Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
DINAMIZANDO A LINGUA


    DINAMIZANDO A LINGUA



O noso perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A castaña que rebentou de risa
Unha vez ían de camiño unha brasa de carbón, unha palla e unha castaña.
Chegaron a un río e non sabían como atravesalo.
A castaña, que era moi lista, propuxo o seguinte:
-Como a palla pode flotar na auga, eu montarei encima dela e levarame nadando á outra beira. Logo regresará e levarache a ti, dixo dirixíndose á brasa.
Ás dúas pareceulles moi ben, e así se fixo. Primeiro a palla pasou á castaña e logo volveu pola brasa de carbón.
Pero cando estaban a metade do río, a palla sentiu que se queimaba coa calor da brasa e case sen querer fixo un movemento brusco, e dunha
sacudida tirouna á auga.
Cando a castaña viuno, deulle un ataque de risa. Ríase tan a gusto de ver á brasa remollada, ríase con tanta forza, que rebentou.
A palla chegou á beira completamente chamuscada.
A brasa chegou máis tarde, apagada por completo, chorreando.
Chegaron ademais moi enfadadas as dúas coa castaña, porque se riu cando elas o pasaban mal, pero cando viron que coa risa rebentara a súa pel, e estaba esnaquizada, compadecéronse e foron a buscar ao xastre para que a remendara e lle cosera o roto.
O xastre só tiña un anaco de tea de cor máis
clara que o da pel da castaña, e tivo que apañarse póndolle un anaco desa cor.
Por iso agora andan todas as castañas cun anaco de pel, que parece un trociño máis claro.


O conto con actividades para poder traballar o texto:


Comentarios (3) - Categoría: Contos - Publicado o 20-10-2010 22:16
# Ligazón permanente a este artigo
A amora, ou amoria da silveira
A amora é o froito da moreira (árbore) e da silveira brava, arbusto espiñento e moi invasivo do xénero Rubus, da familia das rosáceas, e achegado ao framboeseiro. Estas dúas especies, ademais, producen un híbrido orixinal cando se cruzan entre elas, a subespecie denominada Rubus × loganobaccus ou "amora de Logan" (en inglés, loganberry).


"Dizem os entendidos que a amora das silvas é depurativa, contém potássio, fósforo e cálcio. Tem acção diurética e digestiva, além de servir como adstringente quando usada na pele". Alguns componentes destas amoras podem contribuir para prevenir o mal de Alzheimer."


Branca fun cando nacín,
encarnada pra vivir,
e moura me fun quedando,
cando xa ía fuxir.


Unha longa longarela,
ten dentes coma unha serra.

Longa, longa coma a soga
e ten dentes coma a loba.

Ten dentes como unha loba
e pasa o río e non se molla.

A vella adentereda
pasa o río avegorada.

Longa, longarela,
ten dentes e traba
como unha cadela.


Un paxaro que lle gusta moito as amoras: a papuxa das amoras.


Propiedades das amorias.
Comentarios (0) - Categoría: Adiviñas - Publicado o 20-10-2010 17:04
# Ligazón permanente a este artigo
A lingua máis dificil
"Naquel país, pequeno e practicamente descoñecido, había xente que tardaba anos e anos en se botar a falar na súa lingua. Ninguén puido explicar... nunca -nin os científicos da National Geographic, que foron os últimos en estudar a lingua de cabo a rabo- por que, mentres nas máis de 5.000 linguas do planeta a xente comeza a falar as primeiras palabras arredor dos 13 meses- de media, aproximadamente-, nesta lingua moita xente tardaba anos e anos e nalgúns casos máis anos en comezar a pronunciar as primeiras sílabas. Descubríuse mesmo xente que nunca chegou a falar na súa lingua, na súa precisamente, e que. por outra parte, non tivo problemas para se iniciar e chegar a falar con fluidez outros idiomas, o que demostraba a fantástica dificultade da lingua daquel país único no mundo.
A xente que nunca chega a falala explicaba, na madurez ou na senectude das súas vidas e por tanto cando xa chegaran reflexionar profundamente sobre o problema, que non se atrevían a falar a lingua porque aínda non estaban preparados; ou levando a man á cocorota e rascando co dedo índice dicían que lles parecía imposibél ou que xa era demasiado tarde; ou, cunha vaga esperanza e confiando nas xeracións vindeiras, dicían- A ver se os meus fillos o conseguen.

