O MEGO DA ESCOLA


Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Aumentan lixeiramente os alumnos de galego da Secundaria no Bierzo.

Este curso 2014-15, polos datos que coñecemos volven a superarse os máis de 1000 alumnos/as que cursan en total (contando coa Primaria) unha materia en galego no Bierzo e a As Portelas. Pero o interesante e novidoso é sinalar que serán cerca de 200 os alumnos/as de galego da Secundaria (ESO e Bacharelato) na comarca berciana.

Non é unha mala nova despois dos problemas que o curso pasado se deron cos intentos de supresión de aulas de galego nos IES de Cacabelos ou de Ponferrada. Este curso aumenta a matrícula global en Secundaria seguindo unha tendencia que dende que comenzou a introdución do Programa de galego non se detivo como reflicte a gráfica que elaboramos cos datos oficiais tirados da Consejería de Educación da Junta de Castilla y León. E aínda que non é todo ouro o que reloce, temos que alegrarnos de que as familias bercianas sigan apostando por esta optativa que ofrece a posibilidade de obter o título CELGA para todos os que cursan finalmente a materia de Lingua e Cultura Galegas en 4º da ESO e logo no Bacharelato. Un prestixioso título que abrirá portas a estes alumnos/as de cara ao seu futuro profesional.
Comentarios (1) - Categoría: O GALEGO NOS CENTROS DO BIERZO - Publicado o 07-10-2014 00:41
# Ligazón permanente a este artigo
O IES. EUROPA XA TEN GALEGO NO BACHARELATO
Co comezo das clases despois das vacaciois de Nadal, o Ies Europa recupera a materia optativa de Lingua e cultura galega para o Bacharelato. Castela e León, despois dun primeiro trimestre do curso de chamadas de atención e queixas dende o propio centro, de diversos colectivos bercianos, de entidades coma a Real Academia Galega, a intervención da Secretaría Xeral de Política Lingüística ou o Parlamento de Galicia, e mesmo provocar unha pregunta ao goberno autonómico no Parlamento de Castela e León, decide por fin, neste segundo trimestre, reanudar as clases de galego en Bacharelato. (podemos ver algunha referencia na prensa).

Todos sentimos o tremendo varapau que estas incidencias supoñen para o prestixio dun Programa como este. Un Programa que dende que se puxo en marcha tivo unha moi boa acollida entre o alumnado e as familias bercianas do Bierzo, a pesar de ser pouco difundidas as súas vantaxes para os alumnos/as que deciden escollelo que teñen que ver coas súas futuras saídas laborais, ademais da importancia para manter a riqueza patrimonial, lingüística e cultural da nosa comarca.

Desexamos que o próximo curso se perfilen novas perspectivas e que a propia Administración educativa manteña unha aposta máis firme pola presenza do galego nunha boa parte dos centros bercianos tal e como mandatan os Estatutos das Comunidades de Galicia e Castela e León que asinaron un acordo que permitiu a introdución desta lingua propia do Bierzo nos centros de ensino, aló polo ano 2002.
Comentarios (0) - Categoría: O GALEGO NOS CENTROS DO BIERZO - Publicado o 14-01-2014 17:45
# Ligazón permanente a este artigo
O GALEGO NO BIERZO NO PARLAMENTO DE GALICIA: Comparecencia do Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta sobre o galego nos centros do Bierzo
Á pregunta do grupo parlamentario do BNG sobre a situación do galego no ensino no Bierzo, compareceu Valentín García Gómez no día de hoxe 28 de novembro para puntualizar as actuaciois que se están levando a cabo. Esperemos que, como di no turno de réplica o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, no que se comprometeu a reclamar no nome de todos os grupos parlamentarios do Parlamento de Galicia esta solicitude oficial opteña unha resposta positiva por parte da Administración de Castela e León para que o IES Europa poida impartir en Bacharelato a optativa de galego.


