narciblog



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

PORQUE RENUNCIAR AO IDIOMA É SER MUDO E MORRER

NO DÍA EUROPEO DAS LINGUAS



O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble,
o pesar máis profundo.

O idioma é a vida,
o coitelo da dor
o murmurio do vento
a palabra de amor.

O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
ese breve ronsel
que deixaremos nós.

O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.

O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.

O idioma é a forza
que nos xungue e sostén
se perdemos a fala
non seremos ninguén.

O idioma é o amor
o latexo, a verdade
a fonte da que agroma
a máis forte irmandade.

Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer
precisamos a lingua
se queremos vencer.

Manuel María.

10- PROXECTO DE AULA DA UNIDADE 0: O poeta emprega unha morea de metáforas para definir o idioma: Unha metáfora é unha identificación dun termo real (o idioma) cun termo imaxinario ( a chave) que é posible porque hai un elemento que as une (o idioma e a chave abren algo). Atopa outras dúas metáforas no texto e indica cal é o seu termo real e o imaxinario.
Crea a túa propia e logo deseñemos a primeira banda deseñada do curso coas distintas ideas que realicemos.


MAIS, COMO NACE UN IDIOMA?

Un idioma non nace pola vontade xenial dun grupo de homes; nace pola disposición psicolóxica dun pobo, que, en condicións históricas favorables, crea unha cultura e a súa correspondente maneira de expresión... un idioma é o corpo sensible dunha cultura, e todo atentado á lingua peculiar dun pobo representa un atentado á súa cultura peculiar. Mais os pobos teñen unha forza máxica, invulnerable, e por iso as nacións asoballadas poden verse privadas do seu poder creador, ou poden converterse en parasitos da cultura dominante; pero endexamais se deixan asimilar.

CASTELAO, Sempre en Galiza.

LEMBRA como o dicía tamén ANTÓN VILAR PONTE:
Que cousa máis orixinal que a lingua dun pobo, xerada por accións e reaccións seculares entre o home e a Natureza, para facelo diverso no universo? (...)
Comentarios (0) - Categoría: UNIDADE 0 GALEGO - Publicado o 28-09-2016 18:29
# Ligazón permanente a este artigo
PORQUE TEMOS O DEREITO A DEFENDER A NOSA CULTURA
O problema do idioma en Galiza é un problema de cultura. Estamos fartos desa cultura esterilizada que nos fan mamar por biberón. Nós queremos mamar a cultura na propia teta. Pedimos garantías legais para o desenrolo natural do noso espírito, porque queremos volver a presentarnos dignamente no mundo, levando nas mans o ouro da nosa cultura (sabedoría manifestada) para ofrendarllo ao acervo espiritual da Humanidade.

CASTELAO, Sempre en Galiza

8. A cultura é un alimento dos seres humanos? Razoa a resposta.
9.Propón os termos reais das metáforas do "biberón" e da "teta".
10. Que está pedindo Castelao cando di pedimos garantías legais para o desenvolvemento natural do noso espírito? Como podemos ser xustos coa nosa cultura e coa nosa lingua?
Comentarios (5) - Categoría: UNIDADE 0 GALEGO - Publicado o 27-09-2016 07:17
# Ligazón permanente a este artigo
PORQUE A LINGUA NOS FAI UNIVERSAIS
COMO SERMOS VERDADEIROS ANTE OS DEMAIS?

A nosa lingua é o camiño de ouro da nosa redención e do noso progreso: sen a lingua morreremos como pobo, e nada significaremos endexamais na cultura universal. Se o galego quere ser máis que habitante dun territorio, se arela ser un factor de universalidade e de cosmopolitismo, soamente co emprego da lingua propia, obra da natureza, poderá selo. Arrenegando da lingua terá que avergoñarse sempre de si mesmo. Creando valores na lingua propia, axiña seremos universais.

ANTÓN VILAR PONTE, Pensamento e sementeira.


Cuestións sobre o texto:

4.Que diferenza existe, segundo Vilar Ponte, entre un galego habitante ou residente e un galego falante?

5.Como podemos ser universais?

