MÓLLATE COA LINGUA


Cantas cousas podes facer coa túa lingua? Seguro que máis das que pensas.
Móllate coa lingua é o blog do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüísticas do CPI Terras de Maside (Maside, Ourense).

Quen somos?
mollatecoalingua@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A NOSA HISTORIA FACÉMOLA NÓS, DE NOVO

As vellas e novas xeracións poden descubrir xuntas pequenas e grandes historias gardadas nas vellas fotos que ás veces quedan olvidadas nas gavetas.
Convidámosvos a descubrir os tesouros para que nos conten por eles mesmos como nos divertimos, namoramos, traballamos, tivemos soños, fracasos, medos, ilusións...
No curso anterior quixemos que as mulleres fosen as protagonistas destas historias. Neste ano queremos descubrir como nos relacionabamos no tempo en que non había móbiles, correos electrónicos, teléfono...Como buscabamos momentos para estarmos xuntos e encontramos compañeir@s, moz@s, amig@s ou inimig@s: festas, bailes, xuntanzas familiares, traballos comúns, enterros, vodas, tendas, prazas, reunións clandestinas...
Rebuscade, preguntade polas historias que se agochan por tras deses momentos que alguén deciciu fotografar. Axúdanos a contar a nosa historia para que ninguén fale por nós.
BASES

1-Poderá participar calquera membro da comunidade escolar: alumnado, familias e persoal non-docente.
2-Haberá dúas categorías. Adultos e alumnado. Dentro do alumnado establécense as seguintes subcategorías: Infantil, 1, 2 e 3 ciclo de Primaria, 1 e 2 ciclo de Secundaria.
3-Os traballos, en soporte informático*, consistirán nunha fotografía acompañada dun texto en galego (que non exceda as 200 palabras) que explique a historia da foto.
Os traballos poden enviarse ao seguinte correo: mollatecoalingua@gmail.com ou entregarse ao ENDL por medio do alumnado.
4-Iranse publicando no blogue do equipo: www.blogoteca.com// mollatecoalingua e algúns na revista do centro. Tamén se fará unha exposición no Colexio.
5-O prazo de entrega iníciase o 13 de outubro e remata o 13 de febreiro de 2011
A participación no concurso implica aceptación destas bases.
*O ENDL comprométese a escanear as fotos, no caso de que na casa non sexa posible e á revisión ortográfica dos textos.
Comentarios (1) - Categoría: A Nosa Historia Facémola Nós - Publicado o 07-10-2010 10:59
# Ligazón permanente a este artigo
MÚSICA CONTRA O DECRETAZO.

o dia 17 de abril a plataforma Queremos Galego organiza un interesante concerto en Pontevedra.
Unha chea de b@s músic@s xunt@s e unha mensaxe de rexeitamento ao Decreto de Plurilingüismo.
Razóns abondas para achegáreste.
Na ligazón de Queremos Galego podes encontrar máis información sobre os puntos de venda das entradas.(www.queremosgalego.org)
LIGAZÓN QUEREMOS GALEGO
Comentarios (0) - Categoría: A Nosa Historia Facémola Nós - Publicado o 04-04-2010 22:26
# Ligazón permanente a este artigo
QUE VÉN O FOTÓGRAFO!
?que me vedes asustada?.Diso nada! A expresión só responde á reacción de cando alguén non sabe o que lle agarda. Escoitara a palabra fotógrafo. Quen sería ese individuo?
Mancaríame? Poríame unha inxección? Tampouco souben nunca porque nos retrataron só ás tres se eramos máis na camada; o máis triste, non o saberei xamais; as miñas irmás non se lembran, o meu pai non me escoita e a miña nai non me recoñece.
Eu era a do medio. O vestido feito a medida dun retal sobro pola costureira da aldea, o xersei calcetado a man pola avoa, o pelo cortado a ollo, pero, iso sí, os zapatos de estrea, pisando forte sobre un taburete porque aínda non daba a talla. Aquí, sen querelo fixen o primeiro debut no escenario, pequerrechiño, acorde co meu tamaño.
As miñas irmás de indumentaria similar (busca as oito diferenzas) agarrábanme con forza; tiña prohibido escapar ou caer. Había que afrontar a situación. Eu ollaba cara a
máquina, expectante, non saía o paxariño, foi tamén a primeira proba de cámara. A partir de aquí comezou a acción e representei un papel de nena feliz na infancia a quen só lle preocupaba a que idade se paraba de xogar. Un simple pau facía as veces de vasoira, de paraguas, de marido; cos couselos preparabamos ensaladas, nos valados nacía o arroz salvaxe, e coas follas de castiñeiro teciamos saias. Que tempos! nos que todo está por vivir e explorar.
Agora xa medrei. A roupa mércoa en boutique, os xerseis son de fábrica, teño perruqueira fixa, varios pares de zapatos, porén o colorido doutrora vaise tornando gris e cada vez queda menos por descubrir.
Seica ao chegar a vellez nos convertemos de novo en nenos!!!


Clara Vázquez
Comentarios (0) - Categoría: A Nosa Historia Facémola Nós - Publicado o 10-03-2010 21:50
# Ligazón permanente a este artigo
OS MEUS AVÓS

Estes son os meus avós (Isidoro Ferreira dos santos e Belezinda de Jesus Fernández de Castro.
Fixeron esta foto de recordo para a miña avoa, porque o meu avó embarcaba para ir ao mar.
A miña avoa estaba embarazada da súa segunda filla neste momento.

