O MEGO DA ESCOLA


Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

XORNADAS DE PATRIMONIO COA PRESENZA DE SARMIENTO

Esta mañá comezan as III xornadas denominadas Patrimonio Natural e Cultural do Bierzo que vén coorganizando Burval, a Universidade de León e a Universidade de Vigo.

A primeira das xornadas vai reparar no Museo de Ciencias Naturais onde tamén a partir de hoxe a presenza de Sarmiento será máis evidente ao lucir un panel que intenta reclamar para este sabio erudito un espazo. A iniciativa da Comisión Cultural Martín Sarmiento á que se sumou a Asociación Burval é tan só un primeiro paso para ir incorporando máis elementos relacionados co "modus opperandi" deste ilustrado adiantado á súa época.

Ademais dunha foto do panel reproducimos a continuación o texto que o acompaña dirixido aos visitantes do Museo:



Atrévete a saber! o lema de SARMIENTO (1695-1772)

O padre Martín Sarmiento naceu en Vilafranca do Bierzo un 9 de marzo de 1695 onde foi bautizado co nome de Pedro Joseph García Balboa. Pasou a súa infancia en Pontevedra e ingresaría na orde dos bieitos aos 15 anos. Como resultado dunha atracción entusiasta polo saber, aquel novicio axiña converteríase nun verdadeiro sabio, deses que manteñen viva a voz do seu pensamento como un home de hoxe, cun discurso vixente na actualidade.
Considerado unha das figuras máis destacadas da Ilustración en España, era un erudito e polígrafo que tivo unha relación moi especial co mundo natural a pesar de vivir unha gran parte da súa vida nunha cela do convento de S. Martín en Madrid. Pero será nas súas viaxes a Galicia cando comece un traballo sistemático sobre dúas das facetas máis salientables do seu dilatado labor ligado ao desenvolvemento e evolución dos estudos modernos das Ciencias e das Letras. Naquelas viaxes ao reino de Galicia, ao seu paso polo Bierzo, é o primeiro en documentar para as Letras e para as Ciencias os nomes locais das plantas e os seus usos, ademais de ir anotando outras muitas curiosidades fruito do seu afán científico. Apuntamentos dos que logo nacerán tanto grandes proxectos (referímonos á creación do Real Jardín Botánico en Madrid (1755) do que Sarmiento, en gran medida, foi promotor), como unha multitude de tratados de Ciencias Naturais (por exemplo ?Planos para una Historia Natural?(1751) ou a curiosa ?Disertación sobre a carqueixa? (1759), consolidándose así como referente da Ciencia na Europa do XVIII. Mais o seu saber lévao á vez a redactar estudos de Letras. Aquel coidado por recoller os nomes vulgares ou locais das plantas e animais, ou dos lugares por onde pasa, será o comezo de numerosas reflexións sobre a lingua galega, debido ao amor e ao interese polo seu idioma materno, ese que escuitara, por vez primeira, nesta vila berciana e que falaba na súa infancia pontevedresa. Sarmiento convértese así non só no primeiro filólogo do galego, senón que, tras crear o seu ?Coloquio dos 24 galegos rústicos?(1746) constituirase autor modelo a seguir para escritores posteriores como a galega Rosalía de Castro ou o berciano Fernández Morales, poetas ambos do Rexurdimento da literatura galega contemporánea.
Sabemos que a súa cela madrileña era un verdadeiro gabinete dun sabio científico onde acumulaba máis de 7000 libros, posuía e usaba varios instrumentos científicos (telescopio, microscopio...) cultivaba plantas, tiña unha boa colección de cunchas mariñas, e mesmo un corno de rinoceronte, ademais dun cariñoso gato. Outramente recibía visitas tanto de humildes paisanos, como de nobres ministros ou embaixadores, de homes de Letras e de Ciencias; estaba subscrito ás publicaciois máis prestixiosas de toda Europa, mantiña correspondencia con científicos notables (Linneo, De Quer...) e era consultado e redactaba estudos sobre animais exóticos como a cebra ou especies mariñas como os atúns, elaborando por veces propostas brillantes e moi avanzadas que hoxe se están a aplicar para animais en perigo de extinción, coma o lince (ese mesmo e misterioso animal feroz que era coñecido como lobo cerval no Bierzo e foi abatido nas proximidades de San Pedro de Montes en 1760).
Sarmiento preocupouse evidentemente pola educación da xuventude, defendía cousas como o uso do galego por parte dos mestres ou un contacto directo e experimental coa natureza para garantir un coñecemento real, ?que os discípulos vexan e apalpen?. Concibe o saber como algo integral un encontro entre o ecolóxico e o etnocultural, partindo do local e peculiar camín do universal, invítanos a descubrir o patrimonio nun sentido global, natureza e cultura. Esa é a invitación que queremos que comparta quen se achegue a visitar este Museo, Vilafranca e o Bierzo seguindo os pasos de Sarmiento.
Comentarios (0) - Categoría: BIERZO NATURAL - Publicado o 12-07-2013 12:31
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0