Deixamos aquí unha pequena indicación a ter en conta para usar correctamente os pronomes átonos e vitando os "pronomicidios":
Os pronomes átonos colócanse normalmente despois do verbo e unidos a el: ( dígocho), pero hai ocasións en que se debe colocar o pronome antes do verbo.
CASOS EN QUE O PRONOME ÁTONO VAI ANTES DO VERBO:
1- Cando vai nunha oración negativa ou desiderativa:
( non te quero, oxalá cho dixesen hoxe!)
2- Cando vai nunha subordinada: (dixo que te amaba).
3- Cando vai nunha interrogativa parcial ou tras un exclamativo:
Quen che preguntou iso?
Como me alegro da túa boa nota!
4-Cando a oración comeza por algúns indefinidos e adverbios: ( alguén mo dixo, seica me falara). Cousa que non ocorre con adverbios como os de tempo e lugar: Mañá achégome alí.
OS PRONOMES ÁTONOS en galego teñen unha certa dificultade, especialmente para os que falan máis galego que castelán ou para os neofalantes. Imos logo darlle un repaso a colocación correcta destes pronomes neste curso, xa que o ano pasado xa os vimos.
Neira Vilas (Gres, 1928) no seu libro 100 anos do himno galego (Edicións Embora) aclara que a súa achega non pretende ser unha «historia completa», senón o froito das súas investigacións en Cuba -onde viviu 31 anos- sobre as circunstancias que rodearon o nacemento e estrea da composición, así como a súa difusión ata chegar ao centenario celebrado no 2007.
Neira Vilas remarca o papel fundamental do emigrante ferrolán Xosé Fontenla Leal -«home lúcido e apaixonado que amaba a súa patria de orixe, á que lle dedicou de por vida todas as súas enerxías»-, quen primeiro pensou en Curros Enríquez e o mestre Chané para a letra e a música do himno, respectivamente. Pero un enfado entre ambos os dous impediu o proxecto e finalmente serían Eduardo Pondal e Pascual Veiga os autores. A súa colaboración arranca en 1890, cando o poeta lle envía ao compositor Os Pinos para presentarse ao premio para unha «Marcha Regional Gallega» nun concurso musical celebrado no Recreo de Artesanos da Coruña. Non obstante, a estrea non chegaría ata o 20 de decembro de 1907, na Habana, aínda que nos últimos anos hai investigadores que apuntan que o himno debeu de interpretarse en público con anterioridade. No seu libro, Neira Vilas di que «non hai constancia de que a peza fose premiada nin interpretada» no certame de 1890, pero que Fontenla contactou con Pondal e Veiga ante a imposibilidade de contar con Curros e Chané.
Pondal escribiría logo o único himno do mundo, que nós coñezamos, que comeza con preguntas e interrogantes. Pero que se pregunta o noso himno?, quen fala?
Eduardo Pondal compuxo un logo poema de 10 estrofas no seu libro Queixumes do Pinos. Os galegos da Habana en 1907 procurando unha letra para o que sería o Himno de Galicia escolleron as catro primeiras estrofas deste poema ao que logo poría música Pascual Veiga.
Imos logo descubrir que é o que nos di o noso himno:
OS PINOS
Que din os rumorosos
na costa verdecente
ao raio transparente
do prácido luar?
Que din as altas copas
de escuro arume arpado
co seu ben compasado
monótono fungar?
Do teu verdor cinguido
e de benignos astros
confín dos verdes castros
e valeroso chan,
non des a esquecemento
da inxuria o rudo encono;
desperta do teu sono
fogar de Breogán.
Os bos e xenerosos
a nosa voz entenden
e con arroubo atenden
o noso ronco son,
mais só os iñorantes
e féridos e duros,
imbéciles e escuros
non nos entenden, non.
Os tempos son chegados
dos bardos das edades
que as vosas vaguedades
cumprido fin terán;
pois, donde quer, xigante
a nosa voz pregoa
a redenzón da boa
nazón de Breogán.
BOTEMOS LOGO UNHA OLLADA INICIAL AO LÉXICO DO HIMNO:(exercicio de clase)
Estre poema de Rosalía de Cantares galegos copiado e lido na clase usámolo para atopar recursos deducir o tema e identificar un dos trazos dialectais propios do galego occidental ou o da costa atlántica de Galicia.
