narciblog



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O día das letras galegas no 2008






Os Días das Letras Galegas
Foi por marzo de 1963 cando tres académicos numerarios decidiron presentar na Real Academia un escrito en que se pedía a celebración do Día das Letras.

Eles foron Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo, e o motivo de tal solicitude: festexar a publicación, cen anos antes, de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, unha obra que "dignificou a nosa lingua e o seu uso literario". Así, a petición destes tres académicos oriéntabase a consagrar o 17 de maio e "con carácter de perdurabilidade o simbolismo desta data nunha celebración anual".

O 28 de abril do mesmo ano, nunha Xunta ordinaria, todos os membros da RAG acordaban celebrar cada 17 de maio o Día das Letras, co obxectivo de promocionar a obra dalgún dos nosos autores e autoras. Sendo o centenario de Cantares Gallegos, foi Rosalía de Castro a primeira homenaxeada, e seguíronlle Eduardo Pondal, Curros Enríquez e outros moitos escritore e escritoras.





Xose María Álvarez Blázquez


A Galiza á que chega Xosé María Álvarez Blázquez en 1915 é un país inquedo. Desde frontes diversas emerxen iniciativas anoadas a un desexo común: o traballo a prol do desenvolvemento de Galiza. Ao ano seguinte do seu nacemento xorden as Irmandades de Fala, que implican o paso do rexionalismo ao nacionalismo. As Irmandades presentan un programa innovador e ambicioso no que destaca a reivindicación do autogoberno e da cooficialidade do galego.

En 1923 constitúese o Seminario de Estudos Galegos coa finalidade de analizar e divulgar todas as manifestacións da cultura galega, así como atender a formación de investigadores. Vicente Risco, Fermín Bouza-Brey e Ramón Otero Pedrayo son algúns dos principais estudosos da institución, que ofrece os seus mellores froitos nos primeiros anos da II República. Nesta época esperanzadora, Álvarez Blázquez comeza os estudos de Maxisterio en Pontevedra e entra en contacto con figuras senlleiras do Partido Galeguista ?nado en 1931 da confluencia das Irmandades? como Alexandre Bóveda e Xoán Vidal. En 1933 comeza a militar nas Mocidades Galeguistas, organización na que prepara o acto do 88º aniversario dos mártires de Carral e pronuncia o seu primeiro discurso "Berro en lembranza dos herois de Carral". Ao comezo de 1936 entra no Partido Galeguista.
Noite de pedra
O golpe militar de xullo de 1936 trunca no só a consolidación dos proxectos políticos, sociais e culturais iniciados nos anos anteriores, senón tamén a vida dos precursores e a de moitos animadores destas iniciativas. Morte, represión e exilio son as consecuencias inmediatas da guerra civil. Xosé María Álvarez Blázquez sofre moi de preto a crueldade fascista: en agosto de 1936 asasinan en Pontevedra o seu amigo Alexandre Bóveda e pouco despois, en outubro, o seu pai Darío Álvarez Limeses é fusilado en Tui. Duros acontecementos aos que seguen unha persecución que afecta a case toda a estirpe: a praza de mestre nunha escola viguesa gañada por Álvarez Blázquez en 1936 é trocada por outra en Coreses (Zamora) debido á súa "militancia en organizacións afectas á República, Nacionalismo-Separatismo e actitudes contrarias á Causa Nacional"; a súa familia vese obrigada a trasladarse a Vigo fuxindo do ambiente represor que os oprimía en Tui. A guerra civil deixa en Álvarez Blázquez fondas feridas e un odio férreo ao franquismo, que acubilla no seu peito durante toda a vida.

Na dura posguerra xorden pequenos grupos que, ante a imposibilidade legal doutras accións, preparan a reconstrución cultural do país. A esta tarefa contribuirá Álvarez Blázquez, quen, farto do desterro en Castela, reclama en 1942 a excedencia voluntaria e regresa a Vigo cos seus. O escritor mantén unha relación constante con intelectuais galeguistas e antifranquistas como Celso Emilio Ferreiro, Álvaro Cunqueiro ou Francisco Fernández del Riego, núcleo do que aboian notábeis proxectos.
A recuperación
A finais da década dos corenta emerxen os primeiros obradoiros editoriais: á Colección Benito Soto e a Galaxia, Álvarez Blázquez engade as editoriais Monterrey e Castrelos. Asemade, recuperando o espírito do Seminario de Estudos Galegos e sumándose ao traballo doutros galeguistas, comeza a súa xeira investigadora e retoma a súa actividade creadora.

En 1964, o ano no que a Real Academia Galega enxalza a Castelao tras a primeira homenaxe a Rosalía de Castro, Álvarez Blázquez le o seu discurso de ingreso na institución.

Ao labor feito en Galicia na posguerra hai que sumar a tarefa que emigrados e exiliados realizan alén mar, onde traballan pola institucionalización da cultura e da lingua galegas. Convidado polo Centro Galego de Bos Aires para impartir varias conferencias, en 1969 Álvarez Blázquez viaxa a Latinoamérica, onde se reencontra con familiares e amigos.

En 1975, a familia de Álvarez Blázquez festexa a morte do ditador, celebración na que se mestura a dor polos familiares perdidos e a esperanza nun tempo novo. A restauración da democracia permite a presentación pública dos partidos políticos forxados na clandestinidade dunha cruel ditadura. Fiel á liña política de Bóveda e Castelao, Álvarez Blázquez apoia o reconstituído Partido Galeguista nas primeiras eleccións autonómicas de 1981. Pouco despois contempla a disolución deste partido e afástase das angueiras políticas.

Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 19-05-2008 10:21
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0