Podedes ver a repercusión na prensa no Bierzo á pregunta da parlamentaria Ana Pontón do BNG e a resposta de Valentín García, así como as réplicas correspondentes, nos seguintes vídeos:











Comentarios (0) - Categoría: O GALEGO NOS CENTROS DO BIERZO - Publicado o 28-11-2013 20:51
# Ligazón permanente a este artigo
XUNTA E JUNTA SEGUEN SEN OFERTAR GALEGO NO IES EUROPA

Tras dous meses caóticos con respecto aos problemas que presenta a materia de galego no IES Europa na etapa do Bacharelato,as Administraciois responsables seguen sen solucionar a situación. Cal é o motivo?

Unha situación caótica está sufrindo o IES Europa coa posta en marcha no presente curso do Programa de galego. Comezou, como todos os anos, con alumnos/as matriculados na materia optativa de galego en todos os cursos da ESO e Bacharelato. Pero na segunda semana do mes de outubro pasados máis de vinte días do comezo do curso e de estar impartindo clases nas dúas etapas como noutros anos sucedera, as autoridades educativas comunícanlle á profesora da materia que debe desprazarse a dar unhas horas de galego de Bacharelato aos IES Bergidum Flavium de Cacabelos, deixando sen clases aos rapaces desta etapa nos cursos de 1º e de 2º do IES Europa.
A estes rapaces do Bacharelato, sen facer caso das reclamaciois a Administración educativa de León obrígalles, se queren seguir no centro no que estaban matriculados, a deixar a materia de galego e a escoller outra optativa, ou ben abandonar este centro e incorporarse a outro na mesma localidade para seguir cursando galego. Só un caso cambiou de centro, polo que os demais seguen no Europa, pero sen galego.

A unha semana de rematar outubro, aproximadamente hai un mes, a profesora de galego do Europa volve a ter o horario completo, pois a Junta contrata a outra profesora por horas para dar as clases de Bacharelato en Cacabelos. Todo parecía volver ao seu sitio, despois desta situación surrealista de rapaces matriculados que comezan o curso e que tiveron 20 días de galego e outros 20 doutra materia (esta última forzada. Pero non, os rapaces que esperaban que se lles comunicara por parte da Dirección do centro que a profesora que tiveran, incorporada de novo plenamente ao centro, é dicir, con horas suficientas para impartir as clases de Bacharelato de galego, ía poder darlles a materia, levan máis de vinte días sen que se lles dea a oportunidade de cursar de novo a asignatura na que se matricularan inicialmente.

E dirán vostedes, estes rapaces queren volver a cursar galego a pesar das idas e as voltas da administración? Si, si que queren, téñeno solicitado en distintas ocasiois. Cando llo arrebataron fixeron escritos no centro que a Dirección acumulou nun caixón e entrevistáronse coa Inspección os alumnos e as súas familias. E agora vendo que isto non se arranxa hai unha semana que cursaron escritos en diversas direciois á Direción do IES, á Inspección de León e tamén á Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, con que intención? Pois moi simple cursar galego como materia optativa en Bacharelato no IES Europa no que se matricularon.

Debemos lembrar que a Comision de Seguimento do Protocolo que estableceu no seu día o Programa vén de reunirse o pasado día 7 de novembro e pasados case 20 días este tema, que parece sinxelo tras vinte días de caos indicarlle aos rapaces que se queren (e os rapaces queren) poden volver cursar o que solicitaron inicialmente, este asunto, que se puxo enriba da mesa, segue sen resolverse a pesar de que se di na nota de prensa que a Junta e a Xunta remitiron aos medios que "que se confirmou o correcto desenvolvemento do protocolo de colaboración vixente entre ambas as dúas comunidades para a promoción da lingua galega nos territorios limítrofes das zonas do Bierzo e de Sanabria" e que "pola súa banda, a Junta mantén o compromiso de dotar os centros educativos dos docentes necesarios para impartir as clases a todo o alumnado que así o demande".

Esta demanda está nas súas maos, porque os interesados así llelo fixeron saber tanto ás autoridades educativas da Junta como da Xunta de novo e, sinceramente, se non se soluciona nos próximos días pensamos que será por outros motivos distintos da capacidade de reacción que ten a Administración para resolver con axilidade situaciois coma esta.

