Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Un rapeiro galego na Suiza
O rapeiro suizo-galego GRAN PURISMO fai uso da súa lingua orixinaria para contarnos da súa vida como músico, do seu entorno cultural fora da terra, da súa visión do rap e de cómo sinte o ser galego dende fora.





Tamén recomendable a visita da súa nova e polémica curtametraxe/videoclip ES LO QUE HAY realizada por COOL REMEMBER e PEDRO TERRERO.



Gran Purismo contra Rosa Díez


Para máis info:
www.granpurismo.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 17-02-2011 09:11
# Ligazón permanente a este artigo
Xira de Matamá Ensemble
Matamá Ensemble é unha formación que aposta pola actualidade e contemporáneidade da música tradicional galega dende unha óptica actual.

Arranxos modernos que escorregan porriba das melodías e clichés coñecidos por todos, unha proposta que evita a indiferencia.

Gañadores do "II certamen amigos del folk Plasencia" (Cáceres)

Matamá Ensemble fórmano: Lucía Comesaña (zanfona electroacústica), Noa Vidal (percusións), David Bellas ( saxo soprano), e Xurxo Fernández (gaita de fol)

Más información: http://www.myspace.com/matamaensemble

Axenda de concertos de "Matamá Ensemble":

- sábado 19/02 (22:00) Bar Hipólito (Vigo)

- mércores 23/02 (20:00) Auditorio Andrés Gaos (Conservatorio Superior de Música da Coruña)

- venres 25/02 (21:30) Café da Arte - Fundación Mayeusis (Vigo)

- sábado 12/03 (22:00) "Escenario Abierto 2011" - Museo Etnográfico de Castilla y León (Zamora)

Comentarios (1) - Categoría: Novas - Publicado o 16-02-2011 11:57
# Ligazón permanente a este artigo
Unha galega denigrando o galego no programa Gran Hermano
A famosa autoxenreira dos galegos... 100% predicamento Galicia Bilingue.
Triste pero real.

Comentarios (1) - Categoría: Novas - Publicado o 15-02-2011 14:33
# Ligazón permanente a este artigo
Bases I Concurso de Gaita para Solistas Concello de Vigo
Bases:

Impreso rexistro

O I Concurso de Gaita para Solistas terá a fase final o 30 de abril no Auditorio Municipal

O concelleiro de Cultura, Xesus López, presentou este mércores o I Concurso de Gaita para Solistas Concello de Vigo, para o que as persoas interesadas poden inscribirse dende mañá, 10 de febreiro, ao 1 de abril. A fase final do concurso celebrarase o 30 de abril no Auditorio Municipal. Segundo o nacionalista, con esta iniciativa, que se pon en marcha coa colaboración da Agrupación de Centros Deportivos e Culturais de Vigo, dase resposta a unha "eiva histórica" no eido da música tradicional.

Xesus López destacou que dende a Concellería de Cultura e Animación Sociocultural "seguimos a traballar para que aquelas persoas que destacan no eido da cultura teñan espazos nos que expresarse, pero tamén que os vigueses e viguesas poidamos gozar da súa capacidade creativa e interpretativa". Neste sentido afirmou que o concurso é unha oportunidade para os participantes e un xeito de "ofrecer espectáculo", posto que conseguen "sacar o mellor de si mesmos".

O concelleiro de Cultura sinalou que o concurso está dirixido a solistas, ao considerar que "unha soa gaita permite apreciar o mellor do seu son". Agradeceu ao presidente da Agrupación de Centros Deportivos e Culturais de Vigo, a súa colaboración, porque asegurou que con persoas como Roberto Giráldez "é moi doado facer cousas e que saian adiante".

Roberto Giráldez explicou que poderán participan na iniciativa todos os gaiteiros e gaiteiras que o desexen, vestidos cos traxes tradicionais, pero que só se admitirán instrumentos tradicionais galegos. Apuntou que o concurso vaise celebrar o 30 de abril "sempre e cando non se superen as 10 inscricións" e que se hai máis haberá unha fase eliminatoria anterior. As bases poderán consultarse a partir de mañá nas web vigocultura.org e centrosculturaisvigo.es.

Concederanse tres premios, dotados con 2.000, 1.000 e 500 euros, respectivamente, así como 100 euros en "gastos de participación" para os que participen na final. O presidente da Agrupación de Centros Deportivos e Culturais de Vigo avanzou que o xurado estará composto por "persoas de recoñecido prestixio no ámbito da música tradicional", que valorarán tanto a interpretación como o vestiario das persoas participantes.

Roberto Giráldez agradeceu á Concellería de Cultura e ao seu equipo encabezado por Xesus López o seu traballo, porque asegurou que "o doado é facer propostas e que esas propostas sexan atendidas".

http://xornal.vigo.org
Comentarios (42) - Categoría: Concursos e Xornadas - Publicado o 15-02-2011 14:30
# Ligazón permanente a este artigo
Mercedes Peón e SondeSeu gañan conxuntamente o PREMIO OPINIÓN
Se na pasada edición os PREMIoS OPINIÓN contaban co primeiro empate da súa historia, no segundo posto entre Cuarteto Caramuxo e Nova Galega de Danza, nesta ocasión o segundo empate se produce na disputa ao mellor disco folk galego do ano.

Dous traballos mereceron os parabéns do xurado composto por sete xornalistas. Mercedes Peón leva unha tempada na que non para de recibir eloxios da crítica. Se hai unhas datas chegaba a número un na lista da World Music Charts Europe, elaborado por corenta e cinco profesionais radifónicos do Vello Continente, agora recibe o recoñecemento na súa casa con este galardón. Sós constitúe un traballo conceptual no que a artista coruñesa bota man da súa imaxinación para construír relatos sonoros que se constitúen en pezas musicais nas que a súa faceta contemporáena aparece fortemente, aínda que xa sabemos que Mercedes Peón nunca se vai esquecer desa parte nada na tradición que sempre emerxe na súa obra. Este álbum é o cuarto da súa carreira, na que agora se presenta unha moi boa oportunidade para continuar asentando fortemente a súaproxección internacional nos vindeiros anos.
A cantante e compositora xa sabía o que era gañar o premio ao mellor álbum do ano, algo que logrou na terceira edición co seu traballo titulado Ajrú.

A orquestra folk SondeSeu acadara un segundo posto na votación final na cuarta edición dos PREMIOS OPINIÓN e agora comparte o posto máis alto canda Peón.

No seu disco Barlovento ten unha presenza moi importante a nivel de arranxos o músico Rodrigo Romaní, director da E-trad viguesa, que é a casa na que naceu esta novidosa formación que pon en escena a máis de trinta músicos e que vén sendo a locomotora principal nunha unión plasmada na Rede Europea de Orquestras Folk. Polo tanto estamos a falar de dúas propostas, cada unha no seu eido, que son quen de xerar un interese en Europa, algo do que a música folk galega debe sentirse orgullosa.
A recente novidade nos concertos de SondeSeu é que agora tocan en formato acústico e así os intrumentos ?soan máis naturais?, segundodeclaraba Romaní nestas mesmas páxinas cando saía o disco ao mercado.

A música cantada salienta nesta terceira entrega discográfica da formación, aínda que nunca se esqueceran de tela moi presente dende o momento no que debutaron no mundo da música. Seccións de gaitas, zanfonas, arpas, percusións, requinta, violín e canto, formada por nove cantareiras, son as que compoñen esta orquestra folk, un proxecto creado para que as novas xeracións de músicos se vaian formando coa práctica de formar parte dun conxunto que tamén lles permite bregarse sobre un escenario nos concertos realizados, unha situación diferente á que se crea cando se practica nun aula.

www.laopinioncoruna.es
Comentarios (2) - Categoría: Novas - Publicado o 15-02-2011 14:21
# Ligazón permanente a este artigo
Berroguetto: terceiro premio Opinión de Música Folk

Os compoñentes de Berrogüetto engaden outro PREMIO OPINIÓN ao seu palmarés co álbum Kosmogonías, o quinto da banda ao longo da súa andaina.

A gran novidade respecto ao pasado máis recente é que este foi o primeiro traballo no que contaban coa voz de Xabier Díaz e, por outra banda, decidiron incorporar unha videocreación que tamén formaba parte dos directos nos que a banda presentou o disco en diversos teatros do país e que se podía ollar, ao tempo que un documental, no dvd que acompañaba ao álbum.
Berrogüetto foron os que inauguraron o palmarés dos nosos galardóns ao acadar con Hepta o recoñecemento como mellor disco do ano.

