O MEGO DA ESCOLA


Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O IES. VALLE INCLÁN NAS IV XORNADAS MARTÍN SARMIENTO
Traballo realizado para os INTERCAMBIOS MARTÍN SARMIENTO 2012 por alumnos/as de 3º da ESO do IES. VALLE INCLÁN de Pontevedra (Pontevedra) que coordinou Xosé Álvarez García


Este traballo que leva o título xenérico de Sarmiento e o Rexurdimento do galego, por tratarse xa dun traballo de Secundaria e pola súa amplitude vai ser presentado en distintas entradas ou apartados alternándoo co dos outros centros para darlle forma tamén así neste blog ao importante labor colectivo co que se deseñaron os Intercambios didácticos na presente edición.

Comezamos pois coa aproximación á figura de Sarmiento que desde Pontevedra realizaron neste centro.

Martín Sarmiento Ilustrado galego: Pai das Letras Galegas

Durante o século XVIII Europa viviu a época da Ilustración, un movemento cultural que foi durar ata o comezo da Revolución Francesa. Durante este período o pensamento humano avanza grazas ao traballo dos ilustrados que son como a luz nun momento de escuridade e tocan os ámbitos político, social e económico.
Nesta época en Galicia a lingua galega atopábase nunha clara decadencia por varios motivos. A nobreza galega fora substituída por outra foránea; o poder económico, político e relixioso pasara a mans de funcionarios e cregos casteláns que viñeran a Galicia.
Nas igrexas e nas escolas suprimiuse a utilización do galego substituíndoo polo castelán, o que axudou máis á súa marxinación.
Tamén, a poboación galega das clases superiores decidiu cambiar a súa lingua, cun gran desprestixio social, polo castelán. Por todo isto, a lingua galega viviu un período de silencio coñecido como os Séculos Escuros, pero coa chegada da Ilustración a situación comezou a cambiar, os máis importantes ilustrados galegos foron o padre Feijóo e o padre Sarmiento.

Pedro Xosé García Balboa, máis coñecido como Frei Martín Sarmiento, é considerado un dos pais da lingüística galega. Nace en Vilafranca do Bierzo o 9 de marzo de 1695 aínda que con catro meses xa era veciño de Pontevedra e polas nosas rúas e prazas gozaba dos xogos infantís.
Foi defensor dos humildes desde a luz novidosa dun pensamento que o converteu nun pioneiro da Ilustración, como cando defendeu a lingua galega e apostou sen disimulo pola súa implantación no ensino.

Sarmiento defendía con todo o seu ser a lingua galega e por isto tivo moita relevancia. Estaba convencido de que un alto número das persoas que falaban galego, non sabían o significado da maioría das palabras que usaban. Por iso, Sarmiento comezou a realizar estudos sobre a etimoloxía das palabras galegas que escoitaba. Era un home que se preocupaba pola cultura da súa provincia.
Combateu xunto con Feijóo a superstición e a ignorancia, levando a cabo a fundación de diversas bibliotecas nas vilas. Grazas a el, conseguiuse un grande avance na investigación, recuperación e coñecemento do galego. Tamén se interesou polas ciencias e pola botánica como demostra nalgúns dos seus escritos como: Disertación sobre las virtudes maravillosas y uso de la planta llamada carqueixa (1761), Sobre los vegetables kali, sosa y la barrilla (1756). Pero a maioría das súas obras están centradas na lingua, cultura e dignidades galega: Coloquio de veinticatro gallegos rústicos ou Coplas gallegas y Glosario (1746), Catálogo de voces y frases de la lengua gallega (1745-55), Sobre el Origen de la Lengua Gallega y sobre la Paleografía española (1755), Viaje a Galicia (1755), La educación de los niños, Discurso apologético por el arte de rastrear las etimologías de las lenguas vulgares (1770).



Sarmiento defendía que aos nenos galegos recibisen o ensino en galego, porque na súa época ensinábanlles latín en castelán e como el dicía, ensinábanlles unha lingua que non comprendían noutra que tampouco entendían. Tamén critica os castigos físicos aos que eran sometidos os nenos por falar galego na escola.
Tamén denunciaba que os propios cregos non entendían a lingua dos campesiños que se ían confesar e polo tanto, dificilmente lles podían perdoar os pecados na confesión.
Polo tanto o que el defende é introducir o galego na escola, xa xustiza, na Igrexa, etc., porque considera que unha das causas do atraso de Galicia é por non poder usar o seu propio idioma e que isto foi debido á chegada de xentes de fóra que viñeron desempeñar os mellores cargos ignorando o idioma.

Debido ao importante labor que realizou respecto á lingua galega, en 1944 fundouse o Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos, que pretendía ser unha continuación do Seminario de Estudos Galegos. Neste instituto realízanse exposicións, publicacións e labores de investigación nas ramas de Humanidades e Ciencias Sociais.

Por último, para recoñecer o seu importante labor dedicóuselle o Día das Letras Galegas no ano 2002. Con motivo desa celebración, asinouse un acordo coa Junta de Castela e León para introducir o galego nos colexios e institutos do Bierzo, a terra onde nacera Sarmiento e onde aínda se fala galego.



Traballo realizado por: Laura Lueiro, Clara Pérez, Cristina Díaz, Emma Lendoiro e Raquel López (3ºA)
Comentarios (0) - Categoría: DE SARMIENTO A MORALES - Publicado o 15-04-2012 21:30
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0