 José Luís e Eligio eran dúas persoas doces e agarimosas, cun corazón grandísimo e a quen a vida acabou por darlles máis desgustos ca ledicias, o que tal vez os levou a unha morte prematura.
Ana María tiña determinación e, moi nova, marchou estudar a Ourense, sen máis compaña ca a súa maleta, os seus lentes e un fondo sentimento de medo a perderse entre a xente da capital, pero soubo sacarlle á vida a forza necesaria para sobrevivir sen perder o sorriso.
Concha era unha nena tímida, mimosa e conquistadora pero que, pola calada facía as trasnadas máis inverosímiles, coma botarlle deterxente ás plantas para que medrasen ou sentar no peitoril dunha fiestra da planta alta da casa, cos pés colgando para fóra.
Cándido era o cómplice perfecto para as trasnadas de Concha, aínda que as máis das veces andasen a cotenadas. Hoxe en día conservan aquel toque de complicidade para ir levando o día a día.
Ricardo era un neno inconformista e rebelde, pero cunha dozura e unha retranca desas que dan que pensar e fan rir a gargalladas.
Antonio buscou o camiño da entrega desinteresada cara as minorías máis desfavorecidas de África e hoxe vaga por Zambia, aprendendo a vivir e vivindo dunha maneira sinxela, pero moi enriquecedora.
Lourdes pérdese polos recantos da nosa nenez, co seu longo pelo louro enchendo co seu recendo a airexa das mañás e das tardiñas dos sábados e dos domingos.
Eramos felices. Máis ca familia, formabamos un clan, no que as crianzas máis vellas coidaban das máis novas, aínda que as máis das veces andásemos a liortas. Seguimos sendo felices. Supoño.
CONCHA L.F . |