Posteriormente lograran un segundo posto, na sexta edición dos premios, coa obra 10.0.
O disco Kosmogonías volve amosar o estilo característico dun conxunto que foi quen de crearse un lugar sobranceiro no noso folk xa dende o primeiro momento no que publicaron a súa ópera prima, e de chamar a atención no estranxeiro co seu bo facer, o que os levou a conseguir o recoñecemento da crítica alemana e unha meritoria nominación ao Grammy latino. ?Tentamos non caer no autoplaxio?, comentaba Anxo Pintos na conversa mantida con eles neste xornal na saída do disco ao mercado.
Novamente as composicións desta obra teñen diferentes autorías, aproveitando o grupo as habelencias dos seus diversos compoñentes para realizar pezas.

Kosmogonías é un novo paso na carreira deste exitoso conxunto.

www.laopinioncoruna.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 15-02-2011 14:18
# Ligazón permanente a este artigo
As muiñeiras das belgas
O grupo Ialma, formado por fillas de emigrantes, celebra a década con novo disco

Considéranse cantareiras, falan bo galego e aseguran que non poden pasar moito tempo sen vir a Galicia, a terra que os seus pais deixaron nos anos 50 para gañarse a vida en Bruxelas. Tras dez anos xuntas, Marisol Palomo, Verónica e Natalia Codesal, Magali Menéndez e Nuria Aldao, o cinco integrantes do grupo folk Ialma, mesmo se sorprenden ao explicar que, por primeira vez, no seu novo disco, Simbiose, ten cabida o francés, un dos dous idiomas oficiais de Bélxica. É en Pa'la catedral, un tema no que contan coa colaboración do humorista Carlos Branco, que as definiu como as tank girls do folk galego. "É un orgullo poder cantar no noso idioma", asegura Verónica Codesal, que en 2003 levou unha gaita a Letonia para representar a Bélxica no festival de Eurovisión, onde o seu grupo Urban Trad conseguiu o segundo posto.

"Cantamos en galego para non perder vínculos. Outra xente vai a terapia", explícase Marisol Palomo, filla de emigrantes de Betanzos. Xunto ás súas compañeiras, acaba de aterrar en Santiago para promocionar o seu novo traballo -o cuarto tras Palabras darei (2000), Marmuladas (2002) e Nova era (2006)- , pero apenas estarán dous días en Galicia. Hoxe gravan xunto a Carlos Branco unhas imaxes que proxectarán durante a súa xira de concertos, que comeza en Bruxelas o 26 de febreiro e continuará por Anveres, Alemaña, Francia e Holanda. Non esconden a súa ilusión por actuar en Galicia, aínda que aínda non saben se será posible: a pesar de cantar en galego, Galicia é o lugar no que menos concertos deron. A última vez foi en 2006, aínda que á terra dos seus pais, onde seguen tendo parentes e amigos, veñen moi a miúdo.

Para Codesal, a principal novidade de Simbiose, gravado en Bélxica, é a inclusión de novos estilos, como o rap, tutelado no disco polo vigués O Puto Coke. "Co paso do tempo, acabamos por abrirnos a outras culturas e a outros estilos", conta Codesal, con familia do municipio lucense de Guitiriz. A carta de presentación de Simbiose, Na iauga, aínda que interpretada en galego, é en realidade unha melodía tradicional de Québec e Dance like a Galician unha versión libre e desinhibida de Walk like en egyptian, o éxito de The Bangles. A letra, de Carlos Branco, enxalza as verbenas, a gastronomía, as praias e a vendima. A tradición medieval galego-portuguesa tamén aparece en Simbiose: Ialma torna, outro dos novos temas do grupo, é a cantiga número 140 de Alfonso X O Sabio.

En Bélxica, onde o público, galego ou non, xa está máis que afeito ouvilas cantar na lingua propia, "non hai ninguén que non saiba onde está Galicia", contan. Polos emigrantes, que na segunda metade do século XX empezaron a ver en Europa, e xa non tanto en América, a posibilidade de mellorar as súas vidas, e polo labor dos descendentes da diáspora. Palomo e Codesal aseguran que, "aínda que hai moita xente que no país no que naceron nin sequera sabe que o galego é unha lingua oficial", o feito de reivindicar as súas raíces é "moi apreciado" en Bélxica. "Gústalles o galego, parécelles unha lingua moi melosa e pregúntannos que significa o que dicimos", explican. En parte por satisfacer esa curiosidade, a das cantareiras non é a única firma de Simbiose. Humoristas, deseñadores -os vestidos que usan nas fotografías que ilustran o libreto do disco son do galego David Aranda-, artesáns como os Seivane e cineastas acompañan ás Ialma con pequenos textos e fotografías, todas feitas en Galicia. En Ortigueira pousan para o cineasta Enrique Otero e diante dunha antiga fábrica de escobas de Cacheiras, en Teo, ilustran a colaboración do Puto Coke. O escritor Xabier Queipo, residente en Bruxelas, colabora con Grixoa, un pequeno texto sobre a emigración.

A comunidade galega en Bruxelas non é xa a mesma, en parte porque as novas xeracións, nadas fose de Galicia, non senten a mesma necesidade de encontro que os seus pais. "Están máis integrados, non é tan importante ese lugar común", apunta Palomo. Dez anos despois de constituírse como grupo, presumen dalgún dos seus logros, como representar ao país no que naceron en festivais estranxeiros, sen importar a súa condición de fillas de emigrantes. Aínda que nadas xa en Bruxelas, Galicia para as cantareiras de Ialma non era soamente o lugar das vacacións de verán. Catro das integrantes do grupo -Nuria Aldao é unha emigrante recente que vive en Bélxica desde fai seis anos- coñecéronse de nenas, nas clases de baile e pandereita organizadas polo Centro Galego de Bruxelas. A que o seu filiación sexa múltiple xa están afeitas. "Aquí somos sempre as belgas e en Bélxica, as galegas", chancea Codesal facendo uso do vello paradoxo do emigrado.


www.elpais.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 15-02-2011 10:06
# Ligazón permanente a este artigo
Roi Casal abrígase na maxia
'Maxicamente vello' é o título do novo álbum de Roi Casal. A partir de hoxe á venda. Proposta de composicións que pescudan o equilibrio entre as raiceiras da tradición e a innovación produto da experiencia deste músico que, nesta ocasión, tamén canta.

A maxia xa anda por aí e mesmo está á venda. Unha nova entrega musical de Roi Casal ofrécese polas tendas desde hai unhas horas. Mais hoxe. xoves, 10 de febreiro, será estrea oficial de Maxicamente vello. Un álbum e tamén unha canción que transmite, segundo Casal, ?unha grande emoción, cargada de simbolismo. Este tema converteuse por si mesmo nun himno?. Tamén quere que se converta nun deses momentos cume dos moitos concertos que ten apalabrados para os vindeiros meses. Considera acaído que o seu primeiro single leve o nome dunha canción como Foi o vento e mesmo entende que é toda unha homenaxe ao público que o leva seguindo e escoitando nos últimos anos. Aqueles que xa gozaran de Lendas douradas en 2008 e todos os que andan atentos á proxección dun músico, como el, cargado de futuro.

Formado na corda de Rodrigo Romaní e do seu mesmo pai, foi músico de Milladoiro por un tempo. Alí o seu bo facer deixou pegada até en seis álbums do lendario grupo galego. Agora o single Foi o vento dará conta da valía instrumentista de Casal ao executar con dominio, como desde os seus 14 anos, instrumentos como a arpa, o bouzoki, a zanfona ou o piano con formación afianzada de conservatorio.

12 cancións quedan convocadas en Maxicamente vello. Fórmulas de tradición e conquistas de fusión permanente que percorren mundos poéticos que Roi adopta desde a súa propia voz ou na compaña da asturiana Silvia Ferre. Todas as cidades galegas mais Madrid, Barcelona, Zaragoza e Bruxelas coñecerán do directo dun músico que optou por titular o seu traballo cun poema de Manuel María á vez que reafirma o seu compromiso co idioma. Unha confesión, sobre a dureza de tomar decisións en liberdade, Nana para Nuno, a conta do que enche ser pai ou O espello do diaño, sobre o significado do mal nas nosas vidas, son outros temas para desvelar como o músico e agora cantante de Catoira avanza e asenta con vida propia.