Dábanse algúns casos extraordinarios, si, de nenos e nenas precoces na aprendizaxe e uso do seu idioma, que chegaba á escola falando na súa lingua, se ben eran excepcións que confirmaban a regra: unha porcentaxe mínima entre a inmensa maioría dos que, acabados os estudos obrigarorios e mesmo os universitarios, non consegúían botarse a falar no idioma daquel inaudito país.
A xente que conseguía, por fin, algún día, e a pesar de todo, falar a lingua, animaba ó resto a esforzarse un pouco máis, explicaban que si, que era posíbel, qeu supoñía un traballo considerábel, sobrehumano nalgúns casos, mais que o esforzo ao final pagaba a pois non todo o mundo podía dicir que era quen de falar a lingua máis dificil do mundo.

Era tan dificil que nas escola mesmo había profesores e profesoras que non conseguían falala.
Era tan , tan difícil que case ninguén lle chamaba polo seu nome, por poñer o caso dunha palabra de uso común e corrente, ao cuberto cóncavo co que se come a sopa.
Era tan , tan dificil que algunha xente nin sequera conseguía dicir Bo día, Ola, Boa noite ou Adeus.
Era unha lingua tan extremadamente difícil que mesmo había xente que, dada a dificultade e a frustración, acababa emigrando para outros países onde aprender a lingua non fose un problema."

Sechu Sende "Made in Galiza"
Comentarios (0) - Categoría: Contos - Publicado o 18-10-2010 23:21
# Ligazón permanente a este artigo
Mediciña para a lingua
De Sechu Sende, do Libro Made in Galiza.

PROPIEDADES

É un composto de orixe secular, da familia lingüística galego-portuguesa, derivado do latín. Ao ser humano as linguas resólvenlle as funcións comunicativas elementais. A lingua galega, ademais desa función básica, desenvolve a función de identificar culturalmente a comunidade social denominada cientificamente Galiza. Facilita a comprensión e integración no contorno. A súa presenza potencia a creatividade, a autoestima e o proceso social. A súa administración é especialmente recomendada nos centros de ensino e lugares de ocio e tempo libre da xuventude e a infancia.
INDICACIÓNS

Trastornos de comportamento por causa da diglosia, o autoodio ou a falta de austoestima.
Trastornos por déficit de interacción coa cultura e identidade galegas.
Estados de acollida de recén chegad@s a Galiza.
Persoas con insuficiencia comunicativa.
O seu uso está especialmente indicado para persoas e colectivos que crean na xustiza social e na defensa dos dereitos básicos do ser humano.
Comeza a relacionarse o seu uso oral permanente co progreso económico do país.

CONTRAINDICACIÓNS


Non se coñecen até de agora.
INCOMPATIBILIDADES
Problemas con pacientes con trastornos ideolóxicos, proclives á desaparición das culturas minorizadas ou indiferentes ao proceso de desgaleguización.
Recoméndase a inxesta doutros idiomas, cantos máis mellor, sen esquecer que a lingua da propia comunidade social é insubtituíbel.
EFECTOS SECUNDARIOS
É xeralmente ben recibido desde a primeira dose.

ADVERTENCIAS

Ha de comezar a utilizarse desde os primeiros días de vida para optimizar os seus beneficios.
O uso continuado conduce ao convencemento e á fidelidade na súa capacidade creativa, e en estados evolucionados pode crear un estado óptimo de monolíngúismo.

FÓRMULA

Latín
Linguas de subtrato precelta e celta (oestrimnio, ligur)
Linguas de superestrato: visigodo, suevo, árabe.

EXCIPIENTES

Habilidades sociais, autoestima, liberdade de expresión?

PRESENTACIÓN

Preséntase en formas diversas, a través de textos escritos ou de administración oral. Recoméndase a súa distribución en formatos actualizados (novas tecnoloxías, cine, mass media?) e o seu consumo tradicional (relacións informais, familia...).

