Despois dunha longa espera, El Puto Coke, Mc e un dos produtores máis prolíficos dos últimos tempos, irrompe no panorama sonoro con dous temas en galego, como adianto do seu último e anhelado traballo.
Desta maneira, El Puto Coke, quere homenaxear a súa terra, Galicia, cun maxi dos temas ?Irmán?, co que fai un chamamento ao ?irmán? galego, e ante o convencemento das súas palabras e feitos históricos, leva o galego a unha reflexión sobre o seu propio pasado. Está producido polo propio Coke, que para esta ocasión elixiu como sample (mostra) principal un fragmento da canción de Juan Pardo ?Irmán Daniel?, no que recita o poema de Cabanillas para Castelao. Por outra banda, en ?G-g-A-a-L-EGO? defende o uso do galego, unha lingua que, tal e como Afonso x o Sabio dicía, era perfecta para a poesía e a música; para este tema conta coa produción de Bleis e a colaboración do recoñecidísimo gaiteiro Anxo Lorenzo por cortesia de Zouma records.Tamén cabería destacar as aportacións de Wöyza e Dj. Fabián, presentes en forma de guindas en ambos os temas.
Igualmente, avánzase aquí parte do traballo de imaxe que se está a realizar en colaboración cos fotógrafos Gayo, baixo a dirección artística de Juan Salgueiro, e para o que se contou co vestiario do deseñador Cristóbal Vidal, estilismo de Ani Boado e maquillaxe de Silvia Fervenza.
Está dispoñible para descarga de balde en www.licorkafe.com dende o 17 de Maio, Día das Letras Galegas, este ano dedicado ao escritor falecido Uxío Novoneyra quen, ademais de deixar a súa pegada na escritura da nosa lingua, é pai do rapeiro compostelán e amigo de Coke, El Galgo.