O seseo é unha desas características que observamos no verbo nacer= naser na lingua de Rosalía na que o son do c + e/i pasa a ser "s". Tamén pasa isto coa letra "z" que en todos os casos pasa a pronunciarse "s".
Logo preguntando na casa ás persoas que habitualmente falan galego, aos pais ou aos avós descubrimos outro dos trazos da fala do galego do Morrazo (se cadra deberíamos dicir "Morraso"). Trátase da gheada, unha aspiración que semella o son do "h" inglés para pronunciar o "g" por exemplo: ghato en lugar de gato.
Xa podemos ver en formato vídeo o noso traballo sobre o Carballo de Sarmiento co que participamos nos INTERCAMBIOS ESCOLARES MARTÍN SARMIENTO con outros centros do Bierzo, recollendo ideas e ilustracións que realizamos tanto en 1º A como en 1º B como achegamento á biografía e a obra de Frei Martín Sarmiento utilizando como símbolo o carballo de Santa Margarida.
O Carballo de Sarmiento, é o titulo dun achegamento á figura de Martín Sarmiento como fundador dos estudos sobre a filoloxía galega, pois el viría sendo o primeiro filólogo da nosa lingua.
Lembra a etimoloxía de filólogo que filos = amante + logos = palabra.
A continuación colocamos o texto base:
O CARBALLO DE SARMIENTO: Amor á lingua, amor á Terra
Martín Sarmiento naceu en Vilafranca do Bierzo un 9 de marzo de 1695 e alí escoitou por vez primeira falar o galego da boca da súa nai Clara, natural de Samos e mesmo do seu pai Alonso que nacera nas terras de Cercedo en Pontevedra. Seus pais levaban xa trece anos naquela vila na que tamén se falaba galego por pertencer ao Antigo Reino medieval de Galicia. Alí casaran e xa tiñan tres fillos cando lles naceu este o seu cuarto fillo ao que lle puxeron o nome de Pedro Joseph. Mais aos poucos meses decidiron virse cara Pontevedra para desenvolver, seu pai Alonso, un novo oficio. En Pontevedra medrou escoitando e falando sempre a lingua que aprenderá dos seus pais: o galego. ?Na Boa Vila ocupamos unha casa asoportalada na rúa da Palma?
Un dos primeiros recordos que gardaba Sarmiento da súa nenez era o da procesión do Corpus de 1698 e dos seus xigantes e cabezudos. Tamén lembraba o momento en que coñecera ao seu avó paterno en 1700 na casa da Raposeiras en Cerdedo.
?Algún tempo despois pasamos a residir en Mourente no pazo de Santa Margarida construído polo meu pai? á sombra do famoso carballo que diante da ermida había e hai hoxe
grazas á oposición a que fose cortado (do Padre Rábago) ? e xoguei moitas veces cos meus amigos?.
Sendo un neno Sarmiento seguro que se deu de conta de cómo dunha landra das de aquel carballo nacían en primavera pequenos e futuros grandes carballos, porque a súa curiosidade innata axiña aprendería a fixarse no mundo natural para aprender del cantas leccións precisen os homes. ?Este carballo será un símbolo dunha vida e unha obra fondamente enraizadas na súa terra e, xa que logo, potente representación do compromiso de Sarmiento con Galiza? dirían os organizadores do ano no que se lle homenaxeou con motivo do Día das Letras Galegas no 2002.
A tradición (que tampouco pasaría desapercibida a Sarmiento) di que debaixo desta árbore seica se xura o amor eterno, entre outras cousas. Dende logo o carballo é curioso xa que está torto e ten hoxe unha parte seca, pero a outra é a primeira que bota follas e a última que as perde. Este carballo menciónao Frei Martín Sarmiento no ano 1735, xa naqueles anos falaba da súa lonxevidade polo tanto debe ter moitos, moitísimos anos.
Xa de maior lembrará, en máis dunha ocasión, os castigos que recibían aqueles que na Escola dos Xesuítas usasen o galego e non o castelán ou máis ben o latín que estaban empeñados en facerllo aprender á forza as letras que a pesar de todo amaba.