POSOLOXÍA

Ha de administrarse de forma diaria e continuada. Elixirase a dose segundo as necesidades persoais.
CADUCIDADE
O propio medicamento ten unha sorprendente capacidade de rexeneración polo que NON presenta data de caducidade.

NOTA. "ESTE MEDICAMENTO DEBE ESTAR AO ALCANCE DE TÓDOLOS NENOS E NENAS"
Comentarios (0) - Categoría: Contos - Publicado o 18-10-2010 23:18
# Ligazón permanente a este artigo
Se falas galego cambias de vida
Sacado das candogasdoquirongo

"Séchu Sende, profesor e escritor comprometido coa lingua. Como neofalante, pasar a falar galego supúxolle posicionarse como loitador ante as inxustizas dun mundo que non lle gusta. Así, utilizar o galego vai parello coa defensa da natureza, co feminismo e contra todas as inxustizas. Porque posicionarse nunha ?lingua minoritaria? é situarse coas persoas e loitas máis desfavorecidas e comprometidas.
?Se cambias de lingua, cambias de vida?, porque a perspectiva da realidade que te arrodea é completamente diferente e porque, ao mesmo tempo, cambia a túa relación coa túa propia sociedade"




Artigos relacionados: "Falar" do Libro "Made in Galiza", de Sechu Sende.

A súa frase favorita: "Eu nunca serei yo"
Comentarios (0) - Categoría: Entrevistas - Publicado o 18-10-2010 23:10
# Ligazón permanente a este artigo
O apalpador e as castañas


O Apalpador é un personaxe mítico galego que baixa polo Nadal a levarlles os agasallos aos nenos. Entra de noite nos seus cuartos cando están durmidos e apálpalles a barriguiña por ver se están mantidos e déixalles, ademais dos xoguetes, unha presa de castañas.


Artigo relacionado no noso blogue.

O Apalpador na Wikipedia.

O conto con debuxos.

Poema sobre o apalpador.

Nana do apalpador.

A orixe do Apalpador.

Páxina web do apalpador.


Un Papá Noel das Montañas Luguesas.

O Apalpador ----- por Xoan G.

O Apalpador vive nas devesas do Courel
desde hai tantos anos que ninguén sabe xa
cantos ten.

Pasa o día a apañar madeira como cando era
carboeiro, aínda que agora a que procura é
doutras castes máis finas.

E no outono aproveita a viaxe
e tamén vai ás castañas.

De volta a casa, senta a carón da lareira e
escolle con moito agarimo a madeira máis
seca e de mellor calidade, saca a súa navalla
e ponse a entallar.

E así pasa un día e outro, e outro, e outro...
Pero polo Nadal deixa a
navalla e baixa a todas as casas
da Galiza cunha morea de
agasallos para repartir.

Antón e Antía arelan a
Noite do Apalpadoiro
e andan tan bulideiros que
non queren ir para a cama.

Pero saben
que se fican espertos
non han
vir os agasallos!

E, ao cabo, rematan caendo de sono.

Con agarimo
para non os
espertar, o Apalpador
aloumíñalles as barriguiñas
por ver se están mantidos.
E como os dous cearan
abondo...

...aleda e bísballes amodiño:
?Así, así esteades todo o ano!
e coa mesma,
déixalles unha
presa de castañas
na mesa de noite.

Pero os agasallos déixallelos agochados por
toda a casa, así que ao se ergueren pola mañá
terán que xogar a atopalos.



Artigo relacionada coas estas datas:

O Demo Asubiador.
Comentarios (0) - Categoría: O Apalpador - Publicado o 18-10-2010 17:24
# Ligazón permanente a este artigo
Manifesto do CPI de Cuntis
Como non foron quen de eliminar ós Equipos de Normalización, de momento, un grupo, eu chamámolle de salvapatrias, está facendo unha campaña para desacreditar a moitos Equipos de Normalización Lingüística, incluso chegando a denunciar ante a Consellaría de Educación. Resulta que na súa estratexia ataca especialmente o grupo formado pola directiva da CGENL. Non che son nada parvos. O curioso é que xustamente esta xente que denuncian son moitos dos gañadores de premios por parte da Xunta en cursos anteriores, por este labor arduo de intentar normalizar a lingua en tódolos campos posibles. Levamos anos traballando e acordan agora criminalizarnos. Non sei pero resulta curioso. Xa temos poucos recursos onde poder actuar...e nin iso. Como dirían eles !Al enemigo ni auga!. Así somos para eles, inimigos. Queren afogarnos a nós para afogar a nosa lingua.

