Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia. |
|

|
O meu perfil |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
CRÓNICA DO DÍA DO GALEGO NO BIERZO, AS XV XORNADAS MARTÍN SARMIENTO |
|
.jpg)
Este pasado 9 de marzo, día do nacemento de Martín Sarmiento levamos a cabo unha nova edición recuperando para o Día do Galego no Bierzo a normalidade cos encontros dos distintos centros de ensino que participan no Programa de Promoción do Galego, nesta ocasión en Cacabelos (outra das novidades). Cun lixeiro aumento na matrícula por vez primeira tamén en Secundaria (había máis dunha década que isto non ocorría) reunímonos na vila do Cúa para facer a Entrega dos III Premios Antonio Fernández Morales .
DA MAO DO FILANDÓN BERCIANO
Todo o alummado de Secundaria (164 alumnos/as) achegáronse ao CINE FABA dende os cuatro institutos que dan galego no Bierzo para coñecer por boca de Raúl Ochoa, membro do Filandón Berciano, que persegue e como traballa este colectivo. Raúl falou tanto dos obxectivos que perseguen como asociación ata detallar como rescataron falando cos maiores o Entroido de Valtuille de Arriba. Combinou a súa exposición cunha serie de vídeos gravados por el baixo a dirección de Umberto Corral para o Instituto Leonés de Cultura que amosan cal é a súa filosofía de escuitar e darlle importancia ao que nos teñen que contar os maiores, e entre esas cousas fixarse na fala, no léxico que usan nos costumes que relatan. Rematou precisamente poñendo o valor da lingua e no uso das redes para comunicar e dar a coñecer o Patrimonio cultural inmaterial invitando a que entrasen coñecesen máis puntualmente as súas actividades e mesmo entrasen en contacto por medio delas co seu colectivo.
ENTREGA DOS PREMIOS MORALES PAR AO BIERZO E SANABRIA-A SEABRA
Ás 11,3O incorporados ata encher o Cine Faba unha representación dos distintos centros de Primaria que imparten o Programa de Galego no Bierzo ao que se sumaron as autoridades educativas da Junta e da Xunta, provinciais (Instituto Leonés de Cultura da Deputación de León), locais (representantes dos concellos de Cacabelos, Corullón e Vilafranca) e comarcais (tanto do Consello Comarcal como do Instituto de Estudios Bercianos) que colaboran coas Xornadas Martín Sarmiento, tras unha breve lembranza da figura de Sarmiento e da de Morales por parte de Héctor Silveiro da Comisión Cultural Martín Sarmiento, comezou a Entrega de Premios coa presentación da edición do terceiro volume que editou Edicións Positivas, representada por Franciasco Macías e que coa subvención da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia inclúe todo os debuxos de Primaria e textos de Secundaria premiados correspondentes aos cursos 2020-21 e 2021-22 tanto de alumnos/as baixo que son creaciois a partir dun dos poemas dos Ensayos poéticos en dialecto berciano que se sintetizou baixo o lema "Chegaron os romanos".
Houbo previamente ao acto de entrega en si, unha breve alocución das distintas entidades que apoian este evento. Interviron a Alcaldesa de Cacabelos Irene González, Samuel Martínez representando ao Consello Comarcal do Bierzo, Emilio Gancedo do Instituto Leonés de Cultura (como promotor dun dos premios do concurso), Javier López da Dirección Provincial de Educación de León e Valentín García como Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
ESTREO DA PÁXINA WEB: OGALEGONOBIERZO.ORG
Foi Paco Macías quen presentou a iniciativa que aspira a servir de referente e un fondo bibliográfico virtual dunha gran parte do material existente ademais de informar sobre todo tipo de eventos sobre a lingua galega na nosa comarca, que a partir do 9 de marzo xa está dando os seus primeiros pasos polas redes. Podedes consultala: ogalegonobierzo.org
ACTUACIÓN DE PAKOLAS
Finalmente houbo unha actuación musical especielmente dirixida ao alumnado de Primaria de Pakolas co espectáculo RAMONA ÓRBITA músico rock en galego que presentaba un novo espectáculo co que brincaron e cantaron ata pasadas as 13 horas, hora prevista para a conclusión desta sesión matinal.
MESA DE TRABALLO: AS ARELAS DE SARMIENTO
Xa en sesión de tarde e e nas instalaciois do MARCA de Cacabelos tivo lugar unha mesa de traballo co profesorado do Programa e distintos representantes das entidades que apoian e colaboran habitualmente coas Xornadas Martín Sarmiento. Tratamos sobre os seguintes temas:
- Situación actual do Programa do Galego no Bierzo
- IV Convocatoria dos Premios Morales para o mes de marzo do curso que vén.
- Nova emisión de Microprogramas de radio escolar en galego nas emisoras bercianas par apromocionar a IV Convocatoria dos Premios Morales.
- Introdución de novas dinámicas nas próximas Xornadas Martín Sarmiento e o Día do Galego no Bierzo.
- Iniciativas da Academia Galega (RAG) e posibles acordos para seguir avanzando no Decálogo de Novos Espazos para o Galego no Bierzo.
Repercusión nos medios:
Bierzodiario
noticias bierzo
Nós Diario
Real Academia Galega
Diario de León
Xunta de Galicia
Radio Galega
Outros artigos relacionados:
A 9 de marzo coas casas natais ás voltas
Falamos Galego
Outras actividades en do 9 de marzo relacionadas con Sarmiento en Galicia:
_ Unha obra de Sarmiento editada polo O Consello da Cultura Galega
|
|
|
|
XV- XORNADAS MARTÍN SARMIENTO |
|
.jpg) PROGRAMA DAS XV XORNADAS MARTÍN SARMIENTO
CELEBRAMOS O DÍA DO GALEGO NO BIERZO
Este 9 de marzo na décimo quinta edición das Xornadas Martín Sarmiento desprazámonos a Cacabelos para celebrar o Día do Galego nos Centros Docentes do Bierzo. O motivo fundamental é promocionar o PREMIO MORALES cuxo lema “Chegaron os romanos” aparece ligado a esta vila berciana onde viviu e está soterrado o cantor en galego do Bierzo, Antonio Fernández Morales. Recuperamos os intercambios didácticos e lúdicos das Xornadas para alumnos/as do Programa de Galego que vidos de distintos puntos do Bierzo presumen de cultura e identidade. Temos a certeza de que máis aló das aulas este sentimento estámosllo a contaxiar a outros sectores da sociedade berciana que perciben que vai sendo hora de arroupar o acordo de Promoción da Lingua Galega que leva 21 anos aplicándose e reclama xa un novo pulo.
