O MEGO DA ESCOLA


Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O CARRO
No Bierzo como en Galicia e unha gran parte do Noroeste o carro era o vehículo habitual de transporte e traballo, un dos elementos do patrimonio material secular que hoxe está practicamente desaparecido. Contan que os ninos de Balouta en Ancares identificaban o dono do carro de lonxe, cos ollos pechos, grazas ao son do seu eixe.

Comentarios (0) - Categoría: BIERZO TRADICIONAL - Publicado o 13-01-2017 06:22
# Ligazón permanente a este artigo
Das pallozas nos lindeiros da galeguidade

PALLOZAS E TEITADORES

O Bierzo Oeste e as montañas de Galicia de xeito funcionan como un conxunto único de manifestaciois da cultura inmaterial. Trátase dun verdadeiro paraíso perdido se botamos a vista atrás e vemos fotos de hai unhas décadas como a de Paradaseca que encabeza esta entrada. Anos despois chegarían proxectos salvadores como os de Campo del Agua do que nos restan un teitador asentado en Burbia, que foi quen de facer varios proxectos para Prada no val do Bierzo en Cacabelos, imitados máis tarde en Balboa e Canteixeira (que tiñan e tein pallozas de vello) ou Carracedelo con fins turísticos e para albergar un restaurante. Pero en Canedo atopamos recentemente outros teitadores de Piornedo.











En 2005 fixemos unha pequena homenaxe en Vilafranca a este oficio tradicional do teitador na mostra sobre o noso patrimonio con motivo da candidatura do Patrimonio Inmaterial galaico-portugués á Unesco.

Podedes ver eiquí un pequeno documental do ano 1984

Como conservar casas con 2000 anos de historia (11/08/2019).Unha nova referencia a día de hoxe na Voz de Galicia

Máis de 40000 mollos nas maos

Teitar en Ibias
Teitar en Burbia
Comentarios (0) - Categoría: BIERZO TRADICIONAL - Publicado o 17-08-2016 12:35
# Ligazón permanente a este artigo
CONSOLIDACIÓN DO RECOÑECEMENTO OFICIAL DA FESTA DO MAIO
Aínda que non é a única manifestación recoñecida, nin a primeira vez que se fai, a Deputación de León recoñece de novo a Festa do maio (sic)como de Interese Turístico Provincial. Un xusto recoñecemento que debería consolidar o seu camiño cara a lograr un recoñecemento rexional, é dicir, autonómico.

Destacamos tamén outras festividades e manifestaciois recoñecidas con esta categoría, especialmente por sermos moi próxima e estar a piques de celebrarse nestes días a da Romaría de Fombasallá.

Ver repercusión na prensa dixital do Bierzo
Comentarios (0) - Categoría: BIERZO TRADICIONAL - Publicado o 14-08-2014 12:32
# Ligazón permanente a este artigo
A FESTA DO MAIO 2014
Este ano a Festa do Maio de Vilafranca do Bierzo foi unha celebración alegre e vital, con dous obxectivos a cumprir por parte dos seus organizadores, o primeiro de carácter máis íntimo e emocional ao realizar unha lembranza dunha das persoas que traballou arreo pola revitalización deste costume e que hai uns meses nos deixou, polo que o cartel escollido foi unha reedición dun dos que ela realizara anos ha. O segundo é seguir difundindo o espírito da tradición máis aló do propio día e intensificar, como facemos periódicamente, a campaña de promoción da mesma nos Centros de ensino de Vilafranca. Realizamos, pois, varias visitas didácticas, nesta ocasión ao día seguinte da celebración ao IES Padre Sarmiento, ao CEIP San Lorenzo de Brindis e ao Colexio Divina Pastora sendo recibidos con muita calor e cariño, tamén con muita alegría por parte dos nenos e nenas especialmente que manifestaron na súa visión particular da participación emocionada ( uns vestidosde maio, outros tocano, outros collendo as castañas e os cartos? ) nesta festa.