En concerto

18 de febreiro. Santiago de Compostela (Sala Capitol)

19 de febreiro. A Coruña (Teatro Rosalía de Castro)

11 de marzo. Lugo (Auditorio Gustavo Freire)

18 de marzo. Vilagarcía de Arousa (Auditorio Municipal)

8 de abril. Pontevedra (Teatro Principal)

13 de abril. Vigo (Auditorio Municipal)

7 de maio. Ourense (Teatro Principal)

17 de maio. Ferrol (Teatro Jofre)

Grupo da xira: Dani Riveiro (percusión), Alfonso Merino (violín e guitarra), Manu Conde (guitarra), Alfredo Susavilla (teclados), Paulo Pérez (baixo), Silvia Pérez (voz).

www.anosaterra.org
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 15-02-2011 10:02
# Ligazón permanente a este artigo
O folc galego celebra os 90 anos de Seivane entre gaitas
Cecebre, unha parroquia de Cambre, moi preto do Bosque Animado que imaxinou Fernández Flórez, foi o centro da festa de aniversario de Xosé Seivane, pai e avó dunha dinastía de gaiteiros e ourives. Unhas 300 persoas, a maioría do mundo da música, participaron na homenaxe. Na foto, Xosé Seivane xunto á súa neta, Susana, a súa muller Fuencisla e o seu fillo Álvaro.

www.elpais.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 15-02-2011 09:59
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista a Xosé Manuel Seivane

Xosé, o patriarca da saga Seivane, rememora 70 anos como mestre

Nunha remota aldea de Lugo, Fonmiñá na Pastoriza, con apenas 18 anos e nunha época, recentemente acabada a Guerra Civil, "na que non había onde agarrarse, unha cousa parecida á de hoxe", inventouse un oficio: Xosé decidiu ser "artesán-construtor de gaitas". E con el naceu unha dinastía de gaiteiros, músicos e fabricantes, os Seivane. Un apelido hoxe referencia do ancestral instrumento galego. A súa neta Susana é a gaiteira máis internacional. Pero as gaitas Seivane, desde o taller hoxe asentado en Cecebre, na localidade coruñesa de Cambre, tamén soan en escenarios de todo o planeta. "Fan pedidos de todos os lados. Aos chineses, aos rusos, aos americanos, gústalles tocar a gaita galega, hai que darse conta que non saben falar galego, moitos nin sequera saben onde está Galicia, pero gústalles e pídenas. Hoxe moito encárgase por Internet", reflexiona o patriarca.

Á súa filla non lle inculcou a arte: "Naquela época unha muller non tocaba"
En véspera da gran festa que lle brindaron o sábado familia e amigos polos seus 90 aniversarios, Xosé Seivane rememora toda unha vida dedicada á gaita, a tocala, -"tamén o clarinete", precisa-, e a fabricala. E a mellorala. O taller Seivane, hoxe levado polos dous fillos de Xosé, Álvaro e Xosé Manuel, e no que tamén son mestres oficiais da gaita os seus netos Roberto e Sainza, é referencia na investigación e evolución deste instrumento.

"A xente ben sabe onde se fai a gaita", sentencia o fundador. O selo Seivane é garantía de calidade. Aínda que ao César o que é do César. Xosé subliña que foron os emigrantes galegos, "que chegaron a todas partes", os pioneiros e auténticos responsables de que a gaita cruzase fronteiras. "Era un milagre tantas como se venderon en Arxentina". Pero se hoxe é máis planetaria que nunca "é porque está preparada dunha maneira que se pode tocar cunha orquestra sinfónica ou cun grupo de rock, afina con todos os instrumentos".

Nada que ver con aquela primeira que, con 15 anos, empeñouse en construír sen medios, nin guía. "Non había outra forza motriz que as mans, non tiña máis que unha enciclopedia de artesanía para facer un torno de ballesta e unha gaita que me regalaron os meus pais de rapaz, e de aí fun sacando todo, as medidas, os calíbres, as tonalidades". A primeira saíu "bárbaro". "Pero a segunda non. Cando eu pensaba que xa sabía algo e resultou que non sabía nada, desafinaba, estaba desequilibrada". Conseguiu arranxalo. "Tiven que sacalo todo da nada, iso só seino eu, a música hai que traballala moito".

Ao regresar de tres anos e medio de servizo militar en 1939, Xosé, que nunca deixou de ser gaiteiro, abriu o seu primeiro obradoiro. "Tardaba tres días en facer unha gaita que vendía a 80 pesetas, que era diñeiro de carallo. En 1945, xa cobraba 300 pesetas". E cando a principios dos anos 50 mudouse a Ribeira de Piquín (Lugo), onde casou, o seu taller de gaitas empezou a recibir pedidos de toda Galicia. Pechou en 1994, cando os seus fillos unificaron nun mesmo taller en Cecebre a casa e a marca Seivane.

Xosé di que non quere chegar a centenario. "Iso non é vivir". Pero fol aínda queda. Deixou o oficio formalmente fai só tres anos e segue indo todos os días. "Gústame ver, isto é unha arte, amiga, é unha técnica, nada que ver co que tiña eu antes, aquilo non era nada", di mentres sinala os tornos motorizados ou a tecnoloxía láser que hoxe invaden o taller.

"Moi contento", di, de dedicar a súa vida a este oficio, non oculta o seu orgullo por conseguir tamén crear toda unha saga. Seivane preocupouse de inculcar aos seus descendentes, "desde raparigos", a súa arte e oficio. A todos menos á súa filla, fincada en Bilbao. "Naquela época, unha muller non facía, nin tocaba gaitas, era só cousa de homes", escúsase. Pero agora xa van "catro xeracións de Seivane", apunta o ancián ao incluír na dinastía ao seu bisneto, Brais, de dous anos e medio. "Ten toda a inclinación xa para tocar, non ten parada, e menudo oído musical". O seu bisavó mostra a pequeniña gaita de buxo que tallou a man para regalar ao pequeno nos seus primeiros Reis. Un instrumento de última xeración. Foi a primeira do mundo feita na tonalidade de sol agudo. "É que a gaita foi avanzando moito, hai que modernizarse".

www.elpais.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 15-02-2011 09:44
# Ligazón permanente a este artigo
Comeza a semana
Luns 14
? Davide Salvado ás 21:00 no Forum Metropolitano (A Coruña)

Terza feira 15 (Martes)

Corta feira 16 (Mércores)
? Malandrómeda no Ultramarinos, Santiago
? Foliada na Casa das Crechas (Compostela)

Quinta feira 17 (Xoves)
? Malandrómeda na Casa de Arriba, Vigo
? Percebe Son (Vigo): Ataque Escampe, Som do Galpom e Raiba

Sexta feira 18 (Venres)
? Roi Casal na sala Capitol de Santiago
? O Chícharo psicótico no Pub Gatos (Melide)
? Desequilibrio Mental en Catoira
? Linho do Cuco no Liceum (O Porriño)
? Marta Quintana e Tarambainas no Salón de actos da Once (Vigo) ás 20:00

Sábado 19
? Mamá Cabra no Teatro Principal de Pontevedra ás 19:00
? Matamá Ensemble no Bar Hipólito (Vigo) ás 22:00
? Malandrómeda na Sala Super 8 (Ferrol)
? Desequilibrio Mental en Compostela
? Roi Casal no Teatro Rosalía da Coruña
? Serán de Santiago de Oliveira (Ponteareas)
? Serán en Ventín (Fornelos de Montes)

Domingo 20
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 14-02-2011 18:37
# Ligazón permanente a este artigo
Goza coa túa lingua
A Mesa convoca unha bicada reivindicativa para o 14 de febreiro, unha "demostración de amor" que contrapón ao "desprezo" polo idioma do Goberno de Feijóo

Goza coa túa lingua é o nome que a Mesa pola Normalización Lingüística escolleu para a "bicada lúdico-reivindicativa" que convoca, en defensa do galego, para o 14 de febreiro, día dos Namorados. A actividade realizarase na praza do Toural de Santiago ás 17:00 horas, aínda que "haberá xente que, por non se poder desprazar a Compostela, tamén fará a bicada a esa hora desde outros lugares", explicou a asociación.

O presidente e a secretaria xeral da Mesa, Carlos Callón e Iria Taibo, presentaron onte o evento, que conta cuns 1.000 apoios nas redes sociais, a metade dos cales confirmaron a súa asistencia. Taibo instou á participación "con parella ou sen parella" para "facermos todos, ao mesmo tempo, unha bicada pola lingua".

Nesta liña, Callón contrapuxo esta "demostración de amor" ao "desamor" e "desprezo" do Goberno de Alberto Núñez Feijóo. "Fronte ao desamor da Xunta, está o amor da xente", sinalou, ao tempo que parafraseou o verso A forza do noso amor non pode ser inútil, do poeta Uxío Novoneyra.

