Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Entrevista a Henrique Peón
Henrique Peón Mosteiro é o director de Xacarandaina dende 1982. Un ano no que, por certo, tamén naceu Milladoiro. Vinteseis anos á fronte dun dos mellores grupos de danza tradicional de Galicia fan pensar nun home xa curtido e de mediana idade, pero resulta que non, que ten só 44, un chaval, coma quen di. «É que empecei moi novo, con 18 anos», xustifícase. Tamén presenta un moi bo aspecto físico, algo que, dirá máis adiante (ademais de ser obvio), é crucial no baile.

Peón e máis todo o seu equipo chegaron a Corcubión, dentro do programa Vai de Camiño do Xacobeo. Alí presentaron o espectáculo Prestixio, estreado fai dous anos, baseado, como se ve polo nome, no famoso barco, e inspirado no patrimonio artístico da Costa da Morte, comarca que se dignifica en toda a representación.

Prestixio é froito dun intenso traballo de campo e investigación etnográfica.
-Xa levan moito tempo con espectáculo. ¿Quedaralle outro tanto?
-Non, este verán rematamos. Debemos levar unhas trinta funcións xa, por Galicia e por fóra dela.

-¿Gústalle á xente?
-Si, moito. E máis tócalle a fibra, que iso é o que se pretende. Sénteste identificado co que estás vendo e emociona.

-O «Prestige» xa queda lonxe. ¿Iso non é unha eiva para darlle forza á función?
-Non, non inflúe nada. Prestixio é unha reivindicación clara da nosa arte inmaterial, do da Costa da Morte, pero en xeral do de Galiza. Os bailes, a música, as cancións, as tradicións, ata os traxes. Todo iso que chamamos patrimonio inmaterial.

-Do que cada vez se fala máis.
-E para o que non hai cartos. Haino (tampouco moito) para o patrimonio material, para arranxar igrexas, catedrais, pero para aquí, nada. E hai moito que recuperar. Artisticamente, é marabilloso, vale a pena coidalo, mimalo, é o cerne da cultura para seguir adiante: quen é, onde está, que se pode crear ou non.

-Non se lle deu moita importancia.
-Non se sabía, ou non se sabe o valor destas cousas, e non se lle dá. Eu poño o caso dunha igrexa vella, que se restaura e pónselle un foco para iluminala. Con isto é igual, imos polas aldeas, facemos recolleitas de cancións, de bailes, que son auténticas xoias, e poñémoslle un foco no escenario.

-Tense dito que a Costa da Morte, en particular Bergantiños, é un gran pozo de riqueza de cancións e bailes. ¿Que opina?
-Que é certo. É unha comarca cun patrimonio moi rico e orixinal, a diferenza doutros lugares de Galicia. Bailes distintos, traxes diferentes. Mesmo unha percusión moi particular que a achega a algúns lugares do norte de África. O xeito de interpretar, a maneira de bailar, todo aquí é moi especial. E, en conxunto, serve para entender a súa xeografía, a súa vida.

-¿Podería delimitar todo iso xeograficamente?
-Non, é moi difícil. En xeral, Bergantiños moito, tamén Soneira, Fisterra, Tordoia. É algo, é unha riqueza, que aínda non se coñece moito.

-¿E que se pode facer?
-Eu teño falado con algún político diso, para crear un museo. E penso que Carballo é un bo lugar para ter un museo dedicado á arte inmaterial. Sería algo único, poñería en valor toda a comarca. Creo que sería una boa idea.

-¿Como se explica esta especificidade da Costa da Morte?
-Non sei. Tal vez pola situación xeográfica, que sobre todo influíu para que se conservase. O illamento, o mar, a falta de comunicacións, a ausencia de grandes núcleos urbanos... Todo influíu. E así temos aí tantos bailes e cantigas tan antigas, incluso do século XIII.

-A súa relación artística coa Costa da Morte é evidente, non só por «Prestixio», senón por espectáculos ou obras anteriores, como «Ribeirana», pero creo que a persoal tamén o é.
-Si, moito. Teño amigos en moitos lugares desta terra, son 24 anos dando clase por esta comarca. Con Castro-Meda de Zas, porque estiven dende o principio, en Carballo, con outros grupos. Baste dicir que por aí fun a moitísimas vodas dos amigos que teño. Gústame a xente e máis a zona. E declárome un namorado de Bergantiños. Son de Oza dos Ríos, crieime na Coruña, a miña comarca é Betanzos e As Mariñas, pero para min Bergantiños ten algo especial.

-Xacarandaina é unha agrupación que, xa só polo nome, impón. ¿Non impón tamén ser o seu responsable?
-Hai unha responsabilidade grande, son moitos anos. O difícil non é chegar a un sitio, é manterse aí. Nestes anos, uns van, outros veñen, é un grupo amateur , e hai que manter o nivel.

-Se cadra grupos como SonDeSeu, na música, levan o mesmo camiño.
-Pero na música é máis doado. A danza require un gran esforzo psíquico e físico. O baile de Xacarandaina é duro, ten forza. A preparación física ten que ser boa. É máis cansado, máis sacrificado. Das artes, a máis sacrificada é o baile.

-Agora que fala de esforzos, ¿que opina dos posibles danos que se poden producir na gorxa, sobre todo na das cantareiras, se se canta moito e con moita forza?
-Pois que hai que estudar. Hai técnicas para estirar as cordas vogais, os músculos. Igual que preparamos o corpo para bailar, tamén hai que facelo para cantar. Hai unhas técnicas, hai que traballalas. E tamén hai xente que vale máis para unha cousa que para outra: se eu son barítono, non me vou poñer de tenor. Se forzo, sairame un nódulo. ¿Que pasa? Que non hai unha escola de folclore que che poida ensinar isto, non hai onde facerse profesor, e precísase un coñecemento como calquera outro. Ou saber que non por cantar sete escalas por en riba vas cantar mellor. As lesións soen deberse ao descoñecemento. Hai que prepararse. As cordas vogais hai que quentalas.

www.lavozdegalicia.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 02-07-2008 09:48
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer


Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0