Deixamos a continuación o enlace a Bierzo Cultura co texto do programa da Festa do Maio 2014 que xira ao redor da simboloxía e significado ritual do costume ancestral que mantén en esencia a nosa peculiar festa da primavera. Podedes ver unha reportaxe en BIERZOTV.

Tamén este ano os maios de Vilafranca visitarán o programa LUAR da Televisión de Galicia. Deixamos aquí un enlace ao programa do 30 de maio de 2014 ( desde o minuto 47 comeza a participación dos maiso de Vilafranca).
Comentarios (0) - Categoría: BIERZO TRADICIONAL - Publicado o 18-05-2014 06:54
# Ligazón permanente a este artigo
E os maios saíron ás rúas un ano máis.
Cunha grande presenza mediática aparecía nos días previos ao 1º de maio na prensa comarcal, os maios humanos de Vilafranca volveron a levantarse e saír ás rúas para dar entrada a primavera como a tradición manda.

Varias, e con diversa faciana, son as reportaxes que tamén foron aparecendo en prensa dixital na prensa de papel ou mesmo en formato vídeo como podedes comprobar en bierzotv ou de particulares colgados en youtube:


Comentarios (0) - Categoría: BIERZO TRADICIONAL - Publicado o 02-05-2013 20:08
# Ligazón permanente a este artigo
UN BURRO NOS MAIOS DE VILAFRANCA

Anunciamos de novo a próxima celebración dos maios de Vilafranca do Bierzo, unha festa diferente que non te podes perder. No seu programa aparece o seguinte texto que acompaña ao cartel realizado este ano pola ceramista vilafranquina Carolina Nieto Martín.

Pasou un burro e non o sentiche?Por que un burro?
Todo ten a súa razón de ser. Cuando celebramos a ?festa do maio? estamos no mes que leva este nome, pero ineludiblemente no noso camiñar ao longo do calendario, ano tras ano, vimos sempre do mes de abril, que resulta tamén tein de vello, xunto co mes de maio, unha relación mui especial co burro.

"O 1 de abril van os burros onde non deben de ir?. Así reza un refrán que os vellos da vella Galicia gardan na memoria. Era costume nesa data do primeiro do mes realizar todo tipo de bromas, algo así como o ?día das trampas?. Esta tradición, equivalente ás inocentadas do mes de decembro ou da noite de fin de ano, vein da antiga celebración precristiá que perviviu en distintos lugares de fonda raigame agraria de Europa onde o comezo do ano celebrábase coa primavera, é dicir, a finais de marzo. Pero sinceramente cremos que a copla do noso maio debe facer referencia ao burro por outros motivos para os que de novo debemos facer indagaciois noutros territorios vecinos, poñamos por caso o norte de Portugal.

?Maio, mes dos burros?. Así é como por varios lugares de Portugal se coñece a este mes. Imos na procura de respostas. Hai quen asegura que no mes de maio ?empreñan as burras? e como as burras permanecen 12 meses grávidas, os burriños nacen precisamente no mes de maio. Esta podería ser unha razón para cantar así a nosa canción se ademais temos en conta que para os nosos veciños, ben o sabemos tamén os bercianos, o mes de maio é o mes no que proliferan as feiras de burros e cabalos. Non é preciso lembrar a feira de maio de Cacabelos.