Por se o motivo de non impartir clase de galego en Bacharelato fose o escaso número de matriculados no Programa, lembramos que este curso volveu a aumentar o número total de matriculados,a pesar destes problemas de xestión por parte da Administración, ás veces dalgúns directores ou equipos directivos dos propios centros, que son unha constante dende que comezou a impartirse galego no Bierzo e Sanabria.

Reclamamos unha maior implicación co Programa por parte destas autoridades, porque o esixen os Estatutos (o de Castela e León e o de Galicia), porque estamos falando de dereitos lingüísticos ante os que non se pode alegar que son poucos os matriculados. O que son poucos, a día de hoxe, os centros educativos nos que se oferta e se publicita convenientemente o Programa para que a Comunidade Educativa coñeza da súa existencia e das súas vantaxes, que se saiba que os rapaces que cursan esta materia optativa ao rematar o Bacharelato obteñen o CELGA III e que isto lles abre posibilidades laborais futuras, beneficio que os que non participan do Programa non teñen. Facer chegar esta publicidade á poboación berciana e de Sanabria é un deber da propia administración. Cremos que se leve a cabo ou non, de todos os xeitos o Programa seguirá medrando, esperemos que as Autoridades educativas de ambas administraciois autonómicas responsables do mesmo, estean logo á altura das circunstancias e sexan quen de evitar atrancos inxustificables e de desamparo como os presentes.
Comentarios (0) - Categoría: O GALEGO NOS CENTROS DO BIERZO - Publicado o 24-11-2013 08:34
# Ligazón permanente a este artigo
A JUNTA E A XUNTA NON APRECIAN PROBLEMAS NO IES. EUROPA
Un comunicado tras da reunión da Comisión de Seguimento parece non apreciar ningún problema na posta en marcha do presente curso no Programa de Galego nos Centros do Bierzo. Sabemos que isto non é así, rapaces de Bacharelato deste centro que están matriculados nesta materia optativa á que teñen dereito, foron forzados a cambiar de optativa, quitáronlle a profesora que levaba dándolles clase da materia na que se matricularan, Lingua e Cultura galega, varias semanas despois de comezado o curso, estivo dando clase a outros alumnos en Cacabelos por orde da Administración educativa, agora ( hai dúas semanas) volve a estar no IES Europa, con horas para impartir se se quixera a materia optativa aos alumnos de Bacharelato, que seguen interesados pois teñen ese dereito ademais de que aspiran a que ao rematar a etapa opteñan automaticamente o CELGA III ao que tamén teñen dereito, pero a Administración non o permite. As queixas das familias non son contestadas e pola contra sacan esta nota de prensa.

Deberían ser máis cautos e humildes, non faltar a verdade e dar o seguintes pasos: Pedir desculpas a estas familias, aos alumnos/as implicados e a profesora e solucionar o problema que eles mesmos ocasionaron. Os problemas deste curso co Programa de galego aínda distan un tanto de ser ou estar correctamente resoltos. Esperamos que os acontecementos se desenvolvan con verdadeira corrección e sentidiño e non se consoliden arbitrarias e inxustas aplicacións das leis de racionalización do gasto público.
A cuestión parece que mesmo chegou ao Parlamento de Castela e León a través dos Deputados de Zamora onde nas aulas de galego tamén se detectan problemas.
Comentarios (1) - Categoría: O GALEGO NOS CENTROS DO BIERZO - Publicado o 08-11-2013 21:36
# Ligazón permanente a este artigo
O IES EUROPA ten galego de novo? Rapaces matriculados non poden seguir na materia.
As notas de hoxe na prensa parecen indicar que o galego se pode volver a impartirse en Bacharelato

As queixas sobre o caótico comezo do curso son cada vez máis preocupantes e parecen remitir todas á proxima reunión da Comisión de seguimento do Protocolo para a Promoción do galego no ensino na Comunidade de Castela e León.

