"Agradecería que os pais iniciasen unha campaña para solicitar nos centros de ensinanza que se respecte a legalidade vixente marcada polo DECRETO 124/2007 POLO QUE SE REGULA O USO E A PROMOCIÓN DO GALEGO NO SISTEMA EDUCATIVO e que con carácter xeral establece unha porcentaxe de aulas en galego non inferior ao 50% do horario lectivo. Que os documentos administrativos da consellería competente en materia de educación e dos centros de ensino dependentes dela se redacten, con carácter xeral, en galego, e tamén que nas actuacións administrativas de réxime interno dos centros docentes, como actas, comunicados e anuncios, se redacte, con carácter xeral, en galego.
E nun estrito respecto á legalidade vixente lembraría que ese documento e non ningún outro ata o momento regulamenta en Galicia esta cuestión.
Tamén agradecería que os libros que aprobe o claustro para o curso entrante sexan elixidos en función da súa "calidade pedagóxica" entre aqueles existentes na lingua en que se ha de impartir a materia e non en función de que existan edicións noutras linguas que ningún alumnado vai usar. E que facer calquera outro tipo de consideración ademais de esquecer que o noso obxectivo é ensinar prexudicaría irresponsable e gravemente o sector editorial galego e os postos de traballo que del dependen.
Entérome pola páxina da CTNL que o Equipo de Dinamización e Normalización Lingüística do IES da Pobra publicou a través da súa revista "A Tabarra Dixital" a campaña "Por unha web social verdadeiramente multilingüe", coa que se pretende difundir a presenza da lingua galega no funcionamento dun considerábel abano de ferramentas da web, así como estimular a creación da opción en galego noutras que aínda non o ofrecen.
Esta para min ilustrativa e fermosa imaxe é de Leandro Lamas
... superar tempos de crise
Manuel María en Versos para un país de minifundios (1969)
I
Os intres que estamos a vivir
son, ¡ouh pobo meu!,
os de verdade. Non cabe
facer trampa, porque estamos
xogando a nosa
supervivencia colectiva.
Agora cobran a súa dimensión
xusta, verbas arrepiantes
como son: "fala materna,
emigración, pobreza, economía,
conciencia, minifundio, compromiso".
Hai que coller o touro
polos cornos, non queda
máis remedio que saltar
á area co peito descuberto.
Quen che fale, ¡ouh pobo meu!,
das glorias do pasado,
de melancolías e saudades,
de folclore e paisaxe,
do teu lirismo requintado;
ese, mínteche. Ese intenta
poñerche unha venda nos ollos
e levarte enganado,
o mesmo que un rebaño
de carneiros, ao suicidio.
Quere conducirte -¡ouh
pobo meu, estás aínda
a tempo de salvarte!-
á morte e maís á nada
O Leo en Hai cu (outubro 2007)
Cu-chinés
Con e para o Aser Arraiano
En chinés mandarín crise pronúnciase igual
ca oportunidade
... non esquecer
Manuel Rivas Costa da morte blues
Fonema
Do máis aló da gorxa,
dun profundo e misterioso fol,
saíannos sons que debiamos matar.
Repitan:
Los pájaros de Guadalajara tienen la garganta llena de trigo.
Pero Lolo o do Rito dicía
que los pajaros de Juadalagara tienen la jarjanta llena de trijo
e o mestre dáballe un pao.
A min custoume algún traballo dicir sen respirar
que había plantas monocotiledóneas
pero non din sabido de que familia era
se é que a tiña
o toxo que douraba os montes de Galicia.
O do Séchu que xa deixamos por aquí hai hoxe un ano mais que... sempre nos convida a saber que "outro mundo é posíbel"
A produción social de soños
Cos pés na terra camiña a miña sombra.
Xa sabes,
a realidade supera a fricción.
Din que en Galiza podemos mirar a través da néboa
e que sabemos chamar ao arco íris.
Nós fixemo-lo.
Falo contigo, e contigo
e saúdo a quen pase por este verso.