Deixamos aquí un Comunicado do CPI Cuntis, un dos que foi denunciado. Se queredes podedes facer algún comentario no seu bloque para manifestar o apoio a estes compañeiros.

"O Equipo de dinamización da lingua galega (EDLGA) do CPI Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis, ante a campaña desatada contra o equipo por un colectivo alleo ao ensino, manifesta:

- O EDLGA realiza dende hai máis dunha década un labor continuado que persegue a mellora de competencias lingüísticas e a sensibilización e mellora das actitudes respecto do galego entre a comunidade educativa, especialmente, entre o alumnado. Os seus proxectos responden aos criterios emanados das convocatorias da Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) da Xunta de Galicia. Así, desde o EDLGA do noso centro realizáronse ao longo dos últimos anos multitude de actividades (contacontos, teatro, expresión musical, edición de revistas, regueifas, publicacións dixitais, intercambios culturais con outros centros, concursos literarios, de fotografía, etc) nos que colaboraron ducias de profesores e que foron recoñecidas pola comunidade educativa e polas institucións e asociacións locais, que colaboraron en múltiples destas actividades. Tamén a SXPL recoñeceu este traballo nas convocatorias de 2008 e 2009 ao outorgarlle as máximas puntuacións aos seus proxectos.

- Unha das actividades permanentes do EDLGA foi a creación dun blog en outubro do 2007 que, como acontece con moitos outros espazos web dos centros escolares, dá a coñecer recursos educativos e lingüísticos e serve de voceiro das actividades e doutros artigos e informacións vinculados aos obxectivos que lle son propios. A día de hoxe no blog foron publicados 277 artigos.

- O 25 de maio do 2008 unha alumna publicou un artigo no que informaba da actuación en Cuntis do grupo Skarnio, e as súas impresións sobre dito grupo, acompañada dun vídeo do grupo insertado desde Youtube, dentro do Festidoiro 2008. Este festival organizouno a Asociación Cultural O Fervedoiro, e contou coa colaboración económica de varias Consellerías da Xunta de Galicia, do Concello de Cuntis e da Radio Galega, entre outras institucións. O artigo desta alumna acolle unicamente as súas impresións sobre a música feita por esta banda sen ningunha alusión a outro tipo de temáticas. O vídeo segue colgado en Youtube sen que teña sufrido ningún tipo de restrición.

- En setembro do 2010, dous anos e tres meses despois da publicación do artigo, este colectivo iniciou unha campaña de desprestixio dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos centros de ensino e das persoas que os coordinan, utilizando tácticas impropias dunha democracia. Tiraron imaxes e outros contidos dos blogs e páxinas de distintos Equipos e, descontextualizándoos e esaxerando a súa transcendencia, acusaron, coa complicidade dalgúns medios de comunicación, aos membros dos equipos de adoutrinar ao alumnado, mesmo de facer apoloxía da violencia. Estas imaxes están totalmente quitadas de contexto e as relacións entre as causas e os feitos son absurdas e demagóxicas e descualifican máis a quen as utiliza para atacar que ao atacado.

- A elección do noso blog por parte deste colectivo non foi casual: debeuse a que no noso centro traballou unha das cabezas visibles da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, obxectivo da súa campaña de criminalización. Velaquí outra das mentiras empregadas por este colectivo xa que a persoa que no ano 2008 coordinaba o EDLGA non era a perseguida por eles.

- Nun primeiro momento, os membros actuais do EDLGA decidimos non facer ningún comunicado, co obxectivo de non darlle máis publicidade á ruín ?caza de bruxas? iniciada por ese colectivo, que só busca notoriedade pública e relevancia política.

- O 11 de outubro soubemos que agora o único branco da vil campaña deste colectivo é o noso EDLGA, ao solicitarlle ao Valedor do Pobo que esixa a retirada do vídeo citado máis arriba.

- Ante a trascendencia que acadou o tema decidimos redactar este comunicado e levar a cabo outras actuacións para informar á comunidade educativa e á opinión pública en xeral sobre esta cuestión.