Comentarios (0) - Categoría: O GALEGO NOS CENTROS DO BIERZO - Publicado o 26-10-2013 20:06
# Ligazón permanente a este artigo
O galego visto por dúas alumnas dun IES do Bierzo
Comentarios (0) - Categoría: O GALEGO NOS CENTROS DO BIERZO - Publicado o 22-10-2013 22:37
# Ligazón permanente a este artigo
Un novo curso con dificultades para o programa de galego
Varias son as denuncias xa dun problema á hora de comezar o curso 2013-14 nos centros docentes bercianos.
Dúas son as circunstancias que nos preocupan, por unha banda a rebaremación das listas do profesorado por parte da Conserjería de Educación de Castilla y León da que depende a contratación dos mestres/ as de Primaria e os profesores/as de Secundaria, o que provocou unha remodelación completa dos docentes en Primaria e parcial para os de Secundaria. Isto é algo que cremos contraproducente e moi arriscado, non porque desconfiemos da profesionalidade dos novos mestres e profesores que se incorporan, senón por botar pola borda gran parte da experiencia acumulada do profesorado que, en gran medida, logrou que este programa fose un éxito e agora está na casa. Sen lugar a dúbidas é un déficit que o Programa de galego acusará dadas as peculiaridades que este programa presenta.
A esta dificultade hai que engadirlle outra localizada no IES Bergidum Flavium de Cacabelos e que supón, a non ser que se lle poña remedio de inmediato, a supresión do galego como optativa para unha serie de alumnos/as matriculados en Bacharelato (1º e 2ª) o que lles impide exercer o seu dereito a rematar o Programa e poder acceder así ao título denominado CELGA III co que saen os alumnos/as que cursan esta materia de galego dende 1º da ESO. Esta decisión que tomou a Dirección Provincial de Educación de León incumpre claramente o acordo entre a Junta de Castilla y León e a Xunta de Galicia e debe ser revisada polas autoridades.
Reclamamos pois desde estas páxinas que se reúna a Comisión de seguimento do Programa, na que están presentes representantes de ambas administraciois, e que se solucione o problema de Cacabelos que suporía a contratación dun novo profesor/a e que, por outra lado, se asuma en dita reunión computar os anos de experiencia dun xeito máis acorde ao esforzo dos profesionais docentes que impartiron o programa e que tan bos resultados acadou ata o de agora. Finalmente tanto a AMPA de Cacabelos como a RAG manifestan o seu desacordo coas medidas tomadas pola administración de Castela e León.
Máis recentemente chegan as preguntas ao Parlamento galego
Comentarios (0) - Categoría: O GALEGO NOS CENTROS DO BIERZO - Publicado o 21-09-2013 07:29
# Ligazón permanente a este artigo
Unha curtametraxe do IES Europa en galego
Presentouse ao OUFF Escola do festival de Cine de Ourense un traballo titulado "Pinga a pinga" realizado polos alumnos/as de "Imaxe e Expresión" do IES. Europa de Ponferrada.
Se queres ver outras montaxes presentadas por centros de toda Galicia podes botar unha ollada curtas de OUFF escola 2012.
Comentarios (0) - Categoría: O GALEGO NOS CENTROS DO BIERZO - Publicado o 17-11-2012 09:40
# Ligazón permanente a este artigo
O galego permanecerá nos centros escolares do Bierzo
Esas son as declaraciois que recentemente teñen feito tanto a Junta de Castilla y León como a Xunta de Galicia, tras aparecer algunhas informaciois sobre a posibilidade de que no CEIP Jesús Maestro coa intención de convertelo centro bilingüe se deixase de ofertar galego. As autoridades están estudando como facer compatibles os dous programas.
Podemos ver as declaraciois en varios medios, por exemplo Bierzodiario.
Esta última notificación chega á vez que foron recibidos unha ampla representación dos centros bercianos nunha viaxe a Galicia que por invitación da Secretaria Xeral de Política Lingúística se vén facendo cada curso. A nota oficial aparece así na páxina da Consellaría de Educación e Cultura da Xunta.
Comentarios (0) - Categoría: O GALEGO NOS CENTROS DO BIERZO - Publicado o 18-04-2012 22:32
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] 3 [4]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0