Ademais do aspecto "divertido" da convocatoria, os dous dirixentes da Mesa tamén subliñaron a súa faceta "reivindicativa", pois é "unha mobilización coa que tamén queremos chamar a atención da política agresiva que está a padecer o noso idioma". Algúns dos exemplos que puxeron foron a "mal chamada Lei de Convivencia", o "decretazo contra o galego" e a distribución de programas informáticos nos xulgados que "impiden" o uso da lingua de Galiza.

A preguntas dos medios, Callón referiuse, ademais, á situación "moi preocupante" deste idioma entre a mocidade. O presidente da Mesa deu o dato de que se trata da "lingua do Estado que máis falantes perde entre a xente nova". No entanto, apuntou que as estatísticas sinalan que "o maior rexeitamento á política lingüística da Xunta" se rexistra "entre a mocidade e as zonas urbanas", o cal, ao seu ver, amosa que "con independencia da lingua que cada persoa utilice no seu día a día, existe unha percepción xeral de que o galego é un elemento de unión que os poderes públicos deben promocionar". "En fin, que o galego une; é Feijóo quen separa", concluíu.

Así, atribuíu esta situación ao goberno de Manuel Fraga, época na que rexistrou "a maior perda de falantes dá historia", que contrapuxo ao feito de que a xuventude ten "un importante protagonismo" nas manifestacións en defensa do galego a pesar de ser ou sector "que máis padece a desgaleguización".

Por outro lado, criticou que a porcentaxe de uso do galego nos centros está "moi por debaixo" do 50% que establece ou decreto do plurilingüismo e, mesmo, "por debaixo dun 25 por cento". Ademais, un 40 por cento dos pais solicitaron a educación infantil neste idioma e "só o 10 por cento dous centros nas cidades declaran que utilizan o galego" nesta etapa.

Outra iniciativa galeguizadora para o San Valentín é o Certame de Cartas de Amor, organizado polo Concello de Fene a través da súa emisora municipal, que chega este ano á súa XII edición. A iniciativa conta coa colaboración do Parador de Ferrol, que agasallará ao gañador ou gañadora cunha cea para dúas persoas e unha noite de hotel; en habitación doble ou en dúas habitacións individuais.

www.galiciahoxe.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 14-02-2011 10:42
# Ligazón permanente a este artigo
Davide Salvado no Forumfolk (A Coruña)
Forumfolk 2011: concerto de Davide Salvado, presentando ?Árnica Pura?

Luns 14 de febreiro
Fórum Metropolitano
21:00
Entradas: 5 euros (carné xove, maiores de 65 anos e desempregados, 3 euros).


Retómase o ciclo Forumfolk neste 2011 con Davide Salvado, que nos presenta en "Árnica Pura" unha mestura interesante de estilos que el mesmo define como música orgánica e romántica. Actuará en formato de quinteto (guitarra, saxo, acordeón, batería e voz).



Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 14-02-2011 10:38
# Ligazón permanente a este artigo
Monográfico E-trad: Cantares de Entroido
Monográfico: Cantares de Entroido. Javier Feijoó (Chisco)
Día 4 de marzo de 2011

16h a 18:30h

Aulas da e-Trad (Vigo)
20 prazas
práctico
Último día de matriculación o 25 de febreiro 2011 (na oficina da e-Trad de luns a venres de 16h a 19h)

Monográfico adicado a calqueira persoa que desexe coñecer esta expresión da cultura tradicional galega, vencellada á celebración dos Entroidos en Galiza. Cantares elaborados cada ano con letras satíricas acerca dos acontecementos máis salientables.

Preferencia de praza para aqueles alumnos do itinerario profesional que teñan elexida na matrícula a opción "cursos de curta duración". Curso con valor académico na e-Trad: computable por 3h.

http://e-tradvigo.blogspot.com
Comentarios (0) - Categoría: Concursos e Xornadas - Publicado o 14-02-2011 10:05
# Ligazón permanente a este artigo
Convocatoria audición Quique Peón Cía.

Ola a tod@s:

Comprácenos enviarvos convocatoria para a audición na que se seleccionarán bailarnas e bailadores/as para o próximo espectáculo da compañía QUIQUE PEÓN Cía.

Non dubidedes en contactar con nós para calquera consulta e pregamos deades a maior difusión posible deste mail entre os vosos contactos.

Un cordial sáudo!

Lucía Veiga
Producción QUIQUE PEÓN Cía
Alcalde Lens 25B - oficina 11-1
15010 A Coruña
Tfno: 881 104 374 / 605 929 460
info@quiquepeon.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 14-02-2011 09:57
# Ligazón permanente a este artigo
Chega a fin de semana
Sexta feira 11 (Venres)
? Cé Orquestra Pantasma e labregos do tempo dos Sputniks na Gentalha do Pichel (Compostela)
? The Homens e Projecto Mourente en Vilagarcía de Arousa
? Noise project na sala Super 8 de Ferrol
? Snatch no Rincón do Vento (Forcarei)
? Soas (Cristina Pato e Rosa Cedrón) no Teatro Colón (A Coruña)
? Irtio en Noia ("O Lar") ás 22:30
? Os Terribles de Donas no furancho Matamáfolc (Vigo)

Sábado 12
? Festa aniversario de X.M. Seivane ás 17:00 no Obradoiro de Cambre (A Coruña)
? Mamá Cabra no Teatro Principal de Pontevedra ás 19:00
? The Homens e Projecto Mourente en Boiro
? Moxenas musical Galego no Auditorio Municipal de Vigo ás 21:00
? Malandrómeda no Badulake (Ordes)
? Os Residuos Atractivas no furancho Matamáfolc (Vigo)
? Marta Quintana en Casa Gallardo, no alto de Puxeiros, Mos
? Foliada no Irixo (Ourense)
? Serán dos namorados (Toutón-Mondariz)

Domingo 13
? Mamá Cabra no Teatro Jofre de Ferrol ás 18:00
? The Homens e Projecto Mourente en Muros
? Malandrómeda na Casa das Atochas, A Coruña.
Comentarios (1) - Categoría: Novas - Publicado o 11-02-2011 10:39
# Ligazón permanente a este artigo
Seguen os Seráns
12 de Febreiro
- Serán dos namorados (Toutón-Mondariz)
- Foliada no Irixo (Ourense)

19 de Febreiro
- Serán de Santiago de Oliveira (Ponteareas)
- Serán en Ventín (Fornelos de Montes)

26 de febreiro
- Serán en Mouriscados (Mondariz)
- Serán en Mondariz no pavillon deportivo (ó lado da igrexa)

6 de marzo
- II Serán de entroido no Casco Vello de Vigo

12 de marzo
- Serán de Laxoso

19 de marzo
- Serán no baile vello de Valadares (Vigo), no torreiro da festa ao carón da igrexa.

26 de marzo
- Seran en San Adrian de Calvos (Fornelos de Montes)
- III Serán en Vilacoba (casa da Cultura), Salvaterra de Miño
- IV Ruada de Catoira

2 de abril
- Serán en Pazos (Pontecaldelas)
- Serán no Freixo (Valadares-Vigo)

9 de abril
- Serán de Angudes (Crecente)
- Serán na Casa do pobo de Xesta - A Lama

16 de abril
- Serán nas Estacas - Fornelos de Montes (Bar/Restaurante "O Chalán")
- Serán en Pinzás(Tomiño)

30 de Abril
- V Noite de Fiadeiro (Ramirás)
- Serán de Fozara

7 de maio
- III Serán de Boborás (Ourense)
- Serán do coello en Lourido (Soutomaior)

14 de maio
- Serán de Nespereira (Pazos de Borbén) no torreiro da festa

21 de maio
- Serán da Insua (Ponte Caldelas) no torreiro de festas ao lado da igrexa

28 de Maio
- II Serán de Chapela (Redondela) na estación de Renfe en Chapela

4 de xuño
- Serán da A. C. Traspés (no adro de Sárdoma - Vigo)

11 de xuño
- Serán da Asociación Folclórica Airiños da Lagoa (Baíña - Baiona)
- Serán na Carballeira dos Prados de Pigarzos (Xesta - A Lama)

17 de xuño
- Serán no Viso (Redondela) no torreiro da festa

Comentarios (1) - Categoría: Seráns e Foliadas - Publicado o 11-02-2011 10:30
# Ligazón permanente a este artigo
Serán de Toutón (Mondariz)
Se queredes saber máis sobre o Serán de Toutón: Video "O pan e o Serán de Toutón (2009)"
Comentarios (1) - Categoría: Seráns e Foliadas - Publicado o 11-02-2011 10:27
# Ligazón permanente a este artigo
Foliada no Irixo (Ourense)
Sábado 12 de febreiro

Se tedes ganas de pasar unha boa noite na compaña de xente á que lle gusta a música galega, achegaivos a'O Irixo!!