Do seu temperán amor polas letras e as palabras conta que observaba na igrexa as inscricións en latín cando acompañaba a súa nai á misa? se cadra desa devoción e polo feito de que os seus irmáns maiores fosen para curas, el tamén decidiu ingresar na orde dos Bieitos. E así, aos quince anos, parte cara Madrid ao convento de San Martín polo que Pedro Joseph García Balboa pasará a chamarse Martín, polo nome do Padrón do mosteiro no que ía residir, e Sarmiento, polo segundo apelido da súa nai, xa que o primeiro xa o tiñan outros frades, e de seguro que tamén por amor a ela.
Despois de varios anos de estudos e cando, pola súas boas capacidades, xa era impartía clases a outros monxes, foi destacado axudante do que antes fora mestre seu, o Padre Feixóo, tamén galego e co que seguro falaba na súa lingua nai?outra cousa eran os escritos que este redactaba e que o noso avantaxado alumno corrixía. Estaban en castelán porque ían destinados a unha España que daquela era moi centralista e a igrexa incluso en Galicia era castelanizante, desprezando o uso da lingua vulgar, aínda que o galego é o que falaban todas as xentes humildes: labregos e mariñeiros. Daquela Sarmiento non repara no valor que ía ir cobrando para el co tempo o seu idioma. En galego foron as últimas palabras que lembra da súa nai, xa moi maior que foi visitar en 1725: ?Adeus, Perucho, que nunca me deches que sentir. ?
Os seus estudos vanse ampliando e traballando sobre a poesía e a literatura española, no medio das súas pescudas no arquivo da catedral de Toledo a un home curioso ao que de todo lle gustaba ler e saber, atopou as Cantigas de sta. María escritas en galego en plena Idade Media. Daquela, era o 1727 non tirou ningunha conclusión especial, pero logo lembraría e traería esta descuberta á súa memoria como veremos. Non era polo tanto dogmático e todas as linguas lle interesaban era un políglota pois lía e entendía latín, hebreo, grego, árabe, francés?
De todos os xeitos, o seu entusiasta amor polo galego e pola súa terra nacerá no momento en que se lle pasa pola cabeza iniciar unha nova viaxe a Galicia con motivo do ano santo compostelán. Era 1745, e esta viaxe vai cambiar de xeito definitivo o seu centro de interese nos pregos e pregos e nas cartas e investigacións que levaba a cabo desde a súa cela madrileña. Foi seguramente o home que na súa época máis escribiu, pero negábase a publicar máis libros da súa autoría despois da tremenda polémica que produciron os libros do seu mestre o P. Feixóo e da súa defensa editada co longo nome de Demostración Crítico Apologética que asinou o P. Sarmiento.
Mais volvamos á viaxe e a gran influencia que exercerán no seu futuro aqueles nove meses de estancia en Galicia. Vai redescubrir un dos seus amores da súa vida, o amor a súa lingua nai, o galego e consolidará á vez o seu gran cariño a súa terra. Recollerá palabras que el chamaba ?voces? porque as anotaba tras conversas con rapaces e vellos que eran as súas fontes de información máis valiosas, pero tamén na viaxe consultou con detemento códices e documentos antigos que se conservaban nas bibliotecas e escritorios dos mosteiros nos que facía pousada onde comprobou algo que por casualidade atopara en 1727. O cancioneiro do Rei Afonso X, o Sabio, escrito en galego.
A volta desta viaxe comporá o ?Coloquio en 1200 coplas? seguindo o estilo rústico (ou rural) que recollendo o estilo e gustos, pero tamén e sobre todo as palabras dos paisanos seus entrevistados. Este traballo realizado en 1746 serviríalle para ir deseñando de cara o futuro novos traballos nos que o galego e Galicia, os seus grandes namoros, estarán moi presentes, e cada vez máis. Os seus deberes na capital, coa corte do rei que o consulta con frecuencia e o reclama para a elaboración de informes réstalle moito do seu tempo, ao igual que os seus amigos ilustres que lle visitan na súa cela, na que, ademais dos máis de 6000 libros, ten un microscopio e unha especie de telescopio. A súa cela é como unha pequena Galicia (ten testos con plantas, sementes que trouxo da súa terra e unha boa colección cunchas das súas praias e outras mostras da fauna e da flora do seu país coa que traballaba día si e día tamén).
