O MEGO DA ESCOLA


Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Convocadas as VI XORNADAS MARTÍN SARMIENTO


VI XORNADAS ?MARTÍN SARMIENTO?
7- 8 - 9 marzo, Vilafranca do Bierzo.

A Comisión Cultural ?Martín Sarmiento? aborda esta edición das Xornadas co título xenérico EDUCACIÓN, CULTURA E LINGUA, coa intención de celebrar os 12 anos da introdución do Programa de Promoción do Galego nos centros educativos do Bierzo e Sanabria (2002-2014). Mantemos así unha estreita relación cos centros de ensino a través dos denominados Intercambios escolares, cuxas exposicións este ano terán carácter de memoria e de posta en valor do propio Programa. Ademais, como novidade, os alumnos/as de galego do IES. P. Sarmiento de Vilafranca, a media mañá desta xornada escolar, exercerán como guías e proporán aos seus compañeiros doutros institutos bercianos un Itinerario didáctico da mao Sarmiento pola vila natal do erudito. Namentres os nenos de Primaria de todo o Bierzo, reuniranse tamén no Teatro para gozar dun marabilloso espectáculo co que lles agasalla nesta data a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta como alumnos/as de galego nesta etapa.
Á tardiña chegará o momento da reflexión na mesa redonda sobre o presente e o futuro do Programa de galego no Bierzo e Sanabria coa presenza das autoridades educativas e distintos membros da Comunidade Escolar.
Os días 8 e 9 as xornadas afondarán nunha nova homenaxe a Sarmiento, iniciativa da Real Academia Galega, coa intención de vertebrar unha proposta de dinamización da oferta cultural na que se teña presente ao ilustrado galego berciano na súa vila natal, como pode ser a do Museo de Ciencias e Etnografía.
Finalmente, o día 9 de marzo a Concellaría de Cultura presentará unha serie de puntos QR nos espazos relacionados coa biografía do Padre Sarmiento en Vilafranca.

PROGRAMA DE ACTOS
Venres 7 de marzo, TEATRO VILAFRANQUINO

INTERCAMBIOS ESCOLARES "MARTÍN SARMIENTO"
10 h. Apertura e saúdo da Alcaldesa da vila Concepción López Blanco.

12 ANOS DO PROGRAMA DE PROMOCIÓN DO GALEGO NO BIERZO (2002-2014)

1ª SESIÓN: EXPOSICIÓN DOS TRABALLOS DE SECUNDARIA: Intercambio Escolar dos IES do Bierzo sobre a experiencia do Programa de galego no Bierzo. Están presentes a totalidade dos alumnos/as do Programa dos centros:
IES Padre Sarmiento (Vilafranca)
IES Bergidum Flavium (Cacabelos)
IES Europa (Ponferrada)
IES Virgen de la Encina. (Ponferrada)

10:45 h: HISTORIA DA FALA, de Xandobela. A actuación está subvencionada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

11,15 h.: Intervención das Autoridades educativas presentes de Galicia e de Castilla y León.

11,30 h. Presentación ITINERARIO DA MAO DE SARMIENTO POR VILAFRANCA polo coordinador da Comisión Cultural Héctor Silveiro.


12h. 2ª SESIÓN DE PRIMARIA:

?A NENA E O GRILO NO BARQUIÑO? de Magín Blanco. A actuación está subvencionada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

Asisten alumnos/as dos centros de PRIMARIA de:
CEIP San Lorenzo de Brindis de Vilafranca,
CEIP da Quinta Angustia de Cacabelos,
CEIP Valentín García Yebra de Ponferrada,
CEIP Compostilla de Ponferrada,
CEIP Jesús Maestro de Ponferrada,
CEIP San Ildefonso de Camponaraia,
CEIP Virgen del Carmen de Ponferrada,
CEIP Toral de Meraio,
CEIP M.L.Ucieda de Toral dos Vados,
CRA Carucedo,
CRA Ximena Muñiz de Corullón,
CRA Ponte de Domingo Flórez,
Colegio Divina Pastora de Vilafranca.

13 h. CLAUSURA INTERCAMBIOS ESCOLARES MARTÍN SARMIENTO 2014: Breve intervención das Autoridades educativas presentes.