Consideramos necesario facelo, aínda que poida beneficiar os obxectivos desta organización extremista, porque no artigo motivo da tramposa polémica só hai información dunha actuación musical e o vídeo é legal, aínda que esteamos ou non de acordo co seu contido.

Desde o EDLGA non imos retirar o vídeo a non ser que a autora do artigo o solicite. O blog é personalizado e non pertence ao dominio oficial da Xunta. Iso si, se algo conseguiu esta polémica é que o blog teña máis visitas que nunca e se poida comprobar o traballo desenvolvido. Non imos aceptar de ningún modo a presión e censura feita por un colectivo de fanáticos totalmente alleo ao ensino que o único que busca é desprestixiar a todo o profesorado e alumnado que participa nas actividades do noso centro.

Nun estado democrático non se lle pode recoñecer a este colectivo ningunha autoridade legal, nin moito menos educativa ou moral, para fiscalizar o contido do blog ou calquera outro aspecto do noso traballo a prol da nosa lingua. Estivemos, estamos e estaremos sempre a favor dunha educación aberta, tolerante e respectuosa con todas as persoas e traballaremos arreo para conseguir maiores espazos sociais no uso da lingua galega, polo que non aceptaremos ningún tipo de censura de ningúen, e menos daqueles que unicamente buscan facela desaparecer da nosa sociedade.
"
Comentarios (0) - Categoría: Coordinadoras - Publicado o 17-10-2010 22:54
# Ligazón permanente a este artigo
Adiviñas dos cogumelos
Que é un cogomelo?

Dicir que algunhas refírense a especies concretas.

A da imaxe di o seguinte:

Redondiña, redondiña,
ten pé e anel, e fariña branquiña.
Ten a cor da moa do muíño
e nunca moeu grao de ningüén.


Redondín, redondín,
como o pè dun xardín:
follas ten, follas ten,
non las conta ninguén.
(O cogordon/cogordo)

Alto pimpín,
redondín, redondín;
follas ten, follas ten
que non llas conta ninguèn.
(O choupano)

?Pingoles, pingoles esta pingando; fungoles, fungoles esta fungando; se pingoles, pingoles non pingara, fungoles, fungales non fungaba?
(A pinga da auga e o fungo)


"Redondiño,redondiño,
como o pé dun borriquiño,
tantas folliñas ten,
que non llas conta ninguén."
(Pleurotus ostreatus)


Unha variante da anterior:

"Redondiña, redondiña,
nace de pé como un fuso.
Follas ten, follas ten,
non llas conta ninguén."

"No teño cabeza,
pero levo sombreiro,
estou, entre outros,
no carballo e no castiñeiro."

As que están no carballo e no castiñeiro, ou preto delas non son velenosas
.




Sabedes vós algunha máis?


Artigos relacionados: Refráns de cogomelos.


A maioría da información foi sacada da paxina web

"Valdeorras Natural"
Comentarios (10) - Categoría: Adiviñas - Publicado o 17-10-2010 14:17
# Ligazón permanente a este artigo
Lousas con poemas e refráns en galego
Clicando na ligazón tv.vigo.es. podedes ver unha mestura de ditos, refrán, e adiviñas.

Està feito dentro do Proxecto Ronsel, traballando o Patrimonio Inmaterial Galego.

Podedes colaborar poñendo os refráns do vídeo nos comentarios.
Comentarios (0) - Categoría: Refráns, palabras. Sementámol@s. - Publicado o 17-10-2010 12:10
# Ligazón permanente a este artigo
Refráns clasificados por meses en galego
No guión da esquerda, nas categorías, atoparás unha ligazón que te leva a "Refráns, palabras. Sementámolas." Aquí temos moitos refráns clasificados por temas, pero para atopalos clasificados por meses, utilizamos esta ligazón do bloque Milprimaveras, que é un mestre do colexio.


Máis sobre refráns dos meses.


Maís sobre refráns de todo tipo.
Comentarios (1) - Categoría: Refráns, palabras. Sementámol@s. - Publicado o 17-10-2010 11:52
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Estadisticas y contadores web gratis
Contadores Gratis



Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0