Imos reabrir o espazo ao cal os nosos maiores ían ao baile. Alí gozaban da música, do baile e da troula.

A partires das 20:00 horas haberá actividades para as/os máis cativas/os. Traei aos/ás vosos/as nenos/as!
...
A partires das 22:00 comeza a festa! con música en directo e bailes, até que o corpiño aguante, con unha chocolatada na fin de festa para recuperar as enerxías gastadas.

Agardámosvos a todas/os as/os que queiran traer o seu instrumento para botarmos unhas pezas, cantarmos e danzarmos.

COMO CHEGAR?
Dende O Carballiño:
Na estrada N-541 que atravesa a vila d'O Carballiño hai un cruce grande (cunha glorieta en construcción). Ao pasar este cruce, hai un letreiro que indica o Cartel da Garda Civil. Hai que coller esa dirección. Estades na estrada d'O Irixo, a comarcal OU-902.
As aldeas polas que iredes pasando até chegar a'O Irixo son:
A Costiña / O Casar / Sinal de Benvidxs ao Concello d'O Irixo /
A recta d'A Pedriña / Guimarás / A Bugalleira / Dadín / O Irixo.
Inmediatamente despois da sinal de fin d'O Irixo, hai unha sinal a mao dereita que indica a Estación FF.CC. Debedes desviarvos aquí e o pirmeiro bar que topedes a mao dereita é o bar da Estación.

Dende Lalín:
Tedes que perguntar por Don Ramiro e polo campo de fútbol do Lalín para atopar a rotonda na que está indicada a dirección Carballiño.
No caso de virdes pola AP-53, tedes que coller a saída 'Lalín centro' que vos leva cara o campo de fútbol.
A estrada é a comarcal PO-902 (que máis adiante engancha coa OU-902). Dende Lalín a'O Irixo hai 20 km.

Calqueira dúbida o día D chamai aos teléfonos:
677 873 357 / 657 325 071 / 657 325 072

www.gaiteirosgalegos.com
Comentarios (0) - Categoría: Seráns e Foliadas - Publicado o 11-02-2011 10:26
# Ligazón permanente a este artigo
Os Terribles de Donas no furancho Matamáfolc (Vigo)
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 11-02-2011 10:21
# Ligazón permanente a este artigo
Os Residuos Atractivas no furancho Matamáfolc (Vigo)
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 11-02-2011 10:17
# Ligazón permanente a este artigo
Moxenas musical Galego en Vigo

Este sábado día 12 de Febreiro no Auditorio Municipal de Vigo (Praza do Rei) e a partir das 21:00 h, Moxenas Musical Galego ofrecerá un concerto onde repasará ao vivo varias das pezas do seu actual repertorio, composto por pezas tradicionais e de autores contemporáneos como Ernesto Campos.

Formada no ano 2003 como homenaxe ao mítico gaiteiro Nazario González "Moxenas", Moxenas Musical Galego é unha orquestra de folc galego que reúne preto de 50 rapaces (cunha idade mínima de 13 anos) provenientes do Movemento Veciñal de Vigo. Co seu innovador formato sonoro composto tanto por instrumentos tradicionais (gaitas, percusións...) como contemporáneos (guitarra e baixo eléctrico, teclados...) e cunha soprendente posta en escea, estamos ante unha das propostas musicais máis atractivas do actual panorama musical de Galicia.

O prezo da entrada para asistir a este concerto é de 3 ?, que poderá ser adquirida anticipadamente a través da páxina web www.laboleteria.es ou o mesmo día do espectáculo dende unha hora antes do concerto no despacho de billetes do propio Auditorio. A venda destas entradas será até completar o aforo.



Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 11-02-2011 10:16
# Ligazón permanente a este artigo
Nova edición de Folk in Trio
Temos que comunicarvos unha moi boa nova, xa que dende este ano, Folk in Trío vai a estar ligado estreitamente co ciclo de música Fórum Folk que ven desenrrolando o Concello de A Coruña dende Setembro do 2008.

Cada venres antes dos concertos imos falar co artista que o luns poderemos ver no Fórum Metropolitano e ademáis...
SORTEAREMOS CINCO ENTRADAS DOBLES PARA CADA CONCERTO.

Estade atentos o venres de 16 a 17 horas a Cuac FM, a radio comunitaria de A Coruña.

É moi sinxelo, simplemente con chamar ao 981 167 000 (extensión 2232) xa che collemos os datos para entrar no sorteo, ou senón podes deixarnos o teu número de teléfono por mensaxe privada ou e-mail a folkintrio@cuacfm.org e xa te chamamos.

Este luns 14 de Febreiro no Fórum Metropolitano (A Coruña) estará Davide Salvado presentando o adianto de Árnica Pura, o primeiro disco deste artistas que conta coa produción de Eliseo Parra.


.
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 11-02-2011 10:15
# Ligazón permanente a este artigo
¡O patriarca dos Seivane cumpre 90 anos!

Estimados amigos,

Xosé Manuel Seivane Rivas cumpre 90 anos o vindeiro 9 de febreiro. Con motivo do seu aniversario, o Obradoiro de Gaitas Seivane celebrará unha gran festa que terá lugar o sábado 12 de febreiro, ás 17:00 horas, nas instalacións do Obradoiro, en Cambre, A Coruña. ¡Esperámosvos!


Xosé Manuel Seivane Rivas cumpre 90 anos o vindeiro 9 de febreiro. Con motivo do seu aniversario, o Obradoiro de Gaitas Seivane celebrará unha gran festa que terá lugar o sábado 12 de febreiro, ás 17:00 horas, nas instalacións do Obradoiro, en Cambre, A Coruña.
Pasaron xa máis de 70 anos dende que Xosé Manuel Seivane Rivas construiu a súa primeira gaita co selo Seivane, cumprindo así o seu soño de neno de construir o seu propio instrumento. Polo que leva adicando toda a súa vida á música tradicional galega, sendo un referente na construción, transmisión e difusión da nosa cultura.

Dende aquí, o Obradoiro de Gaitas Seivane quere renderlle un pequeno tributo en agradecemento pola súa laboura durante estas décadas. Reuniranse toda a familia e amigos, arroupando co seu agarimo e admiración ao inicidador desta saga de artesáns e músicos que xa conta coa súa 4ª xeración.

¡Haberá moita música e a festa está asegurada!
¡Estades todos convidados, non podedes faltar!

Cordialmente,
Álvaro e Xosé Seivane

www.seivane.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 11-02-2011 09:58
# Ligazón permanente a este artigo
Festa presentación Radio Kalimera (Compostela)
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 11-02-2011 09:51
# Ligazón permanente a este artigo
Nao hoxe en concerto
NAO estará baixo o lema N´CONCERTO este xoves día 10 a partir das 00:00 horas con: Maister Darrel e Driá.

Concerto organizado pola escola de Imaxe e sonda Coruña. Lugar Sala Ola Green, A Coruña. Entrada 5 euros

www.komunikando.net
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 10-02-2011 12:52
# Ligazón permanente a este artigo
Adiado o Serán na Sala The Star (Carral)
Por razóns loxísticas, o 10 de febreiro NON HABERÁ SERÁN de música tradicional como todos os segundos xoves de mes.

Deixamos a foliada para marzo!!

www.salathestar.com
Comentarios (1) - Categoría: Seráns e Foliadas - Publicado o 10-02-2011 12:52
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista a Bieito Romero (Luar na Lubre)
«Hai un paraíso nos confíns da terra», canta Luar na Lubre. A alma máter deste grupo, Bieito Romero, é rotundo: «En Galicia hai unha mina, unha gran riqueza musical da que hai moito recollido e moi pouco ordenado». Parte desa riqueza está no seu novo disco, Solsticio (Warner), co que Luar na Lubre iniciará esta fin de semana unha nova xira por España. Mañá, venres, actuarán en Tolosa (Guipúscoa), o sábado en Logroño e o domingo en Pamplona, os tres primeiros concertos dos previstos ata xuño, e logo irán «ao estranxeiro». Este abril cumprirán 25 anos e en maio a xira pasará por Galicia: o día 13 visitará A Coruña e o 14 Vigo.

-¿Que achega «Solsticio»?
-Marca unha nova etapa. O anterior traballo foi Ao vivo, unha retrospectiva para pór en directo unha serie de cancións que levamos 25 anos tocando. En todos os grupos, despois dun directo, sempre hai algo novo. Solsticio é o primeiro paso, un adentramento na lírica medieval galegoportuguesa.