Na fonoteca do futuro gardo os sons dos soños:
as palabras, as exclamacións e o vento.
Era imposíbel imaxinar o que está sucedendo,
dixemos.
Era imposíbel imaxinar isto,
diremos.
Non sei, din que
talvez se cumpra unha parte proporcional dos nosos soños se os soñamos xuntos.
Necesitamos instruciósn para soñar ao mesmo tempo,
unha convocatoria para soñar xuntos á mesma hora,
un método para a produción social de soños.
Se fabricamos coitelos en cadea
por que non Liberdade?
É o seguinte paso na evolución da espécie.
E conseguiremo-lo
mirando-nos aos ollos.
?Nunca se acaban as oportunidades. Poderiamos dicir que non temos présa por poñerlle o ramo ou por acadullar. Haberá quen diga que non saíu a tempo e haberá quen responda que as présas non son boas. Que todo o que sucede son tumbos de feira, como o día a noite, o vrao e o inverno ou a vida e a morte?.
Paio de Andrade
Creo que mañá van dous anos...
Lembro cando cara ás 10.30 h, coma todos os días laborábeis daquela época, achegárame a beber o meu café con leite ao bar de Suso para recargar as baterías. Coma todos os días collín o xornal.
Estaba sentada na mesa da esquina, colléralle o vicio de mirar nas necrolóxicas á miña compañeira de traballo. Mais aquel día a que estaba en galego era a dunha persoa coñecida. Primeiro, pensei que non podía ser, debía estar confundida. Sabía que non pasaba un dos seus mellores momentos. Collín o teléfono e chamei á Dores para contarlle o que acababa de ler. Quería que ela me dixera que non era el...
Despois de colgar o teléfono viñéronme á cabeza os últimos encontros: a chamada o día que estivera en Compostela e eu estaba na facultade, cando me viña esperar á biblioteca da Coruña despois de saír dos meus primeiros cursos de lingua oral, o día que me acompañou até a reitoría, os textos e palabriñas coas que gustaba de agasallar cando atopaba con alguén, as paroladas sobre o Samaín e moitas cousas que daquela non alcanzaba comprender... Antes de rematar a xornada de mañá relín o proxecto irmandiño de aprendizaxe da fala do que tantas veces me/nos falara.
Camiño de Burela volvín recordar o día que o coñecera nun dos Encontros de Normalización Lingüística. Empezara falando da ?pita do monte? para rematar co ?home peixe?, a metáfora do coche que facía unha chiscadela cos focos... moitas persoas sabiamos de que falaba outras tan só estaban preocupadas de cortar o micro e a súa intervención. Aquela noite fora memorábel en Compostela. E agora, a vida mesma...
Deixo aquí a miña lembranza para o bardo ou o Mago Merlín das palabriñas , esas cousas, un dos moitos retallos en papel... Na miña caxiña de tesouros están varias palabriñas súas que atopou na Illa, algúns poemiñas entre os que conto con cariño ?Liberdade? de F. Pessoa e o textiño que acabou servindo de introdución para os ?Proxecto irmandiño de aprendizaxe da fala?.
Para a miña nai que tamén me criou entre as notas musicais das que falaba a Claudia, que sempre nos tiña a todos os nenos e todas as nenas do lughar con roupa ben zurcidiña e con pezas que estrear para a festa.
A través do correo electrónico chegáronme diferentes noticias que dan conta dalgunhas das diferentes áreas e propostas que xestionou o BNG en só tres anos e medio de goberno:
-Galescolas: Bruxelas, cativada coas galescolas. Os parlamentarios da UE comprométense coa Mesa a presentar un informe alternativo ó do popular Luis Herrero [ver a noticia completa no Galicia hoxe]
-Banco de Terras: Galicia exporta o Banco de Terras e os polígonos agrarios . Unha delegación da FAO e de países non comunitarios toma nota da política rural [máis información aquí ou aquí ]
Estas son só algunhas das cousas que xestionou o BNG. Que se saiba como traballa o BNG no goberno galego!
E velaquí a resposta do BNG ante tanta mentira e difamación_