Daniel Giráldez
Comentarios (0) - Categoría: A Nosa Historia Facémola Nós - Publicado o 07-03-2010 23:34
# Ligazón permanente a este artigo
A MIÑA BISAVOA
Esta é a miña bisavoa, Eva María dos Santos Echevarrá.
Fixo esta foto para a nena que ten no colo, Leonor, a súa neta e prima da miña nai

Daniel Giráldez
Comentarios (0) - Categoría: A Nosa Historia Facémola Nós - Publicado o 07-03-2010 23:30
# Ligazón permanente a este artigo
OS MEUS TATARAVÓS
Estes son os meus tataravós, Juan Fernández Gómez e Balbina Alfonso Rodríguez. Fixeron esta foto para darlla de recordo á miña avoa cando se fose co meu bisavó.
Os meus tataravós foron os que criaron a miña avoa porque o seu pai non podia facerse cargo dela.
Daniel Giráldez (1º ESO)
Comentarios (0) - Categoría: A Nosa Historia Facémola Nós - Publicado o 07-03-2010 23:19
# Ligazón permanente a este artigo
INAUGURACIÓN DA ESCOLA

O 4 de Marzo de 1955, fai 55 anos, foi inaugurada unha escola unitaria en San Cibrán de Las (San Amaro), polo señor Gobernador de Ourense coa presenza do señor alcalde do Concello de San Amaro e o señor cura da parroquia Don Celso Cid Fariñas e do mestre Don Ernesto Otero Rodriguez .
Esta escola foi construída por orde do alcalde, Don Tomás Dopazo Fernández, co apoio do párroco Don Celso Cid e coa axuda desinteresada de todos os veciños.
A construción do edificio tivo un orzamento de 75.000 pesetas, das que só 15.000 foron subvencionadas por unha obra benéfica e o resto pagado polos veciños con cartos en metalico, man de obra e materiais cedidos gratuitamente.

O día da súa inauguración foi bendecida polo párroco e o señor Gobernador dixo unas palabras a todos, en especial para os nenos e nenas alí presentes.

A mediados dos anos setenta as escolas agrupáronse e os nenos desta escola foron para o grupo escolar de Maside co cal este edificio deixou de ser una escola unitaria.

Hoxe en día, grazas á asociación de veciños da parroquia de San Cibrán de Las, unha parte do edificio utilízase como local social e a outra como tanatorio parroquial.


BRAIS (1º ESO)
Comentarios (0) - Categoría: A Nosa Historia Facémola Nós - Publicado o 07-03-2010 23:15
# Ligazón permanente a este artigo
NAS ESCALEIRAS DA PURA

Estas escaleiras forman parte da miña infancia, son as da Pura, a nosa veciña. Aquí estou co meu pai, que emigróu dende moi novo como tantos galegos naqueles anos difíciles, primeiro con 13 anos a Sanabria, e despois a Euskadi, para acabar finalmente en Francia. Esta foto é dun día do verán do ano 1971. Como tantos emigrantes non disfrutaban das vacacions para descansar, viñan segar a herba, o centeo, mallar e axudar ás súas nais. Pero neses días tamén daban amor ós seres queridos que deixaban aquí. Meu pai, que foi xeneroso con todo o que tiña, era sobre todo xeneroso en amor, sempre atento, e eu era á que máis recibía, só teño que pechar os ollos para sentir os seus bicos, o seu mirar, e aquelas mans grandes e curtidas polo traballo, a miña man na súa, unidas ata o final.



Teresa PL
Comentarios (0) - Categoría: A Nosa Historia Facémola Nós - Publicado o 07-03-2010 20:09
# Ligazón permanente a este artigo
A PENA DA SELA


Era o día da Pena da Sela en 1963, romaría que aínda se celebra hoxe no Irixo o primeiro domingo de Xullo. Na foto está no centro a miña nai, que pasaba o verán na casa despois de traballar en Vitoria todo o ano, entre a sua amiga Sara e sua tía Delfina, á que lle gustaban moito as festas pois era unha muller moi alegre e positiva . Aínda botou un baile cando fixo cen anos, tres meses antes de morrer, hai un pouco mais dun ano.


Teresa PL
Comentarios (0) - Categoría: A Nosa Historia Facémola Nós - Publicado o 07-03-2010 20:07
# Ligazón permanente a este artigo
UNHA CÁMARA NOVA
Os meus pais mercaran una cámara e alí, na nosa eira , que compartíamos co Ermesindo e coa Pura, estrenouse a cámara. Nesta eira, onde mallaban todos os os anos no verán, aparecemos a miña tía avoa, a tía Flora, a miña avoa Carmen, a miña nai, a miña tía e mais eu e, por suposto, Ermesindo coa sua Gallarda, a verdadeira protagonista.


Teresa PL
Comentarios (0) - Categoría: A Nosa Historia Facémola Nós - Publicado o 07-03-2010 20:06
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [7] [8] [9] 10 [11] [12] [13] ... [16]
© by Abertal












O contido desta páxina precisa unha versión máis recente de Adobe Flash Player.


Obter Adobe Flash Player






Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0