Nota: Na xornada do 7 de marzo, a partir das 11.30 h os alumnos/as de Secundaria do Programa de Galego guiados polos seus compañeiros do IES. Padre Sarmiento comezarán un ITINERARIO DIDÁCTICO ?Atrévete a saber da mao de Sarmiento? iniciativa da Comisión Cultural Martín Sarmiento na que colaboran o equipo docente do IES. Padre Sarmiento e as asociacións: A Morteira, BURVAL, a Escola de Gaitas e a Concellaría de Cultura de Vilafranca.


SESIÓN DE TARDE
Venres 7 de marzo, Salon de actos do Campus da Universidade de León en Ponferrada

18,00 h. MESA DE DEBATE: Os soños de Sarmiento.

Tema: Presente e futuro do Programa de Promoción do galego no Bierzo.

Presenta: Dª. Ana María Vega Fernández. Delegada del Rector. Universidad de León.
Modera: Ricardo López Témez, xornalista.

Interveñen:
- Fernando Sánchez-Pascuala Neira, Director General de Política Educativa Escolar de la Consejería de Educación de la Junta de Castilla y León.

- Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación e Investigación Universitaria da Xunta de Galicia.

- Héctor M. Silveiro, coordinador da Comisión Cultural ?Martín Sarmiento? e membro correspondente polo Bierzo da Real Academia Galega.

- Representantes da Comunidade Escolar Berciana: Un director, unha docente e un membro das ANPAS.




Sábado 8 de marzo. TEATRO VILAFRANQUINO

18.00 h. HOMENAXE AO P. MARTÍN SARMIENTO
a iniciativa da REAL ACADEMIA GALEGA.


PERSPECTIVAS ACTUAIS DOS ESTUDOS SOBRE SARMIENTO
Intervirán:
Xosé A. López Silva
Henrique Monteagudo
Josefina Garrido González
Xesús Alonso Montero, presidente da RAG.




Domingo 9 de marzo

Poderán visitarse novos puntos QR para realizar un percorrido polos espazos biográficos de Sarmiento na súa vila natal.

EDUCACIÓN, CULTURA E LINGUA.
Cando se cumpren unha ducia de anos da implantación do Programa de Promoción do galego nos centros educativos do Bierzo (2002-2014) cremos que é moi interesante e, se cadra, crucial para o futuro do mesmo, difundir e poñer en valor o avanzado ata o presente, a importante matrícula en constante aumento que ten nos centros educativos da comarca, a pesar das dificultades que tamén se van superando, cursos a curso. Esta innovadora fórmula educativa na que están implicadas as Autoridades de Galicia e de Castilla y León, é unha garantía do dereito que temos todos os bercianos, galego falantes ou non, de manter e transferir ás novas xeracións as nosas peculiaridades históricas e culturais, particularidades lingüísticas que nos dan personalidade, que nos caracterizan, e que debemos saber valorar como unha riqueza colectiva e persoal que nos abre portas cara ao futuro.
A obra e o modus operandi de Sarmiento intimamente ligados á Educación, á cultura e á lingua son pois unha ferramenta útil coa que abordar e incrementar os recursos deste patrimonio do galego no Bierzo. Iniciativas, experiencias, debates e actuacións que estas xornadas porán en marcha a comezo do mes de marzo, un ano máis, coincidindo coa data de nacemento en Vilafranca do Bierzo de Pedro X. García Gosende, máis coñecido como o Padre Sarmiento.
Agradecemos á Real Academia Galega a iniciativa de incluír nas mesmas un acto en homenaxe activo ao ilustrado. Agradecemos tamén ao numeroso elenco de participantes e colaboradores, dende autoridades educativas e políticas, a Universidade de León ata profesores e mestres, alumnos e alumnas do Programa, colectivos de diversos campos e persoas pola súa contribuír á difusión do potencial que a figura de Sarmiento e a lingua galega no Bierzo ofrecen en pleno século XXI .
Agradecemos a colaboración dos Centros de ensino onde se imparte o Programa, dos colectivos que traballan polo galego e, especialmente, das autoridades locais e autonómicas que subvencionan as VI Xornadas Martín Sarmiento 2014.

