Penélope
Un paso adiante e outro atrás, Galiza,
e a tea dos teus soños non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.
Aran os bois e chove.
Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol coma unha uva.
Pro tí envólveste en sabas de mil anos,
e en sonos volves a escoitar a chuva.
Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, Xesús María!,
e toda a cousa ha de pagar seu desmo.
Desorballando os prados coma sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
Un paso adiante e outro atrás, Galiza!
Xosé María Díaz Castro, Nimbos (1961)
CUESTIÓNS:
Despois de ler o poema procura no dicionario o significado das palabras que non coñezas.
Quen era Penélope? Por que cres que leva este título o poema?
Imos logo saber máis da vida e da obra de Díaz Castro.
|