Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.
Nas primeiras liñas de 200 gramos de patacas tristes o autor cita ao seu conveciño, o riseiro Sarmiento, na cabeceira do seu primeiro libro en galego. O ilustrado de Vilafranca do Bierzo foi unha das referencias iniciais á hora de "volver á casa do ser", explica J. C. Mestre.
Mestre, ao igual que Sarmiento, volve a súa mirada cara a terra natal para, cavando na identidade, provocar un revulsivo entre bercianos e galegos de dimensiois futuras evidentes, fértiles e esperanzadoras. Esta aposta pola lingua, como a do erudito ilustrado considerado o pai dos seus estudos filolóxicos, é consecuencia dunha convicción rotunda: "hoxe ser cultos implica tamén falar galego".
Como Sarmiento nese pequeno gran libro cargado de ironía titulado "Coloquio dos 24 galegos rústicos" (tamén coñecido como Coloquio en 1200 coplas), Mestre levou ao título un número, 200 gramos, outorgándolle ademais aos textos un marcado e inegable ton irónico. Esta clave retranqueira, como dixo Anxo Angueira, é un recurso a todas vistas sarmentiano.
Na súa alocución no Teatro de Vilafranca na presentación no Bierzo da súa obra en galego, Mestre comezou nomeando ao seu conveciño Martín Sarmiento e realizou unha enumeración de oficios e persoas da súa infancia e adolescencia partindo da panadería familiar que lembran ás que o Pai das Letras introducira á hora de describir o mercado de Pontevedra. Como ben acertou a dicir X.L. Ferrín na valoración desta publicación histórica, Mestre manifesta "unha clara lealdade coa literatura escrita en galego no Bierzo."
A seguir deixamos un dos enlaces nos que se poden ler unha crónica do acontecido no Teatro Vilafranquino o pasado sábado 12 de outubro, en concreto a asinada por Suso Varela nas páxinas de cultura da Voz de Galicia.
Entre veciños e fronteiras móvese Mestre con soltura e con ironía melancólica a douscentos quilómetros de Compostela reivindicando, coa escrita densa de seu, o vigor do galego para estas terras do Bierzo nun agora cargado da señardade do pasado.
Non, non asina un manifesto, tan só escribe un libro cheo como un mego no outono de personaxes e alcumes, máis que de paisaxes e vides, de vivos ou mortos retratados con palabras e frases saídas da memoria e o compromiso. Sendo fiel a si mesmo descobre aos lectores que o mundo literario berciano, e que o seu mundo, tamén se expresa na fala dos humildes, porque non pode ser ignorada a aperta da Gallaecia, da de antes e da despois de Roma, da de hoxe e da de mañá. Transcorren os seus máis dun cento de relatos líricos como as augas dos ríos que choran na procura da verdade nos lindeiros dunha fronteira infantil que non existe. Son douscentos gramos de patacas tristes aos que se asoman Pessoa, Cunqueiro, Pereira, Ursinos ou González-Alegre, dun autor valente que, como o fixera Morales no seu tempo, ao traer correntes a cachois ao deserto, dálle voz ás xentes do pobo tantas veces silenciada, racha na medida do posible coa lousa do ditador que a segue reprimindo dende a tumba. Necesaria é a escrita para chorar por escrito tantos séculos de demora, tanta rabia contida e esquecemento.
Graciñas, Mestre, por lembrarte de Sarmiento e das súas arelas facéndoas túas e miñas e de tanta, tanta xente que naceu ao carón dun río entre montañas. Grazas por declararte amante do galego, instalarte na veciñanza, sen complexos e sen prexuízos, da República das Letras da mao de Sarmiento, do país de Rosalía, Castelao ou Ferrín e unha estirpe de homes e mulleres boa e xenerosa.
