Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia. |
|

|
O meu perfil |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
O BIERZO NAS LETRAS GALEGAS 2014: A TEA DOS SOÑOS DE DÍAZ CASTRO A GONZÁLEZ-ALEGRE. |
|
Ano tras ano dende 1963 Galicia celebra o 17 de maio o Día das Letras Galegas. Ano tras ano tentamos descubrir a relación dos autores homenaxeados co Bierzo e como se dun arar se tratase, suco a suco comprobamos que este Día das Letras tamén é un día a celebrar desde o Bierzo porque a nosa comarca mantén un estreito vínculo coa historia da lingua e a cultura galegas. Ese antigo vencello da Gallaecia Romana, Sueva ou Medieval segue vivo ao longo dos tempos, desa saba de máis de mil anos que nos envolve e os soños dos nosos autores, deses que escribiron en galego Sarmiento, Fernández Morales, Bálgoma Suárez ?
Este ano 2014 celebramos a un poeta contemporáneo de Guitiriz, a Xosé María Díaz Castro (1914-1990) un poeta descuberto e posto en valor para a intelectualidade de Galicia por outro poeta berciano, o vilafranquino Ramón González-Alegre (1920-1968).
Efectivamente non son poucas as conexiois existentes entrambos poetas. O berciano González-Alegre foi o creador e impulsor dunha revista, a revista ALBA, clave para entender o rexurdir da poesía galega da posguerra. Ás súas páxinas cun tremendo acerto, maior namoro e sorprendente intuición, o noso poeta vilafranquino foi achegando a esta publicación aos poetas novos que marcarán o camiño da poesía en Galicia dende a súa aparición no ano 1948 ata o 1956. Pois ben, foi González-Alegre quen edita por vez primeira o poema máis coñecido do hoxe homenaxeado, xermolo do seu poemario posterior. Foi na revista ALBA do ano 1950 na que da a coñecer o famoso poema Penélope co que Xosé M. Díaz Castro vai ser consagrado como un dos poemas máis destacados do momento. Na revista figuran aínda outras tres composiciois máis que logo formarán parte do seu loado libro, titulado Nimbos, que tardaría en ver a luz aínda algo máis dunha década. Será tamén González-Alegre quen no seu libro a Poesía gallega contemporánea (1954) e na Antoloxía de la poesía gallega contemporánea (1958) distinguirá a Díaz Castro como entre os máis salientables, paso fundamental para o seu recoñecemento posterior e actual.
As relaciois entrámbolos dous vai máis aló. Os dous autores comparten fórmulas poéticas semellantes. Un intimismo onde a paixón pola terra e a paisaxe, nadas na infancia, unha na Terra Chá luguesa e a outra no Bierzo, marcan a súa poesía, as súas almas de poetas. Comparten tamén a preocupación existencial e relixiosa, o seu catolicismo e un claro misticismo nos seus versos, onde asoma dun xeito moi persoal a problemática social.
O Bierzo e Galicia de novo comparten dalgún xeito a celebración a este poeta. De viviren o noso malogrado autor lembraría ao seu amigo. Que menos que os amantes da boa poesía, un día coma este, manteñamos viva a memoria e manifestemos no presente, tamén desde o Bierzo, co noso González-Alegre os valores que soubo ver en Díaz Castro como a ?un verdadeiro poeta?. Ambos coincidiron tamén en reivindicar a fala dos seus, da súa terra natal e ambos expresarían de xeito semellante a súa preocupación polo devir do galego en Galicia e no Bierzo. Sentir que ecoa tamén para os bercianos nos versos do poema antes citado de Díaz Castro, pois vai andando a modiño ?un paso adiante e outro atrás? mentres tecemos ?a tea dos soños? e ?a espranza nos nosos ollos se espreguiza?. Galicia e o Bierzo, algún día celebraremos xuntos este Día das Letras na honra de Ramón González-Alegre.
Héctor M. Silveiro Fernández, académico correspondente polo Bierzo da Real Academia Galega. 17 de maio de 2014 .
|
|
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|