal e como reivindicaba o propio Sarmiento.

Hoxe aqueles Séculos Escuros nos que vivía Sarmiento xa pasaron primeiro en Galicia, a agora no Bierzo o galego está presente nas escolas, aprendémolo porque é unha riqueza e é un dos idiomas desta terra como tamén demostrou o noso frade ilustrado. Nós ademais de falalo, estamos aprendendo a escribilo estamos saíndo tamén deses tempos de sombras nos que os nosos avós ou os nosos pais que falaban galego, non o sabían escribir porque en tempos de Franco tamén estaba mal visto e non se podía falar en público, pero coa volta da democracia o galego entrou por vez primeira nas escolas e desde hai dez anos nós podemos estudar galego eiquí no Bierzo.

- Cando vaiamos ao instituto e nos pregunten sobre Sarmiento imos sacar un dez! (di un dos rapaces da clase)
- E logo tu cres que no instituto estudan a Sarmiento? (pregunta outro)
- Claro, como non van estudar ao Pai das Letras Galegas se tamén no instituto se estuda o galego ! (contesta unha rapaza). Eu tamén penso seguir estudando galego cando comece a ESO. É a lingua dos meus avós e tamén a falan os meus pais.
- É unha riqueza e ademais danche un título ao rematar 4º da ESO que che vai servir para o teu futuro, iso é o que me dixo o meu tío que sabe desas cousas porque é profe no instituto (di outro dos rapaces).

Comentarios (0) - Categoría: DE SARMIENTO A MORALES - Publicado o 20-03-2012 17:12
# Ligazón permanente a este artigo
Un variado número de traballos de achegamento a Sarmiento
Un variado número de traballos de achegamento a Sarmiento e a Morales realizaron con motivos dos INTERCAMBIOS ESCOLARES MARTÍN SARMIENTO 2012 os nenos e nenas de Primaria dos centros escolares do Bierzo que coa intención de participar desta iniciativa proposta pola Comisión Cultural Sarmiento. A intención de ampliar a experiencia que noutros cursos desenvolveran só centros da vila natal do ilustrado veuse colmada cunha boa e varaiada participación como poderedes comprobar nas distintas entradas que neste blog imos ir colgando todos e cada un destes traballos para que se poidan coñecer en detalle, pois como seguro que xa sabedes, houbo unha presentación colectiva cunha reseña dos mesmos no acto central das IV Xornadas Martín Sarmiento celebradas o pasado día 9 no Teatro de Vilafranca do Bierzo. Alí estiveron presentes e irán aparecendo por esta orde os seus traballos colgados neste blog os seguintes centros:
CRA Toral de Meraio.
CEIP M.L. Ucieda de Toral dos Vados coordinados ambos polo mestre Celso Albino Abella.

CEIP. San Lorenzo de Brindis de Vilafranca do Bierzo, traballos coordinados por Belén Fernández.

CEIP. San Ildefonso de Camponaraia, cuxos traballo coordinou Virxinia Cal.

CRA de Carudedo cuxa mestra é Eva López Rodríguez

CEIP Valentín García Yebra de Ponferrada, que dirixiu Yolanda Luna González.

Houbo centros que participan do Programa de Promoción de galego no Bierzo, que aínda que non puideron estar o día 9 de marzo en Vilafranca, tamén realizaron traballos que estamos á espera de recibir como é o caso do CEIP. Virgen de la Quinta Angustia de Cacabelos.

Por último, houbo tamén centros, como o Colexio Divina Pastora de Vilafranca que non estando no Programa de promoción da lingua galega por ser un centro concertado, interesáronse en colaborar e participar desta experiencia.
A todos eles queremos felicitar pola súa entusiasta participación e agradecer aos docentes, alumnos/as o seu traballo sen o cal sería imposible a celebración destas xornadas nas que o verdadeiro protagonismo foi seu, así como facer chegar ás directivas dos distintos centros un agradecemento especial por facilitar a súa participación nun proxecto complexo e unha iniciativa que por vez primeira presentaba este formato.
Deixamos aquí un vídeo de hai catro anos que o programa do Ben Falado dedicou ao traballo en galego nas escolas do Bierzo:

Comentarios (0) - Categoría: DE SARMIENTO A MORALES - Publicado o 18-03-2012 14:36
# Ligazón permanente a este artigo
ITINERARIO SARMIENTO
Outra das novidades destas IV Xornadas foi o ITINERARIO SARMIENTO, un roteiro pola vila que resultou unha experiencia moi enriquecedora para ver Vilafranca dende a óptica da vida e da obra do ilustrado galego nado nesta vila. Espazos que percorreu Sarmiento con outros ollos que son os que quixemos imaxinar á hora de facer un percorrido pola contorna distinto do habitual.