?Para o Maio ou o Burro non entrarem?. Mais se seguimos tirando do fío atoparemos como o burro pasa de ser simple animal á personificación, deberíamos dicir mellor transmutación animal do mal, entendido este ben como un ser que pode traer un mal concreto, ben como símbolo dun mal máis abstracto e impreciso, en todo caso relacionado, iso si, coa estación primaveral e/ou a fertilidade.
O motivo polo que no Norte de Portugal, en diversos lugares, se realizan distintos ritos coa entrada do mes (como colocar nas casas e ventás xestas floridas) está intimamente asociado a outro ritual que tamén atopamos no Bierzo: ?o primeiro de maio comer castañas maias, é dicir, secas, para que non che dea o desmaio?. Ese ?desmaio? que podemos considerar un mal propio da época, curiosamente foi na mentalidade das poboaciois rurais personalizado, dándolle varios nomes: ?Maio?, como o nome do mes vital para colleitas e rabaños no mundo agrario, ou tamén ?Burro?, seguramente por ser maio, o mes dos burros. Para que o mal baixo a denominación de Maio ou Burro, (con maiúscula e chamado por veces ?Carrapato?), non entrase debíase cumprir coa tradición.
Son varios os ditos e refráns que confirman estas crenzas ancestrais, orixe seguramente das celebraciois dos maios. En Tras os Montes ?no 1º de maio débense comer castañas. Caso contrario, ao atoparse cun burro, este tírase à persoa e mórdeo?. Outros ditos advirten que se non comes as maias, váiseche morrer o burro ou o gando. Hai quen aventura que o uso de comer castañas secas en maio, viría da tradición mui antiga de que, nese día 1º do mes, o pater familias ía á fonte e esconxuraba ou afastaba con fabas pretas aos espíritos (é dicir, o «Maio») da súa casa. De aí a expresión ?vai à feira e tráeme as maias?.

Logo nas coplas da nosa vila que reclaman castañas e que rematan pedíndolle ao maio que se levante, ten lóxica que se mencione tamén a un burro no que, a modo de oración ou ladaíña propiciatoria, solicítase a entrada do ben da fecunda primavera e deixar atrás o duro e improdutivo inverno (ao que poderiamos identificar tamén co ?burro? da nosa cantiga).

Héctor M. Silveiro Fdez, maio 2013


Colgamos a continuación unha montaxe realizada pola Asociación Cultural "Escola de Gaitas" o ano pasado facendo memoria visual da revilatización da tradición nas últimas décadas:





Comentarios (1) - Categoría: BIERZO TRADICIONAL - Publicado o 26-04-2013 21:56
# Ligazón permanente a este artigo
O CICLO DE NADAL NO BIERZO
O ciclo de Nadal que dura trece noites dende o 24 de decembro ao 6 de xaneiro, no Bierzo conserva curiosidades pouco coñecidas como o costume do Apalpadoiro ou as rondas con cornos ou as fogueiras na noite de fin de ano ou xa na noite do 5 os troxos e o canto dos Reis.

Este ciclo que celebra desde moi vello o solsticio de inverno con diversos rituais foise cristianizando como veremos ao longo dun proceso de séculos. Pero hai que advertir que o nacemento de Xesús foi colocado no calendario varios séculos despois de que o Cristianismo fose a relixión oficial do Imperio Romano, razón pola cal chegou a estas terras, como ben sabedes. Antes os pobos mediterráneos e os pobos atlánticos celebraban o solsticio atendendo a divindades como Iule para os celtas, o Sol Invicto en Roma ou Horus ou Osiris (fillo da deusa virxe, Isis) en Exipto.

Durante a festividade de Iule era tradicional queimar un tronco de Iule, un longo tronco dunha árbore que ía ardendo lentamente durante toda a tempada de celebraciois na honra do nacemento do novo sol (este costume coñécese co nome de tizón do Nadal en certos pobos de Galicia onde aínda se realiza). A luz do sol e o lume son dous elementos logo a ter moi en conta ademais da árbore neste caso como fonte de luz e calor, outro dos seus poderes. Lembremos que para os galos, a enciñeira era unha árbore sagrada sobre a que os druidas, sacerdotes celtas guardiáns das tradiciois, recollían o visco ( denominado "muérdago" en castelán) seguindo un rito sagrado.


