Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
Mestres desorientados - DINAMIZANDO A LINGUA


    DINAMIZANDO A LINGUA



O noso perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Mestres desorientados
A aplicación do Decreto do Plurilingüismo está a levar o malestar aos centros de ensino ·· A tres días de que comecen as clases en Secundaria, moitos non aprobaron o proxecto lingüístico

"É imposible, sobre o papel, chegar á repartición do 50%"

Ver nova na prensa.

"A aplicación do Decreto do Plurilingüismo nos centros de ensino está a levar o malestar e a desorientación aos claustros dos profesores. A só tres días para que comecen as clases en Secundaria o vindeiro venres, moitos institutos aínda non teñen aprobado o seu proxecto lingüístico debido ás dificultades para repartir galego e castelán de xeito equitativo entre as materias optativas e debido, tamén, á falta dunha solución por parte de Educación.

Un deles é o IES Terra de Melide. O seu consello escolar rexeitou, a final de curso, o proxecto lingüístico presentado pola dirección do centro. Malia que a Consellería de Educación foi informada desta situación, a directora do instituto, Margarita Quintela, asegura que "está á espera" de que a Consellería lle comunique algo antes do venres. Unha tarefa complicada xa que o decreto non indica a quen lle corresponde decidir como actuar ante a negativa do consello escolar á proposta lingüística do centro.

Para Xosé Cabido, portavoz do Sindicato de Traballadores e Traballadoras do Ensino de Galicia (STEG), "hai moita desinformación nos centros que non saben que pasa cando non hai acordo entre os profesores. O único ao que os poden obrigar (dende Educación) é a repartiren os horarios que lles corresponden ás materias en galego e en castelán e despois, que cada quen busque a vida como poida".

Na mesma situación se atopa o claustro do IES As Bizocas do Grove, que en xuño se declarou incompetente para realizar a repartición de materias entre galego e castelán e trasladoulle a Educación a súa resolución para que a Consellería asignase os idiomas. "Por agora, o proxecto lingüístico está sen aprobar. Temos un claustro o venres e a ver que pasa entón", apuntan dende o centro. Neste caso, un inspector de Educación mesmo os chegou a ameazar con anos de suspensión da función pública se non chegaban a un acordo. "Agora xa non está este inspector, pero a pelota volve estar no noso tellado. Parece que o que se nos quere transmitir é que cada un faga o que queira", consideran fontes do instituto que prefiren ocultar a súa identidade.

A mesma situación de malestar e parálise existe no IES Aquis Celenis de Caldas de Reis que decidiu adiar até este mes, tras o último prazo de matrícula, a aprobación do proxecto lingüístico.



"É imposible, sobre o papel, chegar á repartición do 50%"

A coordinadora do equipo de normalización do centro, Ana Rial, dubida que poidan ter a súa proposta de repartición de galego e castelán antes de que arrinque este "complicado" curso escolar. "Non imos ter os horarios até o xoves, así que vai ser moi difícil", comenta. Ademais, os profesores decidiron que van pasarlles un escrito ós diferentes departamentos do centro para que decidan en que lingua prefiren impartir as súas materias. "A nosa intención é cumprir o decreto, pero non imos ser capaces porque é imposible, xa só sobre o papel, chegar á repartición do 50%. Ademais será un proxecto lingüístico só para este ano, non para catro anos como se indica no decreto, porque varía o profesorado e o número de estudantes", indica.

De feito, para este curso, a comisión de escolarización decidiu o pasado día 9 que o IES Aquis Celenis de Caldas de Reis ía ter dúas aulas de Primeiro da ESO, en lugar de só unha, ante a elevada demanda de alumnos. "Un curso máis implica máis profesorado e variar a repartición das linguas nas materias así que todo se tivo que atrasar", explica Ana Rial.

Ademais, este instituto fíxolle chegar á Consellería de Educación unha batería de preguntas con dúbidas sobre o decreto e a súa aplicación que non foron contestadas. En definitiva, ao seu ver, esta situación está a crear "malestar nos centros e situacións moi desagradables entre os profesores que nos temos que ver cada día. Para nós é un tempo perdido porque estamos deixando de atender outras cuestións importantes e facemos esforzos inútiles que, por riba, están a crear mal ambiente".

Pola súa parte, o director do IES Terra do Xallas de Santa Comba, Paulo Rendo, comenta que acaban de aprobar o proxecto lingüístico do centro pero despois de crear "malestar no profesorado". Ante a falta de tempo para decidir en que lingua tiñan que mercar os libros de texto os pais, decidiron que a maioría das materias se van impartir sen libros de texto. Na súa opinión, "é imposible establecer un equilibrio formal na repartición. Pretendelo é descoñecer como se organizan os centros, nos que varía moito a combinación de materias optativas en Secundaria e os itinerarios de Bacharelato. Non era o momento dun decreto así", considera.
DENDE O IES A BASELLA (VILANOVA DE AROUSA)

Emilio Ínsua: "Non imos achandar nin con sancións"

O IES A Basella de Vilanova de Arousa aprobou en xuño o proxecto lingüístico, co seu consecuente repartición de materias en galego e castelán ao 50%. Pero, previamente a que debatera o claustro de profesores, un grupo de 23 mestres (dos 50 que dan clases neste centro) elaborou un documento no que dicían que ían continuar dando as súas clases en galego. Segundo explica un dos profesores do instituto de ensino secundario, Emilio Ínsua, o texto inclúe "consideracións sobre a lexislación que o decreto non respecta, os anos que levamos elaborando libros de texto en galego, material proscrito en determinadas materias durante moito tempo". Este documento presentárono ao claustro do centro, que, malia todo, repartiu as linguas ao 50% acatando o decreto. "Foi surrealista porque para facelo non se empregaron criterios pedagóxicos senón un puro repartimento matemático", apunta Ínsua.

A dirección do centro comunicoulles aos profesores que decidiron seguir dando as súas clases na súa lingua que "non ía facer de vixilante e escoitar detrás das portas a ver quen daba as clases nun ou noutro idioma, igual que non o fixo cando se aplicou o anterior decreto". Este grupo de profesores non recibiu ningunha orde de Educación. "As declaracións dos últimos días lévannos a estar máis convencidos de que cumprimos o espírito das leis que protexen as linguas", apunta Ínsua. Con todo, están á expectativa do que poida suceder. "Estamos dispostos ó custo laboral ou á sanción administrativa que poidamos ter. Creo que a Xunta tivo oportunidades de repensar o asunto e debería volver facelo. Pensan, por soberbia ou prepotencia que imos achandar e non é así", asegura.
Comentarios (0) - Categoría: Decreto 79/2010 do Galego - Publicado o 15-09-2010 23:39
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Correo electrónico: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Estadisticas y contadores web gratis
Contadores Gratis



Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0