Xa está nas librarías que contemplan o paso do Miño e dos mil ríos que regan Galicia, e nas bercianas que ollan o Sil e os seus afluentes. Tócanos ler, un exercicio de cultura, ese exercicio de prestixio da palabra diversa, construtora do destino, aínda tan menosprezada, pero motor e desafío cuxa meta está na dignidade humana. Recibamos con alegría esta fértil e sincera aperta de Mestre, unha nova aperta agarimosa do porvir da antiga Gallaecia.
Foi entrado xa o novo milenio cuando, seguíndolle a pista aos estudos que o Padre Sarmiento realizara sobre o Bierzo reparei que aquela teoría que me contara don Antón Fraguas de que o antigo Miño era o Sil, resultaba ser unha vella teoría enunciada polo noso frade erudito nado en Vilafranca do Bierzo en 1695 e considerado o Pai das Letras Galegas.
De novo sentín aquela aperta da vella Gallaecia, esta vez nas palabras dun vecín do século XVIII, pero adiantado ao seu tempo, un galego-berciano que ademais de estudoso da lingua, coma Fraguas, gustaba de indagar sobre a xeografía, a historia, a etnografía e tantas outras ciencias, algunhas delas aínda sen ter sido consideradas tal e que logo serían tamén obxecto de estudo polo que vén de ser homenaxeado no Día das Letras recentemente.
Mais neste mes de maio, mes da Letras, acabamos de recibir unha nova aperta, entrañable e querida (por ser próxima e fresca) que une de novo ao Bierzo con Galicia, que nos lembra que seguimos sendo a Antiga Gallaecia. Trátase do libro do vilafranquino J. Carlos Mestre 200 gramos de patacas tristes
o seu primeiro libro en galego. Cunha breve dedicatoria inicia Mestre este relato lírico da súa infancia, cargada de señardade, pero tamén de vigorosa e actual reivindicación da memoria dos humildes cuxa lectura recomendamos encarecidamente. A dedicatoria é a que segue:
"Á riseira memoria de frei Martín Sarmiento e case todos os meus conveciños"
A Comisión Cultural Martín Sarmiento coorganiza xunto ao Instituto de Estudios Bercianos e a Real Academia Galega o Simposio do Bicentenario de Morales. Con este motivo presentouse o Programa previsto simultaneamente en Ponferrada e na sede da Academia na Coruña. A idea do Simposio que se asocia coas denominadas Xornadas de Autor, que tradicionalmente organiza o IEB, é poñer ao día as investigaciois que sobre Antonio Fernández Morales , o cantor do Bierzo en galego se veñen realizando nos últimos tempos e procurar unha maior proxección da súa obra máis singular: Ensayos poéticos en dialecto berciano .
PROGRAMA
15 de setembro
PONFERRADA
Lugar: Casa da Cultura
19.00 Inauguración da EXPOSICIÓN DO INSTITUTO DE ESTUDIOS BERCIANOS : ANTONIO FERNÁNDEZ E MORALES.
19.30 Inauguración do Simposio do Bicentenario/ XI Xornadas de Autor: Antonio Fernández Morales, o cantor do Bierzo.
19,45 Sesión sobre a BIOGRAFÍA DE MORALES: Conferencia inaugural ?Unha nova visión da vida de Antonio Fernández e Morales? polo profesor J.A. Balboa de Paz.
20,45 Actuación musical de Carmen Penim e Maurizio Polsinelli.
16 de setembro
VILAFRANCA DO BIERZO Lugar: Teatro vilafranquino Enrique Gil y Carrasco.
10.00 Sesión sobre a OBRA DE ANTONIO FERNÁNDEZ MORALES: ?Ensayos poéticos en dialecto berciano?. Presidida polo Presidente da Real Academia Galega.
10.15 1. LINGUA: ?O dialecto do Bierzo, o galego no Bierzo? pola profesora Rosario Álvarez Blanco.
11.00 2. COSTUMES E TERRA: ?Tradiciois, terra e identidade na obra de Morales? polo profesor Héctor M. Silveiro Fernández.