O Apalpadoiro de Sobrado ou de Visuña
Na antigua Roma, en decembro festexábase a Saturnalia, en honor ao reinado do deus Saturno na Idad de Ouro. Daquela a Terra producía abundantemente e non había guerras nin discordia.
A Saturnalia duraba unha semana enteira, con comilladas e abundante bebida. O noso Entroido, a festa tradicional que vén axiña, logo do Nadal, conserva con estas festas tamén certa relación pois ao longo da Idade Media, os festexos típicos das Saturnalia foronse alongando no tempo ata converterse no que hoxe en día coñecemos como Carnaval.

No Bierzo no lugar de Sobrado hai un costume, o do Apalpadoiro que consiste en apalparlle a barriga aos nenos/as ben na noite do 31 de decembro ou ben cadra na noite de Nadal, por ver se van recibir o novo ano co estómago ben cheo, é dicir, forte e san. Esta tradición atopámola moi estendida noutras zonas veciñas tanto no Bierzo, por exemplo en Visuña (Oencia) como das montañas do Caurel ou Ancares coas que compartimos cultura e economía.

O Apalpador vén sendo un carboeiro (que facía carbón vexetal nos bosques das montañas) que baixaba ás aldeas para apalpar as barriguiñas e deixar como agasallo un puñado de castañas. Así nolo contan os vellos nun vídeo gravado recentemente en diversos lugares de Ancares, Caurel e o Bierzo:



Fixádevos nas coplas que se cantan no galego da zona:

Vaite logo meu nenín,
vaite logo pra camiña,
que ha de vir o apalpador
a apalparche a barriguiña.



Os Cornos de Vilafranca
Os nosos avós lembran que antes da guerra do 36 era costume saír calquera das noites de Nadal a Reis unha ronda de rapaces tocando os cornos dun xeito moi monótono polas rúas da vila que adoitaban estar baixo unha néboa na que resoaban dun xeito espectacularmente ancestral: tu, tu, tuuu... tu, tu, tuuu...

O corno preparábase días antes. Dábanllo a escoller aos nenos de entre os mellores exemplares das vacas que mataban nas carnicerías locais coma a do Manolo "o Xato". Cocíase para lle quitar os miolos e logo pulíase cun cristal, cortábaselle o bico e/ou furá para poderlle incorporar unha especie de pallón, como os da gaita, que se facía cunha rama de sabugueiro.

O costume que seguro ten unha orixe remota de celebración ritual do solsticio onde son frecuentes por un lado as trasnadas e por outro as rondas de aguinaldos que en Vilafranca, como comprobaremos máis adiante ao falar dos troxos, escolleuse esta outra fórmula de festexalo que hoxe xa se perdeu.



Os Manueles de Ponte de Rei
Os Manueles son o festexo na Noitevella da entrado do día primeiro do ano,que no santoral cristiá dedícase Manuel, de aí o nome que reciben en muitos lugares aguinaldos e cantigas de corte relixioso que se cantaban nesta noite. Pero en Ponte de Rei,a poucos quilómetros de Vilafranca, atopamonos cunha celebración ben diferente hoxe perdida, pero da que gardan memoria todos os seus veciños. De novo o lume era parte fundamental do festexo. Facíase unha gran fogueira ao redor da cal se xuntaban para cantar e facer festa toda a noite.

Este costume ou ritual do lume, propio do solsticio de inverno, reaparece logo na vila de Vilafranca e noutros lugares do Bierzo días despois no Santo Tirso ( 28 de xaneiro) ou no San Blas (3 de febreiro). É unha tradición moi vella anterior á relixión católica ou mahometana e incluso, dentro das distintas prácticas relixiosas, non se celebrou sempre na mesma data. Un dos antecedentes pode estar na festividade celta do Beltaine, que se realizaba o primeiro de maio. O nome significaba "lume de Bel", un festival anual en honor ao deus Belenos.
Durante o Beltaine acendíanse fogueiras que eran coroadas polos máis arriscados con longas pértigas. Despois os druidas facían pasar o gando entre as chamas para purificalo e defendelo contra as enfermidades. Á vez rogaban aos deuses que o ano fose fructífero realizando o sacrificio dalgún animal. Outra das raíces de tan singular noite hai que buscala nas festas gregas dedicadas ao deus Apolo, que se celebraban no solsticio de verán con grandes lumes de carácter purificador. Os romanos dedicaron á deusa da guerra Minerva unhas festas con lumes e tiñan o costume de saltar tres veces sobre as lapas. Vexase esta referencias entre literaria e antropolóxica de Gilberto Núñez Ursinos