Comezamos no Museo de Ciencias Naturais, que serviu de lugar de encontro e de referencia inicial deste itinerario. Unha visita guiada pola persoa que habitualmente mostra ás persoas que alí acoden a ver esta incrible caixa de sorpresas que é este Museo. Tanto ten aves e cunchas esóticas, coma fauna e achádegos arqueolóxicos da zona, ben interesantes. Neste primeiro momento lembramos a cela de Sarmiento e o seu gusto por coleccionar cunchas de todas as praias de Galicia ou por coñecer o mundo natural e os nomes de animais, plantas tanto os científicos, como os denominados vulgares,eses que usaba o pobo. Lola Fdez Álvarez que en todo momento foi quen marcou o ritmo do Itinerario fixo comentarios moi precisos e curiosos sobre o saber de Sarmiento acerca do uso de determinados minerais que están presentes nas vitrinas do Museo.
Logo fomos cara o busto que Sarmiento ten colocado na alameda e lembramos os negrillos, hoxe case por completo desaparecidos, que antes medraban na mesma. Fixemos unha foto ante a Colexiata que parece querer explicarnos o propio Sarmiento "... chámaselle Cruñego por causa de estar antes alí asentada unha abadía de Cluny..." e despois indo cara a igrexa relatamos a relación que esta Colexiata ten co mestre canteiro e pai de Sarmiento. Tamén falamos das vicisitudes do libro parroquial ao que lle faltan as follas onde debería estar rexistrado o nacemento e bautismo de Pedro Joseph García Balboa, que logo será o noso bieito sabio.
De seguir diriximos os nosos pasos cara ao lugar que hoxe é un solar onde estaba a súa casa natal. Fixámonos no sabugueiro e falamos dos seus atributos etnobotánicos, tamén do topónimo da ?Portaxe? e do ?Socubo? e por este barrio camiñamos cara o paseo do río Burbia onde comezamos unha visita que ía da botánica á historia. Á vista dos monumentos que se contemplan dende a beira do río, na confluencia houbo un momento para a poesía de Ramón González Alegre, máis adiante sería a de Enrique de Antón falando do Ciprés, ambos poemas recitados por Lola que fixo fincapé no seu valor sentimental. De todo os xeitos entre comentarios históricos e artísticos á vista de San Francisco, Santiago, da Anunciada ou do Castelo sobre a formación da vila e a súa evolución histórica, foise dando paso á paisaxe natural e a reparar en pequenas plantas como os couseliños e os seus usos como cicatrizantes, a verónica, a planta leitarega, a celidonia, falouse da galocrista que comentaba tamén Sarmiento ao seupaso por Vilela na súa viaxe de 1745, e seguiron aparecendo plantas a cicuta, a artemisa, e tamén árbores coma as salgueiras, de novo os babugueiros, ao pé dos cales houbo quen cantou unha coplas tradicionais, e a estrelamaris, ou un cardo seco que serviu para facer un instrumento, avanzando camiño de Vilela á que non chegamos por facerse xa algo tarde, aínda que a intención era achegarmos ao seu antigo Priorato onde o frade erudito pernoctara.
Foi unha experiencia enriquecedora que nos permitiu ver a vila natal de Sarmiento con outra perspectiva. Un itinerario novo sobre o que seguiremos afondando. A intención é ofertalo como un roteiro máis para veciños e visitantes de Vilafranca e do Bierzo, da capital cultural da comarca, dona dun fermoso patrimonio natural e histórico artístico.

