 Esta foto representa unha verdadeira reunión familiar ao completo no campo da festa denominado ?Santa Águeda? (aínda que nomeado por todos como ?Santádega?) sito no lugar de Reádegos, concello de Vilamarín, cerca dunha aldea chamada A Pena da que precisamente eu nunca entendín como se lle podía chamar así, que nome tan triste!
Esta festa celebrábase a primeira fin de semana do mes de febreiro. Nestas datas, tódolos veciños de Gustei, Cambeo, Bouzas e demais lugares limítrofes, acercábanse ao campo levando un becerro vivo para matar alí ou un xa morto e listo para cocer e disfrutar entre todos coméndoo.
Nesta foto vese en primeiro plano a miña propia familia hai máis de trinta anos. Os avós Eliseo e María Luz (sentados os dous ben xuntiños no centro da foto, el con boina e manducando) levaban ben contentos as súas dúas fillas casadas (unha a cada lado) cos seus maridos e fillos (eu son o bebé de branco que está no colo da nai tamén vestida de branco) e no chan botaban unha manta ou cobertor para comer ata fartar sen medo a que algún insecto ?aterrara de súpeto nos menús?. E ao final, todos a bailar coa orquestra.
María Cruz Pereira Iglesias
(mestra) |