Non tardará en preparar para 1754 unha nova viaxe a Galicia quizás coa intención de permanecer xa para sempre a carón do seu irmán, o máis pequeno, Xabier co que xa tivera unha moi poderosa relación fraternal na anterior viaxe. Na casa familiar que teñen en Pontevedra, a carón do carballo, despois dunha excitante viaxe ata Pontevedra, atoparase outra sorpresa a presenza dun seu sobriño, Alonsiño, que vai provocar un coidadoso estudo sobre a Educación da xuventude na que defende que os nenos galegos aprendan primeiro o galego. Dicíao en plenos Séculos Escuros nos que ninguén escribía nin se preocupaba do noso idioma. Por iso os seus traballos foron como as sementes do carballo que agromarían e se farían máis grandes co tempo e serían un dos referentes para os autores do Rexurdimento ( X. M. Pintos, A. Fdez. Morales ou Rosalía de Castro).
Como o rei reclámao desde Madrid Sarmiento, moi a seu pesar polo que significaba deixar Galicia, volve á corte ao seu convento, pero rexeita de plano seguir calquera cargo como o de ser abade. Con sesenta anos entrégase de corpo e alma a unha tarefa: a de seguir investigando acerca das voces do galego e da botánica ( as landras que recollera en Galicia pensaba sementalas para o futuro, mesmo para Alonsiño ou outros centos de Alonsos ou galegos calquera que Sarmiento soñaba (foran os ?aletóphilos?, é dicir, os ?estudosos e amigos da verdade? sobre Galicia en cada unha das súas parroquias.
Sarmiento sabía, pois era un home adiantado á súa época, que prepararía desde a súa cela un proxecto de futuro para esa terra á que amaba, sementaría landras para crear futuros carballos, ata a fin dos seus días. Os seus escritos manifestaron ás claras cal era o amor que lle profesaba ao seu idioma e mais a súa terra. Como dixeron na súa oración fúnebre no ano da súa morte en 1772, un dos seus frades amigos:
Semper docuit, semper legit, semper scripsit:"sempre ensinou, sempre leu, sempre escribiu"
e deixounos unha fermosa e intelixente máxima? aude sapere:atrévete a saber?
Imos dar comezo ao traballo en profundidade coa poesía un 24 de febreiro. A poesía como chave para descubrir a Galicia que temos dentro. Por que este día? Un 24 de febreiro nacía Rosalía de Castro en Santiago de Compostela, escollemos este día para comezar a traballar máis polo miúdo a poesía na clase de galego de 1º ESO, escoitamos versoso de Rosalía e comentamos temas e estilo dunha poesía que bebe das fontes da tradición oral, porque esa é a forma primeira que teñen para o galego moitas das manifestacións da nosa literatura. Neste camiño da descuberta da Galicia que levamos dentro o campo emotivo emocional vai ser percorrido grazas en gran medida a poesía galega que terá o seu punto álxido no mes de maio cando cheguemos a comentar e coñecer mellor un poema que como algúns dos poemas de Rosalía tamén nos representa a todos nós e que é o Himno galego de Eduardo Pondal.
Hoxe estivo con nós Elena Gallego despois de ler e traballar sobre o seu libro Dragal, a herdanza do dragón. Soubemos unha morea de detalles desta saga que creo a autora para facer evidente que desde Marín se pode escribir e chegar a editar unha novela como esta. demostranos que é posible unha novela de fantasía e aventuras orixinal que fuxa dos lugares comúns doutras sagas máxicas e procure a base da súa trama nas lendas e na historia propias, da nosa Terra.
Os dragóns son seres máxicos presentes en muitas culturas, tamén na nosa. Elana Gallego demostrounos como partindo das nosas lendas podemos crear unha troloxía como a de Dragal. A primeira entrega foi editada cando xa tiña escrita a segunda, e xa está ultimando a terceira da saga que sairá á luz na próxima primavera posiblemente. Daquela volveremos invitaremos de novo a autora a compartir unha xornada con nós. Se queredes ver máis fotos do Encontro podedes ver unha reportaxe fotográfica no blog da Biblioteca de Secundaria. Por certo o noso compañeiro Jesús, que sentou na mesa preparoulle unha sorpresa que autora agradeceu moito e que podedes ver na reportaxe antes citada.
