
Con esta foto púxenlle cara á miña bisavoa materna Agustina, no centro da foto. Non sei moitas cousas dela. Á miña nai gustáballe ir durmir á súa casa de vez en cando, pero ao despertar moitas veces a Mamá Agustina xa se fora para o eido. Cando ocorría iso, nunca se esquecía de deixarlle o almorzo preparado ou a merenda se era pola sesta no verán. Se podía tamén lle poñía unha lambetada, que era algo tan sinxelo coma unhas galletas ou unhas noces, todo un luxo a mediados dos anos 40. Non sei se algunha vez lle fixeron á miña nai a pregunta de ?a quen queres máis, Sarita, á avoa Luisa (coa que vivía) ou á Agustina?? Estou seguro da resposta, porque a avoa Luisa era capaz de comer a única laranxa que quedaba, cando a había, mentres a miña nai miraba e non entendía por que lle tiraba aquela pel branca, co rica que debía estar.
C. Fernández
Na foto, Agustina Vazquez Armas e a súas fillas Josefa e Esther. Porto de Eguas 1935, aproximadamente |