Día das Letras Galegas
O Día das Letras Galegas é un día de exaltación da lingua de Galicia através da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro.
O 20 de marzo de 1963, baixo o franquismo, tres membros da Real Academia Galega (Manuel Gómez Román, Xesús Ferro Couselo e Francisco Fernández del Riego) presentaron nesta institución a proposta de celebrar o 17 de maio para recoller o "latexo material da actividade intelectual galega". Estimaban que o poemario de Rosalía era a primeira obra mestra da literatura galega contemporánea, é dicir, considerábana a primeira obra do Rexurdimento. Realmente, a data real de publicación do libro descoñécese, pero nese día Rosalía dedicoullo á tamén poeta Fernán Caballero.
Publicouse unha edición crítica de Cantares gallegos, obra de Fermín Bouza Brey. A festa tivo un alcance e unha significación extraordinarios, e foi moi ben acollida non só a nível literario senón nos ambientes populares. A partir de entón dedícaselle o día de cada ano a unha figura significativa da literatura galega, coa única condición de que no ano da súa conmemoración se cumpriran dez ou máis anos do seu falecemento.
Este ano está adicado a Xosé María Álvarez Blázquez. Naceu en Tui o 5 de febreiro de 1915, terceiro dos seis fillos, todos homes, do médico pontevedrés Darío Álvarez Limeses e de María Blázquez Ballester, procedente dunha familia colonial cubana. Seu avó paterno, Emilio Álvarez Jiménez, sanabrés de nacemento e moi viaxado antes de aveciñarse en Pontevedra, foi o primeiro escritor en lingua galega da familia, coa obra de teatro histórico María Castaña ou unha revolta popular; seu tío e padriño Xerardo Álvarez Limeses sería o segundo, e proporcionaría, co título do libro dos seus versos, nome para a chamada promoción de Antre dous séculos. Dos seus irmáns, Celso morreu de mozo, e Alfonso, home culto e encantador, abstívose coidadosamente de deixar obra pública; pero Darío, o máis vello, médico coma o pai, foi tamén escritor, agudo ensaísta e conferenciante; Emilio, fino prosista e excelente poeta, deixou unha obra avara pero de gran calidade; e Álvaro, o máis novo, foi un notable artista plástico, creador do pioneiro obradoiro Serigrafía Galega.
García Fernández,Víctor |