Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.
En lingüística denomínase superestrato ao conxunto de características léxicas, fonéticas e gramaticais deixadas nunha lingua por outra invasora. En contraposición, denomínase substrato ás características deixadas pola invadida na invasora. Así, por exemplo, pódense considerar como superestrato do galego as palabras e estruturas incorporadas ao dialecto romance das distintas tribos xermanas e o árabe tralas súas respectivas conquistas da península Ibérica.
Os Suevos:
Son xermanos occidentais que chegan a Galiza no 409, onde fundan o 1º reino europeo occidental independente (con capital en Braga) tras a caída do Imperio Romano. O Reino Suevo durou até o 585, cando son vencidos polos visigodos, outro pobo xermánico. Os suevos chegados á Gallaecia non foron máis de 25 ou 30 mil. O seu escaso número e a súa débil formación cultural fixo que axiña adoptasen a lingua e a cultura dos galaico-romanos que era o latín.
Os Visigodos:
Son xermanos orientais orixinarios de Dinamarca e Suecia. Asentáronse no S. V na península des- pois de residir en Lombardía e loitar xunto aos romanos na fronteira búlgara. Despois de vencer aos suevos no 585, o seu reino (con capital en Toledo) rematou coa invasión árabe (711). Pero, máis que polo que nos deixaron, a importancia lingüística dos xermanos radica en que causaron un importante declive cultural e debilitaron as comunicacións entre os distintos reinos do que fora o Imperio Romano. Por isto, o latín de Hispania ficou abandonado ás súas propias tendencias, e, polo tanto, en situación de come- zar unha evolución autónoma a respecto dos demais lugares latinizados de Europa.
Diego Muñoz Barcia, CPR San Narciso
Palabras do superestrato de orixe Sueva ou Visigoda
Na nosa toponimia (nomes de lugar) atopamos moitas palabras que fan referencia aos pobos xermánicos, suevos ou visigodos, que poboaron estas terras cando o Imperio romano non foi capaz de contelos. No Bierzo tamén temos algúns destes nomes que fan referencia a un pasado xermánico.
Así temos Guimil, cuxa raíz , -MIL, procede de MIRUS, MIRI, procedente do xermánico MEREIS, que significaba ?poderoso. O mesmo podemos dicir para Vilasumil. Outro exemplo é Ransinde, cuxa terminación, -SINDE, provén de SINDUS, SINDI, que procede de SINTHS, co significado de ?camiño. No mesmo caso estaría tamén Vilasinde, coa mesma terminación.