Podes escoitar aquí un audio sobre dito itinerario.
Comentarios (0) - Categoría: XORNADAS MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 14-03-2012 06:32
# Ligazón permanente a este artigo
Acto central das IV Xornadas, 9 de marzo de 2012
O día 9 de marzo comezou a primavera en Vilafranca do Bierzo, non só porque houbo un día cálido e soleado, senón porque a celebración do primeiro dos actos, o que tiña carácter central, das IV Xornadas Martín Sarmiento, foi tamén moi acolledor e entrañable, así foi como o catalogou a propia Coordinadora do programa de promoción da lingua galega nos centros docentes do Bierzo a inspectora de Educación, Rita Pérez Monteserín que asistiu ao acto como representante oficial da Delegación de León da Conserjería de Educación da Junta de Castilla y León. Tamén estiveron presentes, por parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Xoán Rivas Cid,subdirector xeral de Política Lingüística e a Margarita Sánchez Cabarcos, xefa do Gabinete de Normalización Lingüística da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Innovación Educativa da provincia de Lugo.
As autoridades locais, o Concelleiro de Cultura, Luisma Prieto Gaztelumendi e Conchi López Blanco, alcaldesa da vila, foron os encargados de agradecer a presenza no acto das autoridades educativas presentes e de dirixir as primeiras palabras de benvida aos alumnos/as dos centros bercianos de Primaria e Secundaria alí presentes, 12 centros vidos dende Ponferrada, Camponaraia, Carucedo, Cacabelos, Toral de Meraio e dos Vados, ademais dos tres centros existentes na propia Vilafranca, aos que tamén se lles deu ás grazas polo esforzo e traballo realizados.
De seguir iniciou a súa intervención a propia Comisión Cultural Martín Sarmiento na persoa que coordinou as presentes xornadas, Héctor Silveiro, cunha breve charla sobre a figura central dos actos, o Padre Sarmiento e a súa relación co Bierzo, por nacemento, na obra e na pegada presente da súa obra e intereses. Ademais explicou o sentido e filosofía das xornadas tanto á hora de recuperar a memoria do pasado, o noso pasado patrimonial que está intimamente relacionado con Sarmiento, como de conquistar espazos día a día no presente de cara a construír un proxecto de futuro e con futuro arredor da vida e obra de Sarmiento en Vilafranca e no Bierzo.
A continuación o escritor e catedrático da Universidade de Vigo, Anxo Angueira dirixiuse aos alumnos/as bercianas alí presentes para cautivalos coa súa calidade oratoria, recitando veros de Sarmiento e de Antonio Fdez. Morales para evidenciar o carácter de precursor e modelo no que se converteu o propio Sarmiento para os autores do Rexurdimento literario do galego tanto en Galicia coma no Bierzo. Pero se a súa dicción e palabras estiveron cargadas de emoción e sentimento, as intervenciois posteriores, de máis dun cento de rapaces e rapazas que estudan galego no Bierzo, mesmo dalguis dos docentes que coordinaron os traballos en cada centro foron as máis esperadas e emocionantes. Proxectouse primeiro unha breve presentación dos traballos que para Intercambio escolar Martín Sarmiento 2012 prepararon tamén alumnos/as de Pontevedra dos centros IES Valle Inclán e do CPR San Narciso, para dar paso aos institutos bercianos. Mozos e mozas que estudan galego no IES Virgen de la Encina, no IES. Padre Sarmiento, no IES Bergidum Flavium ou no IES Europa desglosaron os contidos dos seus traballos que se agrupaban baixo o título ?De Sarmiento a Morales na procura da nosa identidade?. Tamén o departamento de Castelán do IES Padre Sarmiento fixo unha presentación para establecer un contraste entre a figura de Sarmiento e Morales e a de outros escritores bercianos como Enrique Gil y Carrasco.
Logo viñeron os nenos e nenos nerviosos uns, con soltura os outros, que tamén trataron de resumir en liña xeral as súas indagaciois sobre Sarmiento e Morales e sobre os motivos polos que se estuda galego no Bierzo. Foron os centros de Toral dos vados e Toral de Meraio que realizaron un traballo conxunto, San Lorenzo de Brindis de Vilafranca e da mesma vila o Colexio concertado da Divina Pastora que a pesar de non estra no Programa sumouse ás xornadas, o centro de Carucedo e o CEIP S. Ildefonso de Camponaraia e finalmente o CEIP Valentín García Yebra de Poferrada. Todos eles en formatos variados, case que todos combinando a intervención oral co apoio de imaxes que se proxectaban simultaneamente. hai que ter en conta qu eestes traballos íntegros van ser colgados neste mesmo blog proximamente e a medida que algúns deles que están en pleno desenvolvemento se vaian rematando e cheguen ás nosas maos.
Finalmente, para clausurar as xornadas e antes de recibir un agasallo e un diploma por parte da organización, tiveron lugar sendas intervenciois das autoridades educativas presentes que manifestaron ter asistido a un acto que amosa ás claras o éxito do Programa de Promoción do Galego nos Centros do Bierzo e desexar a continuidade de actividades como as presentes nas que o protagonismo recae nos propios alumnos/as e que son froito da colaboración entre entes sociais e educativos. Cunha invitación a participar na actividade programada para o día seguinte por parte da organización rematouse este acto central das IV Xornadas que tivo lugar no Teatro de Vilafranca.Podedes ver unha reportaxe gráfica máis completa aquí.
Comentarios (0) - Categoría: XORNADAS MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 11-03-2012 12:47
# Ligazón permanente a este artigo
INTERCAMBIOS ESCOLARES NA REDE
Os Intercambios Escolares MARTÍN SARMIENTO entre centros do Bierzo e Galicia seguen sendo unha das iniciativas que curso a curso van medrando á vez que se transforman os contidos e os recursos que se utilizan para levar a cabo esta rica experiencia didáctica. Os modelos cos que levamos experimentando foron:

