 Levamos anos preguntando ás familias sobre os costumes que no Morrazo son habituais en datas tan sinaladas como o Día de Defuntos. Nestas últimas décadas vimos como festexos invasivos van gañando terreo e, a pesar do intento de reconducir aquela vella tradición de colocar nestas noites de Santos e Defuntos os calacús tallados e con candeas nas encrucilladas para meter medo, un costume que facían de mozos os nosos avós e avoas, os máis novos pensan que iso do Samaín semella ser unha celebración para disfrazarse. Moitos son os que se sorprenden ao preguntar sobre os verdadeiros costumes familiares e atoparse que os nosos avós e avoas, tras acudir o día 1 de novembro aos cemiterios (antes pasaban alí todo o día para estar cos familiares mortos) tamén nas casas segue viva a tradición de accender unha candea na memoria dos mortos. Sorpréndense ademais de que en moitas casas se faga unha cea moi especial. Céase bacallau, como se fose o día de Nadal (outra data especial) e as castañas cocidas ou asadas tampouco faltan. Hai familias que deixan un lugar na mesa, con prato e todo, para os xa falecidos e noutras non se recollen as sobras á espera de que os defuntos veñan a cear. Preguntar por que se repiten en tantas casas, ano tras ano, este ritual é comezar a entender o denominado culto aos mortos propio dun país como Galicia que é coñecido dende a Antigüidade como país dos mortos.
CUESTIÓN:
1- OPINA: Cres que pode ter relación esta idea da presenza nas nosas casas dos defuntos, e que segue viva nas familias da contorna, coa remota e antiga crenza céltica do Samaín que se narra no seguinte texto?
"Samaín, palabra gaélica, que significa fin do verán, principio do inverno. Na antiga cultura céltica o tempo de Samaín, especialmente a noite do 31 de outubro ao 1 e novembro, era o período máis importante do ano. Eran datas claves para se reunir nos camposantos, comer o ritual e comunal porco de samaín e concelebrar as farradas festeiras dos guerreiros. Era a noite máis perigosa do ano: as portas do outromundo abríanse nesas horas e as ánimas eran quen de vir visitar este mundo e aos seus moradores: tantas veces para render contas inacabadas".
Para afastar dos seus castros as perigosas ánimas defuntas e errantes adoitaban poñer no alto das muradas, ou encastradas nas paredes, as caveiras iluminadas dos inimigos mortos en campaña."
|