Manuel María, Versos para un país de minifundios (1969)
I
Os intres que estamos a vivir
son, ¡ouh pobo meu!,
os de verdade. Non cabe
facer trampa, porque estamos
xogando a nosa
supervivencia colectiva.
Agora cobran a súa dimensión
xusta, verbas arrepiantes
como son: "fala materna,
emigración, pobreza, economía,
conciencia, minifundio, compromiso".
Hai que coller o touro
polos cornos, non queda
máis remedio que saltar
á area co peito descuberto.
Quen che fale, ¡ouh pobo meu!,
das glorias do pasado,
de melancolías e saudades,
de folclore e paisaxe,
do teu lirismo requintado;
ese, mínteche. Ese intenta
poñerche unha venda nos ollos
e levarte enganado,
o mesmo que un rebaño
de carneiros, ao suicidio.
Quere conducirte -¡ouh
pobo meu, estás aínda
a tempo de salvarte!-
á morte e maís á nada
|