narciblog



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

AS TRECE LÚAS

As Trece Lúas conforman o ciclo de Nadal que arredor do Solsticio de Inverno e as súas vellas tradicións fusionadas co Cristianismo viven na tradición de Galicia.

Hoxe celebramos as festas do nacemento de Xesús, a Luz e a Vida, os primeiros cristiáns fixéronas coincidir co Solsticio de inverno.

O SOL E A LÚA E O NADAL

O ano solar de 365 días (a non ser o bisexto de 366) e o ano lunar 354 días (logo o ano solar son case 13 ciclos da lúa) non coinciden.

Da noite de Nadal (24 decembro) á de Reis (6 de xaneiro) van 13 lúas tamén.

Os deuses do sol no Mediterráneo (como o exipcio Horus ou grego Helios, tamén romanos, hindús, tibetanos…) celebrados no solsticio de inverno como Xesús Cristo.

CELEBRACIÓNS DE GALICIA NAS TRECE LÚAS
24 Nadal: Noiteboa
Tizón de Nadal
Bacallau e pan de noces
Roldas de paxoliñas, vilancicos e a misa do galo.
Nadais e aguinaldos.
28 de decembro: Santos Inocentes e outras trasnadas.
31 de decembro: Noitevella.
Lumeiras e o Apalpador.
Aninovos e Manueles.
A Noite de Reis do 5 de xaneiro.
Cantos e Danzas de Reis (Fin do mundo,
Reixes do Cebreiro… precedentes do Entroido)


Pero de onde saíron logo a Arboriña de Nadal e papá Noel?

Son dous elementos que tradicionalmente, hai cincuenta anos comezaron a introducirse nas nosas casas por influencia doutras culturas.
Nós celebrabamos o Nadal con beléns e cántigas, e aínda que había tamén figuras como o Apalpador nas montañas de Lugo e Ourense, en xeral esperabamos os agasallos na noite de Reis.
Había dous lugares para comunicarse coas divinidades antigamente:

O primeiro era o fanum, que era un lugar sen construcción onde se manifesta a divindade (árbore, fonte ou rocha) logo mellor que culto ás árbores será nas árbores!
O segundo o templum, que era unha edificación feita polos humanos para un deus; por iso moitos templos teñen árbores, fontes ou rochas sagradas asociadas a ese novo lugar de culto.

Logo levamos ás casas a árbore sagrada: Nesa árbore colgábanse as candeas que simbolizaban a volta do sol e a esperanza no renacer fértil do ano, os froitos, viandas, simbolizadas nos agasallos e outros adornos. Así o fanum ou o templum e o poder máxico desexado están dalgún xeito nas nosas casas.

O Cristianismo cando se oficializou a relixión por parte do Imperio Romano fixo coincidir a festa do Solsticio coa chegada ao mundo do Neno Xesús simbolizando a luz e a vida, os mesmos atributos que tiña o Sol Invictus.

O APALPADOR

Camiñando entre a Noite Boa e a Noite Vella non podemos esquecer unha figura tradicional das nosas montañas como o Apalpador.

CUESTIÓN: Investiga quen é esta figura do Apalpador.


Imos agora traballar un vilancico tradicional galego:


Este é o texto dunha panxoliña, é dicir, unha cantiga de nadal tradicional ou vilancico:

Cara Belén camiña unha Niña ocupada
fermosa canda ela San Xosé a acompaña.

Chegaron a Belén e pediron pousada,
responderon desde dentro con voz alborotada
-Quen chama a miña porta, quen a miña porta chama?
-Somos Xosé e María que pedimos pousada
- Se traen cartos que entren e se non que se vaian.
- Cartos non traerei máis que real de prata
-Iso é poucos cartos, pídano noutra parte.

San Xosé se apenaba, María o consolaba.
Non te apenes Xosé, non te apenes por nada,
que máis cartos ti queres que Isto que me acompaña?


CUESTIÓN: Copia o texto no teu caderno para logo podelo comentar na aula.
Comentarios (0) - Categoría: TRADICIÓN ORAL - Publicado o 19-12-2022 06:42
# Ligazón permanente a este artigo
MEMORIAS DUN NENO LABREGO (LECTURA)

Imos realizar a lectura dun clásico. Comezaremos elaborando: UNHA BIOGRAFÍA DO AUTOR.


Logo leremos xa o 1º capítulo na aula para explicar algunhas cuestións relativas ao vocabulario deste libro que debemos coidar e traballar como indicamos a seguir:
.Para a lectura de Memorias dun neno labrego de X. Neira Vilas imos ir lendo cada capítulo e consultando as palabras ou expresións que non coñezamos e cando rematemos o capítulo realizaremos un breve resumo procurando manter a estrutura do propio relato (un parágrafo ou dous parágrafos) co argumento do mesmo, identificando o tipo de narrador, os personaxes, os espazos e os tempos que aparezan nese capítulo.

1-Vocabulario do capítulo
2-Resumo co argumento do capítulo

A continuación poremos un exemplo do que hai que facer co primeiro dos capítulos:

EU SON...

1- Vocabulario: "ser un ninguén":ser unha persoa a que non se considera, marxinada ou despreciada.

non hai quen lle tusa: persoa á que se lle ten respecto.
Alancar: dar pasos grandes
Brocha: chatola
restrebar ou xuntar monllos: volver a labrar unha leira/ monllo é un atado de herba ou semellantes.
moxardos: moscas
muíños apeados: parados (por encherse de auga)
espeteiras: táboa con espetos ou garfos para colgar
Murnas: mancha na pel por efecto de achegarse ao lume.
fridas: (feridas)
Gurrucho: grolo
Broa: pan de millo
os trafegos da terra os labores da terra
Cortizo: colmea

Adoezo: estar falto ou desexoso de algo.
Tripando: pisar
baldeirar o corazón: baleirar os sentimentos e preocupacións.

2- Resumo: O primeiro dos capítulos é a presentación do personaxe principal, Balbino, que se define como alguén sen importancia e pobre en oposición a outro personaxe, Manolito, ao que se repecta. É un neno de aldea fronte aos da vila. Está desexoso de ver mundo porque a aldea lle queda pequena e vese triste como os seus semellantes, tamén deescribir un libro. Finalmente dinos que escribe as súas reflexións sobre o mundo que adoece por entender e que a ninguén conta pois pensa que igual está algo tolo. Escribe para envorcar os seus sentimentos cada noite e liberarse desa pobreza que o abafa.

LEMBRA que a medida que lemos iremos analizando a estrutura narrativa que presenta a lectura:
Narrador protagonista, é o personaxe principal, aínda que retrata tamén aos que son coma el de aldea. Outros personaxes con certos trazos de antagonistas: son Manolito (ao que se lle respecta) e os nenos da vila (distintos dos da aldea). Cítase a un tal Landeiro do que se di que lle deu un libro escrito por Smith.

O espazo ao que fai referencia é unha aldea galega, aínda que fala en concreto dende unha casa, a de Landeiro, na que vive e escribe.
Os tempos son imprecisos ao realizar unha reflexión sobre a súa curta vida no verán e no inverno, unha revisión do seu pasado dá a impresión dun tempo interno dunha secuencia reducida de varios anos da súa infancia na aldea na casa onde naceu e criou. O tempo externo: Os anos 40.

OS RESUMOS E A PROBA DE LECTURA
O prazo de lectura será ata o día 9 de xaneiro, día no que realizaremos unha proba de lectura na que haberá que presentar os resumos de cada capítulo, feitos a man.
Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 11-12-2022 23:10
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0