Os Troxos de Vilafranca
Na noite do día 5 de xaneiro eran moi habituais as trasnadas en muitos pobos. En Vilafranca parece que lle tocaba entre outros aos solteirois ou solteironas aos que se lles deixaba no balcón como "agasallo" un troxo, tronco da berza,roubados nas hortas da beira do río. Era unha burla para estes veciños e veciñas que ben non durmían á espera dos mozos que viñan a altas horas da madrugada a colocalos, ou ben intentando sorprendelos cando se subían aos balcois botándolles un cubo de auga por riba. Era unha noite movida. Antigamente contan, que ao non haber neveiras, había alimentos perecedeiros como o leite que se deixaba nas ventás ou no balcón ao frío. Os mozos que andaban a colgar os troxos facían desaparecer estes alimentos e logo cantaban: " Alpabarda, vente ao cesto!"

Os Reis de Oencia.
Son de todas as celebraciois citadas os máis estudados e coñecidos. Eran cantigas de carácter relixioso (cuxo texto estaba en castelán) que se cantaban pola aldea de casa en casa para pedir o aguinaldo.

Os mozos e mozas divididos en dous grupos que cantaban alternativamente unha copla cada un:

Un grupo cantaba por exemplo:

" Los tres reyes magos
de Oriente han salido
porque de los cielos
aviso han tenido."


E o outro continuaba cantando:

"Madre a la puerta está un niño,
más hermoso que un sol bello,
y dice que tiene frío,
se ve el pobre en cueros".


O texto usado ten máis coplas que non reproducimos. Os mozos saían acompañados de gaita, tambor e bombo calquera día despois do día primeiro do ano e anterior ao de Reis coa intención de pedir o aguinaldo por iso
as coplas coas que remataban eran coplas petitorias que adoitaban a estar en galego da zona, case sempre eran de agradecemento, pero tamén as había de burla e escarnio:

"Estas portas son de ferro
eiquí vive un caballero"

"Estas portas son de estopa
eiquí vive un lapasopas"


Así logo eran algunhas das celebraciois tradicionais da fin das tebras e o comenzo dun novo ano no Bierzo ata hai ben pouco. Deberiamos saber conservalas. Para que isto sexa posible botaremos mao dunhas palabras rituais da sacerdotisa das Saturnalias, esperemos que nos escoite:

"Esta é a noite do solsticio, a noite máis longa do ano. Agora as tebras trunfan e aínda así fica un pouco de luz. A respiración da natureza está suspendida, todo espera, todo dorme. O Rei Escuro vive en cada pequena luz. Nosoutros esperamos a alba cando a Gran Mai dará novamente á luz ao sol, coa promesa dunha nova primavera. Así é o movemento eterno, onde o tempo nunca se deten, nun círculo que o envolve todo. Xiramos a roda para suxeitar a luz. Chamamos ao sol do ventre da noite. Así sexa."

Esperemos que estas manifestaciois culturais non se perdan para sempre e como a alba despois da noite máis longa, volvan a celebrarse todas como así pasa xa co Apalpador que hoxe se está a celebrar de novo en muitos fogares de Galicia.

Non moi lonxe, no Cebreiro, cantan os Reis, iso si acompañados da Carantoña unha figura disfrazada que espero aínda siga saíndo e que xa anuncia a próxima festa da que é un antecedente: o Entroido nas montañas.

