Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.
O ciclo de Nadal que dura trece noites dende o 24 de decembro ao 6 de xaneiro, no Bierzo conserva curiosidades pouco coñecidas como o costume do Apalpadoiro ou as rondas con cornos ou as fogueiras na noite de fin de ano ou xa na noite do 5 os troxos e o canto dos Reis.
Este ciclo que celebra desde moi vello o solsticio de inverno con diversos rituais foise cristianizando como veremos ao longo dun proceso de séculos. Pero hai que advertir que o nacemento de Xesús foi colocado no calendario varios séculos despois de que o Cristianismo fose a relixión oficial do Imperio Romano, razón pola cal chegou a estas terras, como ben sabedes. Antes os pobos mediterráneos e os pobos atlánticos celebraban o solsticio atendendo a divindades como Iule para os celtas, o Sol Invicto en Roma ou Horus ou Osiris (fillo da deusa virxe, Isis) en Exipto.
Durante a festividade de Iule era tradicional queimar un tronco de Iule, un longo tronco dunha árbore que ía ardendo lentamente durante toda a tempada de celebraciois na honra do nacemento do novo sol (este costume coñécese co nome de tizón do Nadal en certos pobos de Galicia onde aínda se realiza). A luz do sol e o lume son dous elementos logo a ter moi en conta ademais da árbore neste caso como fonte de luz e calor, outro dos seus poderes. Lembremos que para os galos, a enciñeira era unha árbore sagrada sobre a que os druidas, sacerdotes celtas guardiáns das tradiciois, recollían o visco ( denominado "muérdago" en castelán) seguindo un rito sagrado.
O Apalpadoiro de Sobrado ou de Visuña
Na antigua Roma, en decembro festexábase a Saturnalia, en honor ao reinado do deus Saturno na Idad de Ouro. Daquela a Terra producía abundantemente e non había guerras nin discordia.
A Saturnalia duraba unha semana enteira, con comilladas e abundante bebida. O noso Entroido, a festa tradicional que vén axiña, logo do Nadal, conserva con estas festas tamén certa relación pois ao longo da Idade Media, os festexos típicos das Saturnalia foronse alongando no tempo ata converterse no que hoxe en día coñecemos como Carnaval.
No Bierzo no lugar de Sobrado hai un costume, o do Apalpadoiro que consiste en apalparlle a barriga aos nenos/as ben na noite do 31 de decembro ou ben cadra na noite de Nadal, por ver se van recibir o novo ano co estómago ben cheo, é dicir, forte e san. Esta tradición atopámola moi estendida noutras zonas veciñas tanto no Bierzo, por exemplo en Visuña (Oencia) como das montañas do Caurel ou Ancares coas que compartimos cultura e economía.
O Apalpador vén sendo un carboeiro (que facía carbón vexetal nos bosques das montañas) que baixaba ás aldeas para apalpar as barriguiñas e deixar como agasallo un puñado de castañas. Así nolo contan os vellos nun vídeo gravado recentemente en diversos lugares de Ancares, Caurel e o Bierzo:
Fixádevos nas coplas que se cantan no galego da zona:
Vaite logo meu nenín,
vaite logo pra camiña,
que ha de vir o apalpador
a apalparche a barriguiña.
Os Cornos de Vilafranca
Os nosos avós lembran que antes da guerra do 36 era costume saír calquera das noites de Nadal a Reis unha ronda de rapaces tocando os cornos dun xeito moi monótono polas rúas da vila que adoitaban estar baixo unha néboa na que resoaban dun xeito espectacularmente ancestral: tu, tu, tuuu... tu, tu, tuuu...
O corno preparábase días antes. Dábanllo a escoller aos nenos de entre os mellores exemplares das vacas que mataban nas carnicerías locais coma a do Manolo "o Xato". Cocíase para lle quitar os miolos e logo pulíase cun cristal, cortábaselle o bico e/ou furá para poderlle incorporar unha especie de pallón, como os da gaita, que se facía cunha rama de sabugueiro.
O costume que seguro ten unha orixe remota de celebración ritual do solsticio onde son frecuentes por un lado as trasnadas e por outro as rondas de aguinaldos que en Vilafranca, como comprobaremos máis adiante ao falar dos troxos, escolleuse esta outra fórmula de festexalo que hoxe xa se perdeu.
Os Manueles de Ponte de Rei
Os Manueles son o festexo na Noitevella da entrado do día primeiro do ano,que no santoral cristiá dedícase Manuel, de aí o nome que reciben en muitos lugares aguinaldos e cantigas de corte relixioso que se cantaban nesta noite. Pero en Ponte de Rei,a poucos quilómetros de Vilafranca, atopamonos cunha celebración ben diferente hoxe perdida, pero da que gardan memoria todos os seus veciños. De novo o lume era parte fundamental do festexo. Facíase unha gran fogueira ao redor da cal se xuntaban para cantar e facer festa toda a noite.