Repercusión inicial nos medios: Bierzodiario, bierzotv, diario de león
Comentarios (0) - Categoría: XORNADAS MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 19-02-2014 20:22
# Ligazón permanente a este artigo
Comezan as xuntanzas de traballo das VI Xornadas Martín Sarmiento

Mañá 17 de xaneiro terá lugar en Vilafranca unha reunión preparatoria das VI XORNADAS MARTÍN SARMIENTO da que saíra, entre outras cousas, o lema central das mesmas e as pautas de traballo de cara a realización dos Intercambios escolares deste ano 2014. Tamén se espera concretar toda unha serie de colaboraciois e colaboradores que participarán ultimando o programa de actividades que se prevé para este ano.
Comentarios (0) - Categoría: XORNADAS MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 17-01-2014 00:01
# Ligazón permanente a este artigo
O IES PADRE SARMIENTO NAS V XORNADAS
O IES.Padre Sarmiento de Vilafranca foi quen puxo fin ás representacións que se realizaron nestes Intercambios Escolares Martín Sarmiento 2013.
A profesora Mónica Lourido seleccionou a segunda parte do poema de Fernández Morales dedicado a Vilafranca, no que ademais describe a chegada á vila e os traballos na vendima dunha cuadrilla de galegos. A adaptación contou cunha cálida acollida pois contaba cunha parte cantada que o público coreou e acompañou coas palmas:


E logo q' ha amanecido
a vendimar vanse á viña,
levando, no seu metido,
cada guapa galeguiña,
o cesto d' o seu querido.

Na gáita de fol tocando
vai o gaitéiro a muiñeira;
algúis o son bailando,
y algúas nos cus tocando
dos sóus megos a pandéira.

Acompasando as pisadas
e collidas polas maos
outras van emparexadas,
cantando as mesmas tonadas
dos anos todos pasaos.

O finar, con múito ardor
aturulan: »Hi, jí jíiiiiiii!!...
y aquel q' alarga mellor,
sin tomar alento, a íiii...
lle chaman bon berrador.


Comentarios (0) - Categoría: XORNADAS MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 17-03-2013 23:48
# Ligazón permanente a este artigo
O IES EUROPA REPRESENTOU A GONZÁLEZ ALEGRE
A participación do IES. Europa de Ponferrada nesta edición dos Intercambios Escolares tivo unha singular relevancia e que entrañaba unha certa dificultade de partida ao escoller a súa profesora María E. Veiga unha peza do vilafranquino Ramón González-Alegre no ano no que o Instituto de Estudos Bercianos acaba de anunciar unhas xornadas sobre este autor do século XX, autor en castelán, pero tamén en galego (poeta e dramaturgo)e representando "Un lóstrego na noite" unha obra dramática, polo que resulta máis complexa de representar. Un traballo que foi, sen dúbida, compensado pola resposta do público. Trátase ademais con toda certeza dunha estrea especial pois é moi posible que fose a primeira ocasión na que se representaba este texto, aínda que por forza era unha adaptación textual acorde ao lugar e ao espazo onde ía ser posta en escena.
Comentarios (0) - Categoría: XORNADAS MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 17-03-2013 23:29
# Ligazón permanente a este artigo
O IES BERGIDUM FLAVIUM NAS V XORNADAS SARMIENTO
Por partida dobre o IES Bergidum Flavium de Cacabelos participou nesta ocasión no Intercambios Escolares.
para a que sería a segunda das intervencións deste centro, Mónica López, profesora do Programa de Galego escolleu para os seus alumnos/as da ESO unha peza que lle vén moi a conto co nome do centro, referímonos á denominación en latín, pois as escenas que representaron foron tiradas dunha peza dun autor actual, Núñez Singala, titulada "O achadego do castro". Vestidiños da época, édicir, a romana, volveuron a sorprender ao público coa espontánea representación que ofreceron.
Comentarios (0) - Categoría: XORNADAS MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 17-03-2013 23:09
# Ligazón permanente a este artigo
A FARSA DE BULULÚ DO IES BERGIDUM FLAVIUM NAS V XORNADAS
Un anaco da coñecida peza de Manuel María, A farsa de Bululú foi a escollida polos alumnos/as de Bacharelato do Programa de Galego do IES. Bergidum Flavium de Cacabelos , que baixo a dirección da súa profesora María Novo déronlle vida a un texto moi cómico que xira ao redor do abuso dos poderosos.

Atrevéronse a representar un par de escenas, sendo os primeiros dos centros de secundaria en facelo e lograron sorprender ao público e facelo rir.
Comentarios (0) - Categoría: XORNADAS MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 17-03-2013 22:59
# Ligazón permanente a este artigo
O CEIP S. ILDEFONSO DE CAMPONARAIA NAS V XORNADAS
A filosofía coa que se puxeron en marcha os Intercambios Escolares Martín Sarmiento parte de que o importante é facer sentir aos participantes sentirse nunha comunidade que traballa desde a escola polos intereses que moveron ao ilustrado, entendendo como unha fundamental o da presenza do idioma galego nos centros.

Baixo a dirección da mestra Virxina Cal, os alumnos/as do CEIP San Ildefonso de Camponaraia fixeron un recitado dialogado dun acontecido adaptado para a ocasión dous textos cargados de humor, o denominado "Recursos Humanos" que trata dunha visita moi especial ao Inferno e outra da que reproducimos un anaco a continuación, titulada "Dous leóns" e narra a fuxida do zoolóxico e o posterior encontro de dous leóns:

León Primeiro: E como é que te colleron?
León segundo: porque un día cometín un tremendo erro, un erro do máis nfantil. xa comera o director, a xefa de estudos , a algún dos mestres, sempre sen problemas. Pero un día ocorreúseme comer a secretaria... e despois averigüei que ademais de facer o travallo de todos, tamén botaba as cartas, becas e preparaba o café e, amigo,... todos empezaron a preguntar por ela, a buscala por todas partes, houbo unh amobilización tremenda, e así foi como me descubriron e se me acabou o choio.
Comentarios (0) - Categoría: XORNADAS MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 17-03-2013 22:44
# Ligazón permanente a este artigo
O CEIPP. DIVINA PASTORA NAS V XORNADAS SARMIENTO
O Colexio de Educación Infantil e Primaria da Divina Pastora de Vilafranca do Bierzo, aínda que se trata dun centro que non está no Programa de Galego, de sempre é un dos colexios que vén participando de xeito entusiasta en iniciativas de apoio á presenza do galego na escola. Ademais polo feito de seren da vila natal de Sarmiento acollen con ilusión participar deste xeito na difusión da figura do ilustrado.
Unha das súas mestras, Salo Núñez, escolleu para participar nas adaptacións teatrais desta edición dos Intercambios Escolares un anaco do poema "O Fiandón na aldea" de Fernández Morales no momento en que os diversos personaxes que aparecen nos versos situados ao redor da lume xogan "as couseliñas" ( ou as diviñas, dito doutro xeito):

"?Non ten peis tal, que ten patas.
?Non e a xata.?Entonces peta
'n óutro láo; non e pra min.
?¿Dáste por vencido??Sin.
?Pois q' onde penso che meta
en pena o Demo o focin.
En blancura a neve iguala;
negra como a pez a veo;
sin peis anda é non resvala;
y, ó q' a ley, sin boca fala
unha carta d' o correo.
?¡Ye verda!... Vóu confesar
q' o d' a xata e borricada;
mais ¿quen ch' a podia atinar
sendo tan arrevesada?
?Pois pra óutra vez á estudiar..."

Comentarios (0) - Categoría: XORNADAS MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 17-03-2013 22:20
# Ligazón permanente a este artigo
O CEIP S. LORENZO DE BRINDIS NAS V XORNADAS
Nesta ocasión os Intercambios Escolares " Martín Sarmiento" buscaban unha participación máis activa e dinámica dos distintos centros que quixeron conformar esta nova edición que cun formato semellante ao do curso pasado tivo lugar no Teatro de Vilafranca.
Precisamente a primeira das intervencións foi ados rapaces e rapazas do Programa de Galego do CEIP. San Lorenzo de Brindis de Vilafranca do Bierzo, que baixo a dirección da súa mestra Belén Fernández adaptaron unha parte do poema de Fernández Morales dedicado a Vilafranca, escollendo a parte inicial na que se describe unha xornada de mercado na praza maior da vila:

Se logo se vai á praza,
ailí verá pampalliños,
liño en cerros pequeniños,
de Dragonte leña e caza
e de Hornixa marraniños.

Leite fresco de Vilela;
as tarxas de Ponferrada;
as truitas de Paradela;
de Burbia a leite mazada
i estopa de Horta en manelas.

