 A Federación de Ensino de CCOO en Galicia recorrerá o decreto do plurilingüismo tras o visto e prace da dirección nacional e para constatar que a norma "non garantirá" que o alumnado adquira unha competencia equilibrada en galego e castelán.
Trátase da cuarta organización sindical que optou pola vía xudicial para frear o texto, ademais da CIG, STEG e FETE-UGT, segundo confirmou o voceiro de Ensino Público, José Fuentes. "Imos recorrelo", dixo, tras dar luz verde á asesoría xurídica e ao constatar no texto "tres criterios fundamentais" que poden ser obxecto de recurso.
Deste modo, Fuentes advertiu, en primeiro lugar, que a pregunta ás familias en educación infantil sobre a lingua materna "non opta" por ese idioma en concreto, senón "polo idioma que o pai decide". "O que di o pai vai a misa", aseverou, ao ver que "pode saír -da pregunta- algo distinto á realidade, en determinados contextos".
Un segundo aspecto será "o criterio de que os mozos poidan utilizar na aula, indiferentemente, a lingua en que lle veña en gana sen importar na que se imparte a materia", xa que "non se está a facilitar ou garantindo que teña as mesmas competencias en ambas as dúas linguas".
Por último, rexeitou as "porcentaxes ríxidas" en idiomas que marca o decreto para sinalar que, por exemplo, nun ámbito maioritario en castelán, "non é válido o que marca a consellería". |