-Xa fixeran algo desa lírica.
-Si, neste caso aparece con máis forza. Este disco é unha aposta polas novas tecnoloxías, polas programacións, polas guitarras eléctricas, sen facelas demasiado evidentes, pero están aí. Hai que reinventar, estamos nun momento delicado na música.

-¿Non notan a crise?
-Temos a capacidade de manter unha serie de concertos estables e este disco está funcionando ben. Conseguir 16 concertos ata xuño nos mellores teatros de España é un feito que practicamente non se dá na música galega.

-¿A eses concertos van os vascos e navarros ou os galegos desas cidades?
-É un público moi variado e tampouco está cheo de galegos. O traballo de Luar na Lubre nestes anos foi de expansión fóra das nosas fronteiras. Un dos grandes problemas que ten a música galega é traspasar fronteiras e creo que nós o conseguimos: tocamos en todas as provincias do Estado español e en 23 países de todo mundo.

-¿Que lles dan na Costa da Morte que sempre sae algo nos discos?
-Persoalmente, estou moi ligado a ela. Durante case sete anos fun profesor de gaita e música en Malpica; din clases en Zas e colaborei coa Festa da Carballeira. É unha zona que teño moi recorrida, é moi interesante etnograficamente. É certo que en todos os discos sae unha referencia.

-En «Solsticio», lembran as baleas de Caneliñas.
-Son dúas cancións que estreamos no Pindo, nunha festa que fai todos os anos a Confraría de Pescadores. Unha é Monte Pindo, e a outra, A derradeira balea de Caneliñas.

-Recuperan a zanfona.
-Xa estivo e deixámola por cuestións de afinación. A zanfona lévate rapidamente á estética sonora da lírica medieval. Temos un guitarrista fantástico que vén do heavy e por iso no disco hai un só de guitarra eléctrica.

-Toda unha novidade, ¿non?
-Luar na Lubre ten un son propio; inspirámonos na música tradicional, pero estamos vivindo no século XXI. Intentamos facelo o máis sutil posible, pero esa fusión é satisfactoria e está aí.

-Roi Casal, fillo dun dos fundadores de Milladoiro, publica o segundo disco. ¿Haberá nova xeración de Luar na Lubre?
-Case todos temos fillos, e dos que eu sei, están estudando música. Un relevo xeracional dese xeito sería precioso.

-Fai tamén un programa de música en Radiovoz.
-Si, chámase Un mundo de músicas, é os sábados e domingos de catro a seis da tarde. Serve para difundir as propostas que saen en Galicia e para abrirse a outras músicas do mundo que van desde a dos esquimais polo norte ata os mapuches, polo sur.

La Voz de Galicia
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 10-02-2011 09:32
# Ligazón permanente a este artigo
Despois de once anos mallando
O grupo folk Quempallou celebra os seus once anos de andaina con Once anos mallando (Zouma Records), cunha recompilación do mellor da súa discografía. "Non foi doado escoller, non. Escolmamos o máis representativo, e tamén o que funciona mellor nos concertos. Os temas máis axeitados para ver a evolución da banda", explicou o acordeón do grupo, Roi Maceda.

Quempallou naceu no ano 1999 entre o Incio (Lugo) e o Morrazo (Pontevedra). O primeiro CD chegou no 2002, e con el foron número un na lista de emisión W.R.A.S. de Atlanta (EE.UU.), dedicada ás Músicas do Mundo. "Comezamos Guillerme e eu cando estudabamos, coa intención de seguir polo menos ata acabar a carreira. Non pensamos que iamos chegar onde chegamos hoxe. Empezamos coa música tradicional porque era de onde viñamos: bandas de gaitas, de baile... E despois fomos evolucionando cara a un estilo propio, sen perder a raíz tradicional", indicou Roi.

"É certo que fomos introducindo novidades, nos instrumentos por exemplo. Combinamos instrumentos galegos con outros doutras tradicións musicais, aínda que xa no primeiro disco tiñamos o bouzouki... Tamén houbo cambios na composición do grupo, e tentamos apostar pola profesionalización", apuntou.

No 2004 editaron Estremonías, un traballo no que denunciaban a desfeita da Terra ou a explotación neoliberal. "Todo vai ligado. Sería un desprezo ó noso propio traballo non defender as nosas ideas, non defender a nosa cultura, a nosa lingua, e iso vai na propia música, que non ten un obxectivo só lúdico", subliñou Roi. No 2007 presentaron Polo Aire un disco onde as cordas adquiren grande protagonismo como base e as composicións propias.

Contaron neste traballo con distintos colaboradores, entre eles o grupo de hip-hop Dios ke te Crew. "Máis complicado que compoñer" -neste momento integran a banda sete persoas-, "é facer os arranxos, a posta en común. Entre todos dámoslle forma", asegurou.

Quempallou xa está preparando seu quinto disco, que sairá despois do verán. "Será un traballo máis elaborado, máis maduro e reflexionado. Desde Polo aire xa pasaron catro anos, e este queremos preparalo ben para que polo menos non sexa peor que o anterior. Polo aire xa marcou a estabilidade do grupo, e iremos na mesma liña. Serán moi importantes a corda e o acordeón, a voz, a percusión, e a mensaxe, reivindicativa pero tamén con outros elementos. Haberá, por exemplo, unha cantiga de arrolo, ou unha copla tradicional...", adiantou o músico.

A banda actuou nos máis importantes festivais folk de Galicia, como Ortigueira, ademais de tocar en distintos lugares Península (Setúbal ou Loulé en Portugal, Madrid, Barcelona...) e de Francia. "Si é certo que o dos festivais está máis difícil coa crise. Pero tamén pode ser unha oportunidade para democratizar o sector. Os grupos menos mediáticos e comerciais xa non estabamos afeitos a grandes cachés", sinalou.

DATOS O financiamento dos festivais

"Tamén é verdade que se pode aproveitar a crise para apoiar menos a música. Pero se cadra temos que pensar que non debemos depender das subvencións. O debate é se somos ou non autosufientes...", reflexionou.

"É moi raro que che cobren entrada nun festival, ou que haxa patrocinadores privados... Eu creo que habería que buscar a maneira de que os festivais se autofinancien. A época que o folk viviu hai dez anos deixou unha pegada de festivais, público...", engadiu.

www.galiciahoxe.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 10-02-2011 09:15
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista con Bocixa (Zenzar)
Desta vez, vamos ter umha conversa com Xosé Bocixa, o vocalista dos já míticos Zënzar, umha banda que fai parte destacada da história do rock galego.

Este 18 de Dezembro encerrárom a sua turné de 2010 no pub Badulake de Ordes, pertinho da sua Meirama natal. Continuam mais vivos e com mais energia que nunca, e já andam a alburgar no seu próximo disco.

Antom - Quantos anos levades os Zënzar já na rota?
Bocixa - Quando figemos o primeiro concerto foi no ano 89. Desde entom, com calma, mas sem pausa, aí estivemos dando algo de guerra, sem quase mudanças na formaçom. Cinco discos, várias fitas-demo e compilatórios. A nossa ideia é continuarmos enquanto tivermos vontade.

A - Como se formou o grupo e como mudárom as cousas nos últimos vinte anos na música galega?
Todo vinha de atrás. Quando eu tinha onze ou doze anos vira num dos festivais de fim do ano escolar tocar uns rapazes que faziam versons de clássicos do rock. Falo de princípios dos oitenta. Entre eles, estava Silveira (alma de Zënzar) e Pardeiro (que hoje sempre vai connosco, ainda que acompanhando). No ginásio conseguiram fazer umha bateria de verdade, pois havia percussons amontoadas e sem uso. Levárom algumha, e, de aí, já saiu qualquer cousa que soava a bateria. Depois vim esta e outra gente nas festas de Meirama a meados dos 80 sendo eu adolescente. Átomo e Cobra fôrom duas formaçons que existírom em Cerzeda a princípios dos 80 que deixárom o pouso para que algumha desta gente e outra um pisquinho mais nova começássemos nesta história. Eu cantava em pequeno nas festas da aldeia, nas segas etc. Depois, umha noite que eu berrei o "pacto entre cabalheiros" com os amigos da Orquestra Foliada na festa das Encrobas, aos rockeiros que já eu conhecia e que mesmo fora ver ensaiar algumha vez, meteu-se-lhes na cabeça que eu era a voz que procuravam. À semana estávamos a fazer as primeiras versons. Pistones, Nacha Pop, Rollings, etc.

