 O 12 de outubro de 1923 estudantes e profesores da Universidade de Santiago de Compostela fundan na casa de Rosalía de Castro en Ortoño o Seminario de Estudos Galegos. O Seminario, co obxectivo de elevar o nivel da nosa cultura e equiparala ás demais culturas europeas, estruturouse en varias seccións dirixidas por cadanseu coordinador: Filoloxía, Arte e Letras, Etnografía, Historia, Prehistoria, Xeografía, Historia da Arte, Historia da Literatura, Pedagoxía, Ciencias Aplicadas, Ciencias Naturais e Ciencias Sociais, Xurídicas e Económicas. O Seminario financiouse con achegas de particulares, colaboracións de organismos públicos, e unha vez máis, polas achegas da comunidade de emigrantes galegos en Bos Aires. As súas creacións son publicadas en diferentes medios, maiormente polo propio Seminario na Editorial Nós de Ánxel Casal, máis tamén na prensa afín ao galeguismo naquela altura, como a revista Nós, o Boletín da Real Academia Galega, o xornal Galicia e El Pueblo Gallego. O Seminario iniciaría estudos en campos en que apenas había nada até ese momento, como o da matemática, a química, a astronomía ou a economía. Unha empresa xigantesca coa que acabaría, de xeito dramático, o golpe de estado de xullo do 36. |
Arriba tes un resumo da tradicional Festa dos Maios en diferentes zonas da Galiza. Logo temos a letra do noso Maio (2011), que, entre outras cousas, tamén fala da lingua. Clicando podes ver todas ás coplas, ou senón debaixo tes as que fan referencia a lingua, aínda que a primeira copla ten unha pequena variación.
Somos un e máis de dous
somos miles pola lingua
somos moitos pelexando
para que non sofra mingua.
Moitos séculos escuros
coa Lingua esquecida
resistindo da aldraxe
a que estivo sometida.
Grazas á oralidade
o galego segue vivo
coas tonadas e cantigas
foise abrindo camiño.
Os que desprezan a Lingua
da terra onde naceron
xa semellan renegados
ou o xuízo perderon.
Galegos amade a Lingua
porque é o noso tesouro
agarimo dos que falan
coa palabra dun pobo.
Ver cantigas sobre a lingua do ano pasado.
Máis sobre os maios
|