Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza |
|
|
|

|
Malmequer |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
Entrevista a Anxo pintos (Berroguetto) |
|

''Berrogüetto, corpo aberto en sete latexares, trasládanos esa infinita sinfonía, unha voz que xorde de tan dentro que mesmo doe porque é a nosa propia voz feita música. Eles fannos soñar que outra música, outra orde cósmica é posible''.
Hai xa quince anos que Berrogüeto viu a luz xuntando baixo o mesmo paraugas seis músicos cunha única finalidade; levar a música tradicional do país cara ao futuro, combinandoa con novas sonoridades. O seu propio nome será a caixiña na que gardar a alma do grupo. Berrogüeto é unha sorte de neoloxismo formado polas palabras, berro (do verbo berrar), guetto (minoría marxinada) e Soweto (barrio do sur de Iohannesburgo, expoñente da oposición ao 'apartheid'). Seguindo está lóxica nominal, dar voz e berro aos máis desfavorecidos será unha razón de existir na música para Anxo Pintos, Guillerme Fernández, Isaac Palacín, Quico Comesaña, Quim Farinha, Santiago Cribeiro e o novo vocalista, Xabier Díaz.
'Kosmogonías' é, polo de agora, o último berro do grupo folk, a quinta peza creada para a banda sonora de Galicia. Este disco sairá a venda o próximo seis de abril e virá acompañado dunha xira polas principales cidades galegas e españolas. Composto por once novos temas, 'Kosmogonías' achega de novo un matiz de innovación e experimentación á música tradicional. Anxo Pintos (zanfona, gaita, saxo soprano, violín e teclado) esfiaña a súa esencia.
Pregunta: 'Kosmogonías' é o nome do último traballo. Buscan as respostas ás preguntas do ser humano, aos enigmas cósmicos?
Resposta: O nome vén da necesidade que sempre tivo a humanidade de buscar as respostas de por que estamos aquí. É unha reflexión que trata de mirar en vértical para despois poder facer unha mellor ollada en horizontal, entre nós.
É tamén unha chamada cara un sistema organizativo máis xusto na sociedade global e local. Pensamos que nisto pode axudar o feito de mirar cara ese espazo que nos sitúa nun horizonte máis humilde que o que agora mesmo temos. Somos unha especie depredadora co resto de habitantes e de materiais que ten o Planeta e con nós mesmos. É unha reflexión, pero sempre nunha clave optimsta, humilde e nada presuntuosa, aínda que poida parecer moi pomposa toda esta teoría.
P: Que ofrece de novidade este traballo? Segue esa liña reflexiva?
R: Desde o punto de vista teórico e no traballo gráfico vanse notar estas reflexións. Dende o punto de visto musical este traballo ten a vagaxe de quince anos acumulada por Berrogüeto e a novidade principal de que vai ser o primeiro disco grabado con Xabier Díaz ao frente da voz. Sobre este alicerce teórico estético e na novidade de Xabier Diaz é no que se fundamenta.
Cambios internos
P: Como foi a incorporación de Xabier Díaz á banda?
R: Desde que se foi Guadi Galego plantexábasenos a necesidade de buscar unha nova voz e el xa traballara nalgunha ocasión con nós, nalgún directo. A verdade é que cando llo dixemos mostrouse encantado. Sempre comentamos que daba a sensación de que Xabier levaba moitos anos no grupo e apenas pasaran tres meses.
A nós veunos moi ben. Calquera novidade humana nun grupo no que xa levabamos moitos anos de convivencia pode supoñer certo reequilibrio de órbitas, e a ese nivel as ganas e a forza coa que entrou Xabier viñéronlle moi ben ao grupo. Ademais as súas aportacións e puntos de vista musicais sempre caen ben.
P: Botase de menos a Guadi Galego?
R: Non dende o punto de vista do que é o traballo. Pero evidentemente, Guadi ten unha personalidade como vocalista insustituíble. Seguimos tendo todos unha boa amizade e somos camiñantes de fondo, nunca se sabe como rematarán as traxectorias de cada un de nós ou de xeito colectivo. Hai membros do grupo que seguen traballando con Guadi noutros proxectos. Eu creo que agora mesmo o grupo está compensado e consolidado coa aportación de Xabier Díaz.
O son do país
P: Cal é o segredo da sonoridade do grupo? E esa asociación tan directa con Galicia?
R: Esa toma de terra permanente coa música tradicional galega ten que ver con que parte dos músicos de Berrogüetto provimos deste hábitat da música tradicional, aínda que despois a formación sexa máis extensa noutros xéneros musicais.