6.Este texto escribiuse no ano 1918, no contexto da creación das Irmandades da Fala, tendo en conta o seu nome, cal cres ti que é unha das meirandes aportes deste movemento? Segue tendo vigor o punto de vista de Vilar Ponte? Razoa a resposta.
Comentarios (0) - Categoría: UNIDADE 0 GALEGO - Publicado o 27-09-2016 07:13
# Ligazón permanente a este artigo
PORQUE AS LINGUAS NOS FAN HUMANOS
Algúns homes -galegos tamén- andan a falaren dun idioma universal, único para toda a nosa especie. Son os mesmos que buscan a perfección baixando pola escada zoolóxica, deica sentiren envexa das formigas e das abellas. Son os mesmos que perderon o anceio de chegaren a ser deuses, e renegan das inquedanzas que produce a sabedoría. Son os mesmos que consideran o mito da Torre de Babel como un castigo, e renegan da vida ascendente. Mais eu dígolles que a variedade de idiomas, coa súa variedade de culturas, é o signo distintivo da nosa especie, o que nos fai superiores aos animais. Velaí vai a demostración: Un can de Turquía ouvea igual que un can de Dinamarca; un cabalo das pampas arxentinas rincha igual que un cabalo de Bretaña. E sabedes por que? Porque os pobres animais aínda están no idioma universal.
CASTELAO, Sempre en Galiza

1- Por que cres que pode haber algúns homes que poidan sentir envexa das formigas e das abellas?

2-Por que cres que esas persoas consideran un castigo o mito da Torre de Babel? Que sabes ti sobre este pasaxe da Biblia? Quererías ti que existise un idioma universal ou conformaríaste con saber idiomas? Por que?

3- Segundo Castelao, que caracteriza ao ser humano fronte ás restantes especies animais?
Comentarios (0) - Categoría: UNIDADE 0 GALEGO - Publicado o 22-09-2016 07:16
# Ligazón permanente a este artigo
EN GALEGO, porque é de xustiza!
Benvidos ao curso 2016-17. Esta ano imos traballar co lema da Xustiza e, en relación coa nosa materia, hai moito que dicir. Comecemos logo:



Porque somos iguais, pero diferentes.

Porque xustiza non é sempre igualdade.

Porque non debemos silenciar a nosa forma de ver o mundo.

Porque se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma.

CALAR OU FALAR?

Leamos o seguinte poema para logo comentalo e realizar un primeiro proxecto, o primeiro do curso, sobre este texto:

A LETANÍA DE GALICIA /1968: Uxío Novoneyra .
De tanto calar xa falo eu solo.


GALICIA digo eu / un di ..............GALICIA
GALICIA decimos todos ..............GALICIA
astr´os que calan din ...................GALICIA
e saben .......................................sabemos
GALICIA da door chora ...............á forza
GALICIA da tristura triste ............á forza
GALICIA do silencio calada ..........á forza
GALICIA da fame emigrante .........á forza
GALICIA vendada cega ................á forza
GALICIA tapeada xorda ...............á forza
GALICIA atrelada queda ...............á forza
libre pra servir ....................libre pra servir
libre pra non ser .................libre pra non ser
libre pra morrer ..................libre pra morrer
libre pra fuxir .....................libre pra fuxir

GALICIA labrega ...............GALICIA nosa
GALICIA mariñeira ............GALICIA nosa
GALICIA obreira ...............GALICIA nosa
GALICIA irmandiña ...........GALICIA viva inda
recóllote da terra ................estás mui fonda
recóllote do pueblo..............estás nil toda
recóllote da HISTORIA ......estás borrosa
recóllote i érgote no verbo enteiro
no verbo verdadeiro que fala o pueblo
recóllote prós novos que vein con forza

prós que inda non marcou a malla d´argolas
prós que saben que ti podes ser outra cousa
prós que saben que o home pode ser outra cousa

sabemos que ti podes ser outra cousa
sabemos que o home pode ser outra cousa.


Comentarios (0) - Categoría: UNIDADE 0 GALEGO - Publicado o 14-09-2016 20:57
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0