-Viaxes de alumnos/as do Bierzo a Galicia para logo recibir no Bierzo aos compañeiros galegos/as.

-Intercambios epistolares persoais coa finalidade de usar a lingua escrita que estamos estudando entre distintos centros de Galicia e do Bierzo a través do correo tradicional e tamén por medios dixitais como o correo electrónico.

-Intercambios de experiencias didácticas colectivas a través da rede como por exemplo " Camín de Sarmiento de Marín ao Bierzo" do que podedes ver o seu resultado neste mesmo blog.

Este curso tamén estamos a realizar este tipo de experiencias pedagóxicas, c¡xa levamos carteándonos, agora comezamos cos intercambios colectivos na rede con Pontevedra e outros centros do Bierzo que se acolleron ao Programa de promoción do Galego, ao se cumprir 10 anos do seu comezo. Este curso o intercambio denomínase "De Sarmiento a Morales, na procura da identidade". Logo virá a viaxe a Galicia.

Sobre os intercambios deste ano 2012, comezamos xa a recibir material que estamos clasificando para ir colgando con certa orde pois como novidade vai bhaber tanto traballos de Primaria como de Secundaria, polo que decidimos esperar ata o día 9 de marzo, día do nacemento de Sarmiento en Vilafranca do Bierzio, para que poidades a visulizar, usar e difundir estes traballos que realizan centros do Bierzo ( este ano aumentou o número de Centros que participan desta experiencia na comarca bercina tamén se suman algúns traballos dende Pontevedra e algunha que outra sorpresa que mantemos aínda no tinteiro. Estade logo moi atentos/as ás próximas entradas deste blog.
Comentarios (0) - Categoría: INTERCAMBIOS ESCOLARES CON GALICIA - Publicado o 04-03-2012 23:31
# Ligazón permanente a este artigo
O programa das IV Xornadas Martín Sarmiento


A Comisión Cultural Martín Sarmiento e a Concellalía de Cultura do Concello de Vilafranca do Bierzo á hora de relanzar estas xornadas intentan incidir na relación que mantén Sarmiento coa nosa comarca, non só polo mero feito de ter nacido na vila do Burbia, senón pola impronta que a súa obra ten en fenómenos como o do Rexurdimento do galego e do seu cultivo literario no Bierzo. Por iso aparece ao pé de Sarmiento outro autor como Antonio Fdez. Morales, do que vimos de celebrar o 150 aniversario da publicación dos seus "Ensayos poéticos en dialecto berciano" que reciben unha forte influencia da obra de Sarmiento titulada "Coloquio dos 24 galegos rústicos" composto en 1746.

