Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza |
|
|
|

|
Malmequer |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
Emilio Cao, o regreso do cantautor |
|
Despois de varios anos ausente do panorama discográfico, que non da música, o intérprete galego Emilio Cao retorna aos escenarios, cun novo disco porque 'ten algo que contar á xente'.
Entre os temas que compoñen esta nova produción 'hai algo de todo, non só música de raíz'. Os seus seguidores encontraranse con pezas intimistas e tamén 'con algunha sorpresa, xa que até o último instante os creadores dámoslles moitas voltas ás nosas composicións'.
Que supón este novo disco para Emilio Cao?
Eu non creo nas carreiras musicais. A música non se pode comparar cunha carreira de cabalos. É algo totalmente distinto. Cando sacas un novo traballo non pode ser por unha obriga ou porque cho esixa a discográfica. Ten que ser por que tes algo que dicir, algo que expresar. Non é unha cuestión de editar un volume cada ano ou cada dous. Para min, supón tomar unha lista de cousas que pasaron, unha recompilación de todo canto fixen e me aconteceu durante unha época da miña vida.
Con que se poden topar os que o escoiten?
Penso que é un disco moi aberto, no que hai temas moi distintos con tendencias moi variadas e influencias das máis diversas. É certo que se encontrarán con cancións moi intimistas. Noutros traballos meus teño cantado composicións de Uxío Novoneyra e doutros autores galegos, que me deixaron unha fonda pisada. Nesta ocasión hai uns temas que non son tan conceptuais. Ademais, até o último instante pode que haxa sorpresas, xa que como creador tamén teño a tendencia a introducir uns temas e deixar outros. Nos tempos en que vivimos cambiou o concepto de disco, até o extremo de que se extinguiu na súa forma tradicional. Moitos artistas colgan as súas creacións nas páxinas webs e a súa audiencia descarga de aí os temas que máis lle gusten. Logo tamén xogan cos cambios que permiten as novas tecnoloxías. Poden colgar unhas cancións novas e retirar outras. No meu caso a Internet pode resultarme negativa, aínda que o meu traballo poida ser escoitado en Australia e, incluso, esa audiencia teña logo a posibilidade de poñerse en contacto comigo.
Vostede foi un dos impulsores da nosa música tradicional fai xa 30 anos...
Non me considero tal. Sinxelamente fixen un traballo de entrar na pel e poñerlle música. Non fun un recuperador senón que contribuín, coma moitos colegas meus, facendo arranxos, traballando para que a xente puidese escoitar a música de sempre, aínda que dende outra perspectiva. En todo caso, creo que grandes recuperadores e impulsores da nosa música tradicional foron Mini e Mero, os dous compoñentes de ?A Quenlla?. Ademais, todos os que estamos neste mundo somos o anel dunha longa cadea. Nos proseguimos o traballo que outros comezaron e a bo seguro que haberá outros continuadores deste labor.
Como foi a evolución da música galega dende o seu punto de vista?
Eu son moi optimista e teño que dicir que foi alucinante o que pasou ao longo de tantos anos. O máis importante que se puido conseguir foi que a nosa música acadase un alto grao de aceptación social, a máis de ser moi respectada dentro e fóra de Galicia. Todo elo conseguiuse grazas ó labor de moitos grupos e xente que fixo un traballo excelente. Aquí non podemos esquecer a función que desenvolveron as escolas de gaitas, a Universidade Popular de Vigo, con Rodrigo Romaní, e tamén autores que marcaron toda unha época, como foi o caso de Bibiano, Benedicto e tantos outros. A nosa música abriuse coma se fose un grande abano e agora gozamos do recoñecemento que todos merecemos.
Aínda que a arpa vai moi unida a vostede, o seu encontro con ela foi casual...
Así foi. É coma se coñeces a alguén na parada do autobús e logo acaba habendo unha relación sentimental. Eu, como músico que son, entrei nunha tenda de instrumentos na Coruña e merquei unha arpa. Daquela non deixaba de ser un instrumento máis para mín. Pero, eu, que carezo de formación musical académica, empecei a tocala como fixen con moitos instrumentos, aínda que é certo que a relación con ela é moi profunda.
A súa relación con artistas portugueses tamén deixou a súa pisada...
Dende logo que si e non podía ser doutro xeito. A nosa cultura vai moi parella a lusofonía. Vivímola dun xeito moi parecido. De feito, eu considero a José Afonso coma o meu ?avó musical?. Pero tamén houbo outros autores como Carlos Paredes e Fausto. Penso que debemos abrirnos musicalmente a Portugal. Galicia debe de ser a porta de entrada da música de raíz que se fai en países como Guinea Bissau, Angola, Mozambique. Teríamos que multiplicar as conexións. De feito, fai anos eu actuaba antes en Lisboa que o podía facer en Madrid ou Sevilla.
A música galega non goza da mesma difusión que a que vén de fora...
Iso é así. Pero é un fenómeno global. Existe unha cultura que ven dos Estados Unidos e que crea unha música moito máis uniforme, máis plana, máis dixeríbel. Tamén temos que crer na nosa música, ser flexíbeis aos cambios que veñen de fora. Sirva como exemplo que a xente para facer interpretacións non é preciso que se vista coma o facían os seus avós, cando hai mozos de vinte anos que así o fan. Hai que asumir o aspecto xeracional na música de raíz. O pop é serio pero tamén é moito máis irreverente. Ás veces, penso que tratamos as cousas con demasiada seriedade que nada ten que ver coa sensibilidade, que é a capacidade que temos para captar emocións. Pode ter a mesma sensibilidade un señor que toca unha batería con vinte tambores que outro que toque a arpa.
E certo que a música tradicional do noso país depende moito das institucións?
Así é, pero tiña que deixar de selo. Non temos por que estar en contra de ninguén, pero tampouco podemos obedecer a un poder establecido. Temos que tratar de ser rebeldes. A música é unha arte e non pode ir unida a ningún poder, nin moito menos estar manipulada. Afortunadamente, cada vez hai máis xente que vive da música en Galicia. Iso pode ser un incentivo para que se deixe depender das institucións, aínda que teñamos boas relacións con elas, que sempre é positivo.
www.anosaterra.org |
|
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|