A - Que grandes influências musicais tínhais entom para montar o grupo?
Naqueles anos Leño, Asfalto... misturavam-se com Barricada. Silveira escuitava já muita música americana e inglesa: Pop, rock, metal, punk... algo de todo.

A - Mantedes a mesma formaçom?
Começamos como quarteto. A meados dos 90 entrou um segundo guitarra. Com a excepçom da fugida de Silveira, nom houvo mais abandonos. Porém, continua colaborando e aparecendo nalgum concerto especial a tocar connosco a modo de colaboraçom.

A - Como fazedes para agüentar tanto tempo juntos, concertos, gravaçons, bons e maus momentos...?
Pois penso que os nossos pontos vitais som dous.

Fazer música sem procurar nada em troca. Fazer pura e simplesmente o que nos apetece sem pensar nos gostos do mercado nem nessas histórias e depois, falar aberta e diretamente sem pudores todo o que se nos passa pola cabeça. O que detestas e gostas de cada pessoa há que comentá-la. Somos amigos da escola!

A - Como evoluiu o grupo, a nível musical e a outro tipo de níveis, como o ideológico, pessoal...?
Musicalmente penso que nos últimos anos estamos melhor que nunca. Já nos centramos mais na música que no desbarre. Falamos mais entre nós, arranjamos e buscamos o gosto de todos. Isso levou-nos a uns sons mais abertos para a gente mas sem o procurarmos, senom que é fruto do respeito de todos os gostos dos membros da banda.

Também nos misturamos con mais gente que colabora connosco.

Ideologicamente nunca agachamos as nossas reivindicaçons que nom mudárom muito, mas que se adaptam ao nosso momento, às nossas idades. A defesa da Terra, do território; a cultura, a nossa cultura em grande; a língua...

A entrada de Paco e Mário deu-lhe outra visom musical sem dúvida, por serem geraçons posteriores.

A - Estades a preparar o 6º disco do grupo. Como vai ser? Ides formalizar as novas colaboraçons de gaita e percussom que levastes na digressom de 2010?
Pois ontem mesmo despedimos A Tribo em Ordes com percussons e gaiteiro que além de músicos populares, som bons amigos e com os que nos entendemos, Gende Beat, o box Cerzedil num tema... que com outra gente, nos acompanhárom nalguns concertos deste ano e meio. Nom podemos esquecer Vituco Neira, Maria José Silvar e Pablo da Lama que também colaborárom muito connosco.

Queremos seguir contando com a sua parceria sem perder a essência punki-roqueira que nos caracteriza. Quero dizer que sempre há sítio para todo o que nos gosta e nos apetece, polo que é possível que em determinados concertos contemos com este tipo de músicos. Há unha parte de Zënzar que gosta muito do tradicional, da mestura. No seu momento já nos atrevéramos com parceiros como Rómulo Sanjurjo e Jam Papaqueijo no segundo disco.

A - Zënzar, Machina, Dios Ke te Crew, Kastomä. Podemos dizer, a modo de brincadeira, que musicalmente falando Cerzeda e sua comarca som umha "mina", a que crês tu que se deve isto?
No primeiro concerto de Zënzar lembro a champanha duchando um Nom Sei (velho salom reconvertido em Disco Bar... o primeiro no nosso concelho) ateigado de vizinhança da comarca. Era umha novidade impressionante que os rockeiros fossem vizinhos e vizinhas!

Penso que Zënzar arrastou outra geraçom de Cerzeda, Desertores do Arado, e assim sucesivamente, chegando a se espalhar à comarca. Nasser, SHangri-la, Sensacha, Osiris, Presença Zero, Machina, Kastomá... Toda esta gente conta o bem que ano após ano passavam no festival de Cerzeda que organizávamos Zënzar e depois a AC Lucerna. Sempre se apoiou a música de base. Às vezes criavam um grupo com o objetivo de tocar ao ano seguinte.

A - Além disso, todos os grupos da comarca sempre destacárom o seu compromisso mais ou menos ativo com o galego e com a defesa do património ambiental. Sodes assim todos rabudos ou é que a gente nova (e nom tam nova) da comarca está assim de conscientizada e militante?
Penso que se escolhes o rock para dizer o que pensas fás isso com todas as conseqüências, ainda que haja diferenças. Aqui se assumiu como de todos os mínimos de uns Mördor que falavam do galego, da indústria poluente que sempre assolou Cerzeda e da destruiçom da natureza e do contorno social. O discurso rockeiro em Cerzeda é coerente.

Todos participamos na AC Lucerna e confluímos nela organizando o festival, cursos de formaçom, o Entruido Choqueiro, magustos etc. Sabemos donde vimos e nom queremos que se esqueça.

A - Como influiu em vós, e na mocidade da comarca, o ambiente rural-industrial e o conflito das Encrobas?
Para mim foi a base da criaçom da minha filosofia vital, do meu ponto de vista do mundo.

Quando a grande empresa te assovalha e assovalha todo o povo, o teu ambiente, quando vês a destruiçom e o abuso de poder com a cumplicidade do poder político local, galego, espanhol... já sabes de que lado deves colocar-te.

Perdes o medo ao que pense e diga de ti a maioria que nom é por turrar contra o poder, por turrar polo de todas. O vale das Encrobas foi o meu paraíso na infáncia, do qual hoje nom resta quase nada, mais que un grande buraco cheio de água e muitas boas e más lembranças.

Nos nossos discos sempre há cousas vinculadas à grande empresa exploradora e poluente no nosso concelho, Fenosa. E, com certeza, aos políticos que nos governárom e que em troca de dinheiro para esconder o nosso passado construiam um presente sem futuro. Depois chegou Sogama...

O atual presidente da Cámara de Cerzeda, que sempre militou no PSOE, dixo muitas vezes que ele nom é Deus, mas quase. Tem chegado a proibir o festival em espaço público por cantar esses temas e falar destas questons. Tem perseguido discrepantes. É o mesmo que hoje se atreve a dizer num pleno que a rádio e tv local falam o que ele quer.

Infelizmente, tipos como este e pior governam muitos concelhos galegos. Há excepçons, eu nom caio no de que todos os políticos som iguais, nom é certo. Todos som diferentes, mas a classe política está nas nuvens.

Em que mudou Cerzeda e as redondezas de 1990 a 2010?
Nestes anos destroem-se os sectores primários, os espaços tradicionais e de interesse meio-ambiental, antropológico, etc. e substitui-se por um jeito de vida insustentável no tempo.

Grandes indústrias poluentes e grandes obras públicas que o dia de manhá serám os museus da loucura de uns iluminados que fôrom os líderes de umha sociedade instalada na tv, na mensagem adormecedora e que engole com todo a mudança de um salário intermediado na presidência da cámara.

Em Cerzeda só quatro tolos nos atrevíamos a dizer que SOGAMA era umha mentira. Agora que perigam os postos de trabalho de todas essas pessoas, que se vê que o único que interessa é um grande lixeira...15 anos depois, há vozes de pessoas que ali trabalham que já dim como aqueles quatro tolos.

Nom fica nem monte para em caso de necessidade produzir cereal. Os eucaliptos ocupam as zonas de prado. Graças à política dos políticos com poder e a essa cegueira coletiva de que falava Saramago.

Na ignoráncia é facil manipular e no desejo de satus é tentador deixar-se manipular.

Desde que eu sou consciente da minha existência, medrou o estado de bem-estar, mas a um preço muito caro e irreversível. Outras geraçons vam-no pagar muito caro.

A - A eclosom da música galega contemporánea nos últimos 20 anos foi brutal. Surgem propostas musicais heterogéneas e de excelente qualidade por todo a Galiza. Mas, há algo daquela época polo que sentes saudade, que achas em falta?
Acho em falta a motivaçom de tocar em troca de nada. Muita gente começa a tocar para comer o mundo e ao ano já entregou os pontos, porque está à espera de dinheiro, de fama. Para viver da música há que trabalhá-lo muito e ter sorte. Ser constante no tempo.

Acho em falta a emoçom do público polo próximo, polo produto que nom sai nos meios comerciais. Acho em falta o apoio dos organismos privados e públicos com a música galega.

Muita gente fala de Zënzar comigo, para bem ou para mal, e dás-te conta de que nunca nos vírom ao vivo. Falam de ouvidas ou de um concerto que vírom há 11 anos.