Este ano facémonos eco tamén doutro aniversario, o do décimo curso escolar no que está presente nos centros docentes do Bierzo o ?Programa de Promoción do Galego?. Por este motivo imos darlles protagonismo nestas xornadas aos centos de alumnos/as, as máis de mil familias que escolleron voluntariamente esta materia á hora de matricularse tanto en Primaria como na ESO ou Bacharelato, celebrar os bos resultados que está tendo e o éxito do programa tamén co profesorado e, por suposto, co conxunto dos centros nos que se imparte. O alumnado de Vilafranca, do resto do Bierzo e mesmo de Pontevedra exporán as liñas básicas dos traballos que está realizando para os INTERCAMBIOS ESCOLARES "MARTÍN SARMIENTO 2012?.
Este ano ademais inauguramos o ITINERARIO SARMIENTO, incorporando á oferta turística e patrimonial de Vilafranca do Bierzo, este percorrido multidisciplinar e moi singular polo núcleo urbano e os seus arredores, á imitación do ?modus opperandi? do propio Sarmiento nas súas viaxes.

PROGRAMA DE ACTOS

Venres 9 de marzo: Teatro de Vilafranca

11h: INAUGURACIÓN: Intervención da Alcaldesa e o Concelleiro de Cultura.
CHARLAS: SARMIENTO E O BIERZO

-Sarmiento e o Bierzo,
por Héctor Silveiro, coordinador da Comisión Cultural Martín Sarmiento e membro correspondente da RAG.

-De Sarmiento a Morales,
por Anxo Angueira, catedrático de Lit. Galega da Universidade de Vigo, escritor e recitador recoñecido.

12h. EXPOSICIÓN TRABALLOS DOS INTERCAMBIOS ESCOLARES:
?De Sarmiento a Morales, na procura da identidade?
-Centros de Primaria e IES do Bierzo e Pontevedra: (powerpoint)
Os centros participantes nos INTERCAMBIOS ESCOLARES MARTÍN SARMIENTO 2012:

CEIP e IES do BIERZO
CEIP S. Lorenzo de Brindis (Vilafranca)
CEIP V. García Yebra (Ponferrada)
CEIP Compostila, (Ponferrada)
CPEIP Divina Pastora (Vilafranca)
CRA Jimena Muñiz (Corullón)
CEIP Jesús Maestro, (Cuatroventos)
CEIP San Ildefonso, (Camponaraia)
CRA Toral de Merayo,
CEIP M.L.Ucieda (Toral dos Vados)
CRA Carucedo
CRA Ponte de Domingo Flórez.
CEIP Virgen del Carmen,(Placa)
CEIP V. de la Quinta Angustia (Cacabelos).
IES Bergidum Flavium (Cacabelos)
IES Europa (Ponferrada)
IES Padre Sarmiento (Vilafranca)
IES Virgen de la Encina (Ponferrada)

Centros de Galicia:
*Estes traballos froito do intercambio con centros de Pontevedra. Os centros son CPR San Narciso de Marín e IES Valle Inclán de Pontevedra.


13h. CLAUSURA:
Coa intervención do director do IES Padre Sarmiento como un dos centros participantes e das autoridades educativas presentes da Comunidades autónomas de Galicia e de Castela e León. Entrega de Diplomas aos participantes.

Sábado 10 de marzo.

11h. ITINERARIO SARMIENTO
O Itinerario SARMIENTO é unha iniciativa de promoción e reivindicación patrimonial da vila natal de Martín Sarmiento a través dos lugares que están estreitamente relacionados coa vida e coa obra do sabio ilustrado. Seguindo o seu lema ?sapere aude?: ?atrévete a saber? realizaremos un percorrrido por VILAFRANCA DO BIERZO e a súa contorna. Será unha posta en común de distintos estudosos locais de campos como a Natureza, a Historia e a Cultura tradicional e do que poden participar veciños e visitantes desta vila na que a primavera comeza un 9 de marzo.

O Itinerario comezará ás 11 horas na Alameda ao pé do busto de Sarmiento realizado por A. Nogueira.

Organiza este itinerario a Comisión Cultural ?MARTÍN SARMIENTO? Colaboran: Asociación ?BARANTÉS?, Asociación ?A MORTEIRA? e Aso. Cultural ?BURVAL? e a Oficina de Turismo Local.

Comentarios (0) - Categoría: XORNADAS MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 02-03-2012 06:44
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0