Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O gaiteiro Bartolo no Alalá

Hoxe, martes, día 01/12/2009

O "Alalá" de hoxe vai asistir a unha desas festas galegas memorables, esas que se celebran no seo dunha saga de gaiteiros, á que se achega o programa da man do seu gran patriarca, Bartolo, un dos grandes gaiteiros de Compostela, artesán e mestre da gaita.


Hai dúas cousas que enchen de orgullo a Bartolo, unha delas que ao longo da súa vida leva adestrado -como el di- milleiros de gaiteiros e a outra é a súa familia, sempre entregada á música tradicional. A súa muller, Rita, foi primeira bailarina en "Cantigas e Agarimos" e a encargada de vestir as gaitas que el facía; os fillos tamén tocan e bailan e ademais a filla é a presidenta da asociación do "Traxe Galego".
A esta gran familia hai que engadir que os netos tamén andan nisto, e ata a nora e o xenro, así como os mozos e mozas dos netos; por iso se podería dicir que na casa de Bartolo quen non saiba tocar ou bailar non pasa a proba.

Amais de entrar nesta festa familiar de Bartolo, o programa estará cos seus alumnos; poderémolo ver tocar na catedral no "Día do Traxe Galego"; no momento que comparte cos seus compañeiros de partida e tamén observar como cambiou Santiago desde que el era un pequeno que xogaba nas corredoiras da Muíña e arredor da capela de San Lázaro. Daquela, para os de Compostela, o barrio onde el vivía era a aldea, pero hoxe está cheo de hoteis e edificios administrativos.

Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 01-12-2009 10:34
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista con Xabier Díaz

Berrogüetto, o grupo que logrou xuntar tradición e modernidade no folk sen que se notasen as costuras, regala dende onte en internet unha das súas novas cancións, ?Danza de Meirol?, a través de mundo-r.com.

É un adianto do que será o seu novo disco, Kosmogonías, que estará nas tendas a comezos de 2010, catro anos despois do seu anterior traballo, 10.0. Será o primeiro sen a voz de Guadi Galego, cun Xabier Díaz que recolle o testemuño do micrófono deixando claro que ?as comparacións non teñen sentido?.

Como se decidiron a ir por aí regalando cancións?
Semellaba un agasallo bonito, e queremos ir un pouco cos tempos. Somos os propietarios da música, pero este xesto aumenta as expectativas da xente e serve para que veñan logo aos concertos. Xa temos cinco pechados, unha pequena xira polo Estado, e temos moitas ganas de tocar os novos temas.

Cales son súas Kosmogonías?
Centrámonos na relación entre o ser humano e o Universo. Queremos reproducir o berro do Big Bang, unha radiofrecuencia que se produciu no nacemento do tempo e que aínda hoxe se expande ao mesmo ritmo que o Universo. É o berro que nós empregamos como resposta, como elemento de resistencia contra as cousas que están mal, como a destrución do planeta, ou os abusos políticos en todo o mundo.

É un berro de tristura, logo?
Non. Pódese berrar e ser optimista ao mesmo tempo. Nós abrimos unha nova etapa, e o primeiro que se fai ao nacer é, precisamente, dar un berro. Ademais, as Kosmogonías tamén se refiren á teima do ser humano de buscar motivos para o que o rodea. Inventa argumentarios e mira para cruces, sen decatarse de que o propio cosmos, en si , xa explica moito. Simplemente hai que perder a visión egocéntrica e decatarnos de que somos unha parte, pero non a máis importante.

Que ofrecen no plano musical?
Un disco moi coral, no que todos achegamos moitas cousas. Ensaiámolo e tocámolo ata facer que todos os temas teñan unha cualidade orgánica. Poderase mercar a finais de febreiro ou comezos de marzo de 2010.

Tamén en internet?
Precisamente agora estamos a negociar o tema da distribución, así que non podo concretar, pero estaremos seguro en iTunes e noutras plataformas dixitais. Estamos moi interesados en ter presenza na rede, porque diversificamos máis as vendas, e tamén é valioso para o vínculo que temos co público. Os seareiros de Berrogüetto sempre foron moi activos, pero antes perdíalos de vista ao rematar o concerto, e agora están aí sempre, a través das redes sociais. Hoxe mesmo [por onte] tivemos unha enxurrada de comentarios sobre ?Danza de Meirol?.

Bos, a maioría...
Por agora din cousas bonitas. Cae algunha pinga dalgún nostálxico que se acorda de Guadi [Galego, a anterior vocalista], pero eu non intento convencelos de nada. As comparacións non son precisas, e menos con ela, que xa forma parte do imaxinario de Berrogüetto.