Comentarios (0) - Categoría: BIERZO TRADICIONAL - Publicado o 27-12-2012 08:43
# Ligazón permanente a este artigo
LEVÁNTATE MAIO !
Xa estamos a 30 de abril, imos logo recibir o maio como o merece. Botemos mao da FESTA DO MAIO de Vilafranca do Bierzo:



Comentarios (0) - Categoría: BIERZO TRADICIONAL - Publicado o 30-04-2012 12:09
# Ligazón permanente a este artigo
Crónica da Festa do Maio 2011

Este ano a Festa do Maio sufriu as inclemencias do tempo. O programa comezou o día 30 coa preparación da Ronda teatreira este ano dedicada a Fernández Morales no 150 aniversario dos "Ensayos poéticos en dialecto berciano", que tivo que realizarse a cuberto, no Teatro tamén decimonónico de Vilafranca onde se representaron pequenas escenas dramatizando poemas como "Villafranca y a Vendima", " N´a volta da sega" e "A boda de Petriña" ademais dalgún dos epigramas compostos en castelán. Os textos nos que o grupo de Teatro Local ían intercalándose coa música da música da Escola nun teatro cheo de xente que presentaba un aspecto florido. lo go viñeron as intervenciois musicais dos grupos da Escola de Música municipal, dalguis dos máis veteranos membros de Orión e do grupo arousán invitado Borderline 79.



Foi unha xornada divertida que preludiaba un día 1º de maio alegre ao que tamén acompañou a chuvia. Esta non foi quen de impedir que tres grupos de maios ( o das Veigas, o do Castelo e o da Rúa da Auga)



percorreran as rúas de Vilafranca como todos os anos, aínda que tivo que ser ás veces baixo cuberto (baixo os paraugas) os claros que houbo permitiron o esperado encontro de todos eles na Praza Maior.
Comentarios (0) - Categoría: BIERZO TRADICIONAL - Publicado o 03-05-2011 05:44
# Ligazón permanente a este artigo
FESTA DOS MAIOS 2011
Xa están o maio florido e fermoso á espera de que pase este mes de abril sempre tan chuvioso, de novo os maios percorrerán as rúas de Vilafranca, xa penduran das cristaleiras da vila e de todo o Bierzo os carteis que anuncian a FESTA DO MAIO 2011 que coma dende hai máis de 30 anos vén organizando a Asociación Cultural " Escola de Gaitas" coa colaboración dunha morea de xente.

Este ano como precedente ao tradicional desfile de maios polas rúas do día 1º de maio, a noite anterior( a do día 30 de abril) poderemos asistir ao seguinte programa de actos:

Ás 5 da tarde no Campairo preparación dos adornos da Rúa da Auga.

Ás 10 da noite RONDA TEATREIRA PRIMAVERAL coa DRAMATIZACIÓN DE POEMAS EN DIALECTO BERCIANO dedicada a Antonio Fernández Morales ao cumprirse os 150 anos da publicación dos ?Ensayos poéticos en dialecto berciano? coa participación dos alumn@s do IES Padre Sarmiento, o grupo de teatro local e mais a inestimable colaboración doutros artistas.

A continuación e para rematar esta velada un nutrido número de músicos bercianos actuarán en compaña dun grupo invitado BORDERLINE 79 que vén de Vilagarcía de Arousa e acaba de gañar na capital das Rías Baixas o 1º premio do Encontro dos Locais de Ensaio.

Lembrade que o día 1 de maio saímos cedo a cortar as cañaveiras para vestir en cada barrio aos nosos maios para logo percorrer as rúas e rematar na praza cara as 2 da tarde. Despois terá lugar un xantar para todos os participantes na Praza do Campairo, antiga paraza do mercado de verdura e un dos centros neurálxicos da vila medieval.
Comentarios (0) - Categoría: BIERZO TRADICIONAL - Publicado o 20-04-2011 05:27
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0