|
|
|
FOGAR DE BREOGÁN, O NOSO HIMNO(e II) |
|
 Na entrada anterior deste comentario de texto rematamos coa fermosa metáfora de Galicia que se usa no himno
Hoxe imos reparar en tres aspectos:
- A Galicia que está aparece no himno sen citala directamente.
- O Celtismo e o misterio do himno.
- A musicalidade do poema.
Antes de avanzar deben quedar claros todos os elementos destacados na entrada anterior a modo de resumo.
Xa falamos de que o noso himno comeza con preguntas. Pregunta o poeta, como bardo do presente que interroga como portavoz do pobo galego. Unha noite de lúa (prácido luar) pregunta (do verso 1 ao 8).
Responden os rumorosos, é dicir, os pinos (que non aparecen máis que no título), de escuro arume (as follas do pino), as altas copas. Esta resposta vai do verso 9 ata o final (3 estrofas).
COMO APARECE GALICIA NO HIMNO?
No segundo verso da primeira estrofa fálase dun lugar : a costa, elemento que enlaza na segunda estrofa co confín algo que nos lembra a idea dun "finisterre".
1- Que cor é a que identifica este territorio?
2- Enumera coas palabras de Pondal as veces que aparece nomeada esta cor.
3- A ver se acertas que palabra do poema nos permite saber que ese valeroso chan só pode ser Galicia?
Seguro que diches con ela axiña. Estaba claro que a figura mitolóxica é a que definitivamente une ambas características, a da paisaxe e a do valor a un territorio concreto: o fogar de Breogán. Esta metáfora acaba converténdose nun símbolo ao final do himno cando volve a repetirse coa variante nazón de Breogán.
O CELTISMO E O MISTERIO DO HIMNO COMO SE MANIFESTA?
Breogán foi o primeiro rei mitolóxico de Galicia que se relaciona cos celtas. É un mito medieval recuperado no XIX polos galeguistas que nos leva ao segundo elemento, unir este nome a outros conceptos.
4- Localiza no texto do himno e completa esta lista de elementos célticos que ademais do nome de Breogán se citan no poema?
Os __________, os benignos astros, o valeroso_______, Breogán e os ___________ das idades que son os que revelan o futuro profético que lle agarda a esta terra, a este pobo.
5- Que é un bardo? Explícao coas túas palabras.
6- Completa este texto para comprobar que comprendes a antítese ou contraposición de quen entende a mensaxe: Son os bardos de tempos pasados os que comunican a través dos______________ aos bos e xenerosos que atenden un misterio que os iñorantes, ___________e _______________ non entenden, non..
7- Cal é o misterio que nos revelan ? Explica coas túas palabras o contido da última estrofa do himno, esa mensaxe final:(podes consultar o vocabulario máis abaixo na anterior entrada)
Os tempos son chegados
dos bardos das edades
que as vosas vaguedades
cumprido fin terán;
pois, donde quer, xigante
a nosa voz pregoa
a redenzón da boa
nazón de Breogán.
A MUSICALIDADE DO POEMA
Desde o comezo Pondal fai alusións sonoras e musicais para converter en ben compasado o monótono fungar dos pinos que deben soar como unha misteriosa arpa (arume arpado) aos que atenden e entenden ese ronco son.
O ritmo deste poema é lento porque ten elementos que retardan a acción por exemplo o paralelismo das interrogantes da primeira estrofa ( que din... que din...), o abundante número de adxectivos ou como a hiperbatón ou ruptura da orde lóxica da oración para obrigarnos a unha lectura máis reflexiva do poema.
Ademais para maior musicalidade esta a rima destes versos que segue este esquema: abbc deec.
8- Cantas sílabas teñen os versos do noso himno? Son de arte maior ou menor?
|
|
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|