11.45 3. LITERATURA: ?Morales no Rexurdimento? polo profesor Anxo Angueira Viturro.
13.00 Inauguración no Claustro de San Nicolás o Real da EXPOSICIÓN: ?ANTONIO FERNÁNDEZ MORALES E O GALEGO NO BIERZO? DA COMISIÓN CULTURAL MARTÍN SARMIENTO subvencionada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Intervencións das autoridades presentes.
Lugar: Teatro vilafranquino Enrique Gil y Carrasco.
17.00 4.COMUNICACIÓNS:
- Unha achega ao léxico de Fernández Morales, Andrea Castelo Veiga.
-O redescubrimento de Fernández Morales, Xosé Henrique Costas.
- Rítmica e musicalidade nos poemas de Antonio Fernández Morales, Carmen Penim e Maurizio Polsinelli.
17 de setembro
CACABELOS
Lugar: Museo Arqueolóxico de Cacabelos (MARCA).
11.00 5. COMUNICACIÓNS:
- A poesía en Fernández e Morales, José Luis Puerto.
- Utensilios musicais, Héctor Luis Suárez.
- Cartas Inéditas de Antonio Fernández e Morales, Javier Fernández-Llamazares.
CLAUSURA:
- Recital poético por Anxo Angueira.
- Ofrenda floral no cemiterio da Edrada de Cacabelos ante a tumba de Antonio Fernández Morales coa intervención musical da Escola de Gaitas de Vilafranca do Bierzo.
Está aberta a discusión denda fai muito tempo, porque de feito, Prisciliano viviu fai séculos nun momento crucial para o asentamento do Cristianismo cando era unha relixión en auxe, pero en gran medida recén chegada á nosa terra.
Un autor berciano, Aniceto Núñez de Cacabelos, vén de editar en castelán un libro sobre este tema alimentando a polémica sobre o lugar de nacemento deste Prisciliano, considerado o primeiro mártir galego.
Con motivo das VIII Xornadas de autor organizadas polo Instituto de Estudios Bercianos (IEB)o pasado 14 de abril reuníronse en Vilafranca familiares amigos, estudosos e interesados na súa obra. Realizaremos eiquí unha pequena crónica do que no Teatro da vila aconteceu.
A presidenta do IEB, Mar Palacio tomou a palabra pasadas as seis da tarde para presentar as Xornadas a intención de homenaxear ao autor e facer fincapé na importancia de Vilafranca no conxunto dos creadores bercianos, pois son xa catro dos autores homenaxeados pola institución que preside, os que naceron precisamente nesta vila na que conflúen o Burbia e o Valcarce. Tomou a palabra acto seguido a Alcaldesa de Vilafranca para agradecer o interese do Instituto por recuperar a memoria de González-Alegre, lembrar a homenaxe realizada pouco despois da súa morte en 1968 polos vilafranquinos, momento no que se erixiu o monumento na súa lembranza que está situado na Alameda a un paso do lugar onde se celebra a Festa da Poesía. Fixo un breve saúdo o fillo menor do autor, Alberto González-Alegre e comezaron as distintas intervenciois previstas.
Despois da presentación do acto, X. L. Méndez Ferrín fixo un percorrido moi persoal e sentido sobre a obra poética de Ramón. "Os seus poemarios sempre tiñan títulos fermosos" dixo pronunciando a continuación un a un:Clamor de Tierra, Por entre el arpa y la saudade...
