Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza |
|
|
|

|
Malmequer |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
Troula verbeneira |
|
A praia de Vilariño en Cangas celebrará o 4 e o 5 unha importante congregación musical da escena tradicional e festeira galega
Co nome de Festival Verbena Son, preséntase esta próxima fin de semana -venres, día 4 e sábado, día 5- o primeiro festival do ano no Morrazo adicado ás músicas populares de corte tradicional, nas súas variantes sobre todo festeiras e, integrando mesmamente, sons mestizos.
Esta primeira edición do evento sitúase en Vilariño, Cangas do Morrazo. Diante da Casa da Praia instalarase unha carpa pechada con acceso de balde para protexer a festa do frío destas tardes invernais. Presumiblemente haberá instalación de calefacción, pero a organización asegura que o que, de seguro, non haberá de fallar será a calor humana. As súas dúas datas de realización distribúen os contidos musicais baixo dous epígrafes claramente diferenciados, cada un nunha xornada.
O primeiro día, venres 4, o acto está consagrado a amosar o estado da música tradicional galega a través de tres formacións moi representativas do panorama local. Neste primeiro día haberá a oportunidade de poder asistir ás actuacións de Lume de Caroso, Sons da Eira e o cuarteto Ludovaina. Cada unha destas formacións recolle o legado tradicional e revérteo no prisma da actualidade nunha visión particularizada, máis próxima ás fontes tradicionais, como é o caso de Ludovaina ou dun xeito máis elemental e intuitivo como é o caso de Sons da Eira. En calquera caso, é unha boa oportunidade para lle tomar o pulo ao estado da música galega en estado tradicional puro, sen outra intención que divertir e festexar do mesmo xeito que os antergos centurias atrás.
O sábado é o día grande desta verbena popular. Pola mañá os Punkis da Tellada, facendo sesión vermú na praia. Pola tarde maxia para nenos e xogos. Pola tardiña as actuacións máis agardadas. Quempallou, Os Tres Trebóns e A Tuna Rastafari actuarán, en principio por esta orde, na carpa da Casa da Praia. Comezarán a partir das 21: 30.
Quempallou pódese definir como a banda galega que con maior forza conxuga ledicia, paixón e rizomas galegos profundos nun único combo musical. Levan dende o devalo finisecular espallando o seu tecido de folk festeiro no que se fusiona a treboada tradicional coa enerxía precisa para choutar no baile. A formación naceu dacabalo entre Pontevedra e Bueu e congrega membros de varias procedencias. Déronse a coñecer a un público máis amplo como vencedores do concurso de grupos noveis convocado por Radio Obradoiro, en 2001. Debutan en Maio de 2002 co seu primeiro álbum editado por Zouma. Comezan a xirar e a acadar recoñecemento nos circuítos galegos e portugueses. Logo viría "Estremonías" no 2004, onde xa queda clara a recreación de estruturas musicais tradicionais convivindo con líricas versando sobre o mundo actual. "Polo aire" foi o título do seu terceiro traballo presentado en 2007 e no que a madureza da proposta toma forma co maior traballo nas composicións propias. En Vilariño xa tocaron anteriormente. Nesta ocasión haberán de presentar algúns dos seus temas xa clásicos xunto a novo repertorio dos seus recentes traballos onde se congregan muiñeiras e polcas, rumbas e pasodobres nunha proposta que ten un obxectivo moi claro: combater o frío co baile e descubrir a calor interior.
Os Tres Trebóns é outra formación xa consagrada que actuará a noite do sábado. Os tres Trebóns constitúese con integrantes provenientes de importantes propostas do panorama galego como os Diplomáticos de Monte Alto, Papaqueixos ou a Matraca Pervesa. En realidade hai un cuarto membro, Lourenzo Castro, que achega o son da lombardina á formación. Por iso o que se di de 3+1. O seu mexunxe trafica con música de labregos e mariñeiros, de loitadores e poetas, de mulleres infinitas e de seres especiados que se agochan entre unha rica imaxinería grupal propia. O que chegará a Vilariño cos Tres Trebóns é música rápida sen guitarras, tan apta para furanchos, comno para rancharías okupas, como pora unha praia mítica como a praia de Vilariño en inverno.
Pechará esta primeira edición de Verbena e Son a formación local A Tuna Rastafari. En realidade algúns dos integrantes desta formacións son os responsables da organización deste evento. A Tuna Rastafari está agora mesmo a ser unha das propostas galegas no seu estilo que está a ter unha maior difusión peninsular, con xiras nacionais durante todo o ano pasado. Tras dúas exitosas primeiras gravacións, un minidisco e un álbum, preparan os temas da súa próxima obra, abondosamente agardada. A noite do sábado poderase desfrutar dalgún adianto do que vai se a Tuna no futuro e coa vsntaxe de xogar na casa.Unha apetitosa cita coa música festeira galega en estado puro, no inmellorable marco da Ría de Aldán. Un evento que comeza con proxección de futuro. Aínda que o Festival Verbena Son se celebra este ano en Vilariño, o seu concepto nace como formato parroquial. Isto significa que a intención da organización é que co tempo se converta nun Festival ambulante e que en cada edición teña como localización unha das aldeas pertencentes á parroquia do Hío. A aspiración para as sucesivas edicións é consolidar este proxecto en lugares como Nerga, Donón, O Hío ou Vilanova. Pois iso que non pare a festa que se presenta como adianto a un carnaval este ano atrasado.
www.galiciahoxe.com |
|
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|