A máxima autoridade lingüística, a Real Academia Galega, cualificou de inaceptabel as bases do novo decreto firmado pola Xunta. Nun documento de 13 páxinas, a RAG, incide en que as bases que se analizan poderían producir un retroceso no proceso de normalización, que infrinxe a lexislación vixente e mais a xurisprudencia emitida polos altos Tribunais e que tampouco se sustenta na mellor organización do proceso pedagóxico senón, unicamente, en promesas electorais que son de dubidosa legalidade e que, por esa razón, non parecen validables polas urnas.
No documento, no que se fai referencia á lexislación vixente en multitude de ocasións,insístese en que o borrador expón unhas medidas que son totalmente contradictorias fronte as do Plan Xeral de Normalización e que poden vulnerar o Estatuto de Autonomia. Segundo a RAG, deberíase abrir un diálogo franco con vontade de concordia definitiva, porque a sociedade está cansa da prolongación das discordias lingüísticas e de que toda a melloría do "enfermo" pareza perigosa. Todas as forzas políticas deberían facer un esforzo de pacificación e construír un diálogo sobre bases que garantan a plena normalización do galego e a plena competencia oral e escrita do alumnado ao final de cada ciclo nas dúas, (ou tres), linguas.
En conclusin, a Real Academia Galega defende a lingua propia do pais, (o galego),e lamenta que o goberno vixente non o faga, xa que,polo de agora, os movementos feitos pola Xunta van en sentido contrario.
Ata que, en palabras da RAG, a lingua galega non sexa o centro de gravidade do modelo bilingüe e estea asegurado o respecto e fomento do uso da lingua propia e cooficial desta Comunidade Autónoma para corrixir positivamente unha situación histórica de desigualdade co castelán,seguiremos coa loita.
Os compañeiros do ENDL do IES de Porto do Son, que son uns profesionais da cámara, fixeron unha reportaxe estupenda sobre a manifestación do pasado xoves 21 de xaneiro. E sabedes que? gravaron a uns gaiteiros e pandeireteiras de Rianxo, aos que seguro que coñecedes.
Saímos polo medio da película...
Un autobús totalmente cheo saiu de Rianxo ás 10.00h do día 21 de Xaneiro de 2010 cara a Santiago cun único compromiso: apoiar o galego no ensino.
O autobús estaba repleto maioritariamente por mocidade. Levamos unha pancarta co lema "Mexan por nós e temos que dicir que chove!", levamos ghaiteiros, pandeireteiras, etc, e grazas a iso fixemos resoar a Rianxeira no medio da manifestación. Non poidemos entrar ao Obradoiro pois ESTABA CHEO! Moitísiiiima xente quedamos fóra. Hoxe gritamos como nunca!
A foto é dalgúns dos que fomos a Santiago, pois reunir a 60 persoas despois da manifestación de 60.000 persoas era moi difícil.
Manuel Vázquez, o actual secretario xeral dos socialistas, e Francisco Caamaño en rolda de prensa na sede do PSdeG, anunciaron o seu total desacordo en que as clases se impartan en castelán, inglés e galego a tempos iguais.
Chamoume a atención a pregunta que Francisco Caamaño dixo: É o reparto do 33% anticonstitucional?
Eu penso que o único que ten que facer Feijoo é recuar e tirar co borrador. Como siga coas súas intencións vaise acabar dividindo a sociedade. Eu non estou disposta a permitilo.
En conclusión, agora témonos que unir máis que nunca e loitar pola nosa prezada lingua.
Coa excusa de introducir outro idioma no ensino, búscase reducir o galego só ao 30% das materias en educación primaria e secundaria. Isto parécenos impresentable.
Eliminalo ademais do ensino infantil suporía a auténtica ruína para o noso idioma, pois se os nenos non aprenden en galego, quen o vai a falar o día de mañá?
Os equipos de Normalización das tres universidades galegas; universidade de Vigo, Santiago e A Coruña, reuníronse a semana pasada para elaborar un texto sobre o novo decreto que o goberno sacou este último nadal e que pretende reducir a presenza do galego no ensino a un 33 por certo e non a un 50 como recolle o decreto que está hoxe en día en vigor.
Dende o meu punto de vista, vexo ben que intenten mellorar as ideas erróneas das bases do novo decreto que o goberno publicou.
Unha das críticas que este sector do ensino lles fai é que as medidas vaian adiante sería bo que se tomaran para todo ensino en Galicia e non que se deixen algúns niveis de lado, como poden ser as universidades.
A Real Academia Galega celebrou no día de onte unha asamblea na que debateron os informes elaborados sobre o borrador do decreto do galego na ensinanza obrigatoria. A Xunta xa admitira consultar o seu informe co Consello de Cultura e coa Academia.
Dito documento retrata o malestar da Academia co borrador. Manuel Gonzalez, secretario da institución e actual director en funcións, explicou que o sentir xeral dos académicos é moi crítico co borrador e están en total desacordo.
Por isto, hoxe celebrarase a primeira reunión da comisión que redactará as reflexións dadas o día anterior na asamblea. Os argumentos que citarán os académicos na comunicación final que pensan transladar á Xunta basearanse en varios aspectos, abordando tanto cuestións propias da legalidade da norma e os seus efectos na sociedade galega, como razoamentos de carácter pedagóxico para soster as modificacións ou críticas que se farán á base do futuro decreto.
A comisión recollerá hoxe as aportacións da Academia, mais, todo parece indicar que a comisión está de acordo co actual decreto.
Méndez Ferrín, até o momento, é o único candidato á presidencia da Real Academia Galega.
O actual secretario da RAG, Manuel González subliñou que Méndez Ferrín é un ?bo candidato?.
Hai outras opinións enfrontadas,que non consideran a Ferrín a persoa adecuada para este cargo.
Eu penso que o que máis falta fai é entendemento e non infantís enfrontamentos entre os galeguistas. Méndez Ferrín é un magnífico galeguista e un gran escritor.
O proceso de elección terá lugar o día 23 de xaneiro ás 12 horas.
Anxo Lorenzo reuníuse o 28 de decembro cos lectores de galego nunha xornada que continuou ata o día 29. O secretario xeral de Política Lingüística dixo que para o 2010 o seu departamento plantéxase tres retos: establecer unha programación continuada de actividades culturais para que os lectores leven a cabo nas súas distintas universidades; elaborar novos materiais; e crear un espazo virtual para a aprendizaxe e a difusión do coñecemento. Por outra banda houbo tamén malas novas, pois a crise chega a todos os departamentos e Lorenzo xa avisou de que se ían reducir as contribucións para as actividades que realizan os propios lectores.
Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.