Ramón, foi un avogado sen vocación, pero sobre todo foi un poeta. A pesar de vivir en Vigo procuraba estar presente na literatura en castelán, editando en León ou en Madrid. Despois de facer unha breve análise da temática da obra en castelán, esa preocupación existencial fonda e cristiá polo ser humano, detívose para establecer unha diferenza de estilo entre os poemarios en castelán e os poemas en galego de "Os namoros" onde aparecen entreoutros elementos con contundencia a paisaxe de seu, o Burbia e o Valcarce. Fixo mención á anécdota de que nas probas anteriores á edición que foron cedidas por Ramón para ultimar algunha dúbidas do galego a usar, aparecía o poemario baixo outro título que daquela Ferrín recoñeceu que non entendeu, "Rúa da augua" non coñecía a referencia a rúa central da vila xacobea máis emblem´tica do Bierzo, motivo que lle fixo afirmar con certa sorpresa: "pois non me parece un título moi bon" ao que Ramón lle respostou: "probablemente só se entenda en Vilafranca" e logo cambiouno polo de " Os namoros". Logo Méndez Ferrín pasou a suliñar a importancia da revista Alba para a historia da literatura e a recuperación da poesía en galego despois da guerra, como Ramón procuraba a poetas novos coma el mesmo ou Bernardino Graña (que tiñan 17 anos cando os contactou), destacou a trancendencia das publicaciois poéticas anexas á revista entre as que, o xa ex-presidente da Academia, lembrou o seu primeiro libro de poesía "Voce na néboa".
Sinalou a continuación como a publicación da Antología da poesía gallega, e, en especial, o ensaio Poesía gallega contemporánea de 1954 están feitas cunha capacidade crítica digna de louvar, nunha relectura recente desta obra, dixo que seguía coincidindo con González-Alegre no 90% das súas apreciaciois, por exemplo, Ramón ofrece unha visión novidosa de Rosalía, cvisión descoñecida para a España dos anos 50. (Para quen queira consultar unha intervención semellante a esta en contidos, reprodúcese unha charla anterior de Ferrín tirada da Memoria das IV Xornadas da Cultura e da Lingua Galegas no Bierzo<, organizada pola Asoc. Cultural Escola de Gaitas e realizada tamén no Teatro Vilafranquino o 28 de decembro de 1996)
Acto seguido tivo lugar a proxección dun vídeo elaborado polo IEB sobre a vida e a obra de González-Alegre (que xa podemos velo na rede na canle bierzo tv)
A seguir tivo lugar a evocación poética de González Alegre a través da lectura dunha seleción de textos e de poemas que realizou o catedrático da Universidade de Vigo e presidente a Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira. Se o fío argumental do que leu e recitou foron palabras de Ramón, houbo na intervención un interese especial en destacar como os poetas do norte penínsular e Portugal teñen presente a terra, a paisaxe. Era Ramón un cantor da paisaxe e do home. Comezou lembrando a viaxe lírica da mao de González-Alegre na Casa de Padrón onde morreu Rosalía nas notas que deixou o autor vilafranquino desta visita nos seus apuntamentos de viaxes cargados de fonda emoción, logo houbo textos en castelán textos de "Clamor de tierra" nunha invocación ao Bierzo fermosísima e tamén en galego, do libro "Os Namoros" cos que rematou a súa intervención Anxo recitando un Adeus á terra que nos lembrou de novo un coñecido poema de Rosalía.
A primeira das xornadas rematou cunha mesa redonda onde familiares como o seu fillo menor, Alberto, o seu cuñado Julio Butragueño, e amigos como O propio Méndez Ferrín, Luis Núñez, ex-alcalde de Vilafranca, e Cristóbal Halfter, ademais de mar Palacio que foron tomando a palabra para lembrar anécdotas e facetas da súa vida como colofón ao acto. Queremos rematar esta pequena crónica coas palabras de alguén que non puído estar na mesa, pero que deixou unha anécdota digna de mención. A viúva de Antonio Pereira lembrou a última vez que se viron o seu home e Ramón na casa dos "señores" na rúa da Auga. Ramón sabía que non ía volver a ver a Antonio, que non ía estar de novo en Vilafranca e se despediron cun abrazo. Aquel día ao seu amigo Antonio lle ofrecera un viño e unha cereixas.
As xornadas continuaron en días consecutivos en Ponferrada.