Pesa a responsabilidade de substituír a cantante coa que naceu o grupo?
Pesa por intentar estar á altura das circunstancias, pero xa me desprendín de todo o que significaba a comparación con Guadi. É unha tipa coa que fago moitas cousas, e coa teño moi bo trato. Simplemente quero traballar con Berrogüetto no meu estilo, porque é un grupo ao que sempre admirei moito.

Cal é a historia da súa fichaxe?
Eu xa coñecía o grupo, porque traballo con Guillermo Fernández no programa da Radio Galega Tres peixes voando, e editei con el o meu primeiro disco en solitario. Traballara tamén con Berrogüetto no seu terceiro disco, Hepta, e sempre tivemos moi bo ambiente. Son o seu cantante dende hai xa case dous anos, en marzo, e en maio xa estaba en México dando concertos. Foi todo moi rápido, e non tardei en sentirme cómodo. E agora, cos novos temas, será máis doado, porque xa están feitos para o meu rango de voz.

O seu primeiro acto de presentación será no AchegArte da Coruña?
Si, faremos un par de temas en vivo, un primeiro contacto, para verlle a cara aos que nos seguen, fóra das redes sociais. [Será mañá, sábado, de 12.00 a 13.00 horas no Palexco].

Gustaríalle que fose no Cultur.gal?
Paréceme determinante que haxa unha feira sectorial da cultura galega. Aínda que non se faga visible, a cultura e a música en particular teñen un gran peso no PIB galego, e precisamos unha feira sectorial, na que se reúnan programadores, editores, artistas e público, para coñecerse e pechar acordos. Se o moble, o téxtil ou a gandería teñen as súas feiras, porque a cultura non pode ter unha de seu?

www.xornal.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 01-12-2009 10:17
# Ligazón permanente a este artigo
Volve a festa da lusofonía
Referentes da world music como o caboverdiano Tito Paris, xunto con voces que marcan o presente e o futuro do fado como a portuguesa Raquel Tavares, e da música popular brasileira, como Fred Martins, compartirán escenario con Uxía na edición deste ano de Cantos na Maré, que se celebrará o vindeiro 19 de decembro

Cantos na Maré, o Festival Internacional da Lusofonía, chega á súa sétima edición. O Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá o espectáculo, dirixido por Uxía, o día 19 de decembro a partir das 21:00 horas.

A banda de acompañamento estará formada por galegos e portugueses: Xacobe Martínez Antelo (Galiza, contrabaixo), Quiné (Portugal, batería e percusións), Rubén Santos (Portugal, trombón), Santi Cribeiro (Galiza, acordeón) e Paulo Borges (Azores-Portugal, piano).Cantos na Maré é un proxecto cultural pioneiro no Estado, que a través da lingua e da música traza un mapa común entre os territorios da lusofonía. Está organizado pola Concellaría de Cultura de Pontevedra co patrocinio do Xacobeo.

As entradas teñen un prezo de 8 euros anticipada e 10 euros no despacho de billetes. Poranse á venda o 10 de decembro a través do servizo de venda de Caixanova (teléfonos 902 504 500 e 986 110 500 e www.caixanova.es). No propio día poderán adquirirse no Teatro Principal de11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 19:00 horas, e no Pazo da Cultura das19:30 horas ao comezo do espectáculo.

Tito Paris personifica como ningún outro a alma artística de Cabo Verde. A súa contribución como compositor, cantante e intérprete á divulgación da música do seu país é enorme, á altura da de Cesária Évora. Raquel Tavares é unha das divas do fado, e Fred Martins, gañador en 2006 do prestixioso premio Visa de Música Brasileira, presentou no 2008 o seu último disco, Guanabara.

www.galicia-hoxe.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 01-12-2009 10:14
# Ligazón permanente a este artigo
Cantabria edita o novo disco de `Coanhadeira´
A Consellería de Cultura, Turismo e Deporte de Cantabria editou o disco gañador do a IV edición do concurso PRAU de música folk. Trátase de Coanhadeira, do grupo ouresán do mesmo nome, un disco "cheo de detalles" e do que a banda está "moi contenta".

Así o dixo onte en roda de prensa Jesús, membro de Coanhadeira, quen confesou que foi "un traballo complicado" porque o premio foi "inesperado", e"unha honra e un problema", xa que tiveron que preparar "un disco que non tiñamos". Neste sentido, Paco Quevedo, presidente da asociación PRAU, recordou que Coanhadeira se presentou ó certame cunha maqueta.

www.galicia-hoxe.com
Comentarios (1) - Categoría: Discos - Publicado o 01-12-2009 10:11
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] [3] 4
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer


Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0