Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia. |
|

|
O meu perfil |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
9 marzo do 2017 332 anos despois... |
|
Hoxe fai 332 anos que nacía Pedro Joseph en Vilafranca do Bierzo, un meniño ao que a súa nai concedeulle un gran tesouro sen ela ser consciente daquel legado que lle ofrecía con cada cantiga de berce que lle cantaba, con cada palabra agarimosa co que acariñaba. Foi o seu idioma materno. A súa nai, posiblemente berciana, ou cando menos nativa e falante do galego oriental, chamaríao Perucho, mais, co tempo, recoñecido como un sabio erudito, foi Martín Sarmiento, hoxe considerado o pai das Letras Galegas.
Pois ben se este home é hoxe lembrado por nós, non o é polo seu lugar de nacemento, que con ser importante e logo de diversas controversias, ten singular transcendencia entre nosoutros porque nos permite incorporarnos a ese cúmulo de homenaxes e estudos que procuran difundir e popularizar o seu labor en campos non só relacionados coas Letras, senón tamén nos de diversas ciencias e coñecementos.
A nosa contribución á manter viva a súa memoria pasa por revitalizar constantemente o seu amor pola lingua materna que escuitou, por vez primeira no Bierzo un 9 de marzo, pero que non esqueceu e que defendeu ata a fin dos seus días sabendo legar unha chea de propostas e servindo de modelo mesmo para a escrita da literatura moderna en idioma galego. Precisamente un dos seus ávidos lectores, dos muitos que tivo no século XIX, foi Antonio Fdez Morales de quen celebramos o seu bicentenerio precisamente este ano. Este é, en definitiva, o motivo de que de novo xuntos, estes dous persoeiros das nosas letras comparezan da mao e sexa Sarmiento e as súas Xornadas en Vilafranca (que van pola IX edición) os que abran a porta dos actos do bicentenario do cantor do Bierzo en galego, autor dos Ensaios poéticos en dialecto berciano, o segundo libro do Rexurdimento galego, editado dous anos antes que esoutra obra considerada a máis emblemática deste movemento da literatura contemporánea galega, os Cantares de Rosalía.
Este ano as Xornadas, por cuestiois coxunturais, celébranse o próximo día 14 de marzo, pero é de xustiza que fagamos un pequeno recordatorio da data e que nos preparemos para afrontar no Bierzo un ano de gran importancia para o idioma que tanto amaba Perucho, amor que soubo comunicar e perpetuar en persoas como Antonio Fernández. Morales. |
|
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|