A banda ourensá comezou este xoves a xira que os levará polo mundo durante ano e medio, e coa que presentan o seu novo traballo, 'Paraugas universal'.
Señoras e señores cos seus carriños ben abastecidos, da Praza de Abastos, estudantes que viñan (ou aínda ían) ás clases, pais e nais con cativos, peregrinos, un grupo de ciclistas, e mesmo lectores avezados que deixaron de buscar nos andeis da libraría Couceiro por un intre e se asomaron aos balcóns. Ninguén quedou indiferente. Coma quen non quere a cousa, no mediodía deste xoves, a Praza de Cervantes, no celme de Compostela, comezou a vibrar de súpeto. A enerxía de Lamatumbá congregou a máis dun cento de persoas de todas as idades que non podía parar de bailar cos novos temas do seu 'Paraugas universal' (PAI Música).
Mentres dúas "zancudas" repartían información e animaban, o grupo ofreceulle ao público un petisco do que será a xira de presentación do novo disco. Con temas como "Betsa" ou "Severino" conquistaron ao público, e como fin de festa, mesmo sendo horas impropias, non puido faltar o seu grande éxito, o "Licor café". O concerto de Lamatumbá na compostelá sala Capitol, este xoves, foi o pistoletazo de saída para unha xira que expandirá a "verbena do século XXI" onde queira que vaia. Velaí un aperitivo.