ENTREGA DE PREMIOS E NOVA CONVOCATORIA DO
PREMIO MORALES 2024
O acto central que se levará a cabo no Cine Faba será a entrega de premios,ademais da presentación da web: OGALEGONOBIERZO.ORG e a convocatoria da IV edición dos Premio Morales 2024. Faremos tamén lembranza do centenario do poeta e narrador de Vilafranca, Antonio Pereira que ten obra traducida ao galego.
A Comisión Cultural “Martín Sarmiento” de Vilafranca, os centros docentes do Programa do Galego na comarca, a Real Academia Galega, as autoridades educativas autonómicas, entes culturais como O Filandón Berciano e o Instituto de Estudios Bercianos, alcaldes do Bierzo e o seu Consello Comarcal manterán un encontro de traballo de cara a programar outras iniciativas coa fin de seguir abrindo novos espazos para o galego no Bierzo.
Xoves 9 de marzo 2023, Cacabelos
1.ª SESIÓN MATINAL : MUSEO MARCA de Cacabelos
9,30 APERTURA DO INTERCAMBIO DE SECUNDARIA: ENCONTRO CO FILANDÓN BERCIANO: O colectivo cultural exporá o seu modus operandi e o valor da lingua en especial, nas actividades que leva realizando co patrimonio inmaterial do Bierzo. Asistirán os alumnos/as do Programa de Galego de SECUNDARIA dos centros:
IES Padre Sarmiento (Vilafranca)
IES Bergidum Flavium (Cacabelos)
IES Europa (Ponferrada)
IES Virgen de la Encina. (Ponferrada)
Alumnos/a de Galego da EOI de Ponferrada.
11,00 h.: Dirixiranse cara ao Cine Faba para participar no acto de entrega dos Premios Morales.
2.ª SESIÓN MATINAL: CINE FABA
11,30 APERTURA DA SESIÓN DE PRIMARIA:
ACTO DE ENTREGA DE PREMIOS DA III EDICIÓN DO PREMIO ANTONIO FERNÁNDEZ MORALES
Intervirán as entidades e autoridades organizadoras desta III Edición que ademais de facer entrega dos premios e presentarán a WEB: OGALEGONOBIERZO.ORG e anunciarán a convocatoria da IV edición dos Premios Morales.
A CONVOCATORIA DA IVª EDICIÓN DOS PREMIOS MORALES PARA A PROMOCIÓN DA LINGUA GALEGA
NO BIERZO E SANABRIA, impulsados polo Grupo As Médulas para a lingua e cultura galegas no Bierzo coa colaboración das autoridades e entes que tamén contribúen á posta en marcha das presentes Xornadas.
12,00: ACTUACIÓN PARA O ALUMNADO DE PRIMARIA: Actuación musical de Pakolas subvencionada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellaría de Cultura e Educación da Xunta de Galicia. Asisten alumnos/as dos centros de PRIMARIA de:
CEIP San Lorenzo de Brindis de Vilafranca,
CEIP da Quinta Angustia de Cacabelos,
CEIP Valentín García Yebra de Ponferrada,
CEIP Compostilla de Ponferrada,
CEIP Jesús Maestro de Ponferrada,
CEIP San Ildefonso de Camponaraia,
CEIP Virgen del Carmen de Ponferrada,
CEIP Toral de Meraio,
CEIP M.L.Ucieda de Toral dos Vados,
CRA Carucedo,
CRA Cubillos do Sil,
CRA Ximena Muñiz de Corullón,
CRA Ponte de Domingo Flórez
SESIÓN DE TARDE 9 de marzo
16,30 h. CACABELOS
(Salón de actos do MARCA)
MESA DE TRABALLO (Sesión de tarde)
1º CONVOCATORIA DA IVª EDICIÓN DOS PREMIOS MORALES PARA A PROMOCIÓN DA LINGUA GALEGA
NO BIERZO E SANABRIA. Impulsados polo Grupo As Médulas para a lingua e cultura galegas no Bierzo coa colaboración das autoridades e entes que tamén contribúen á posta en marcha das presentes Xornadas.
2º AS ARELAS DE SARMIENTO. Trátase dun encontro de docentes, autoridades educativas, Real Academia Galega, administraciois e asociaciois culturais bercianas para realizar un seguimento das actividades levadas a cabo e concretar novos compromisos coa lingua galega no Bierzo, entre outros a elaboración do borrador dun convenio de colaboración entre a Real Academia Galega e o Consello Comarcal e outras entidades culturais do Bierzo.
Nos medios:
bierzodiario
|
|
|
|
PROGRAMAS DE RADIO DO DÍA DO GALEGO NO BIERZO |
|
 Con motivo das XIV Xornadas Martín Sarmiento as actividades didácticas habituais que se viñan realizando o 9 de marzo, Día do Galego no Bierzo, foron substituídas por estes programas radiofónicos a causa das restricciois debidas á Pandemia.
DÚAS EMISORAS E 18 PROGRAMAS
De xeito voluntario dúas emisoras como son RADIO BIERZO e ONDA BIERZO interesáronse nesta iniciativa que lles ofreceu a Comisión Cultural Martín Sarmiento abrindo un novo espazo para o galego no Bierzo con esta serie de microprogramas radiofónicos que se emitirán unha vez por semana do Día do Galego no Bierzo ata o 17 de maio, Día das Letras Galegas.
Os microprogramas serán realizados polos centros docentes que participan no Programa de Promoción do Galego no Bierzo e Sanabria.
O fío condutor será o lema das XIV Xornadas Martín Sarmiento: A FALA QUE COMPARTIMOS BIERZO E VALDEORRAS dado que este ano o Día das Letras Galegas homenaxea ao poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán.
A Comisión Cultural Martín Sarmiento quere facer chegar o seu agradecemento a todos os centros participantes pola súa colaboración neste proxecto ilusionante e innovador para a lingua galega na nosa comarca. Damos as grazas especialmente a alumnos/as e docentes do Programa de Promoción do Galego polo esforzo qu eisto supón e, por suposto, destacar e agradecer tamén a sensibilidade das emisoras radiofónicas e dos seus profesionais que fixeron posible esta experiencia didáctica.
Anuncio das actividades o 9 de marzo
Hoy por Hoy Bierzo y Laciana RADIO BIERZO (a partir do minuto 01:23)
Informativo local e comarcal ONDA BIERZO 9 de marzo 2022 (a partir do minuto 13:49)
1º Programa SARMIENTO: O BIERZO E VALDEORRAS
Programa realizado polo IES. Padre Sarmiento de Vilafranca do Bierzo coa colaboración de ONDA BIERZO emitido o 11 de marzo de 2022 (a partir do minuto 17:17)
2º Programa: Sobre FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN
Entrevista realizada ás Profesoras de Galego da Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada. Emitido por RADIO BIERZO 11 de marzo (a partir do minuto 25)
3º Programa: O CALDEIRO DAS PALABRAS realizado polo IES Bergidum Flavium de Cacabelos emitido o 25 de marzo por ONDA BIERZO.
4ª Programa: O RÍO SIL QUE UNE AO BIERZO E A VALDEORRAS realizado polo CEIP Valentín García Yebra de Ponferrada e emitido o 1 de abril do 2022 en RADIO BIERZO (a partir do minuto 23)
5º Programa:UN AUTOR DO GALEGO NO BIERZO: AQUILINO PONCELAS ABELLA realizado polo CEIP. San Lorenzo de Brindis de Vilafranca do Bierzo emitido o 1 de abril de 2022 por ONDA BIERZO (a partir do minuto 18 aproximadamente).
6º Programa:O AUTOR BERCIANO RAMÓN GONZÁLEZ-ALEGRE realizado polo CEIP. Jesús Maestro de Ponferrada emitido por ONDA BIERZO o venres 8 de abril 2022 (a partir do minuto 32,55 aproximadamente)
7º Programa: A FALA DO BIERZO E VALDEORRAS realizado polo CRA Ximena Muñiz de Corullón emitido o venres 22 de abril de 2022 por ONDA BIERZO (a partir do minuto 17,30 aproximadamente)
8º Programa: OS DÍAS DAS LETRAS GALEGAS realizado polo CEIP. Maria Luisa Ucieda de Toral dos Vados emitido o venres 29 de abril de 2022 por RADIO BIERZO (a partir do minuto 34 aproximadamente)
9º Programa: COSTUMES E TRADICIOIS DO BIERZO E VALDEORRAS realizado polo CEIP. Compostilla de Ponferrada emitido o venres 29 de abril de 2022 por ONDA BIERZO (a partir do minuto 41,56 aprox. )
10º Programa: AUTORES DO GALEGO NO BIERZO: JUAN C. MESTRE realizado polo IES. Virgen de la Encina de Ponferrada emitido o venres 6 de maio de 2022 por RADIO BIERZO (a partir do minuto 23,35 aproximadamente)
11º Programa: AS MÉDULAS E O MONTE FURADO realizado polo CRA de Carucedo emitido o venres 6 de maio de 2022 por ONDA BIERZO (a partir do minuto 28,24 aproximadamente)
12º Programa: AS XORNADAS MARTÍN SARMIENTO realizado polo CRA de Toral de Merallo emitido o venres 13 de maio de 2022 por RADIO BIERZO (a partir do 35 aprox)
13º Programa: O PROGRAMA DE PROMOCIÓN DO GALEGO NO BIERZO realizado polo CRA Ponte de Domingo Flórez emitido o venres 13 de maio de 2022 por ONDA BIERZO (a partir do 40,30 aprox)
14º Programa:ANTONIO FERNÁNDEZ MORALES, O CANTOR DO BIERZO realizado polo IES Europa emitido o sábado 14 de maio de 2022 por ONDA BIERZO (a partir do 64,25 aproximadamente)
|
|
|
|
DAS XIV XORNADAS MARTÍN SARMIENTO |
|
 Coa celebración do Día do Galego no Bierzo o 9 de marzo en Vilafranca do Bierzo comezaron as XIV Xormadas do Galego no Bierzo que nesta edición se prolongarán ata o 17 de maio, o Día das Letras Galegas que se celebrará en Valdeorras. Como principal novidade terán este ano dúas emisiois radiofónicas semanais, unha na emisora da SER BIERZO e a outra en ONDA BIERZO, e xirarán arredor do lema das Xornadas: A FALA QUE COMPARTIMOS BIERZO E VALDEORRAS. Serán realizadas polos alumnos/as e docentes dos distintos centros educativos adscritos ao Programa de Promoción do Galego na comarca.
O evento comezou coa benvida do Alcalde de Vilafranca ao salón de plenos municipal onde tivo lugar unha rolda de prensa nas que se presentaron distintas iniciativas entre as que se destacou a convocatoria dos Premios Morales organizada polo Grupo As Médulas, que presentou Francisco Macías de Edicións Positivas, editorail que se encarga da publicación dos mesmos. Son uns premios que cuntan con sinalados apoios como o do Instituto Leonés de Cultura, da Diputación Provincial de León, ademais dos concellos que se citan máis abaixo e as administraciois autonómicas responsables do Protocolo de colaboración no que se asenta o Programa de Promoción do Galego nos centros de ensino do Bierzo e Sanabria, ademais do Consello Comarcal do Bierzo.
A seguir pasouse á preestrea dunha serie documental titulada Fálame sempre de Umberto Corral Prieto e da produtora Boulla, subvencionada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia para pasar de inmediato a unha Mesa de Traballo: Mellorar o Programa de Promoción tras 20 anos de existencia. que contou coa presenza de representantes das administraciois educativas da Xunta de Galicia e da Junta de Castilla y León, dos docentes de Galego na comarca dirixida e moderada polo Académico Correspondente para o Bierzo da Real Academia Galega e coordinador da Comisión Cultural Martín Sarmiento, contando coa participación de entidades bercianas como o Consello Comarcal e os concellos de Vilafranca do Bierzo, Corullón e Cacabelos e o Instituto de Estudios Bercianos.
A Sesión de tarde centrouse nunha serie de iniciativas que desenvolverán conxuntamente entdades galegas e bercianas (Comisión Cultural Martín Sarmiento, Real Academia Galega, Instituto de Estudios Bercianos, o propio Consello Comarcal, distintos concellos do Bierzo e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta) para desenvolver o Decálogo Novos Espazos para o Galego no Bierzo (asinado e aprobado o 2 de marzo de 2018 polo Consello Comarcal do Bierzo e auspiciado polos colectivos e administraciois antes citadas) tocándose tamén o tema do Inventario de Patrimonio Inmaterial que se está levando a cabo por parte do IEB e abordando principalmente a presenza da lingua no proceso e difusión de dito traballo.
Distintas Crónicas do Día do Galego no Bierzo:
INFOBIERZO
SER BIERZO
Diario de León
BIERZODIGITAL
O progreso de Lugo
Unha profesora do Bierzo consigue dotar de 300 libros en galego...
Neofalantes |
|
|
|
PROGRAMA DAS XIV XORNADAS MARTÍN SARMIENTO |
|
 CELEBRAMOS O DÍA DO GALEGO NO BIERZO
Chegamos xa á decimo cuarta edición das Xornadas Martín Sarmiento asentando, curso a curso, o Día do Galego nos Centros Docentes do Bierzo. Este ano de novo está rodeado dunhas circunstancias pouco favorables á realización dos habituais encontros multitudinarios dos alumnos/as do Programa de Promoción dos distintos institutos e colexios onde se imparte. Funcionarán como fío condutor dos actos dúas referencias que coinciden no tempo neste ano 2022 como son: O Bicentenario da Provincia de Vilafranca do Bierzo e o próximo Día das Letras dedicado ao autor valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán. De aí que evidenciemos no lema a unión histórica que O Bierzo e Valdeorras manteñen grazas á lingua.
A FALA DO BIERZO E VALDEORRAS NAS RADIOS
As actividades didácticas do profesorado e alumnado tanto de Infantil e Primaria, como da ESO e Bacharelato, tamén da Escola de Idiomas, xirarán ao redor do lema das propias Xornadas. Trátase de iniciar unha experiencia singular como é a elaboración de microprogramas de radio que logo se emitirán nas emisoras profesionais da comarca dispostas a colaborar con este proxecto escolar. As emisiois destes microprogramas seguirán un calendario que principia o 9 de marzo e remataría o 17 de maio.
MELLORAR O PROGRAMA DE PROMOCIÓN TRAS 20 ANOS
Por outra parte, a Comisión Cultural Martín Sarmiento dado o papel de vangarda que xoga o Programa de Promoción do Galego na comarca propicia unha mesa de traballo de análise e de propostas de millora á que asistirán os docentes desta materia, as autoridades educativas autonómicas da Junta de Castilla y León e da Xunta de Galicia e o Consello Comarcal, ademais dunha representación da Real Academia Galega e outros entes bercianos conscientes do importantísimo labor que se realiza nos centros escolares e de seguir abrindo novos espazos para o galego no Bierzo.
DÚAS PRESENTACIOIS E OUTRAS INICIATIVAS
As Xornadas contarán ademais cunha dobre presentación ante os medios de comunicación nunha rolda de prensa coa que iniciaremos a mañá do 9 de marzo.
A primeira estrea é a da serie documental recentemente gravada en terras bercianas “Fálame sempre“ do Umberto Corral Prieto da produtora Boulla. Unha creación audiovisual financiada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta.
A segunda está relacionada coa convocatoria dos Premios Morales para a promoción da Lingua Galega no Bierzo e Sanabria que procuran ser un apoio e á vez unha homenaxe á ensinanza da lingua galega nestas comarcas. Estes premios iniciativa anual do Grupo As Médulas conta co apoio da Xunta de Galicia e da Junta de Castilla y León e o Consello Comarcal do Bierzo, aos que se suman outras entidades galegas e bercianas como a Real Academia Galega, o Instituto de Estudios Bercianos e o Instituto Leonés de Cultura ademais dos concellos de Cacabelos, Corullón e Vilafranca. Na presente edición preténdense incorporar unha serie de novidades que serán presentadas no transcurso da citada rolda de prensa.
PROGRAMA DE ACTOS Mércores 9 de marzo 2022
VILAFRANCA DO BIERZO
(Teatro vilafranquino “Enrique Gil y Carrasco”)
10,00 h ROLDA DE PRENSA:
Micro-Programas de Radio en galego do 9 de marzo ao 17 de maio nas emisoras bercianas.
Pre-estrea da serie documental FÁLAME SEMPRE subvencionada pola Secretaría xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
Nova convocatoria dos Premios Morales que o Grupo As Médulas realiza anualmente.
Próximas iniciativas de colaboración entre entidades bercianas e galegas sobre o Patrimonio Inmaterial e a Lingua.
Valoración por parte das autoridades educativas dos 20 anos da presenza do galego nas aulas bercianas e das posibilidades de mellora futura do Programa de Promoción do Galego no Bierzo e Sanabria.
11,00- SESIÓN MATINAL: MESA DE TRABALLO
- Proxección do documental:
FÁLAME SEMPRE (1º capítulo)
de Umberto C. Prieto
Boulla Creación Audiovisual.
11,30 Debates da Mesa:
20 ANOS DO PROGRAMA DE PROMOCIÓN DO GALEGO E A SÚA MELLORA
PARTICIPAN NOS MICROPROGRAMAS DE RADIO
Participarán da elaboración dos mesmos a totalidade dos centros do Programa de Promoción do Galego no Bierzo e Sanabria:
PRIMARIA
CEIP San Lorenzo de Brindis de Vilafranca,
CEIP da Quinta Angustia de Cacabelos,
CEIP Valentín García Yebra de Ponferrada,
CEIP Compostilla de Ponferrada,
CEIP Jesús Maestro de Ponferrada,
CEIP San Ildefonso de Camponaraia,
CEIP Virgen del Carmen de Ponferrada,
CEIP Toral de Meraio,
CEIP M.L.Ucieda de Toral dos Vados,
CRA Carucedo,
CRA Cubillos do Sil,
CRA Ximena Muñiz de Corullón,
CRA Ponte de Domingo Flórez,
CEIP Tuela Bibei de Lubián (Zamora)
SECUNDARIA
IES Padre Sarmiento (Vilafranca)
IES Bergidum Flavium (Cacabelos)
IES Europa (Ponferrada)
IES Virgen de la Encina. (Ponferrada)
ESCOLA OFICIAL DE IDIOMAS de Ponferrada.
SESIÓN DE TARDE 9 de marzo
16:30 h. As arelas de Sarmiento:
NOVOS ESPAZOS PARA O GALEGO NO BIERZO
Nesta sesión serán as entidades bercianas e galegas que apoian estas Xornadas as que a proposta da Comisión Cultural Martín Sarmiento concretarán unha serie de pasos a dar para desenvolver o Decálogo novos espazos para o galego no Bierzo que elaborado en anteriores ediciois das xornadas foi aprobado por unanimidade no Consello Comarcal (2 de marzo de 2018) coa idea de favorecer tanto os ámbitos tradicionais da fala como a creación de novos usos na comarca. Abordaranse iniciativas como as que se enuncian a seguir:
- Anuario do Galego no Bierzo. (Publicación de materiais sobre o galego do Bierzo)
- Proxecto Toponimia berciana (Iniciativa de recolleita de microtoponimia e da súa xeolocalización coa idea de sumarse posteriormente a Galicia nomeada)
- Patrimonio Inmaterial e Lingua (colaboración desde o punto de vista idiomático á recolleita de patrimonio inmaterial posta en marcha recentemente no Bierzo).
O BIERZO, VALDEORRAS E A LINGUA
Os lazos históricos que unen a estas dúas comarcas veciñas están intimamente ligados á xeografía de montes e ríos que bercianos e valdeorreses converteron nunha paisaxe común de convivencia milenaria como certifican, por exemplo, os enclaves castrexos e as explotaciois auríferas romanas. Trato e veciñanza que enriqueceron e consolidaron entre ambos espazos unha ligazón que se formulou máis poderosa e viva, coa lingua. Aínda que a poidamos considerar un patrimonio inmaterial, a súa debilidade aparente foi capaz de manifestar a súa fortaleza na boca dos seus falantes por séculos e séculos ata que persoas como o galego-berciano Martín Sarmiento foron quen de reparar no seu uso habitual en todo tipo de documentos, e mesmo cancioneiros, nos nosos castelos e mosteiros da Idade Media. Porén cumpría, reflexionou o frade erudito, dar un paso máis como é o de facer da fala marxinada do seu tempo unha ferramenta de futuro, material e útil a través das artes da literatura e do rigor científico da gramática.
O legado do noso bieito non caeu en saco rachado. Autores bercianos e valdeorreses contribuíron desde aquela a fornecer cos seus escritos a lingua común que compartían. Mesmo nos debates daquela Provincia de Vilafranca, (da que celebramos este ano o Bicentenario) que segue sendo un soño frustrado, a lingua era un dos condicionantes que favorecía a unión soñada.
A vida cotiá de homes e mulleres humildes que poboan estas terras asentou, a pesares de todo, un enorme acerbo que se concreta e define con palabras como: cocho, viño, castañeiros, botelo, fiandois, entroido, mego e cochorras... que queremos evidenciar para as novas xeraciois de bercianos e bercianas reparen na estreita cohesión na que vivimos con Valdeorras.
É necesario vencer un rancio proceder que deriva de prexuízos e torpezas pasadas, como é o de esquecer que o idioma suma. Temos que facer valer os novos tempos con mensaxes valentes cargados de tradición que din alto e forte “non hai fronteiras”, porque certamente entre o Bierzo e Valdeorras non as houbo, non as hai, nin as haberá.
PARA AS EMISIOIS RADIOFÓNICAS
Nos microprogramas radiofónicos que se emitirán desde o 9 de marzo ao 17 de maio elaborados polos alumnos/as do Programa de Promoción do Galego no Bierzo tocaranse aspectos tan variados como:
- Patrimonio e tradiciois culturais das comarcas.
- Escritos de Sarmiento sobre Valdeorras e o Bierzo.
- Autores e textos do galego bercianos e valdeorreses como Antonio Fernández Morales, Casimiro Fernández Villagómez, Ramón González-Alegre, Florencio Delgado Gurriarán, Aquilino Poncelas, Camilo Fernández, Juan Carlos Mestre e por suposto autoras en galego que viviron ou viven no Bierzo ou en Valdeorras como Dora Vázquez e María J. Montero.
- Entrevistas con valdeorreses ou bercianos/as
FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN
Autor do Día das Letras Galegas do 2022
Tesouro de lembranzas;
garimosas, acedas,
ou mouras de tristura,
ou dóces e sinxelas.
Acubilladas todas,
do pasado, antre a néboa.
¿Por qué xurden agora
na miña mente inqueda?
Arastora, na longa lonxanía,
volto a vivir a vida do pasado.
Lembro a nenez e lembro a mocedade,
lembro a noiva sinxela dos quince anos.
Meu Córgomo de Valdeorras
e bocarribeira crara.
Por Córgomo de Valdeorras
non anda a Santa Compaña,
porque o bon viño escorrenta
medos, trasnos e pantasmas.
Bierzodiario
|
|
|
|
XIII XORNADAS MARTÍN SARMIENTO DO CONFINAMENTO |
|
 A Comisión Cultural Martín Sarmiento quere facer público neste DÍA DO GALEGO NO BIERZO do 2021, 9 de marzo, día no que nacía en 1695 Martín Sarmiento en Vilafranca do Bierzo, a única actividade escolar que como consecuencia da COVID 19 realizaremos neste curso para celebrar as XIII Xornadas Martín Sarmiento, dedicadas ao erudito galego-berciano. Trátase da entrega dunha publicación específica realizada para esta ocasión, un material escolar para cada un dos alumnos/as do Programa de Promoción do Galego no Bierzo que chegará aos centros que imparten dito nos próximos días. O obxectivo é ofrecer un novo material didáctico que se poida usar nas aulas, no que lembremos a figura do Pai das Letras Galegas unha vez máis e que isto dea ao conxunto da Comunidade Educativa do Galego no Bierzo unha sensación de continuidade con respecto a outras actividades presenciais que viñamos desenvolvendo en cursos anteriores.
O material didáctico editado pola Editorial Edicións Positivas leva como título A personalidade do Bierzo: Linguas e territorio con textos de Héctor M. Silveiro, membro correspondente da Real Academia Galega para o Bierzo. Conta cunha edición adaptada para o nivel de Primaria e outra distinta para o alumnado de Secundaria. Ambas tentan explicar de que forma a lingua galega se vai configurando como un dos trazos máis significativos que definen a identidade berciana ao longo dos tempos ligada a outro tipo de elementos e fitos históricos destacables entre os que se mencionan, neste ano de aniversario, a constitución da Provincia de Vilafranca en 1821.
A publicación conta co apoio institucional de costume da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia ademais da Real Academia Galega, o Consello Comarcal do Bierzo, os concellos bercianos de Cacabelos, Corullón e Vilafranca e outras entidades culturais bercianas como son o Instituto de Estudios Bercianos e o Grupo As Médulas para a lingua galega do Bierzo.
A Comisión Cultural Martín Sarmiento ten previsto realizar unha reunión ou encontro telemático co profesorado do Programa de Promoción do Galego no Bierzo e da EOI de Ponferrada para explicar en detalle os contidos e propostas adicionais que sirvan de guía para o uso da publicación e manter á vez o contacto que habitualmente se tiña con carácter presencial con motivo das Xornadas Martín Sarmiento de ediciois anteriores.
Na prensa do Bierzo:
Bierzodiario
InfoBierzo
Bierzotv
|
|
|
|
XIII XORNADAS MARTÍN SARMIENTO A PESAR DO CONFINAMENTO |
|
 As XIII Xornadas Martín Sarmiento este ano 2021 terán un formato especial ao ter que celebrar o Día do Galego nos centros docentes do Bierzo dun xeito diferente á forza.
A Comisión Cultural organizadora do evento está xa procurando os apoios habituais que se deron nas anterioes ediciois das Xornadas para editar un material didáctico que chegará o próximo 9 de marzo aos centros educativos en forma dunha revista para cada alumno/a do Programa de Promoción do Galego no Bierzo. O alumnado poderá desenvolver diversas actividades propostas a partir desta iniciativa coa axuda do profesorado que imparte esta materia, tanto nos centros de Primaria como os de Secundaria.
A PERSONALIDADE DO BIERZO: TERRITORIO E LINGUA
O lema deste ano xira arredor da personalidade do Bierzo na que xogan un papel relevante a lingua e o territorio. É a lingua coa que nomeamos a terra na que vivimos e configuramos a paisaxe a medida que identificamos os lugares polo seu nome. Ademais ao coincidir este ano co bicentenario da proclamación da Provincia de Vilafranca en 1821 cremos que é un boa ocasión para coñecer algunhas das razois polas que hoxe existe a Comarca do Bierzo.
A Comisión Cultural Martín Sarmiento con esta celebración pretende manter a sensación de continuidade con respecto aos programas de actos realizados en anos anteriores. Tenta achegar á comunidade educativa berciana o uso do galego nas aulas creando dinámicas enriquecedoras de encontro cunha compoñente lúdica á vez de formativa. Era para nós un reto procurar unha vez máis ese contacto anual, esa presenza nas aulas da figura e do modus operandi de Martín Sarmiento, o ilustrado vilafranquino homenaxeado.
|
|
|
|
CRÓNICA DAS XII XORNADAS MARTÍN SARMIENTO |
|

Las jornadas Martín Sarmiento hacen de altavoz para reivindicar el gallego en el Bierzo from Bierzotv on Vimeo.
As XII Xornadas Martín Sarmiento centradas este ano na celebración do centenario do nacemento en Vilafranca do Bierzo do poeta, dramaturgo , editor e ensaísta vilafranquino Ramón González-Alegre acadaron unha vez máis un eco na prensa e nos medios de comunicación que recollen en diferentes titulares algunhas das claves sobre as que xiraron estas xornadas, aínda que case todas destacan o momento no que se realizou a ofrenda floral ante o monumento a González-Alegre na Alameda da súa vila natal.
Comezamos o día coa boa nova da publicación da páxina web do Consello Comarcal do Bierzo en galego.
A SESIÓN COS ALUMNOS/AS DE SECUNDARIA NO TEATRO DE VILAFRANCA: RECITADOS, TEATRO LIDO E DRAMATIZACIOIS DE TEXTOS DE GONZÁLEZ-ALEGRE
Despois dun saúdo de benvida aos alumnos/as e dun agradecemento mui especial aos docentes que prepararon este encontro poético-dramático dos cuatro institutos do Programa de Galego no Bierzo e da Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada, comezaron os alumnos/as do IES PADRE SARMIENTO de Vilafranca que a modo de anfitriois recitaron un bon número de poemas do libro de Ramón tituladoOs namoros (1961).
A seguir recitou con acompañamento musical o alumnado do IES Virxe da Encina de Ponferrada, antes de cederlle o escenario ao IES Europa, tamén de Ponferrada, que levou a cabo unha versión adaptada, con vestiario e todo, da peza de Teatro Galego Un lóstrego na noite.
Logo o Departamento de Galego da Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada trouxo a dous alumnos que fixeron un recitado inesquecible de poemas pertencentes á revista Alba asinados polo seudónimo de González-Alegre, Fernando Burbia Valcarce, títulos como Urro por Galicia .
Rematou esta primeira sesión no teatro cunha lectura dramatizada na que se entrelazaban tamén versos do noso autor lidos por alumnos/as do IES Bergidum Flavium de Cacabelos aos que se sumou o propio docente de galego.
Crónica fotográfica dos encontros de Secundaria
OFRENDA CONXUNTA DE SECUNDARIA E PRIMARIA DE FLORES DE PAPEL E VERSOS NO MONUMENTO AO AUTOR NA ALAMEDA
Unha vez concluída esta primeira parte do encontro, saímos do teatro cara ao monumento na honra de Ramón González-Alegre na Alameda da vila para participar xunto cos alumnos/as de 14 centros do Programa en Primaria que, unha vez chegados eilí, realizaron unha ofrenda floral de papel e versos dos máis pequeniños, dous recitados, un en representación do alumnado de Primaria (un alumno do CEIP.Valentín García Yebra de Ponferrada) e outro por Secundaria (outro alumno do IES Padre Sarmiento de Vilafranca) na que interviñeron ademais as distintas administraciois que colaboran coa organización das Xornadas Martín Sarmiento, momento que foi amplamente recollido polos medios de comunicación.
SESIÓN MUSICAL NO TEATRO PARA PRIMARIA
A continuación o alumnado de Primaria dirixiuse cara ao Teatro Enrique Gil y Carrasco para ver o espectáculo musical Enredando con Pakolas subvencionado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
Crónica fotográfica dos encontros de Primaria
ADEUS NA CASA NATAL DE GONZÁLEZ-ALEGRE
Os alumnos/as de Secundaria e a Escola Oficial de Idiomas, entidades colaboradoras como o Instituto de Estudos Bercianos, a Comisión Cultural Martín Sarmiento ademais das autoridades educativas, locais, comarcais e autonómicas partindo do monumento ao noso poeta na Alameda vilafranquina, tras da ofrenda floral, realizaron acto seguido un breve percorrido que foi parando no busto a Sarmiento na propia Alameda, no espazo onde estivo no seu día a casa natal do erudito na Rúa da Auga e poucos metros despois (case en fronte da casa doutro poeta do XIX, natural tamén desta vila, Enrique Gil) detívose a comitiva ante a casa nativa de Ramón. Héctor Silveiro coordinador da Comisión Cultural organizadora dos actos comentou alguis aspectos biográficos sobre o homenaxeado antes de que pechasen a actividade cun recitado musicado do poema Adeus os rapaces/as do IES Virxe da Encina de Ponferrada.
BIERZOTV
BIERZODIARIO
PÁXINA DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA DA XUNTA DE GALICIA
Bierzodigital
DIARIO DE LEÓN
NUEVA CRÓNICA
OSILinfo
Twiter do CEIP Jesús Maestro
PÁXINA WEB CONSELLO COMARCAL DO BIERZO
PÁXINA WEB DA REAL ACADEMIA GALEGA
A CONVOCATORIA DOS III PREMIOS MORALES EN CACABELOS
Ás 13 horas no Salón de actos do Museo Arqueolóxico de Cacabelos, recibiron á comitiva de autoridades e organizadores das XII Xornadas Martín Sarmiento, membros do Grupo As Médulas e o Alcalde e a Concelleira de Cultura do Concello da vila do Cúa para proceder a anunciar publicamente a convocatoria da III Edición dos Premios Morales.
Foi o editor de Edicións Positivas e membro do Grupo As Médulas quen presentou o lema e poema escollido como inspiración para o concurso desta edición dos Premios "Chegaron os romanos"
tirado do poema dedicado á Virxe da Quinta Angustia de Cacabelos e logo foron intervindo as entidades colaboradoras, a Real Academia Galega, o Instituto de Estudos Bercianos, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, un representante da Dirección Provincial de León de Educación en representación da Junta de Castilla y León e os
concellos de Vilafranca, anfitrión das Xornadas Sarmiento e propio Concello de Cacabelos que será o lugar escollido para a entrega dos III Premios Morales.
A MESA DE TRABALLO NA SESIÓN DE TARDE
Esta sesión de tarde celebrouse no Salón de plenos do Concello de Vilafranca estando presentes docentes do Programa de galego no Bierzo, entidades organizadoras e colaboradoras das Xornadas e as administraciois que tamén colaboran coa organización das mesmas. Tras unha análise descritiva que realizou Héctor Silveiro, establecéronse dous puntos na orde do día:
1- Propostas para a mellora do Programa de Promoción do Galego no Bierzo.
2- Borrador para un convenio da RAG e entidades bercianas.
PRESENTACIÓN DA 1ª PUBLICACIÓN DE MATERIAIS PARA O GALEGO NO BIERZO EN CORULLÓN.
No Local social de Corullón coa presenza dun nutrido grupo da corporación municipal de Corullón co alcalde á cabeza, a Comisión Cultural Martín Sarmiento presentou o primeiro libro que edita de cara a abrir novos espazos para o galego no Bierzo cunha serie de materias publicados que recollan aspectos substanciais do patrimonio cultural da fala galega do Bierzo. Para comezar esta vía de traballo escolleuse Unha Cala no Bierzo Occidental (Corullón)de Elixio Rivas Quintas. O autor que estaba previsto estivese presente, por motivos de saúde (ten 94 anos de idade), declinou nos últimos días achegarse ata Corullón. O Alcalde Luis Arias de Corullón con agarimo anunciou que o visitaría na súa residencia en Os Milagres de Ourense para lle agradecer as facilidades que fixeron posible finalmente esta publicación de tanto interese para o concello.
Interviñeron ademais tanto o editor Paco Macías de Positivas como o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia que subvencionou a edición, Valentín García e o autor do Prólogo, Héctor Silveiro, tentando describir os contidos e peculiaridades deste magnífico traballo realizado por Elixio Rivas a finais dos anos 80 e concluído a comezos dos 90 en Corullón.
En conclusión, estas Xornadas rematan coa sensación de cumprir cos obxectivos coas que foron deseñadas de acompañar e potenciar o Programa de Promoción do galego na comarca e de ampliar espazos para a nosa fala, deron á luz novas importantes para o galego no Bierzo e viñeron cargadas de novos proxectos que iremos concretando nos próximos meses que servirán á vez de preparación da próxima edición do Día do Galego no Bierzo.
|
|
|
|
UN BREVE APUNTAMENTO E UN POEMA DE RAMÓN GONZÁLEZ-ALEGRE BÁLGOMA |
|
 Ramón González-Alegre Bálgoma (Vilafranca do Bierzo 1920- Vigo 1968)
Naceu na mesma rúa e a uns poucos metros da casa natal do Padre Sarmiento en Vilafranca do Bierzo da que marchou sendo un nino, pero terá sempre mui presente, de feito volverá ao longo da súa vida por tempadas e períodos vacacionais de xeito continuado. En 1924 trasladouse á Coruña, cidade do seu pai, pero en 1926 a familia mudouse a Vilagarcía de Arousa, onde realizou o bacharelato.
Fixo Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, e foi membro do SEU, primeiro como Delegado provincial de bibliotecas e logo como Xefe provincial de prensa e propaganda. Logo de pasar un tempo como profesor de Universidade en Madrid, e na Coruña, instalouse definitivamente en Vigo (1949).
Dirixiu a revista literaria Alba, clave no rexurdir da poesía galega despois da guerra civil. Da súa obra ensaística destacamos Poesía galega contemporánea (1954) O libro abrangue a poesía do segundo cuarto do século XX, desde 1925 ata a publicación do volume, unha visión xeral de aspectos da poesía galega que o autor considera destacados, seguido dunha análise de diferentes autores e autoras.
Escribiu e publicou varios libros de poemas en castelán entre os que destacamos Clamor de tierra (1950) e El ágape de Dios (1964) e en galego Os namoros (1961), ademais dun conxunto de pezas teatrais baixo o título Teatro Galego (1968).
A causa da súa morte prematura deixou unha parte importante de escritos sen publicar, sendo unha personalidade destacada para o mundo literario galego e berciano en pleno Franquismo dedicando aos galego-falantes do Bierzo ademais de muitos versos, aquela peza de teatro que titulou Farsa dos veciños que aínda segue pendente de ser levada a escena por vez primeira.
Adeus
Adeus tardiña nova en Vilafranca,
porta da señardá que tanto dóe
nas cinzas da i-alma.
Xunto das herbas o fungar do vento
bica as azas dos anxos invisibres,
i-eu che digo adeus, campiño amado,
onde os fillos xogaron co teu nome.
