Unha das tarrañolas suxéitase entre o índice e o corazón, apertándoa contra a palma da man para que fique fixa e non se mova, mentres que a outra, sostida entre o anular e o corazón, fica libre para abanear e bater contra a outra emitindo o seu son característico cando a man vai e vén, como dicindo ?adeus?.
As tarrañolas pódense tocar nunha soa man ou nas dúas mans asemade, é dicir, sostendo unha parella en cada man, tal e como se fixo desde a antigüidade.
MATERIAL: Dúas taboíñas de madeira duns 12-20 centímetros de longo, 3-5 centímetros de ancho e 4-8 milímetros de groso, papel de lixa e navalla.
TEMPO DE FABRICACIÓN: Uns 15 minutos en total, aproximadamente.
Para fabricalas hai que seguir os seguintes pasos:
1. Cóllense as dúas taboíñas rectangulares e nun dos seus lados, coa axuda da navalla, hai que ir labrando un pequeno encaixe para que se axusten aos dedos. Tamén de poden deixar coa forma rectangular.
2. Despois, é o momento de pulilas co papel de lixa ata acadaren unha superficie lisa e suave, para que o son do seu choque sexa máis uniforme, e xa están listas para tocar.