Descrición da proposta de actividades: Os xogos tradicionais son unha actividade lúdica, patrimonial e cultural que forma parte do saber dos pobos, xa que portan sinais de identidade dos mesmos. Na actualidade, moitas veces van asociados a actos folclóricos, festivos e só se practican en determinadas datas.
Co gallo dunhas Xornadas Galego-Portuguesas de xogos tradicionais, dirixidas ao profesorado non universitario, que se celebraron no mes de Outubro de 2004 no Colexio de A Capela (A Coruña), as persoas asistentes ás mesmas comprometéronse a introducir estes xogos nos centros educativos. Tamén pensaron que poderían programarse uns Encontros escolares de xogos tradicionais, con carácter anual.
Nos últimos anos, en consecuencia, un grupo de profesionais do ensino procedentes de toda Galiza, coordinados por
Brinquedia, a rede galega do xogo tradicional, convocou o I, II, III e IV Encontro escolar de xogos tradicionais. Os Encontros celebráronse no Parque de Bonaval (Santiago-2005), no Parque de Acea da Ma, (Culleredo-2006), en Pereiro de Aguiar (Ourense-2007) e en Silleda (Pontevedra-2009). En cada unha das edicións participaron uns 800 nenos e nenas de toda Galiza que, ao longo de toda unha xornada, puxeron en práctica unha importante batería de xogos tradicionais galegos. As xornadas completáronse con exhibicións de deportes tradicionais de adultos como a estornela (tamén chamada billarda), a chave ou os birlos (bolos).
Obxectivos:
1. Contribuír á difusión do patrimonio lúdico galego.
2. Promover unha iniciativa dirixida á recuperación das prácticas lúdicas tradicionais.
3. Introducir os xogos tradicionais no currículo escolar, facendo as adaptacións necesarias para posibilitar a integración efectiva do alumnado con minusvalías.
4. Fomentar a práctica diaria dos xogos tradicionais nos diferentes centros escolares galegos.
5. Coñecer distintos tipos de xogos tradicionais.
6. Facer que os xogos tradicionais sexan un espazo de relación entre alumnado, profesorado e familias.
7. Introducir a música nos xogos tradicionais.
8. Implicar a distintos organismos oficiais e da administración na difusión do patrimonio lúdico.
Normas xerais da xornada:
O Encontro escolar de xogos tradicionais trata de ser un lugar de encontro lúdico para nenos e nenas dos centros de ensino non universitario de Galiza, realizado a través dos xogos tradicionais.
O obxectivo é a práctica dos xogos ao longo de todo o curso;
o día do Encontro é a oportunidade para xuntarse alumnado, profesorado e familias de centros que xa veñen disfrutando deses e doutros xogos ao longo do ano. Xogan e relaciónanse uns con outros, sen competir.
I.- Mañá (10 -14 h):
Práctica de xogos (dirixidos por voluntariado) por parte do alumnado participante, con rotación libre acompañados por profesorado.
Obradoiros de construción de xogos ou enredos.
Espazos expositivos: artesáns, xogueterías, libreirías, asociacións,...
II.- Xantar coas familias e profesorado (14 h)
III.- Tarde (15,30 ? 17,30h):
Exhibición de xogos
Práctica deses xogos polo alumnado e familias
Entrega de agasallos: un para cada participante. Posteriormente enviarase un DVD, coas imaxes do Encontro e xogos practicados.
Os xogos:
Carreiras de sacos. Carrilanas. O gato e o rato. Tiro de corda. Pase misí (Pasa Perico..) Arrastraboias. Cacerola. Malla. Sete e media.Tres en raia. A goma. Xogos musicais. A zoadeira (Dálle que dálle). As chapas. A zorregada co cinto (O lorcho). As catro esquinas (O buscalume). Os tres pés. A mariola. As bólas. A ra. O pano. Os pelouros. A cadea. Os peóns (buxainas). Os zancos. A corda. O aro. O brilé. As lombas. A porca.
Os xogos tradicionais para as exhibicións da tarde poderán ser:
Tabas, A pateza, Loita galega, Loita senegalesa, A cocha, A chave, A estornela, Os birlos ao canteiro, Os bolos de Punxeiro, Os bolos en liña, Os bolos celta, As chaves de Ferrolterra, Ourense e Santiago?
Os obradoiros:
Pénsase na posibilidade de dous obradoiros:
Construción de enredos: para que o alumnado vaia facendo o seu propio xoguete (papaventos e papiroflexia)
Artesán que fabrique bólos, billardas, peóns, etc. para poder contemplar todo o proceso.