Inaugurouse unha Exposición realizada polo Instituto de Estudios Bercianas sobre o autor na UNED.
Presentouse un libro de Viaxes inédito de Ramón González - Alegre. Tamén houbo unha conferencia de Vicente Fernández Vázquez sobre a súa relación con Caamilo J. Cela.
Nesa mesma xornada houbo unha conferencia sobre o Teatro de Ramón, a cargo de Jesús García García que foi retransmitida en directo pola rede a través da Cadena Campus da UNED. Jesús García que entrou en contacto coa obra de Ramón sendo profesor no IES de Vilafranca, fixo un repaso sobre a súa obra en castelán e en galego,entendéndoa como unha obra dun autor en proceso de aprendizaxe que vai madurando como dramaturgo e que chega a compoñer obras de gran interese entre as que destacan especialmente a Farsa dos veciños ou a de Xohana de Avignón ou unha obra que el pensaba estaba inconclusa e parece que se atopou o final, unha adaptación teatral da obra de Cela "La familia de Pascual Duarte" á que lle deu o propio Cela o seu visto bo. Rematou as súas palabras citando tamén oura obra inédita en galego e inconclusa, esta si, aínda que se poida adiviñar como remata: unha farsa sin título dos amores de Uxío de Vilela e unha montañesa Helena, o primeiro acto transcorre na Festa do viño nunha taberna onde se van coñecer os personaxes, logo tras a pretensión de casar con ela, no segundo acto distintos personaxes ( o cura, parentes)discuten sobre a convenencia da voda, o terceiro acto sería o do final feliz para Uxío e Helena.
As Xornadas de autor que vén realizando o Instituto de Estudios Bercianos homenaxean ao poeta e dramaturgo vilafranquino Ramón González-Alegre. Podedes ver o programa e un pequeno vídeo de presentación no seguinte enlace en bierzo tv
Esta fin de semana pasada celebrouse en Cacabelos e Ponferrada a 6ª Escola permanente Fermín Penzol que organizou a Universidade de Vigo coa colaboración da Xunta de Galicia e diversos concellos e entidades do Bierzo.
Tiveron especial relevancia porque os distintos ponentes foron desvelando interesantes novidades para o estudo tanto da vida como da obra de Morales. Ademais houbo ponencias dedicadas ao galego do Bierzo e a súa relación co galego estándar, sobre a lexislación e os dereitos lingüísticos dos bercianos, sobre a aplicación da obra de Morales en terreos como a ecoloxía e a biocultura ou a elaboración de propostas didácticas sobre os "Ensaios poéticos en dialecto berciano" para os máis de 1000 alumnos do galego no Bierzo.
Un capítulo moi emotivo foron tamén a colocación dunha placa na casa de Cacabelos onde vivíu longas tempadas e morreu Antonio Fernández Morales ou a estrea dunha obra para Banda e coros sobre textos dos poemas dedicados a Vilafranca , a Ponferrada e Cacabelos do noso poeta, así como tamén a xa tradicional ofrenda no cemiterio da Edrada ao pé da tumba do autor dos versos máis fermosos que se compuxeron á terra berciana e ás súas xentes en galego do Bierzo.
Invitamos a que botedes unha ollada á reportaxe fotográfica destes actos que aparece no blog Antonio Fernández Morales, o cantor do Bierzo
Este ano a poucos días de comezar o curso escolar 2011-12 convócase a 6ª ESCOLA FERMÍN PENZOL no Bierzo que desenvolverá unha edición monográfica en homenaxe a Antonio Fernández Morales ao cumprirse os 150 anos da publicación do seu libro "Ensayos poéticos en dialecto berciano"
Para todos os interesados e curiosos que queiran saber os actos programados e os títulos das distintas ponencias que se van presentar, mesmo o escenario onde vai ter lugar o gran estreo da obra coral composta especialmente para este evento sobre certos poemas de Fernández Morales,poderá consultar o programa completo nas seguintes direciois: