Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
AO SEÑOR VALEDOR DO POBO - DINAMIZANDO A LINGUA


    DINAMIZANDO A LINGUA



O noso perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

AO SEÑOR VALEDOR DO POBO
Primeiro dúas idioteces do noso valedor do pobo, e logo a resposta da Plataforma Prolingua:

En dúas entrevistas o Valedor despachábase a gusto en relación a cuestión idomática, afirmando a idiotez de que "Se a un neno se lle suspende polo galego, logramos que lle colla odio", en referencia ao decreto do galego no ensino, ou que "usar o galego na Xustiza, se non se domina, pode resultar perigoso".

Resposta ó Sr Valedor do Pobo, da Plataforma Prolingua, polas últimas declaracións:

"En relación coas súas declaracións na sesión do Parlamento Galego do pasado día 22, desexamos manifestar a nosa sorpresa e desagrado. Aínda que desde que asumiu o cargo en xullo do 2007 logo se coñeceu a súa estraña forma de exercer de Valedor dos cidadáns que tamén se expresan en lingua galega, de novo semella inevitable inferir das súas palabras a escasa simpatía que profesa cara ao idioma.

De acordo coa información aparecida nos medios, e sen entrar a comentarmos a actitude pouco respectuosa coa cámara e os seus membros, si queremos manifestar o noso parecer sobre diversos puntos da súa argumentación:

1.- Vostede reprocha que se cite o Estatuto de Autonomía e a Lei de Normalización Lingüística para defender a liberdade lingüística, e engade «acórdese que tamén está a Constitución Española». Nada máis evidente que a plena constitucionalidade do Estatuto de Autonomía de Galicia, o mesmo que a da Lei de Normalización Lingüística; xa que logo, nada neles se opón á Constitución. Quere acaso dicir que hai algo no Estatuto que é contrario á Constitución?

Cónstanos que, por cargo e capacidade, vostede sabe que non. E sabe tamén que demandar políticas de apoio diferenciado á lingua galega é plenamente constitucional. Vexa senón, entre moitas outras que se poderían citar, o que se di na sentenza 337/1994 do Tribunal Constitucional, «que avala un trato desigual, que non discriminatorio, para as dúas linguas oficiais en función do carácter propio dunha delas que fai preciso unha acción normalizadora que debe, necesariamente, implicar accións de apoio singularizado».

2.- Todos os galegos e galegas temos dereito a exercermos a nosa liberdade lingüística individual, como vostede moi ben dixo. Compare o exercicio desta liberdade por parte dunha persoa castelanfalante e outra galegofalante ao falar co médico, facer un documento notarial, asistir á misa, casar, realizar unha entrevista na procura de emprego, ir ao cine, mercar nos centros comerciais, educar un fillo na lingua familiar, facer unha xestión xudicial ou responderlle a un xuíz en galego sen medo se este fala en castelán, ler un xornal... e un longuísimo etcétera. Estas e outras moitas serviríanlle para «informar do que pasa na rúa» con maior coñecemento e acerto. Ata hoxe estabamos seguros de que defendía a liberdade lingüística de toda a cidadanía, pero, das súas declaracións, deducimos que cando fala de liberdade lingüística só se refire á lingua castelá.

3.- Así as cousas, xa non nos sorprende o uso espurio que vostede fai da palabra liberdade. Certo que non é o único que utiliza estas trampas. Curiosamente, no mesmo día en que liamos as súas declaracións, os xornais informaban tamén que para os congresistas do partido republicano dos EUA a reforma sanitaria do presidente Barack Obama atenta contra as liberdades individuais; asombrosamente, citábana como un ataque similar ao que supuxo, para eles, a promulgación da lei de liberdades civís que o presidente Lyndon B. Johnson declarou en 1964; declaración que, como todos sabemos, constituíu un inmenso avance para as liberdades reais de todo o pobo estadounidense.

Non caia, señor Valedor do Pobo, nun uso fraudulento da palabra liberdade, como o que vén de realizar Silvio Berlusconi declarándose vítima da «falta de liberdades» en Italia ou a vergoñenta actitude da Asociación Nacional do Rifle dos EUA que, no nome da liberdade individual, continúan a xustificar o inxustificable.

4.- A súa frase «ir cunha pistola ao peito a cada cidadán para que fale galego» aínda que se trate dunha metáfora, é tan ofensiva como impropia do seu cargo. Debe pedir desculpas a todas as persoas que defendemos o dereito ao uso e promoción da lingua propia de Galicia, porque nin somos nin seremos nós quen apelemos nunca ao uso da violencia e porque as referencias ás armas cárgaas o demo.

En resumo, señor Valedor do Pobo, de vostede tiñamos que esperar outra actitude e outra práctica. Non está no seu posto para defender os poderosos fronte os débiles, trátese de persoas ou de linguas. Antes ben, desexariamos que tomase en conta o que no século XIX Jean-Baptiste Henri Lacordaire dixo: «Entre o forte e o débil, a liberdade oprime e a lei libera». Por iso acudimos a vostede tantas veces, para que nos defenda das invocacións falsarias da palabra liberdade.

No tocante ás linguas, non esqueza que a oposición entre castelanfalantes e galegofalantes é, en boa medida, unha falsidade. En todo caso, a oposición será entre os que temos competencia bilingüe e os que se encastelan no mantemento da competencia monolingüe vivindo nun país con dúas linguas oficiais.


Outras declaracións do Valedor do Pobo
Comentarios (0) - Categoría: Decreto 79/2010 do Galego - Publicado o 24-03-2010 22:23
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Correo electrónico: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Estadisticas y contadores web gratis
Contadores Gratis



Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0