Adeus, adeus, arbres do horto,
os meus choplos amigos, carballeiras
por onde os bicos cheiran a namoro.
Adeus tristura moza das campás
que á tardiña levades os rumores.
En sospiros me vou. Adeus, meus prados,
Que a tristura da noite vén calada.
Os Namoros (1961)
XII XORNADAS MARTÍN SARMIENTO (na Crónica de León)
(No Bierzodiario)
|
|
|
|
PROGRAMA DAS XII XORNADAS MARTÍN SARMIENTO HOMENAXE A GONZÁLEZ-ALEGRE |
|
 PROGRAMA DE ACTOS
NO CENTENARIO DE
RAMÓN GONZÁLEZ-ALEGRE
En 1920 nacía en Vilafranca do Bierzo Ramón González-Alegre. Destacado poeta, crítico literario e dramaturgo. Na súa obra en galego emerxe recorrente o seu Bierzo natal. O río Burbia e o Valcarce serán constante fonte de inspiración ao igual que os seus veciños, os galego-falantes da comarca aos que lles dedica o seu teatro en lingua galega.
A Comisión Cultural ?Martín Sarmiento? de Vilafranca, os alumnos/as e docentes do Programa de Promoción do galego na comarca, coa participación da Real Academia Galega, as autoridades educativas autonómicas, alcaldes do Bierzo e o seu Consello Comarcal entre outros entes bercianos renderán homenaxe a súa figura nestas Xornadas, conscientes da necesidade de incorporar novas iniciativas, xunto ao importantísimo labor educativo, para fortalecer o uso da nosa fala onde habitualmente é utilizada, mellorar o actual Programa de Promoción nos centros escolares e seguir abrindo novos espazos para o galego no Bierzo.
CELEBRAMOS
O DÍA DO GALEGO NO BIERZO
Chegamos xa á doceava edición das Xornadas Martín Sarmiento en Vilafranca asentando, curso a curso, o Día do Galego nos Centros Docentes do Bierzo e sumando iniciativas e administraciois locais implicadas. Este día, 9 de marzo, centos de alumnos/as vidos de distintos puntos da comarca presumen de cultura e identidade. Temos a certeza de que máis aló das aulas este sentimento estámosllo a contaxiar a outros sectores da sociedade berciana que perciben que vai sendo hora de arroupar o acordo de Promoción da Lingua Galega que leva 18 anos aplicándose e reclama un novo pulo.
Luns 9 de marzo 2020, VILAFRANCA DO BIERZO.
1.ª SESIÓN: : TEATRO VILLAFRANQUINO
?ENRIQUE GIL Y CARRASCO?
9,30 APERTURA DO INTERCAMBIO DE SECUNDARIA:
HOMENAXE A GONZÁLEZ-ALEGRE NO SEU CENTENARIO: Intercambio Escolar dos IES do Bierzo que representarán unhas escenas teatrais e recitarán poemas do autor. Están presentes a totalidade dos alumnos/as do Programa de SECUNDARIA dos centros:
IES Padre Sarmiento (Vilafranca)
IES Bergidum Flavium (Cacabelos)
IES Europa (Ponferrada)
IES Virgen de la Encina. (Ponferrada)
Alumnos/a de Galego da EOI de Ponferrada.
11,00 h.: No monumento a González- Alegre Ofrenda floral e intervención das autoridades presentes do Concello de Vilafranca, Consello Comarcal do Bierzo, Xunta de Galicia e da Junta Castilla y León, ante o alumnado de Primaria e Secundaria do Programa de Promoción do Galego no Bierzo. A continuación o alumnado de Secundaria, docentes e as autoridades realizan un pequeno itinerario ata a Casa Natal do autor homenaxeado.
2.ª SESIÓN: Teatro de Vilafranquino.
11,30 APERTURA DA SESIÓN DE PRIMARIA:
- ENREDANDO CON PAKOLAS, actuación musical de Paco Cerdeira subvencionada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellaría de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.
Asisten alumnos/as dos centros de PRIMARIA de:
CEIP San Lorenzo de Brindis de Vilafranca,
CEIP da Quinta Angustia de Cacabelos,
CEIP Valentín García Yebra de Ponferrada,
CEIP Compostilla de Ponferrada,
CEIP Jesús Maestro de Ponferrada,
CEIP San Ildefonso de Camponaraia,
CEIP Virgen del Carmen de Ponferrada,
CEIP Toral de Merallo,
CEIP M.L.Ucieda de Toral dos Vados,
CRA Carucedo,
CRA Cubillos do Sil,
CRA Ximena Muñiz de Corullón,
CRA Ponte de Domingo Flórez,
Colexio Divina Pastora Vilafranca.
13,00 h. CACABELOS
(Salón de actos do MARCA)
CONVOCATORIA DA IIIª EDICIÓN DOS PREMIOS MORALES PARA A PROMOCIÓN DA LINGUA GALEGA
NO BIERZO E SANABRIA. Impulsados polo Grupo As Médulas para a lingua e cultura galegas no Bierzo coa colaboración das autoridades e entes que tamén contribúen á posta en marcha das presentes Xornadas
SESIÓN DE TARDE 9 de marzo
Teatro vilafranquino
?Enrique Gil y Carrasco?
16:30 h. MESA DE DEBATE: As arelas de Sarmiento.
Trátase dun encontro de docentes, autoridades educativas, Real Academia Galega, administraciois e asociaciois culturais bercianas para realizar un seguimento das actividades levadas a cabo e concretar novos compromisos coa lingua galega no Bierzo, entre outros a elaboración dun borrador de convenio de colaboración entre a Real Academia Galega e o Consello Comarcal e outras entidades do Bierzo.
18.00 h. CORULLÓN
(Local Social de Corullón)
PRESENTACIÓN DA PRIMEIRA EDICIÓN DE
MATERIAIS PARA O GALEGO NO BIERZO
DA COMISIÓN CULTURAL MARTÍN SARMIENTO
?UNHA CALA NO BIERZO OCCIDENTAL (Corullón)?
de Elixio Rivas Quintás (Edicións Positivas)
Contaremos coa presenza do autor, da editorial e do Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, entidade que subvenciona a edición. Trátase da primera publicación da Comisión Cultural Martín Sarmiento sobre aspectos culturais e lingüísticos localizados nestes caso en Corullón. Este acto servirá de Clausura das XII-Xornadas Martín Sarmiento no Día do Galego no Bierzo.
|
|
|
|
|
|
|
|
|