Manteca, en grandes roscois
de tripas, de Paradiña;
de Penoselo xamois;
perdices da Veigueliña,
e de Ruitelán castrois.

De Bembibre pimentón;
nas tabernas muitas ?zorras?;
de Galicia pescao bon;
trigo e mel de Valdeorras,
e figos de Corullón.

Comentarios (0) - Categoría: XORNADAS MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 17-03-2013 22:06
# Ligazón permanente a este artigo
INTERCAMBIOS ESCOLARES MARTÍN SARMIENTO 2013

O pasado 8 de marzo unha representación numerosa de distintos centros de ensinanza do Bierzo que imparten o Programa de Galego reuníronse no Teatro de Vilafranca, a vila natal de Sarmiento para homenaxear ao ilustre erudito. Ese é o motivo da celebración dos denominados Intercambios Escolares "Martín Sarmiento". Recibiu aos presentes o Concelleiro de Cultura en representación do propio Concello de Vilafranca do Bierzo que logo deu paso a Héctor Silveiro, que presentou, como coordinador das Xornadas e da Comisión Cultural, un traballo audiovisual baixo o título "Na cela de Sarmiento, un sabio das Letras e das Ciencias".

A continuación comezaron as representacións de pequenas pezas teatrais, non exentas de aparato escénico diverso, preparadas tanto polos centros de Primaria como de Secundaria presentes.

En primeiro lugar foi o CEIP. San Lorenzo de Brindis de Vilafranca que representou unha parte do poema dedicado a Vilafranca de Fernánndez Morales, na parte inicial na que se fai referencia a un día de feira na praza da vila.

Acto seguido o CP San Ildefonso de Camponaraia recitou dous acontecidos dramatizados en clave de humor moi divertidos.

A seguir o CEIPP "Divina Pastora" de Vilafranca representaron unha adpatación doutro poema de Morales, "O fiandón na aldea" na parte na que se recitan "as couseliñas".

No tocante aos centros de Secundaria, o primeiro en actuar foi o IES Bergidum Flavium de Cacabelos
que realizou un par de dramatizacións de autores galegos máis recentes.
Un grupo de alumnos/as de Bacharelato puxeron en escena un anaco da "Farsa de Bululú" de Manuel María para logo pasar a representar alumnos/as da ESO do mesmo centro unha pequena parte da obra de Manuel Núñez Singala "O achado do castro"

O IES. Europa de Ponferrada atreveuse a representar unha adaptación en clave de traxedia dun autor vilafranquino, Ramón González-Alegre, titulada " Un lóstrego na noite".

Para finalizar o IES Padre Sarmiento, de Vilafranca volveu ao poeta berciano Fernández Morales e ao poema "Vilafranca e a vendima" para reproducir en clave costumista a parte referida á vendima, incluíndo unha peza cantada.

Na clausura dos Intercambios Escolares en representación da Dirección Provincial de Educación, Rita Pérez Monteserín dirixiu unhas palabras ao conxunto de rapaces e rapazas, de profesoras e mestras,así como algún familiar dos alumnos/as participantes lembrando a Sarmiento como pai das Letras, galegas e castelás, da súa preocupación pola educación da xuventude e ademais, nun día no que se lle dedica á muller, lembrou que Sarmiento en pleno século XVIII foi defensor da capacidade intelectual da muller á par da do home, precursor pois das defensas dos seus dereitos no mundo contemporáneo.

As derradeiras palabras do acto foron da propia Comisión para agradecer ás autoridades locais e educativas, ao director do IES Padre Sarmiento e ao público, en xeral, a súa presenza. Houbo palabras de agradecemento aos alumnos/as participantes polo seu esforzo, a ás mestras: Belén Fernández, Virxinia Cal, Salo Núñez, así como ás profesoras María Novo, Mónica López, María E. Veiga e Mónica Lourido o seu bon facer grazas ao cal concluímos un ano máis esta edición de forma exitosa e con ánimo para continuar realizando experiencias deste tipo na honra de Sarmiento.

Esperamos, poder colgar nos próximos días unha reportaxe gráfica máis completa desta edición dos Intercambios Escolares 2013.
Comentarios (1) - Categoría: XORNADAS MARTÍN SARMIENTO - Publicado o 10-03-2013 20:24
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0