A primeira das lecturas que imos abordar neste curso coa intención de participar dun Encontro co autor e de paso participar na presente edición, na do 2012 do Premios Sarmiento que organizan os Equipos de Dinamización Lingüística das Escolas Católicas de Galicia é o libro de Elena Gallego titulado DRAGAL.
Propoñémonos facer desta lectura ademais unha reflexión práctica sobre os textos narrativos analizando a estrutura da novela e identificando en cadanseu capítulo os elementos da narración que presenta. Tamén seremos creativos e iremos realizando unha ilustración capítulo a capítulo.
Promete ser unha lectura entretida e instrutiva.
para dar resposta a esta cuestión debemos mira para atrás para as nosas tradicións. Imos logo comezar polas máis próximas as que celebramos enestes días.
Despois de informarnos sobre o denominado Samaín veremos que ten de tradicional ou de importado ou imposto pola cultura global. sabendo que o interesante é ser orixinais, auténticos e non copias de outras culturas, analicemos o Samaín, descartando de cheo o claramente alleo Halloween.
Para chegar a definir a denominación máis axeitada para estas manifestacións culturais que se realizaban e que se están de novo impulsando nestes primeiros días de novembro. Para preparar o debate aquí deixamos uns enlaces a vieiros da escola, a cultura galega .
Na rede hai abertos debates semellantes, por exemplo, en Bretemas onde hai testemuñas moi interesantes como unha que fala do que se facía tradicionalmente na Illa de Arousa, lugar especialmente interesante no relacionado co culto aos mortos, parece ser que os rapaces ese día van pedir polos defuntiños. Noutro blog, ladrándolle á lúa, dáse esta opinión:
A pesar do que moitos pensan, o Samaín é unha festa que sempre se celebrou en Galicia aínda que non en todas partes con esta denominación. Para moitos será máis coñecida como o día das cabazas ou das caveiras. Parece ser que esta tradición foi espallada polos celtas, que celebraban a chegada do inverno e con el, o nacemento dun novo ano. Samaín vén a significar en gaélico "fin do verán".
Desde sempre, nas vilas e aldeas de Galicia, os rapaces deixaban nas encrucilladas as cabazas ou calacús cunha candea acesa no seu interior para asustar os camiñantes.
Hai outros como Méndez Ferrín que non aceptan esta orixe e sosteñen que se trata dunha manifestación do imperialismo estadounidense que impuxo o Halloween en todo o mundo, fronte aos que aceptan que efectivamente esta manifestación do día 1 de novembro veu dos EE.UU., pero nunha viaxe de volta, pois serían os emigrantes irlandeses os que levaran esa tradición a América durante o século XIX e principios do XX. Sexa como for, cada día se recupera en máis lugares a celebración do Samaín.
Desde o San Narciso pensamos que na procura da verdade debemos ser fieis en primeiro lugar ás denominacións propias como a de Tempo de Santos ou Defuntos. Logo cremos que debería estar tan presente ou máis que a palabra cabaza outra sdenominacións como calacús, sendo esta denominación a referida a unha cabaza de grandes dimensións e máis propia das hortas de Galicia que a laranxa valenciá que compramos no super.
E xa postos a reivindicar produtos da terra botamos de menos a posta en valor da castaña neste tempo de magostos onde a castaña é símbolo do morto. Antigamente botábanse dende os campanarios das igrexas mamucas(castañas cocidas)ou tamén bullós (asadas) para que os rapaces e maiores que as apañaban rezasen un noso pai pola salvación da ánima que representavba aquela castaña. Tamén era habitual realizar un magosto ao pé dos cemiterios onde antes se facía comida( comer cos defuntiños) cando non se deixaba (aínda se deixa) un prato na mesa baleiro e a mesa sen recoller tal día como hoxe para os defuntos da casa, comíase bacallau e de postre, sempre castañas. Logo, estamos ou non estamos no país dos mortos?