O mergullamento da música popular vai facer que despois poidas trasladar todo ese perfume sonoro e o vaias colocando gota a gota nas túas composicións. Toda esa paisaxe sonora ao final tamén está traspasando os poros da túa creatividade e ao final es un transmisor máis dentro de toda esa cadea da tradición musical.
P: É fácil innovar na música tradicional de xeito que non renxa?
R: Nunca tes a certeza de facelo coas garantías de que o que fas renxa ou deixe de renxer. O que si é certo é que un bo saber da música tradicional permiteche saber canto te achegas e canto te alonxas dela e iso podelo facer con coñecemento de causa, o que che permite ser honesto en todos os pasos que vas dando. A ese nivel eu creo que Berrogüetto sempre actuou con moita honestidade, sempre fixo o que quixo sen mirar o aspecto máis comercial e neste coidou moito o apartado artístico.
O grupo ten unha visión do que é a música do país e unha visión do que é o país e queremos que iso tamén saia reflexado nos nosos traballos, pero co compromiso de ser persoas que nacen, viven e conviven cunha determinada cultura no territorio que habitan. Ese é o plantexamento desde o que partimos.
P: Como traballa internamente Berrogüeto? Hai líderes?
R: Non. Unha das características deste grupo e que é unha especie de ente no que os músicos somos como formigas que actuamos sempre pensando no beneficio da comunidade. Todos os egos están ao servizo dun fin común que é o de facer música.
Eso creo que é algo que todos os compoñentes entendemos desde o primeiro momento, e ademais é o segredo da nosa lonxevidade, e non só porque un pode chegar a vello senón porque podemos facelo con boa calidade de vida creativa colectiva. Ese, quizais é un dos puntos que máis destacamos, porque non é demasiado fácil chegar así aos quince anos con ganas de seguir outros quince.
O mañá para 'Kosmogonías'
P: Que esperan deste disco? Que xiras teñen pensado facer?
R: Temos moitas ilusións postas neste disco porque estamos convencidos que é un moi bo traballo desde o punto de vista gráfico e tamén desde o punto de vista musical. Sempre intentamos coidar moitísimo todo o deseño e ademais terá algún tipo de agasallo para quen queira levalo á súa casa.
P: É difícil vender discos en tempos de crise?
R: Creo que nos momentos de crise é cando máis falta fai seguir traballando con todas as ganas, dando o mellor de ti mesmo e sen deixarte caer no pesimismo.
Parte probablemente desta crise é unha sorte de estado de ánimo colectivo que ao final leva a que todos deixemos de levar a man ao peto para comprar ou para consumir como se viña facendo antes. Pero das crises tamén se pode salir beneficiado e reforzado. É boa para reflexionar por que e como se producen. No noso caso está claro que houbo certos actores que tiveron un factor tremendamente especulativo e iso pode servir para que todos sexamos un pouco máis cabais á hora de consumir. Probablemente haxa que encamiñarse cara a outro modelo produtivo e non ao ladrillo, como se fixo ata agora
www.galiciae.com |
|
|
|
1 Comentario(s) |
|
1 |
Berrogüeto é para min un grupo moi importante.Xa non só polo seu bo facer musical,senon tamen porque demostra na sua práctica diaria que non é imposible funcionar en grupo.
O concepto de grupo,gosta e atrae en xeral,pero inquieta tamén,porque levamos toda a nosa vida escoitando,aprendendo,interiorizando,que iso non funciona; cando vemos un grupo que si o fai,entra en conflicto unha das nosas creenzas máis enraizadas.
Claro que ten que ser difícil,pero tamen outras cousas o son e sen embargo,como as pensamos posíbeis,tentamos facelas unha e outra vez,e sempre nos recuperamos dos f#blgtk08#racasos.
Por suposto que é difícil,e unha arte que require moita aprendizaxe de relacións humáns e respecto,aprendizaxe que temos que levar adiante por nos mesmos,porque nesta sociedade non hai interés e desenrolar estas habilidades.
Así,é normal que sempre xurda a pregunta de quen é o lider de Berrogüeto,de como marchan uns compoñentes e entran outros e todo segue funcionando,¿como é posible que se fagan as cousas tan ben que non haxa malos rollos?
Berrogüeto,é un grupo que nos admira,nos sorprende,nos provoca e nos fai por en cuestión as nosas creenzas.
Parabéns. |
|
|
Comentario por uma (01-04-2010 15:57) |
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|