Este costume ou ritual do lume, propio do solsticio de inverno, reaparece logo na vila de Vilafranca e noutros lugares do Bierzo días despois no Santo Tirso ( 28 de xaneiro) ou no San Blas (3 de febreiro). É unha tradición moi vella anterior á relixión católica ou mahometana e incluso, dentro das distintas prácticas relixiosas, non se celebrou sempre na mesma data. Un dos antecedentes pode estar na festividade celta do Beltaine, que se realizaba o primeiro de maio. O nome significaba "lume de Bel", un festival anual en honor ao deus Belenos.
Durante o Beltaine acendíanse fogueiras que eran coroadas polos máis arriscados con longas pértigas. Despois os druidas facían pasar o gando entre as chamas para purificalo e defendelo contra as enfermidades. Á vez rogaban aos deuses que o ano fose fructífero realizando o sacrificio dalgún animal. Outra das raíces de tan singular noite hai que buscala nas festas gregas dedicadas ao deus Apolo, que se celebraban no solsticio de verán con grandes lumes de carácter purificador. Os romanos dedicaron á deusa da guerra Minerva unhas festas con lumes e tiñan o costume de saltar tres veces sobre as lapas. Vexase esta referencias entre literaria e antropolóxica de Gilberto Núñez Ursinos
Os Troxos de Vilafranca
Na noite do día 5 de xaneiro eran moi habituais as trasnadas en muitos pobos. En Vilafranca parece que lle tocaba entre outros aos solteirois ou solteironas aos que se lles deixaba no balcón como "agasallo" un troxo, tronco da berza,roubados nas hortas da beira do río. Era unha burla para estes veciños e veciñas que ben non durmían á espera dos mozos que viñan a altas horas da madrugada a colocalos, ou ben intentando sorprendelos cando se subían aos balcois botándolles un cubo de auga por riba. Era unha noite movida. Antigamente contan, que ao non haber neveiras, había alimentos perecedeiros como o leite que se deixaba nas ventás ou no balcón ao frío. Os mozos que andaban a colgar os troxos facían desaparecer estes alimentos e logo cantaban: " Alpabarda, vente ao cesto!"
Os Reis de Oencia.
Son de todas as celebraciois citadas os máis estudados e coñecidos. Eran cantigas de carácter relixioso (cuxo texto estaba en castelán) que se cantaban pola aldea de casa en casa para pedir o aguinaldo.
Os mozos e mozas divididos en dous grupos que cantaban alternativamente unha copla cada un:
Un grupo cantaba por exemplo:
" Los tres reyes magos
de Oriente han salido
porque de los cielos
aviso han tenido."
E o outro continuaba cantando:
"Madre a la puerta está un niño,
más hermoso que un sol bello,
y dice que tiene frío,
se ve el pobre en cueros".
O texto usado ten máis coplas que non reproducimos. Os mozos saían acompañados de gaita, tambor e bombo calquera día despois do día primeiro do ano e anterior ao de Reis coa intención de pedir o aguinaldo por iso
as coplas coas que remataban eran coplas petitorias que adoitaban a estar en galego da zona, case sempre eran de agradecemento, pero tamén as había de burla e escarnio:
"Estas portas son de ferro
eiquí vive un caballero"
"Estas portas son de estopa
eiquí vive un lapasopas"
Así logo eran algunhas das celebraciois tradicionais da fin das tebras e o comenzo dun novo ano no Bierzo ata hai ben pouco. Deberiamos saber conservalas. Para que isto sexa posible botaremos mao dunhas palabras rituais da sacerdotisa das Saturnalias, esperemos que nos escoite:
"Esta é a noite do solsticio, a noite máis longa do ano. Agora as tebras trunfan e aínda así fica un pouco de luz. A respiración da natureza está suspendida, todo espera, todo dorme. O Rei Escuro vive en cada pequena luz. Nosoutros esperamos a alba cando a Gran Mai dará novamente á luz ao sol, coa promesa dunha nova primavera. Así é o movemento eterno, onde o tempo nunca se deten, nun círculo que o envolve todo. Xiramos a roda para suxeitar a luz. Chamamos ao sol do ventre da noite. Así sexa."
Esperemos que estas manifestaciois culturais non se perdan para sempre e como a alba despois da noite máis longa, volvan a celebrarse todas como así pasa xa co Apalpador que hoxe se está a celebrar de novo en muitos fogares de Galicia.
Non moi lonxe, no Cebreiro, cantan os Reis, iso si acompañados da Carantoña unha figura disfrazada que espero aínda siga saíndo e que xa anuncia a próxima festa da que é un antecedente: o Entroido nas montañas.