A - Di-nos que três cousas guardarias na faldriqueira da memória de todos os anos de rota com os Zënzar
Guardaria mil caras de pessoas que conhecim e com as que me une muito. Mil noites com essas pessoas. Guardaria momentos impressionantes com os meus companheiros de grupo e com amigos e amigas que nos conhecemos e forjamos a nossa amizade na aranheira do rock.

Para mim o mais importante do grupo foi poder expressar-me e fazer sentir algo a quem te escuita. Por muito minoritário que sejas... avonda!

Ontem mesmo, em Ordes, vivemos umha noite impressionante com um cento de pessoas que pagárom cinco euros para nos ver num local.

www.diarioliberdade.org



Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 10-02-2011 09:14
# Ligazón permanente a este artigo
Carta ás ouvintes de Ataque Escampe

AS ATAQUE ESCAMPE DECRECEN (PARA SEREN MÁIS FELICES)
Amigas todas:

Queremos comunicarvos (non era sen tempo) que o título do noso próximo disco será Violentos anos dez.

Pero tamén queremos dicirvos outras cousas.

Como sabedes, nunca fomos unha banda compracente: sempre tratamos de estar onde cumpría estar e de dicir o que cumpría dicir. Porén, como case todo o mundo, sen sermos simpatizantes de goberno ningún, aproveitamos até onde puidemos certas oportunidades (indirectas, normalmente) que no período 2005-2009 xurdiron, non o imos negar, no mundo da música galega.

Hoxe, case dous anos despois, sabemos que boa parte das facilidades que apareceron naquel período foron castelos no ar. O momento actual de crise (que non nos enganen: máis política que económica) fainos, ou fíxonos, como a tantas, pensar en clave de catástrofe. Boa parte da nosa economía dependía de empresas intermediarias cuxa economía dependía, á súa vez, dunha serie de subvencións e dunhas políticas de promoción da cultura que, polos motivos que todas sabemos, fóronse co vento. O cru presente que, en efecto dominó, se desprende desta situación é que a economía de Ataque Escampe está a piques de pasar o límite da autosuficiencia. É duro, mais así é. Sabemos que non somos as únicas.

Pero tamén sabemos que tivemos parte da culpa en deixármonos atrapar pola comodidade desta cultura da subvención que non dubidabamos en criticar para a galería. Pensabamos que o noso proxecto corría á marxe das institucións e non era así. O rock debe ser incómodo. O rock de serie B debe ser máis incómodo.

Por todo isto, decrecemos. Eis un paso lateral que nós gostamos de ver como un paso firme adiante. O disco Violentos anos dez vai saír en calquera caso. Mais sen intermediarias. Nós imos ser as produtoras e tamén as distribuidoras. Pensamos estar detrás de cada maldito proceso da creación do disco. Seguramente non volveredes encontrarnos no Corte Inglés. A alguén lle importa?

Será o noso disco máis emancipador. Si, tamén no contido. Pero sobretodo no que realmente importa, que é o suxo aspecto económico. Non diremos cousas escatolóxicas sobre o país nin nos evadiremos del para non o ver diante. Serán menos cancións pero tocarémolas máis (e mellor) en directo. Collerédesnos en renuncios, pero será noutros. Meteremos a zoca, pero non aquí. Seremos máis felices. Seredes máis felices.

Comezan os anos dez e todo apunta a que serán violentos. Nós encaramos a década cun optimismo inusitado. Que esta linguaxe solemne non vos faga pensar noutra cousa. Cando Ataque Escampe desapareza, farao seguramente en silencio. Nós sacamos un comunicado para continuar.

A nosa música é vosa. A nosa música sodes vós
http://ataqueescampe.blogspot.com

Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 10-02-2011 09:08
# Ligazón permanente a este artigo
O folclore tamén é cousa de nenos
Agrupacións culturais acordan en Moaña a segunda Rede de Festivais Infantís

Moaña volveu acoller o fin de semana a reunión que serve de pistoletazo de saída para a segunda edición da Rede de Festivais Infantís de Folclore. Máis de 20 asociacións de Pontevedra e Ourense acordaron un calendario de eventos.


A Rede de Festivais Infantís de Folclore de Galicia cumpre o seu segundo ano de funcionamento e volveu a partir de Moaña nesta edición. O sábado reuníronse no concello de Moaña unha vintena de representantes de diversos grupos folclóricos, na súa maioría da provincia de pontevedra e un deles de Ribadavia, para acordar seguir adiante coa experiencia e programar o calendario de festivais. A grata resposta do público ao longo de 2011 e os intercambios entre as agrupacións fixo que nesta ocasión incrementásense os grupos participantes, que foran de 12 anteriormente. No que respecta ás asociacións folclóricas do municipio, Meiramar-Axóuxeres comprometeuse a organizar dous festivais infantís, o 15 de maio e o segundo domingo de agosto. Pola súa banda, a Asociación Cultural Folclórica Breogán de Moaña, a A.F. C. A Solaina de Berducedo e a A.F.C. Charaviscas de Domaio, comprometéronse a organizar conxuntamente dous eventos máis, o 17 de maio e o domingo anterior a nadal.

De momento os colectivos de Mos, Ribadavia, Bueu, Cangas, A Cañiza, Cuntis, Cotobade, A Estrada, Salceda, Redondela e Marín aínda non fixaron as súas datas para organizar os respectivos festivais. O da Asociación Cultural Cantodorxo será o domingo 28 de agosto.

Este programa naceu coa intención de que os nenos e nenas que integran as escolas de baile tradicional teñan os seus propios espazos e circuítos de festivais, pois até agora actuaban sempre nun segundo plano antes que os seus compañeiros adultos. Na reunión do sábado as asociacións acordaron que os festivais se incluísen en xornadas de convivencia entre os pequenos para que conciban o baile tradicional como unha diversión e aumente a relación entre grupos e persoas que traballan cun mesmo obxectivo.

Ao longo do presente ano os festivais infantís que se celebren manterán a liña de non ser competitivos e ter unhas condicións que permitan aos nenos e nenas sentirse protagonistas e respectados. Polo que todos eles celebraranse sobre un escenario. Converteranse nunha excelente oportunidade para promocionar as escolas de baile e a música tradicional.

www.farodevigo.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 09-02-2011 09:22
# Ligazón permanente a este artigo
Os instrumentos musicais na tradición galega no Alalá

Hoxe, mércores, día 09/02/2011

Na música tradicional galega coñécense máis de 150 instrumentos que Pablo Carpintero describe con todo detalle no seu libro "Os instrumentos musicais na tradición galega", un dos máis lidos en lingua galega, que recibiu o premio Antón Losada Diéguez de Investigación e Ensaio. A publicación, en que afonda o Alalá de hoxe, chamou tanto a atención da Unesco que a institución elixiu a Pablo para incorporarse a un comité de doce persoas de todo o mundo, encargado de escoller as obras mestras do Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade deste ano.

A través de cincocentas páxinas cheas de información clara, fotografías e debuxos, resultado de vinte anos de investigación minuciosa que amosa que Galicia é un dos lugares con máis riqueza musical do planeta, poderemos saber desde como se tocan e como se constrúen os instrumentos ata a súa historia, de onde proceden, en que circunstancias se tocaban, quen, cando e para que os tocaban.

Este musicólogo, que amais é doutor en Ciencias, artesán e gaiteiro, deulle varias voltas a Galicia para recoller a información directamente dos portadores, dos músicos e dos artesáns, buscando nos arquivos, nos textos e nos cancioneiros fotografías e iconografía que o axudasen a entender mesmo o funcionamento de instrumentos que xa non existen.

Comentarios (1) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 09-02-2011 09:07
# Ligazón permanente a este artigo
Xa hai 7 grupos no Cantalingua 2011

Xa podes votar por unha das 7 cancións que xa están no concurso:

- Laberinto por Electróxeno
- O Mundo ao revés por Zenzar
- Andurinha por CabRaret
- Noite Meiga por Esquíos
- Do sur ao norte por Volvox
- Palestino por Labazada
- Miño Man por Kapitán Planeta

Recordade que ata o 10 de abril podedes apuntarvos e participar no Cantalingua 2011

Komunikando.net/cantalingua
Comentarios (0) - Categoría: Concursos e Xornadas - Publicado o 09-02-2011 08:45
# Ligazón permanente a este artigo
Novo concurso musical

O Cantalingua é un concurso musical ideado polas entidades organizadoras do Correlingua: a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a Confederación Intersindical Galega-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística e os concellos de Lugo, Pontevedra, Santiago e Vigo, en colaboración co portal de música en galego Komunikando.net.

www.komunikando.net
Comentarios (0) - Categoría: Concursos e Xornadas - Publicado o 09-02-2011 08:44
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer


Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0